jueves, agosto 23, 2007

Bolos, billarda e outros xogos tradicionais na Pontenova


Pasado mañán, sábado 25 de agosto, terá lugar na aldea de Santalla (A Pontenova, Lugo) a I Mostra de Xogos Tradicionais na que haberá torneos de chave e billarda, diferentes modalidades de bolos, corte de troncos en altura, unha exposición e un obradorio de xoguetes tradicionais. En total, preto de sesenta xogos e deportes tradicionais galegos, asturiáns, casteloleoneses e portugueses.
A Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional, a Rede Galega do Xogo Tradicional, o Club Deportivo Seis Conceyus e a Asociación Cultural La Tanguilla de Castela-León, con outras federacións e asoacións culturais e deportivas, encargáranse de mostrar os xogos e deportes tradicionais máis importantes de varias comunidades.
A Mostra desenvolverase dende mediodía ata 19 horas e pretende consolidarse como potenciadora da conciencia cidadá para que non se esquenzan os xogos e deportes que se practicaron durante toda a vida. Gustaríame asistir e mesmo xogar os bolos ou a billarda en Santalla, á beira do río Eo. Entre outras cousas porque na escola deste lugar aprendín as miñas primeiras letras. Por desgraza, non hei poder facelo.

No hay comentarios: