viernes, agosto 31, 2007

Algúns gardas civís precisan que os poñan firmes


O director xeral da Garda Civil, o ministro de Interior, alguén debería pararlle algo os pés a esa autodenomi-
nada Unión Federal de Gardas Civís (UFGS) que se atreve, segundo un despacho de Europa Press que acabo de ler, a desafíar en plan pistoleiro de salón a un deputado do BNG que foi democraticamente elixido e que goza de todos os dereitos e obrigas que lle otorga a institución pública á que pertence.
E, cando digo parárllelos pés utilizo o verbo no sentido que lle dan os castelanfalantes de Latinoamérica. Quero dicir que os paren, que os poñan de pé, firmes, ¡ar! Din os mentados sindicalistas dun corpo armado, referíndose a Bieito Lobeira, que xa "se pode poñer (a) facer o pino" porque eles "seguirán, se así o queren, usando o castelán". Polo visto, é todo o que se lles ocorre comentar sobre a iniciativa tomada polo parlamentario do Bloque para que se estabrezan convenios de formación lingüística destinados a policías e gardas civís de Galicia e acordos co Ministerio de Interior para traducir ao galego programas informáticos e formularios de uso común nas comisarías e cuarteis.
¡Pois estamos aviados! Na letra e no espírito desta peculiar e irresponsabel resposta dunha parte minoritaria da Garda Civil agóchase unha preocupante insidia que puidera ter orixe nos rescoldos autoritaristas e totalizadores, por non chamarlle doutra maneira, que ás veces agroman na forza pública á que pertenceu o tristemente célebre coronel Tejero. Son lector afervoado das memorias do noso paisano Portela Valladares, nas que sobrancea o execelente cmportamento que case sempre tivo a Garda Civil cando lle tocou e soubo defender a orde democraticamente estabrecida, pero non podo esquecer que no corpo fundado por Ahumada cólanse con demasiada frecuencia anceios pouco ou nada respectuosos coa civilidade mínima que debía haber en calquera sociedade avanzada.
Vir agora, como veñen estes gardas civís da UFGS, a tentar desafíar con linguaxe tabernaria a calquera lexislador, sexa da orientación política que sexa, pode resultar, alén de extemporáneo, altamente significativo de que aínda non vivimos na democracia que todos aspiramos disfrutar. A estes gardas civís, que parecen máis propios de tempos pasado que dos nosos días, habería que dicirlles aquilo que respondeu Margaret Thatcher, sendo xefa do goberno inglés, cando un milico se lle foi queixar por algo que ocorrera en Xibraltar. "Señor coronel –dixo ela– se non lle gusta a miña política, non vote por min nas próximas eleccións".
¿Que queren os da UFGS? ¿Desacatar a lexislación que estea vixente en cada momento? ¿Faceren eles as leis? A miña dúbida é a de como se van comportar o día no que, por casualidade, se lles aplicase a eles –funcionarios despois de todo– a obrigación de faceren o seu traballo en galego en Galicia, en catalán en Catalunya ou en euskera en Euskadi. ¿Desbotarían neses casos a obediencia debida que tanto invocan noutras circunstancias? ¿Indisciplinaríanse contra a orde estabrecida ata o límite de convertérense eles mesmos en delincuentes? Polo que di a UFGS, podía temerse algo parecido.
En resume, que resulta chocante observar como algúns encargados de cumpriren e faceren cumprir as leis son os primeiros en proclamar a insubmisión. Que alguén lles pare os pés. Ou sexa, que os poña firmes na defensa do estado de dereito.

Rentrée quente, logo dun verán de pan e circo


Os franceses chamanlle rentrée a reanudación das actividades que proseguen o remate das vacacións de verán de cada ano. Refírense a rentrée scolaire (reapertura do curso escolar), á rentrée de vacances (a volta das vacacións) ou á rentrée politique e parlementaire (reanudación das tareas políticas). Seguindo a terminoloxía dos nosos veciños –déixenme presumir de afrancesado e consideralos así aínda que os teñamos a 600 quilómetros–, coido que en Galicia imos ter unha rentrée chaude, é dicir quente e axitada.
Os recentes zarrapiques, ía dicir dialécticos pero quizais só foron dialectais ata agora, intercambiados entre os respectivos líderes das dúas forzas que compoñen o goberno e a que conforma a oposición, fan pensar na inminencia dun outono de tronadas políticas. Da serpente de verán que puido ser a polémica levantada por unha información estupidizante que publicou o xornal El Mundo sobre esa estrofa do himno galego que a algúns nos pode parecer perigosamente xenófoba e mesmo aínda ben reaccionaria, Touriño, Quintana e, sobre todo Mariano Rajoy, empeñáronse en convertela no leit motiv dun enfrontamento case radical sobre o actual sistema educativo. ¿Debe un neno de cero a tres anos aprender a letra do poema de Eduardo Pondal e a música de Pascual Veiga que constitúen o Himno Galego?, foi a pregunta máis importante que se lles ocorreu aos nosos políticos este verán.
Eu aínda gardo a sospeita de que esta cobra de verán puido ata ser produto subliminal dalgún mecanismo de defensa do que botasen man todas e cada unha das tres gandes forzas políticas galegas para subministrarnos o pan e o circo co que os do común nos esquenceramos dos grandes problemas que están abertos e que non van camiño de solucionarse ou que se solucionan na dirección contraria á que a xente pode querer que se siga. Lonxe de pasarmos un verán no que non pasase nada e a pesar de que a natureza nos librou este ano dunha posíbel e calamitosa vaga de incendios, a estación que está a piques de rematar foi polo menos calorosa política e socialmente. Aí están aínda os veciños de Mugardos pechados na súa Casa do Concello para protestar pola ubicación de Reganosa. O Courel percatouse por fin de que se está a estragar a súa verdadeira alma, e veciños da Costa da Morte e ecoloxistas xuntos ergueron a voz de alarma sobre a desfeita que pode conlevar un plano acuícola que foi quen de botar a Pescanova do cabo Touriñán, pero pon en perigo outras zonas non menos dignas de protección ambiental, paisaxística e patrimonial. Se lle engadimos a todo isto, o procaz desenvolvemento que tivo ata agora o deseño e construcción da escandalosa Cidade da Cultura, sobre todo dende que o Consello de Contas deu a coñecer o seu informe, o panorama que presentou a actualidade galega, nos tres últimos meses, non é precisamente o dunha paradisíaca illa do Caribe.
E tampouco hai que esquecer que a socidade galega ficou realmente abraiada polas consecuencias que se van tirar de que a nova Lei da Función Pública entronizase os funcionarios que exerzan cargos públicos co dereito de pernada de cobraren o famoso “aguinaldo” dos 15.000 euros. Nestas circunstancias, repito a pregunta de se PSOE, BNG e PP non viron na polémica do himno ocasión propicia para desvíar a atención pública. Mentres pensabamos nos imbéciles e nos escuros, se cadra non tiñamos tempo de ocupármonos dos eventos consuetudinarios que acontecen na rúa. O pan e o circo dos romanos. O fútbol e as touradas de Franco.
E logo está iso da Televisión Galega. Agora resulta que nos enteramos oficialmente de que hai dúas telegaitas. A de Touriño, con Fernando Salgado de muñidor, e a de Quintana, con Antón Losada de Rasputin. ¡Pero, home, se era o que xa sabiamos todos os que perdémolo tempo vendo as emisións e que coñecemos aínda mellor os que algunha vez fomos chamados para participar nela e logo botados á papeleira en canto se percataron que nos lles levabamos a auga ao seu rego como querían! ¿Tiveron que pasar dous anos para que a parte do goberno que lle toca ao BNG descubrira que Touriño sae nos telexornais como saía antes Fraga e como saía Franco no No-Do? ¿Que pensaba Quintana, que lle ía abondar con Piñeiro? O malo é que, mentres tanto, temos a TVG que temos, que non é precisamente a BBC. ¿Por que seguen sen cumprir a promesa de estruturar legalmente unha televisión pública galega que deixe de ser a caixa de resonancia dos gobernos turnantes? A todo isto non se responde só con pan e circo. A xente quere compango.
De aquí tiro eu a consecuencia de que imos ter unha rentrée quente, que boa falta nos fai. Se os que prometeron remover ata os cimentos da sociedade galega para modernizala e facela máis xusta, solidaria e acolledora non o fan como debían, teremos que sermos todos os que nos poñamos man á obra. Quedan aínda dous anos de lexislatura e, se queremos, podemos facerlles sentar a cabeza na realidade. Son, ou polo menos eran, os nosos e algo terán que facernos caso.

