jueves, julio 19, 2007

Pepe Castro


Falaba eu o martes de que As Encrobas non se rinden e aludía ás excelentes fotos que publicou La Voz de Galicia cando ocorreu, hai tres décadas, a famosa guerra dos labregos daquela bisbarra contra a instalación da central térmica de Meirama, que aínda agora segue creando serios problemas. Un lector amábel e informado, alcumado Mourullo, rapidamente me tirou a duda sobre quen é o autor de tales fotos. Xosé Castro, un auténtico Manuel Ferrol ou Xosé Suárez da nosa época ao que quizais aínda lle debemos unha parte do recoñecemento profesional do que é merecedor.
No xornal coruñés no que segue traballando Pepe Castro pódese ver actualmente unha serie de quince fotografías tomadas por el durante un dos enfrontamentos que mantiveron os habitantes das Encrobas coa Garda Civil naqueles días terríbeis de loita campesiña. Paga a pena velas. Entre elas, a que eu dicía o outro día que deu a volta ao mundo e que recolle o momento no que unha aguerrida muller do lugar lle arrea un paraguazo a un picoleto armado de mosquetón. A instantánea é digna do mellor neorrealismo italiano. A muller, con mantelo a cadros, espeluxada. E tres gardas civís de tripa gorda e man oblonda. Podía parecer un fotograma sacado do neorrealismo de Francesco de Robertis ou dalgún chef-d'oeuvre do cinéma vérité. Pero Pepe Castro non facía as fotos para parecerse a nada nin a ninguén. Disparaba a Nikon contra todo o que se movía, que segue sendo a mellor maneira de ser un bo fotógrafo. Algún día as súas fotos terán que estar no Museo do Pobo Galego. As de outros máis orgullosos ca el que segan agardando pola Cidade da Cultura. Con algo haberá que encher ese disparatado monumento á grandilocuencia.

No hay comentarios: