jueves, junio 07, 2007

Un caso de ignominia


Hai que empezar dicindo que non hai que rirse. O conto é máis ben triste. Ocorrreu o 5 de maio en Galicia Hoxe. Ese día, na páxina 6 deste xornal compostelán, onde aparecen habitualmente os artigos de Opinión, encabezaba a sección ocupando media páxina a cinco columnas un artigo titulado Historia dunha estafa. Firmaba, con foto incluída, Benedicto García, o mesmo que o lector está pensando, ou sexa, o cantautor de Voces Ceibes.
O texto comenzaba falando dun "país periférico e un tanto atrasado" de "servilismo e descofianza que caracterizaban as súas xentes" e dun "bo artista que deseguida se deu conta de que o que lle interesaba era o poder e a influenza", e do que tamén se dicía que "en pouco tempo, e asociándose con dous socios capitalistas, logrou implantar un par de empresas que fabricaban artigos cun gran valor engadido".
O articulista retrataba o empresario dicindo que "naquelas empresas non había máis criterio co seu. El era o que facía e desfacía, e pobre daquel que se opuxese ós seus proxectos. A súa ira era lendaria e ninguén ousaba contradicilo. Boa proba do carácter ditatorial e mesiánico daquel home era que, a pesar de ter familia, ninguén vivía con el. Con todo a súa imaxe pública era a dun home xeneroso e demócrata, só interesado, como a el lle gustaba pregoar, por recuperar a memoria histórica do país".
Máis adiante, o autor do artigo pretendía lembrar algo ocorrido "alá polo ano 1977" cando o home obxecto das súas diatribas "fixo un chamamento á cidadanía para fundar unha nova empresa, de nome grandilocuente, que editase un xornal para facer xurdir e acrecentar no noso pobo uns scriterios de unidade interna e de alento solidario capaces de transformar atinada e conscientemente a realidade do país". Ao chegar a este punto, deberon ser poucos os lectores que non se percataron de quen estaba falando o articulista con palabras que apuntaban tamén á existencia dunha "estafa ideolóxica e ética e quizais tamén económica" sobre a que se preguntaba quen se atrevería a denuncialo. Estou case seguro de que fomos case todos os que lemos o libelo do que estou falando os que levamos as mans á cabeza. ¿Toleara Benedicto García para enfouzarse meténdose directamente nunha das guerras empresariais máis emporcalladas que se están dando en Galiza?
Felizmente, non toleara. Ao día seguinte, 6 de maio, Galicia Hoxe abría a súa páxina 5, na que ese día aparecían os artigos de Opinión, tamén a cinco columnas, con este titular: Benedicto García non é o autor de "Historia dunha estafa", artigo publicado onte. Un texto firmado po A Redacción e composto por 272 palabras que ocupaban 1.676 caracteres con espazos, dicía a partir da súa quinta liña o seguinte: "Galicia Hoxe quere deixar absolutamente claro que Benedicto García non é o autor do devandito artigo, que chegou a esta Redacción sen sinatura e que, por outra parte, nunca se debeu publicar. É sabido que as páxinas de opinión de GH son abertas e plurais, porque a integración e a pluralidade son dúas das noas marcas de identidade, e que se elaboran desde o máis escrupuloso respecto ós nosos colaboradores. Tamén é notorio que nunca serviron nin servirán de soporte a escritos anónimos de ningunha clase".
¿Que pasou logo? Segundo A Redacción de Galicia Hoxe, todo "obedece simplemente a un desgraciado erro que lamentamos profundamente. Non houbo ningunha intencionalidade". Algo sobre o que non me cabe dúbida, dende logo. Non ían ser tan perversos os de Galicia Hoxe como para obedecer a intencionalidades ocultas. Digo eu. O que non vexo tan claro é con que intencionalidade despexaron, nese mesmo texto de desculpa, a incógnita do empresario que xa fora despexada polos lectores. Coa desculpa de desculparse, foron e publicaron o nome de Isaac Díaz Pardo. O que non aclararon, nin moito menos, é que foi o que pasou para que houbera tamaño "desgraciado erro". A min dame o corpo que este episodio constitúe un caso típico de guerra sucia. Mesmo de guerra de exterminio. E non digo que esta guerra estea feita polo xornal que publicou o libelo. Polo ben da hixiene moral de Galiza debería ser aclarado totalmente este capítulo da ignominia.

8 comentarios:

Anónimo dijo...

Manda carallo. Os galegos estades tolos todos.

Anónimo dijo...

Poi a min case me fai graza o artigo de marras.

Anónimo dijo...

Pois a min o que me mata de risa é ler a explicación quer dá o xornal. Din que o artigo lles chegou "sen sinatura" e que "nunca se debeu publicar". ¿E logo quen lle endilgou a sintaura a Benedicto García?. Tamén din que as súas páxinas de opinión "se elaboran dende o máis escrupuloso respecto ós seus colaboradores". Habería que preguntarlle a Benedicto se se sinte respectado pour facer uso do seu nome en van. Ou a Díaz Pardo, que tamén é colaborador de Galicia Hoxe e agora mallaron nel.

Anónimo dijo...

Nin graza nin gaitas. O que hai nisto é un miserábel e infundado ataque a un dos homes que máis traballou e que máis logrou por Galiza e pola súa cultura.

Anónimo dijo...

¿E se tivera algo de razón o autor da parodia? Non debería haber vacas sagradas. Se o empresario ese é como se di no artigo, que apande coa crítica. Nin deus nin patria nin rei. Liberdade.

pato gris dijo...

E raro que perfecto conde que conoce tan ben o "caso" sargadelos, fale de batalla emporcallada. Simplemente se está nunha labor cívica de desdenmascaramento.

Anónimo dijo...

Dixo vostede: " Polo ben da hixiene moral de Galiza debería ser aclarado totalmente este capítulo da ignominia."

¡Pois comece a aclarar, coño, comece a aclarar!

1- ¿É algo do que di o texto espúreo certo ou non?

2- O Instituto Galego de Información foi un intento morto de crear medios de comunicación en galego... ¿porqué fracasou? ¿Qué grao de responsabilidade ten Isaac niso?

3- Sexa culpa de quen foso, resulta obvio que ese fracaso xerou un atranco grande no desenvolvemento dun medio de comunicación libre en galego. ¿É ou non é certo?

4- Se vostede, Perfecto conde, quere usar o seu blog para aclarar as cousas, benvida sexan as súas aclaracións, pero o seu texto nada aclara... ¿será que vostede quere nadar e gardar a roupa? A falta de compromiso é unha covardía pola súa parte. Defínase. Explique. Fale.
Porque se cala estará a facer o mesmo que fan algúns medios de comunicación, que so aportan datos cando lles convén...

Anónimo dijo...

O anterior comunicante (Anónimo) dime algunhas cousas preocupantes que lle debo responder. Adícame as seguintes consideracións: 1 "Será que vostede quere nadar e gardar a ropupa". 2 "A falta de compromiso é unha covardía pola súa parte". 3 "Defínase. Explique. fale. Porque se cala está a facer o mesmo que fan algúns medios de comunicación que só apuntan datos cando lles convén".
Sobre a primeira direille que eu nin sequera sei nadar. E roupa teño pouca, polo que non me importa nada quitala toda sempre e cando non faga moito frío. No tocante á segunda, admito que algo covarde son. A covardía ten salvadas moitas vidas, pero eu agardo que este non sexa o caso. Sobre o que di no punto que eu chamo 3, non me gustaría nada parecerme a eses medios que di vostede, sempre tan cautos e olladores do seu espello.
Que quero dicirlle? Pois simplemente que eu non teño máis datos cos que manexo. Se alguén mos quere dar, estarei disposto a procesalos e opinar sobre feitos comprobados. Vostede parece alguén coñecedor do asunto. Ofrézolle o meu email particular (www.perfectoconde.ya.com) por se quixera ilustrarme sobre a cuestión.
En todo caso, recibo con todo respecto a súa comunicación e agradézolle poder contalo entre os meus lectores.
Perfecto Conde