jueves, agosto 30, 2007

O cura de Boimil

Arrepiante a reportaxe que publica hoxe en El País S.R.P. co título de La venganza de don Emilio. O cura de Boimil e Andabao, Boimorto (A Coruña), cando estalou a guerra civil, foi quen lles deu aos falanxistas a lista de doce homes que mataron en Amenal (O Pino) e Ortoño (Ames). O tal don Emilio andaba resentido porque a República acordara expropiar os camposantos para covertelos en cementerios civís, e clamou vinganza.
Grazas a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, agora as súas vítimas (Ramón Sánchez Rapela, Andrés e Isidro Filloi López, Xoán Martínez Bao, Antonio Felpete Budiño, Ramón Vázquez Garea, Caitán das Quintas, Manuel Espiñeira, Ramón Enjamio Pombo, Xosé Tojo e Xosé Barreiro Pérez) recuperarán a dignidade que lles roubou a barbarie fascista, e o cura de Boimil e Andabao a ignominia que merece.

miércoles, agosto 29, 2007

Tiranos e feudais




A cousa xa pasa de castiñeiro escuro, e refírome á política de privilexios que está aplicando o bipartito aos funcionarios que provisoria-
mente desempeñan cargos públicos. A Lei da Función Pública que está a piques de entrar en vigor, no seu artigo 53, acolleu algo que aínda fai máis escandalosa a súa xa célebre Disposición Adicional 17: "A Administración pública velará para que non haxa menoscabo no dereito á carreira profesional dos funcionarios públicos que fosen nomeados altos cargos, membros do poder xudicial ou doutros órganos constitucionais ou estatutarios ou que fosen elixidos alcaldes, retribuídos e con dedicación exclusiva, presidentes de deputacións ou institucións equivalentes, deputados ou senadores das Cortes Xerais e membros das asambleas lexislativas das comunidades autónomas. Como mínimo, estes funcionarios recibirán o mesmo tratamento na consolidación do grao e no conxunto de complementos que o que se estableza para os que fosen directores xerais e outros cargos equivalentes ou superiores da correspondente Administración pública".
Xa non só os 2.000 beneficiados funcionarios da Xunta. Hai que engadir agora o número que corresponda á aplicación desta prerrogativa aos alcaldes, deputados, senadores, etc. que tamén van ter dereito a cobrar ese ignominioso sobresoldo de 14.721 euros anuais que Touriño, Quintana e Núñez Feixóo, coa vergoñenta unanimidade do Parlamento, lles brindaron. Agora si que se chegou a un ponto sen retorno no preocupante proceso de descrédito da política profesional. Miña amiga Encarna Otero, aviseite, non só non che ían facer caso senón que han facer todo o que estea ao seu alcance para demonizarte a ti a túa dignidade pública! Verás como todo se andará.
Claro que leva razón Bautista Vega Tato, secretario confederal de Relacións Institucionais da CIG, cando afirma que "aprobar por unanimidade no Parlamento Galego unha enmenda do Grupo Popular que introduce na modificación da Lei da Función Pública un 'aguinaldo' de 15.000 euros anuais para toda avida, a maiores do salario ao que teñan dereito polo posto que ocupen, é, a mairores dun privilexio, un acto propio de reximes tiranos e feudais".
Vega Tato tampouco anda errado cando sostén que "nun país como Galiza, con moi graves problemas a solucionar, empezar por deixarse ben apañada a facenda propia, a parte de ser un mal exemplo, supón unha deixadez nas obrigas que debería ter calquera servidor público". A el, e a min tamén, parécelle "un despropósito sen ningún tipo de xustificación que o atual bipartito da Xunta gaste 30 millóns de euros ao ano en premiar a uns 'sufridos' altos cargos que, dende un posto de traballo seguro como o que teñen de funcionarios, nos fan ao resto dos cidadáns o grandísimo favor de arriesgarse a ocupar un posto político. Aínda non lles chegan retribucións que multiplican por 10 o salario mínimo e ter á súa disposición coches oficiais e conta aberta en restaurantes de postín".
Engado eu que dificilmente se podía caer máis baixo na perversión de confundir a democracia, predominio do pobo no goberno político, coa demagoxía para defender intereses particulares e corporativos auténticamente noxentos. Manuel Portela Valladares, no libro de Memorias que tan ben lle editou José Antonio Durán (Alianza Editorial, Madrid 1988), ao botar á vista atrás sobre a experiencia da II República, fala da "política dos literatos" da seguinte maneira: "Son os chamados inteletuais –que moitas veces non pasan de simples literatos– os que , por descoñecer esta verdade, acarrean os maiores danos cando, entre seduccións de oropel, ocupan función de goberno. Acostumados á facilidade coa que os personaxes de ficción van a onde o autor quere, e entrando e saíndo as ideas no seu maxín segundo lles chegan dos libros (e este é o máis estimábel caso), pechados e obsesionados pola súa especialización técnica, adoitan carecer de interior firmeza ideolóxica, contentándose con seren consecuentes na etiqueta e faltándolles a amplitude e o dominio da visión e o contraste da experiencia". Pode alguén asegurarme que non sexa aplicábel esta análise a unha parte das cousas que están pasando agora entre nós?
Polo camiño que imos só os electricistas, albaneis, labregos, obreiros en xeral e, se acaso, algún xornalista, poderán saír da política tan pobres como entren nela. A recua de funcionarios (parouse alguén a reparar en por que hai tantos profesores ocupando cargos públicos de alta responsabilidade?) compórtanse como se só pensaran neles cando nos gobernan. Incríbel, pero certo. Haberá que ir pensando en defendérmonos deles.

martes, agosto 28, 2007

Francisco Umbral






Morreu un dos grandes homes do xornalismo e da literatura españois. Francisco Umbral fóisenos definitivamente con Julio Camba, Fernández Flórez, Camilo José Cela, César González Ruano e poucos máis. Umbral foi o mellor de todos.
Tiven ocasión de tratalo persoalmente debido a que a súa muller, María España, foi fotógrafo de Interviú durante unha boa parte dos moitos anos que eu traballei na revista fundada por Antonio Asensio, na que o escritor falecido colaborou abondantemente. Teño, polo tanto, coñecemento de causa para dicir que Paco Umbral non era, nin de lonxe, ese ogro que algúns malintencionados tentaron facer da súa personalidade. Era, polo contrario, unha persoa extremadamente sensíbel e afectuosa que se esforzaba por tratar xenerosamente ben os amigos e coñecidos. Fun convidado a comer na súa Dacha, que era como lle chamaba el á casa na que vivía en Majadahonda, e comprobei de preto a enorme humanidade do escritor que se nos acaba de ir.
Da inmensa obra que nos deixa xa falarán os expertos. A min abóndame lembrar como nos alimentamos os da miña xeneración cos artigos que publicaba el hai moitos anos en La Voz de Galicia e La Región, cos que apareceron logo en El País e, máis tarde e ata pouco antes de morrer o autor, en El Mundo. Umbral foi un dos máis lúcidos e brillantes pescudadores da realidade española dos últimos cincuenta anos. A súa visión do mundo e das cousas, en particular cando lle tocaba analizar feitos relacionados co renacemento dos nacionalismos ibéricos, era cando menos discutíbel, pero sobresaía sempre a súa intelixencia analítica e o seu estilo incomparábel e altamente orixinal. E canto traballou, ademais, este home! Non se sabe de onde sacou tempo para facer todo o que fixo. Ducias de libros publicados, un artigo extraordinario cada día nos xornais e varios máis en distintas revistas cada semana... E a Umbral aínda lle quedaba tempo para divertirse e pasalo ben.
Fóisenos Paco Umbral, pero quédanos a súa obra e a súa figura inmortal de Mariano José de Larra do noso tempo.

