sábado, agosto 18, 2007

A sorpresa sería sorprenderse


Á conselleira de Política Territorial non lle sorprende que en Muras (Lugo) unha empresa xestionada por un alcalde do PP explote dende hai sete anos unha canteira sen licencia que abastece obras como a Cidade da Cultura (ver El País de hoxe). Quizais María Xosé Caride tampouco ficou sorprendida cando se enterou polos xornais de que os dirixentes do PP denunciaban o caso dun concelleiro socialista de Portomarín que verte lodos industriais nunha leira da súa propiedade e tamén no monte de man común.
Eu tampouco me sorprendo de nada. Nin sequera me sorprende que diga a CIG que os contribuíntes estamos pagando os coches oficiais para que calquera burócrata de fortuna vaia bañarse a Bastiagueiro, comprar cervexas a Carrefour ou levar a súa filla ao colexio. A única sorpresa sería que puideramos sorprendérmonos todos de que pasen estas cousas. Pero, digo eu, entre a sorpresa e a disconformidade aínda hai unha distancia, ou non? Non nos sorprendemos, pero non vaian pensar os que practican esta política que todos estamos conformes co que fan.
E o que fan é pouco. Case nada. Compórtanse, ademais, de forma moi parecida a como se comportaban os predecesores. Permiten que canteiras de pedra ou de pizarra estraguen zonas de privilexio como o Courel, ameazan a costa de Baroña e Corrubedo con piscifactorías, deixan plantar no medio da ría de Ferrol unha hipotética bomba de gas licuado, arrasan vestixios históricos... Igualiño cos anteriores, son auténticos homine economica, economics neoliberais, como diría Beiras, e non se decatan de que "unha agresión ao medio redunda nunha amputación, nunha mutación somática do ser humán galego".
Ás veces un pode caer na tentación de pensar que sería mellor que seguiran gobernando os de Fraga. Polo menos habería quen protestara. Eu non votei nacionalista, unhas veces, e socialista, outras, para que os meus leven a re publica como os outros levaban o seu casal. Nin para ter agora unha conselleira que non se sorprende de que a Cidade da Cultura estea levantándose con pedras arrincadas nunha canteira ilegal de Muras que, ademáis, é propiedade dun egrexio alcalde do PP.

No hay comentarios: