sábado, mayo 19, 2007

O alcalde de Ames paraliza a planta de asfalto da entrada de Bertamiráns

Segundo publica hoxe o xornal compostelán El Correo Gallego, páxina 33, o alcalde de Ames firmou un decreto mandando paralizar a planta de alquitrán e formigón que se estaba construíndo á entrada de Bertamiráns, case ao pé da urbanización Aldea Nova e a moito menos de 2.000 metros das aldeas de A Barreira, Lapido e O Instrumento. A correspondente orde foille entregada á empresa pola Policía Local.
Na información facilitada polo citado xornal dise que "o alcalde de Ames asegurou a este periódico que, tras detectar o pasado martes movementos na zona, requeríu información ao respecto e o mércores pola mañá firmou u decreto de paralización que lle foi entregado á empresa pola Policía Local".
De entrada hai que felicitar ao alcalde de Ames, o socialista Carlos Fernández, que goberna en coalición co BNG, por terse decidido finalmente a cumprir e facer cumprir a lexislación vixente. A súa decisión, se cadra, ten algo que ver coa circunstancia de que esteamos no medio dunha campaña electoral, pero hai que recoñecerlle que é valente, decidida e respectuosa coa lei e a preocupación dos posíbeis afectados.
Dito isto, compre facer unha reflexión. Sempre segundo El Correo Gallego, o alcalde de Ames manifestou que "esta paralización durará ata que dispoña dun informe completo sobre as actividades da empresa". Home, dicir tal cousa é como dicir que non choverá ata que caia auga do ceo. Ese informe tíñalle que ser presentado pola empresa se esta pedira a preceptiva licenza de obras, cousa que o propio rexidor admite que non foi pedida cando fala agora de esixir tal informe. Como lle terá que pedir licenza de actividade, e lograla, antes de fabricar un só kilo de alquitrán. O caso desta planta vai moito máis aló dunha actividade incursa no simple regulamento de actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas. Estamos diante dunha actividade que pode xerar alto risco de emisión de elementos canceríxenos e nin o alcalde de Ames nin calquera outra autoridade administrativa deberían andar xogando con este albur. ¿Que quere dicir, pois, que a paralización durará ata que dispoña dun informe completo sobre as actividades da empresa? As actividades da empresa xa son coñecidas, e o que debería facer o alcalde de Ames e prohibilas definitivamente no lugar no que se están instalando. Se xa foron desprazadas do primeiro lugar no que quixeron montalas, en Pardiñas, ¿por que teñen que ser soportadas nun emprazamento que afecta a moitísima máis poboación?
Por outra parte, di o alcalde que detectou o pasado martes, 15 de maio, movementos na zona. Pois ben, catro días antes, o venres 11 de maio, un veciño do Instrumento comnunicouse por teléfono cos concelleiros de Obras e Medio Ambiente e informounos de que se estaba contruíndo xa esta planta de asfaltos. Xesús Carrera, concelleiro de Obras, do PSOE como o alcalde, respondeulle ao comunicante que inmediatamente ía dar coñecemento ao alcalde do que pasaba e que el mesmo visitaría o lugar de forma igualmente inmediata para tomar as medidas que houbera que tomar. Entre esas dúas datas, 11 e 15 de maio, a empresa construíu a toda velocidade a planta ata ficar completamente rematada (hay fotografías tomadas dúas veces ao día nese período). Menos lobos, polo tanto. Se cadra, o que se fixo foi o de sempre: ti vai facendo que xa se verá. E agora, para cubrir as costas, sáese con ese decreto que non é realmente de paralización posto que xa non había nada que parar (a obra xa estaba feita). Como non ordene derrubala, a cousa pode que non pase dunha manobra dilatoria da atención pública ata despois das eleccións. ¿E logo? ¿Que vai facer despois o alcalde de Ames? O alcalde, a concelleira de Medio Ambiente, que é do BNG, etc.

1 comentario:

Anónimo dijo...

Ben polo alcalde de Ames. Como se nota que non é Astray nin ningún outro do PP.