lunes, agosto 27, 2007

Marc Rich, xenro da Pasionaria



Carmen Rigalt, esa magnífica reporteira do xornalismo español da que non renunciarei nunca ao pracer de lela, levou hoxe á última páxina do xornal El Mundo unha historia que, sen deixar de ser do cuore, é moi importante. Como ela di, trae a crónica unhas cantas ceas de ricos e famosos. "Cear, o que se di cear, cea todo o mundo –reflexiona Carmen–, pero as ceas que buscamos os rastreadores de noticias son as que encobren citas insospeitadas, ben para pactar negocios ou protexer relacións extramatrimoniais. En resumidas contas, ceas que non se ven nin se ouven, pero das que máis tarde ou máis cedo algún indiscreto remata por dar o cante".
Fala a cronista dunha cea que deu March Rich en Marbella para xuntar os seus amigos, pero pasóuselle contarnos se un dos comensais foi Paco Vázquez, flamante embaixador de España no Vaticano dende que deixou de ser alcalde da Coruña. Rich e o socialista señorito da rúa Tabernas son vellos amigos dende que o millonario hispano-suizo colocou na cidade de María Pita parte dos seus intereses inmobiliarios e hostaleiros.
O que non se lle escapou a Rigalt é a nova parella sentimental dun dos homes máis ricos do mundo que no seu día foi condeado en Estados Unidos a 300 anos de cárcere por delitos financieros moi graves. Nada menos que Dolores Sergueyeva, neta de Dolores Ibarruri, La Pasionaria. Teña vostede netos para isto, doña comunista. Para que se vaian arrimar a un capitalista insaciábel e cruel que foi delincuente de fama internacional e que conseguíu a nacionalidade española grazas ao seu amigo Felipe González.
Claro que, segundo a propia cronista, Marc Rich é un rico que vai á súa bola, como todos os ricos que están cansados de selo. A revista Forbes, libro de Misa do ghota do capital, nunca logrou clasificar este comerciante de petróleo e do que faga falta porque non é quen de calcular a súa riqueza. Nos anos 80 tivo que fuxir de Estados Unidos polos moitos e graves delictos financeiros de que foi acusado polo daquela fiscal de Nova Iork, Rudolf Giuliani, que logo foi famoso alcalde da cidade dos rañaceos, e que lle valeron condeas que sumaron preto de 300 anos de cárcere.
Anos despois, no 2000, Rich beneficiouse dun movemento internacional posto en marcha ao seu favor por importantes personalides entre as que figuraron o Rei de España Xoán Carlos I, Camilo José Cela, Zubin Mehta, Ehud Barak, Shlomo Ben Ami, etc. Pedíronlle o indulto para Rich ao daquela presidente de Estados Unidos Bill Clinton, que llo concedeu encantado nos derradeiros días do seu mandato para agradecerlle, entre outras cousas, as importantes axudas económicas que lle prestou ao Partido Demócrata en varias campañas electorais.
Traigo a relembranza da vida deste tiburón dos negocios polo que ten de chocante que rematase xuntando a súa vida sentimental con Dolores Sergueyeva, que foi a neta que La Pasionaria adorou en vida e que, segundo agora conta Carmen Rigalt, nunca foi esquencida pola súa descendente. Transcribo unha parte da crónica: "Na cea que deu o magnate en Marbella, unha parte do protagonismo acaparouno a netísima Dolores Serguenyeva. Algúns dos comensais aínda non saíron do seu asombro. Cando Serguenyeba falaba, apaixoada, de Dolores Ibarruri, a maioría deles tiñan que sacarse a suor da fronte. Escoitaban atentamente porque non querían desairar o anfitrión, pero abríanselle as carnes".
O dito, vivir para ver como esta neta de Dolores Ibarruri, que non hai aínda moito tempo tivo que gañarse a vida escribindo artigos na revista Interviú, comparte agora a vida cun dos homes máis ricos do mundo que foi célebre delincuente buscado internacionalmente. E que dirá Santiago Carrillo? Pois nada, que isto si que é aggiornamento.

viernes, agosto 24, 2007

Franco e o pazo de Meirás




Esta tarde estiven no pazo de Meirás. Leváronme aló os de Tele 5 que andan rodando un documental sobre o incendio que arrasou a mansión galega de Franco o 19 de febreiro de 1978, precisamente o día no que en España foron despenalizados o adulterio e o amancebamento. Preguntáronme todo o que quixeron sobre o misterio do lume que prendeu na noite do citado día nesta impresionante finca que está preto de Sada, e eu respondinlles o que sabía e o que me parecía. En síntese, que nunca me pareceu fortuíto aquel sinistro do que me tocou informar no xornal El País e nas revistas Intervíu e Que. O documental de Tele 5 está previsto que se emita ás dez da noite do sábado 1 de setembro.
Aproveitei para botarlle unha mirada a este emblemático lugar que perteneceu no seu día á familia de doña Emilia Pardo Bazán e lle foi regalado a Francisco Franco mediante unha cuestación pública que está pendiente dunha debida revisión histórica. En principio, xa se sabe como pasan estas cousas nas ditaduras. A líña entre doazón voluntaria e expropiación forzosa encuberta é tan fina como o papel de fumar.
O caso foi que esta visita a Meirás servíume para lembrar tamén aquel verán quente politicamente de 1975, o último que pasou Franco en Meirás, a penas once semanas antes de morrer, e no que Manuel Fraga chegou de Londres, onde era embaixador de España, para presentar un libro nun acto que tivo lugar na librería Arenas e que deu moito que falar. José Solís Ruíz, aquel ministro franquista-sindicalista tan peculiar, tamén andivo pola Coruña nese verán que tivo a súa traxedia coa morte do nacionalista Moncho Reboiras, abatido a tiros da Policía franquista por aqueles días nunha rúa de Ferrol. Pasaron 32 anos e parece que foi onte.
En fin, que fan ben Abel López, alcalde de Sada, e Ánxela Bugallo, conselleira de Cultura da Xunta, en empeñarse en inspeccionar o estado do pazo de Meirás. Visto dende fóra, non parece que os Franco se ocupen moito de cuidalo. A herba e as silvas medraron por toda a finca ata límites que fan pensar en que ninguén pasou a gadaña nin o fouciño dende hai moito tempo.

Quintana trata os vellos igual que Fraga


Non me extraña nada que Ricardo Varela, como secretario de organización do PSdeG-PSOE, saíra ao paso do vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, no canto da súa obsesión de emular a Fraga na utilización partidista da terceira idade mediante a organización de todo tipo de merendiñas e saraos disfrazados de encontros, reencontros e encontronazos. A min, que xa me queda pouco para incorporarme ao estado mal chamado xubilar, pode ata darme noxo pensar en que alguén me queira incorporar a ese mostrenco uso político da vellez. A verdade é que non me imaxino comendo empanada debaixo dun carballo a cambio de que me espeten un discurso político de circunstancia por moi da miña corda que poidera resultarme. Se ao chegarmos aos 65 non sabemos aínda cales son as nosas ideas nin a quen temos que votar, se cadra sería mellor que nos levara o demo.
Á terceira idade o que había que darlle son pensións de xubilación decentes, servizos médicos e sociais desenvolvidos, promoción pública das súas inquedanzas e ocasión propicia para vivir como Deus manda. Tratala, como facía Fraga e como parece que fai Quintana, igual que se fora unha mercancía electoral calquera, non é máis ca unha perversa desconsideración das persoas cando chegan precisamente á etapa das súas vidas na que só deberían merecer respecto, solidarieradade e agradecemento. Converter os maiores en obxecto de calquera tipo de manipulación política ou de proceso de adoctrinamento que conleve xogar coa súa escasa capacidade de gozar da vida que lles queda seguramente só é propio dos que conciben a organización social como instrumento ao servizo dos seus intereses políticos e non como un conxunto de ferramentas e de medios para librármonos da dependencia e da falta de liberdade. Debe ser, ademais, algo abondo inútil dende o punto de vista da táctica política porque se un non chega a conservador, nacionalista, socialista ou o que sexa antes da terceira idade, hase facer despois porque llo pidan Manuel Fraga ou Anxo Quintana? Esta vez ten razón Ricardo Varela. O que facía Fraga e o que fai Quintana son cousas moi parecidas, se non son semellantes.

jueves, agosto 23, 2007

Tentouse salvar un tiburón en Tarragona, pero España é o primeiro país europeo e o quinto do mundo na captura deste peixe




Segundo Oceana, organización internacional adicada á conservación e protección dos océanos do mundo, a atención que suscitou a presencia do tiburón que foi capturado na praia do Miracle, en Tarragona, e os rápidos pero infrutuosos esforzos que se levaron a cabo para salvarlle a vida, agochan o feito de que España é o país europeo con maior impacto sobre a poboación mundial destes animais.
O tiburón trozo ou xaquetón de Milberto (Cacharhinus plumbeus) é un tiburón que vive en augas costeiras e peláxicas de mares temprados e tropicais. Figura como "case ameazado" na Lista Vermella da Unión Mundial para a Conservación da Natureza e é unha das 50 especies que viven no Mediterráneo. Como ocorre por todo mundo, moitas destas especies atópanse en declive e algunhas están serveramente ameazadas de extinción.
España desempeña un imprtante papel no descenso das poboacións de tiburón en todo o planeta. A participación da súa flota na captura e comercio internacional de produtos de tiburón é superior á de calquera outro Estado europeo. Segundo datos da Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO), en 2005, España capturou case 30.000 toneladas de tiburón, polo que ocupu o quinto lugar do mundo e o primeiro de Europa. Nese mesmo ano, case a metade das aletas conxeladas do mercado de Hong Kong, principal consumidor mundial deste produto, proviña de España.
Xavier Pastor, director de Oceana en Europa, analiza así o problema: "Por debaixo da súa imaxe de depredadores feroces, os tiburóns son animais extremadamente vulnerábeis á sobrepesca. Hoxe en día, a flota palangreira española pesca tiburóns en todas as augas do mundo e desprázase cada vez máis lonxe en busca de novos caladeiros nos océanos Atlántico, Pacífico e Índico. De feito, os tiburóns convertéronse en especies obxectivo para moitas flotas pesqueiras europeas".
Pola súa condición de depredadores, os tiburóns son un eslabón esencial da cadea alimenticia dos océanos e resultan esenciais para manter a saúde e o equilibrio dos ecosistemas mariños. A perda destes depredadores conlevaría efectos moi negativos sobre o medio mariño e mesmo a desaparición dun gran número de especies. Unha das principais causas do forte declive das poboacións de tiburón é a falta de xestión pesqueira e límites de captura. Oceana publicou un informe, Perseguidos por sus aletas, no que se conclúe que estas epecies vulnerábeis, que son obxectivo das pescas especializadas, teñen que ser xestionadas por un Plano de Pesca Europeo que permita unha explotación sostíbel e pare o atual agotamento dos tiburóns peláxicos nos océanos de todo o mundo.
As aletas de tiburón, exportadas aos mercados asiáticos para a elaborar a famosa "sopa de aleta de tiburón", atópanse entre os produtos mariños máis valorados económicamente e poden acadar prezos de ata 500 euros por quilo. España exporta máis aletas de tiburón que calquera outro país europeo e tamén é o país da Unión Europea que ten máis licencias para pescar e procesar tiburóns a bordo. Mentres que utros países da Unión, con altas taxas de capturas de tiburón, otorgaron un número de licencias de pesca e procesamento relativamente baixo (18 licencias Reino Unido e 34 Portugal), España dispón de máis de 180 barcos autorizados a levar a cabo esta pesca e procesamento e hai moitos outros barcos que o fan accidentalmente.
Segundo coida saber Oceana, a recente visita a Ecuador do secretario xeral de Pesca do Goberno de España ten que ver coa súbita e sorprendete relaxación das leis de protección de tiburóns que había no citado país sudamericano, lugar de tránsito de cargamentos de aletas e carne de tiburón cara a España.

Bolos, billarda e outros xogos tradicionais na Pontenova


Pasado mañán, sábado 25 de agosto, terá lugar na aldea de Santalla (A Pontenova, Lugo) a I Mostra de Xogos Tradicionais na que haberá torneos de chave e billarda, diferentes modalidades de bolos, corte de troncos en altura, unha exposición e un obradorio de xoguetes tradicionais. En total, preto de sesenta xogos e deportes tradicionais galegos, asturiáns, casteloleoneses e portugueses.
A Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional, a Rede Galega do Xogo Tradicional, o Club Deportivo Seis Conceyus e a Asociación Cultural La Tanguilla de Castela-León, con outras federacións e asoacións culturais e deportivas, encargáranse de mostrar os xogos e deportes tradicionais máis importantes de varias comunidades.
A Mostra desenvolverase dende mediodía ata 19 horas e pretende consolidarse como potenciadora da conciencia cidadá para que non se esquenzan os xogos e deportes que se practicaron durante toda a vida. Gustaríame asistir e mesmo xogar os bolos ou a billarda en Santalla, á beira do río Eo. Entre outras cousas porque na escola deste lugar aprendín as miñas primeiras letras. Por desgraza, non hei poder facelo.

miércoles, agosto 22, 2007

Suárez Canal botou o tangaraño


Nunca houbo tanta discordancia entre a realidade oficial e a tamén oficial, pero subminis-
trada polos sindicatos. Di a Consellería de Medio Rural que só dez traballadores participaron na folga dos brigadistas contra incendios rexistrada o martes 21. Din CC OO e CSFI que foron máis de 500, cincuenta veces máis. Cando eu era mozo e a Policía franquista mataba un obreiro, a versión oficial era que o disparo se fixera ao ar, e todos interpretabamos que a bala rebotaba nunha nube e baixaba logo ata atopar o corpo da vítima que imprudentemente se lle cruzaba na traxectoria.
Polas fotos que publicaron algúns xornais, algo máis de dez deberon ser. Nisto, as versións oficiais emitidas pola oficialidade gobernante case sempre son as máis sospeitosas. E os sindicalistas tamén farían como fan sempre os que se manifestan, tirar os cálculos polo alto para que se note ben que houbo movilización. Curiosamente, algunhas informacións sobre o asunto indican que non se rexistraron incidentes durante as concentracións. Se fora verdade a versión de Medio Rural de que só houbo dez participantes, comprenderiase sen dificultade que tal cousa pasase. Porén, seica apareceron 18 motobombas coas rodas e os cristais danados en Xinzo de Limia. Moito deberon esforzarse eses poucos participantes. Tocarialles a 1,8 motobomba por cabeza.
Do que non hai dúbida é de que foi a climatoloxía a que non fixo folga. Mantivo ao máximo a súa natural loita contra o lume. Para min que Suárez Canal este ano ofreceuse a botar o tangaraño coa mediación de San Bieito de Cova do Lobo, que lle queda preto da súa terra. Ai se non fora polo cambio climático!

lunes, agosto 20, 2007

O negocio das Fundacións








Quen dixo que eramos pobres? Segundo acabo de ler en El Confidencial, a Fundación para a Análise e os Estudios Sociais (FAES), que preside o ex xefe do Goberno de España José María Aznar, recibe este ano 3,7 millóns de euros en axudas procedentes dos fondos do Estado. Outra fundación ben subvencionada con cartos públicos é a Pablo Iglesias, presidida polo socialista Alfonso Guerra, que recibe máis de 3,44 millóns de euros.
A FAES recibe do Ministerio de Asuntos Exteriores 884.550 euros para levar a cabo programas orientados ao "fortalecemento de institucións democráticas e partidos políticos, a defensa dos dereitos humáns e a divulgación de valores da cooperación internacional". O resto, 2,89 millóns de euros, chéganlle do Ministerio de Cultura para financiar o programa de actividdaes correspondente ao ano en curso.
A Fundación Pablo Iglesias cobrou 625.640 euros en concepto de subvencións para facer xornadas e seminarios e para contribuír ao fortalecemento dos partidos políticos. Do Ministerio de Cultura recibe outros 2,82 millóns de euros. Outras fundacións de orientación socialista tamén recibiron axudas. A Jaime Vera, 223.192 euros para seminarios e cursos de formación. E a Ramón Rubial-Españoles en el Mundo, 65.845 euros.
A Fundación Trias Fargas, da órbita de Convergència Democrática, conseguíu 224.924 euros. O Instituto de Estudios Hunanísticos Coll i Alentom, dependente de Uniò Democrática de Catalunya, 62.648 euros. A Fundación para la Europa de los Ciudadanos, que se move no terreo político de Izquierda Unida, 217.890 euros. A Fundación Nous Horizons, de Izquierda Unida-Iniciativa per Catalunya Verds, 68.936 euros e a Fundación L'Alternativa, de Esquerra Unida i Alternativa, 11.732 euros.
Ademais, o Ministerio de Cultura concedeulle 195.620 euros á Fundación President Josep Iria i Bosch, de Esquerra Republicana, que tamén recibe outros 40.532 euros de Asuntos Exteriores. Unha organización nacionalista galega, a Fundación Galiza Sempre, do BNG, é subvencionada este ano con 62.594 euros procedentes do Ministerio de Cultura e 10.125 euros concedidos polo de Asuntos Exteriores. Este último Ministerio tamén subvenciona a Fundación Sabino Arana, do Partido Nacionalista Vasco, con 36.000 euros, e a Fundación Gaspar Torrente, na órbita da Chunta Aragonesista, con 28.270 euros.
En total, o Goberno que preside Zapatero repartíu case nove millóns de euros entre as fundacións vencelladas a partidos políticos que teñen representación parlamentaria. Deles, 7.018.587,41 euros proceden do Ministerio de Cultura e 1.950.ooo do Ministerio de Asuntos exteriores.
Pobres só somos os pobres e teremos dereito a preguntármonos se non é esta unha forma máis de subvencionar os partidos políticos. Por certo, a nova lei de financiación dos partidos políticos, que foi aprobada co rechazo do PP e que entrará en vigor en xaneiro de 2008, tamén someterá a control a todas estas entidades que reciben cartos procedentes dos nosos impostos. Chama a atención que a fundación más subvencionada sexa precisamente a que preside Aznar. E tamén podiamos peguntármonos onde se meteron os que dicían que había que botar abaixo os "chiringuitos" das fundacións. Non queriamos caldo, pois a tomar dúas cuncas.

Leva razón a CIG

Aínda hei ter que facerme da CIG. A pesar de ter os seus amigos no goberno, son os únicos que lle dan algo de caña ao bipartito. De entrada, súmome á petición que fai o sindicato acionalista para que se dean a coñecer os nomes e apelidos deses 2.000 altos cargos da Xunta que se ven beneficiados cun sobresoldo de 15.000 euros anuais debido á Disposición Adicional 17 que foi aprobada no Parlamento de Galicia.
Segundo Xosé Manuel Viqueira, responsábel de CIG Administración en Santiago, pagar estes sobresoldos implica un gasto público anual de 30 millóns de euros. Cada un deles é máis do que gañan moitos traballadores que prestan servizo no actual mercado laboral. Non me extraña que Viqueira e o seu sindicato lles pidan ao presidente e ao vicepresidente da Xunta que deroguen a medida que tomaron "por inxusta co resto dos funcionarios e improcedente".
Apóstolles o que queiran, porén, a que nin Touriño nin Quintana han mover un dedo para facerlle caso á CIG. E menos aínda para escoitarme a min, que tamén lles pido que xestionen mellor os cartos públicos. E, como non van facer nada, haberá que pedirlles que fagan pública a lista dos beneficiados. Para que todos saibamos de que vai a cousa. Polo de agora, xa se sabe que Anxo Quintana (cando volva ao Sergas), Ricardo Varela (funcionario da administración local de Lugo), Alfredo Suárez Canal (profesor de Instituto en Ourense), Alberto Núñez Feixóo e Pablo González Mariñas serán algúns dos beneficiados. Hainos de todas as cores políticas. Isto chámase lexislar para o "noso" ben. O ben deles (bandullo), querse dicir.

sábado, agosto 18, 2007

A sorpresa sería sorprenderse


Á conselleira de Política Territorial non lle sorprende que en Muras (Lugo) unha empresa xestionada por un alcalde do PP explote dende hai sete anos unha canteira sen licencia que abastece obras como a Cidade da Cultura (ver El País de hoxe). Quizais María Xosé Caride tampouco ficou sorprendida cando se enterou polos xornais de que os dirixentes do PP denunciaban o caso dun concelleiro socialista de Portomarín que verte lodos industriais nunha leira da súa propiedade e tamén no monte de man común.
Eu tampouco me sorprendo de nada. Nin sequera me sorprende que diga a CIG que os contribuíntes estamos pagando os coches oficiais para que calquera burócrata de fortuna vaia bañarse a Bastiagueiro, comprar cervexas a Carrefour ou levar a súa filla ao colexio. A única sorpresa sería que puideramos sorprendérmonos todos de que pasen estas cousas. Pero, digo eu, entre a sorpresa e a disconformidade aínda hai unha distancia, ou non? Non nos sorprendemos, pero non vaian pensar os que practican esta política que todos estamos conformes co que fan.
E o que fan é pouco. Case nada. Compórtanse, ademais, de forma moi parecida a como se comportaban os predecesores. Permiten que canteiras de pedra ou de pizarra estraguen zonas de privilexio como o Courel, ameazan a costa de Baroña e Corrubedo con piscifactorías, deixan plantar no medio da ría de Ferrol unha hipotética bomba de gas licuado, arrasan vestixios históricos... Igualiño cos anteriores, son auténticos homine economica, economics neoliberais, como diría Beiras, e non se decatan de que "unha agresión ao medio redunda nunha amputación, nunha mutación somática do ser humán galego".
Ás veces un pode caer na tentación de pensar que sería mellor que seguiran gobernando os de Fraga. Polo menos habería quen protestara. Eu non votei nacionalista, unhas veces, e socialista, outras, para que os meus leven a re publica como os outros levaban o seu casal. Nin para ter agora unha conselleira que non se sorprende de que a Cidade da Cultura estea levantándose con pedras arrincadas nunha canteira ilegal de Muras que, ademáis, é propiedade dun egrexio alcalde do PP.

viernes, agosto 17, 2007

Moreno Torres na fosa do Acebo






O sábado pasado subín a O Acebo, a sete quilómetros da Fonsagrada (Lugo) e a poucos máis da localidade asturiana de Grandas de Salime, para ver onde estaban enterrados os corpos do comandante republicano Xosé Moreno Torres e unha parte dos homes cos que este anarquista coruñés estaba tentando chegar á Coruña cando foron asasinados, en outubro de 1937, por un grupo de falanxistas e gardas civís nese lugar montañoso da raia galego-asturiana.
Confeso que me emocionei ata as bágoas. Pisar aquela terra sombriza debaixo dos carballos que aínda quedan a carón da estrada que vai da Fonsagrada a Grandas é vivir de repente o drama que sufriron os nosos devanceiros hai sete décadas. E atopar logo e abrazar na Fonsagrada a miña amiga Carme García-Rodejas, auténtica labradora da recuperación da memoria daquelas vítima do terror franquista, non foi unha emoción menor tampouco. Alí estaba con Manuel Rivas, Javier Ortiz, Antón Santamarina e outros meritorios artífices de conservar a esencia do que somos. Por certo que fermosa cantidade de xente da Fonsagrada e de Grandas acodíu a escoitalos ao salón de actos dos Chaos. Moita mocidade, entre ela, para que logo se diga que os novos pasan do que nos paosu a todos.
Quen queira saber sobre Moreno Torres e o tráxico asasinato do que foron vítima el e preto de ducia e medias de homes que o acompañaban cando estaban tratando de pasar o Alto do Acebo, pode consultar a magífica reportaxe que publicou Santiago Romero no xornal La Opinión o 3 de xuño deste ano.

martes, agosto 14, 2007

Dobao deu no vao

Bo artículo o que publica hoxe X. Antón L. Dobao en Vieiros sobre o Valedor inválido Benigno Blanco ( Por certo, este señor vai seguir facendo sempre de avestruz e non rectificará nunca a parvada que dixo sobre o galego?). Dobao deu no vao, e unha mostra é esta parrafada do seu artículo: "En fin, agora que xa imos sabendo para que e a quen vale o Valedor, só nos queda procurar formas de valernos. Porque nós, os que non figuramos no seu cativo universo, non temos Valedor ao que recorrer para protexernos deste Valedor. Así que mellor será valernos por nós mesmos. Por exemplo".

Tangentopolis de Gaiás






Se cadra sen querelo moito, a CIG acaba de dar un paso transcendental para o esclarecemento do que pasou e do que está a pasar coa polémica Cidade da Cultura. Levar diante da Fiscalía a análise do Consello de Contas para "depurar e esixir responsabilidades das autoridades e persoal ao servizo da Xunta que polas súas accións foron determinantes para a malversación e despilfarro de fondos do erario público e que teñan incorrido en dolo, culpa ou neglixencia graves" ben puider converterse no gouño que comenza a rodar monte abaixo e ninguén sabe onde vai parar nin se acabará esmagándolle a cabeza a alguén.
Aínda que aquí non se leven aínda fenómenos xudiciais tipo Mani pulite (nada que ver con ese sindicato ultraconservador chamado Manos Límpias que foi fundado polo ex dirixente de Fuerza Nueva Miguel Bernard Remón), e a pesar de que moitos dos nosos xuíces saen máis nos xornais por dicir parvadas contra o galego que por parecérense a Giovanni Falcone ou a Antonio Di Pietro, a iniciativa do sindicato nacionalista é unha desas cousas que se sabe como empezan pero non como van rematar. E, sobre todo, é como as obras: nunca se sabe cando acaban.
Se o tema cae nas mans dun fiscal que se queira lucir, que se vaian preparando varias ducias de políticos e xestores públicos do mandato de Manuel Fraga. Unha investigación xudicial rigorosa da suposta malversación de fondos públicos que se puido derivar do desfase orzamentario sinalado polo Consello de Contas, os cobros recibidos polo arquitecto norteamericano Peter Eisenman, as condicións adxudicatorias, as cantidades recibidas polas empresas colaboradoras e subcontratadas, o presunto descontrol da contratación de persoal da Fundación Cidade da Cultura, irregularidades na vixianza das obras, etc. será moi longa e difícil, pero ninguén pode asegurar que non nos valla para resolver dunha vez o futuro nome desa paiasada oficial que foi poñerse a furar o monte Gaiás. Que tal se acaba chamándose Tangentopolis, que foi como os de Mani pulite bautizaron a Milano de Berlusconi? De confirmárense as sospeitas da CIG, baseadas no informe do Consello de Contas, sería un nome apropiado. Tangentopolis (cidade da corrupción) de Gaiás. Que lles parece?
De iren as cousas por este lado, eu tampouco estaría moi tranquilo se formara parte do bipartito que preside Emilio Pérez Touriño. E sobre todo da parte que vicepreside Anxo Quintana. Aos sucesores de Fraga faltoulles a coraxe de agarrar a vaca polo cornos para parar a desfeita de fondos públicos que representa o proxecto máis alucinante que concebíu a política galega cando preñou de soberbia. Touriño, Ánxela Bugallo e o seu parente alcalde de Santiago, Quintana e a súa troupe (intelectuais orgánicos e farándulas comprendidos), lonxe da consecuencia que puideran merecer as súas críticas anteriores a chegaren a gobernar, subíronse ao carro do faraón e quixéronse apropiar da pirámide da Gran Esfinxe. Entretivéronse facendo e desfacendo, é dicir, facendo pouco máis que algún pavero concurso de ideas. Falaron, entre dentes, de que había que correxir a desfeita, pero a muralla chinesa seguíu levantándose pedra a pedra, ou sexa, millón a millón de euros. E, agora que o Consello de Contas destapou a caixa dos tronos, púxeronse eles tamén a relustrar. Xa o diciamos nós, viñeron contarnos. Como no conto do da Vespa que se saíu da estrada e tivo que aturar os berros do que levaba de paquete. E se a viche por que non avisache?, habería que responderlles agora.
Eles ver vírona, pero non avisaron á Fiscalía como acaba de facer a CIG. Teñen, polo tanto, algunha responsabilidade no que se poda acabar descubrindo xudicialmente. Se se demostra, como supón o sindicato nacionalista, que houbo malversación, delicto que consiste na substracción ou emprego inadecuado de fondos públicos efectuada ou consentida por un ou máis funcionarios públicos, non son os gobernantes actuais –algún deles polo menos– supostos culpábeis de encobrimento posto que coñecían o que pasaba tal e como agora repiten? Cometeron supostamente o delicto de receptación dado que recibiron coa boca calada unha obra pública obxecto de malversación, é dicir, substracción ou emprego inadecuado de fondos públicos? Que ben o pasaría Baltasar Garzón instruíndo un caso así.
Hai que darlle tempo ao tempo.

lunes, agosto 13, 2007

O Courel e a lucidez de Beiras






Pode que ocorreran dúas cousas importantes esta fin de semana. E non me refiro á festa do polbo do Carballiño nin á da ostra de Sanxenxo. A primeira foi a a Festa da Revolta e tivo lugar en Froxán (Folgoso do Courel, Lugo) o sábado pasado. A segunda, a publicación do artigo de Xosé Manuel Beiras Do Courel a Corrubedo I.- A terra e o home no xornal Galicia Hoxe.
Para empezar, a aldea de Froxán é un pequeno paraíso dos que xa non quedan. E o Courel no seu conxunto, que mellor que ler a Novoneira para percibir a grandeza dos tesos cumes que hoxe están en perigo? Porque están no perigo que representa a explotación de canteiras de pizarra é polo que se xuntaron medio milleiro de persoas na antiga eira de Froxán. Daba xenio velos pasear cara o río por entre as vellas casas construídas con pedra cativa e barro vermello de camiño ao río para bañárense preto da capela de San Estevo.
Por alí andiveron o Beiras e Aurichu e moitas ducias de representantes da farándula galega. Henrique Banet e Mabel Rivera, preocupados coma sempre de faceren de Michael Moore, algo que están conseguindo brillantemente. Algún día háselles recoñecer a enorme importancia que ten o que está facendo esta parella de cineastas. Nun país de documentalismo sectario ou alienado, o seu compromiso coa realidade é tan refrescante como bañarse no río Lor. Aí está para desmostralo o documental que fixeron sobre o caso Reganosa, O salario do medo.
O que dicía do artigo de Beiras no Galicia-Hoxe do domingo pasado é verdade. Algo importante. Tripando por terra aínda colonizada, cincuenta anos despois de que Novoneira profetizara viaxar por terra liberada, o autor pregúntase cando viaxaremos por "terras libradas". "Que tangaraño é ise de que unha e outra vez semella erradicado, mais unha vez e outra reaparece en novas formas que muda mais non se esvai?"
Beiras, que ultimamente adoita subir ao Courel sempre que pode, está máis inspirado ca nunca. "Eiqui, mancar á natureza é ferir ao home, ferirnos a nós mesmos –di no artigo comentado–. Eiquí, unha agresión ao medio redunda nunha amputación, nunha mutilación somática do ser humán galego: todos, até os urbanitas, compartimos as raiceiras e a seiva dos carballos e ameneiros".
Mortos Uxío Novoneira e Avilés de Taramancos, menos mal que nos queda Beiras para lembrarnos que "a natureza non sabe de rendibilidades, nen de lucros, nen tasas de xuro. As categorías mentais do 'homo economicus' non funcionan nos ecosistemas. As ciencias sociais nacidas ao servizo dese especimen con orelleiras tiveron que aprender esas verdades elementais. Os antropólogos foron pioneiros, moito lles debemos. Pola contra, algunhas, como o "economics" neoliberal, néganse inda hoxe a aprendéreno. Vailles resultar demasiado tarde, se algún día entran en razón. Contan que, cando o Ttanic bateu co iceberg e comenzou o naufraxio, algúns pasaxeiros ricos precipitáronse ás caixas fortes pra arrecadaren as alfaias que gardaran nelas: de pouco lles valeron no fondo do mar. O Titanic é hoxe o planeta enteiro, gobernado pola soberbia pitoña dun kapital –non capitán– depredador ecocida. E nese planeta estamos nós, paisáns galegos en simbiose de terra e home, dende o Courel a Corrubedo. Compre parármoslle os pés".
Xa me dirán se non é lucidez a de Beiras.

O ministro a quen non lle preguntan nin el responde

Leo, para empezar o día, a entrevista que publica El País co ministro de Cultura. A única que apareceu ata agora en páxinas galegas. A que non adiviñan que pregunta non se lle fai? Acertaron: a de de por que cometeu o acto vandálico de non respectar a Consellería de Cultura nin a súa titular, Ánxela Bugallo, na recente visita a Galicia. O entrevistador preguntoulle, iso si, pola Cidade da Cultura, e César Antonio Molina respondeu: "Se xa vas ter que cortar a metade das preguntas". Definitivamente, hai entrevistadores e hai entrevistados que deberían estar sempre de vacacións en agosto.

viernes, agosto 10, 2007

Manuel Ameijeiras ou a vulgaridade administrativa


Manuel Ameijeiras, actual delegado xeral do Estado para Galicia e anterior responsábel do Aeroporto de Labacolla, non é persoa que me caia mal. Ás veces atópoo facendo futing polas nosas terras de Amahía e, de vez en cando, ata botamos unha parolada. Non me gusta nada, porén, o que lle acaba de responder ao Movemento polos Dereitos Civís (MpDC) por unha preguna sobre supostas gravacións dos detidos obtidas de xeito irregular nas actuacións dos corpos e forzas de seguridade do Estado. Segundo tamén supón o MpDC, esta actuación, que vulneraría as leis de Videovixianza e de Protección de Datos, foi recoñecida polo voceiro dun sindicato policial no telexornal dunha cadea de televisión estatal. Este sindicalista policial manifestou que habitualmente algúns policías usan métodos propios, como teléfonos ou cámaras fotográficas, para defendérense de supostas denuncias por malos tratos nos lugares de detención.
A Delegación que rexenta Ameijeiras respondeulle ao MpDC que "a clase de información solicitada... no suposto de habela, ten un carácter reservado e a súa difusión está legalmente prohibida". Debe ser, máis ou menos, o que se lle ocorriría responder a Hitler se lle preguntaran a tempo polos fornos crematorios. Como é sabido, a mesma pregunta feita a Goebbels sería respondida dicindo que non había fornos crematorios.
Ou sexa, que a Ameixeiras o único que lle importa é manter en segredo as actuacións das forzas de seguridade, algo que os que vivimos parte das nosas vidas en ditadura xa sabemos a onde pode conducir. Non parece preocuparlle nin máis nin menos averiguar se é verdade ou non o que dixo o citado sindicalista da Policía e que foi denunciado polo MpDC. A verdade é que nos queixabamos de vicio cando era delegado xeral do Estado Domingo García Sabell que, a fin de todo, o único discutíbel que fixo foi mandar que lle colocaran no morro do coche oficial unha bandeira galega de dimensións que non eran regulamentarias. Logo viñeron Diz Guedes e aquel que na súa cidade lle chaman O Estirado e fixeron do galeguista histórico un premio Nobel. Polo camiño que vai (Reganosa, Día da Patria e isto de agora, por exemplo), Manuel Ameijeiras non creo que acabe merecendo máis ca un premio á vulgaridade administrativa.

A felicidade que non temos

Os panadeiros galegos ameazan con subir os prezos un 25 por cento polo alto custo do cereal. Morre unha nena de 18 meses á que o seu pai disparou na cabeza. Un accidente múltiple en Rande colapsa a autoestrada dende Vigo á ponte. Un neno morre e outra agoniza en Braga a causa do Creutzfeldt-Jakob. Non é que estea documentándome para escribir unha serie de terror á que tamén podería engadir que vai subir o leite. Só comencei o día lendo os titulares de La Voz de Galicia. Menos mal que Galicia alcanza no que vai de ano a mellor cifra de exportacións da súa historia (antes exportabamos traballadores, e agora tamén), e o Dépor vence ao Madrid, leva o Teresa Herrera e deixa boa imaxe. Que nos falta para sermos felices?

jueves, agosto 09, 2007

Oceana descubríu unha esponxa carnívora en Andalucía



Unha pequena pero interesante esponxa carnívora foi descoberta pola organización Oceana nunha montaña submariña coñecida como Seco de los Olivos, a dez millas da costa de Almería. A especie foi bautizada co nome científico de Asbestopluma hypogea, e é a primeira vez que se atopa en augas españolas e tamén a primeira cita que se fai dela en augas profundas (arredor de 167 metros de profundidade). Ata agora só fora atopada en tres covas submariñas pouco profundas, entre 15 e 25 metros, dúas en Francia e unha en Croacia.
A singular esponxa carnívora mediterránea a penas mide 2 centímetros e pola súa escaseza foi incluída no listado de especies protexidas da Convención de Barcelona para a protección do Mediterráneo. As esponxas carnívoras son tan raras que hai debate científico sobre se realmente deben ser consideradas esponxas. Ao contrario do resto das esponxas, non filtran a auga para capturar os pequenos organismos supendidos nela, senón que teñen filamentos con aguillóns que lles permiten coller os pequenos crustáceos que primeiro envolven e logo dixiren grazas á participación de numerosas bacterias.
Ricardo Aguilar, director de Investigación de Oceana, dixo que "a diversidade de esponxas, corais, gorgonias e outras especies de Seco de Los Olivos non deixou de sorprendernos. Cada día realizamos un novo descobremento que aumenta o interese ecolóxico desta zona". Pola súa parte, Xavier Pastor, director executivo de Oceana, salientou o descobremento dicindo que "a importancia das especies que estamos atopando neste lugar, xunto coas graves ameazas que sofren, obrigan ao Goberno español a tomar medidas urxentes para preservar esta paraxe única".
As esponxas carnívoras son especies que foron documentadas en augas oceánicas ata case 9.000 metros de profundidade. Porén, a encontrada por Oceana nunca fora documentada anteriormente fóra de covas ou a grandes profundidades, polo que o achádego é novedoso.
Tamén son igualmente chamativas as esponxas de cristal ou hexactinellidas dos xéneros Asconema e Aphrocallistes, que podería ser a primeira vez que se detectan no Mediterráneo. Foron filmadas a 200 metros de profundidade polo ROV, o robot submariño que utiliza Oceana a bordo do seu catamarán Ranger. As máis grandes, de preto de medio metro de altura, teñen aspecto de copa ou sombreiro invertido. As esponxas de cristal son especies típicas de augas profundas e frías e son especialmente abondantes na Antártida. Outras esponxas similares foron descobertas hai dous anos polo Insituto Español de Oceanografía (IEO) no banco El Cachucho, montañas submariñas situadas ao norte de Asturias que poderían converterse no primeiro parque integramente mariño de España.
Na área mostrada por Oceana atopáronse tamén moreas de artes de pesca perdidas que dañaron a diversas esponxas, gorgonias e corais. As investigacións que está levando a cabo Oceana encádranse no convenio firmado coa Fundación Biodiversidad para a caracterizar os fondos mariños e detectar zonas mariñas potencialmente protexíbeis.

A Garda Civil non é española porque non quere saber as catro linguas de España

A Unión Federal de Gardas Civís (UFGCS) está disposta a pedir aos seus afiliados que desobedezan a normativa legal "se o lexislador decide facer caso aos criterios políticos dun partido que non representa nin de lonxe a maioría dos galegos". Con estas palabras respondeu o citado sindicato á petición do parlamentario nacionalista Francisco Rodríguez de que as denuncias da Garda Civil sexan emitidas en galego e en todas as linguas do Estado.
Segundo a UFGCS, "a Garda Civil é un corpo que ten carácter estatal e cuxos membros atópanse sometidos a mobilidade xeográfica, polo que dificilmente se lles pode esixir a todos os gardas civís que coñezan todas as linguas do Estado". Pide, polo tanto, "un pouco de sentido común" e defende que a ningún cidadán se lle prohíba presentar unha denuncia en galego de paso que "o BNG non pretenda impoñer o uso da lingua galega aos funcionarios da Garda Civil". Nesta dirección avisa de que "a Unión Federal defenderá aos axentes no uso do castelán e participará activamente en campañas de desobediencia á norma se é que o lixislador decide facer caso aos criterios políticos dun partido que non representa nin de lonxe á maioría dos galegos e que está empeñado en facer da Constitución Española un texto á carta dos seus intereses partidistas".
Boa a fixo Paco Rodríguez. Coa súa intención de que se respecte e normalice o uso oficial do idioma máis propio de Galicia colocou unha parte dos gardas civís onde xa estiveron outras veces. No desafío e irrespecto da lexislación democrática. Fixérono contra a República legalmente instituída e a favor dun ditador que asoballou España durante máis de catro décadas, por exemplo. Non ten agora nada que dicir o conselleiro da Presidencia da Xunta, Xosé Luís Méndez Romeu? Qué é maís grave que chame a insubmisión Encarna Otero ou que o faga todo un sindicato de axentes da autoridade? Por que non aprenderon aínda os beneméritos fillos do duque de Ahumada que só é español quen sabe as catro linguas de España?.
Para que vaian adiantando algo, ofrézolles cinco versos do poema que lle adicou a Tomás Meabe o poeta vasco Gabriel Aresti:
Pecha os ollos moi suave,
Meabe,

pestaña contra pestaña.

Só é español quen sabe

as catro linguas de España.

miércoles, agosto 08, 2007

Adega descobre vertidos de ácido fórmico na piscifactoría de Quilmes











Adega (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza) comenzou a destapar o cheiro que sae das piscifactorías. Baseándose en observacións feitas sobre a planta de Stolt Sea Farm en Quilmas (Carnota, A Coruña), asegura que os rodaballos mortos deposítanse en contedores con ácido fórmico subministrado no 85 por cento dos casos pola multinacional Brenntag, propietaria da planta química que ardeu o ano pasado en Caldas de Reis contaminando gravemente o río Umia. Os peixes mortos son así disoltos dando como resultado un líquido pastoso de cor vermello que vai directamente ao mar a través dunha arqueta aberta a un sumidoiro.
Segundo Adega, estas instalacións de producción acuícola non dispoñen de permiso de vertido e ninguén controla as súas prácticas de vertido nin a calidade das concentracións que saen dos seus efluentes, algo que pode estar repetíndose noutras instalacións de acuicultura industrial. A organización ecoloxista, baseándose en análises encargadas por ela mesma, sostén que estas industrias constitúen "unha importante fonte de contaminación orgánica e química para o litoral".

López-Chaves, o elefante que non é branco


A falta de de explicación oficial e concreta sobre a ausencia da conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, na recente visita do ministro do ramo, César Antonio Molina, nacionalista a primeira e socialista o segundo, se cadra foi o que lle deu pé ao deputado Ignacio López-Chaves Castro para facer de analista-adiviño. Dixo este Houdini do PP que "a ausencia da conselleira de Cultura na primeira visita oficial do novo ministro a Galicia confirma que Ánxela Bugallo foi apartada definitivamente polo presidente da Xunta da Cidade da Cultura".
López-Chaves considera que "a incapacidade que a conselleira ven mostrando para xestionar o proxecto da Cidade da Cultura fixo que o presidente do executivo galego obviase a presenza da titular deste depratamento no encontro con Molina, onde, ademais de falar das posibles utilidades do proxecto, se trataron outros asuntos relacionados coa Consellería". Para argumentar este razonamento salienta que "en dous anos a conselleira non foi capaz de presentar un contido nin de empezar as obras nin de presentar nada no Parlamento, o que obrigou a Touriño a apartala do proxecto sen poder cesala porque é da outra parte do bipartito".
O deputado popular foi aínda máis lonxe na interpretación sinalando que "coa visita do ministro confírmase que, ante as continuas discrepancias e enfrontamenbtos entre os dous socios de goberno, a partir de agora será(n) o PSOE e o Goberno central os que tomen as riendas do proxecto de Gaiás" (repare o lector en que O PP parece que está empezando a facerlle caso a Manuel Rivas e xa non di Cidade da Cultura senón proxecto de Gaiás).
Alén da manía persoal que lle profesa Ignacio López-Chaves a Ánxela Bugallo, en parte quizais mesmo collida con motivo, a radical interpretación que fai dos feitos ocorridos durante a visita do ministro de Cultura non mostra máis ca unha preocupante vocación dalgúns líderes do PP de interferiren nos asuntos das demais forzas políticas ao xeito dos elefantes entrando nas cacharradas. López-Chaves ben podía empezar a ser chamado o elefante non precisamente branco.
O que me pregunto eu é por que ninguén, nin dende o PSOE nin dende o BNG, se precupou o máis mínimo de meter no seu cortello este elefante. Os que calan non sempre otorgan, pero esta vez non estarían de mais algunhas puntualizacións.

martes, agosto 07, 2007

Molina referíuse por fin á Consellería de Cultura


O desencontro entre os titulares das culturas oficiais galega e española, Ánxela Bugallo e César Antonio Molina, respectivamente, está transcorrendo con pouco ruído. Quizais por estarmos en período de vacacións ou porque estean analizando a fondo a cuestión, no BNG tardan en aparecer reaccións oficiais sobre este asunto. Parece como se quixeran que morra o conto o antes posíbel xa que non poden despachalo como "asunto privado", que foi a calificación que lle otorgaron ao acto de insubmisión protagonizado pola directora xeral Encarna Otero.
Mentres tanto e no segundo día da visita oficial do ministro de Cultura, que transcorreu hoxe na Coruña, César Antonio Molina referíuse por primeira vez á súa colega de Galicia pedíndolle ao alcalde coruñés, Xavier Losada, que traslade á Consellería de Cultura a necesidade de envíar, antes do 15 de setembro, o correspondente expediente para tramitar a solicitude de que a Torre de Hércules sexa declarada pola Unesco Patrimonio da Humanidade. Ve vostede, señor ministro poeta, como lle tiña algo que contar a Ánxela Bugallo se tivera a ben encontrarse con ela? Jack Lang actuaría doutra maneira, non o o dubide. Vostede quixo parecerse máis a Federico Sánchez que a Jorge Semprún.