domingo, septiembre 30, 2007

A morte é unha puta

Hai pouco tempo, o escritor portugués António Lobo Antunes sorprendeu os seus paisanos contándolles que tiña cancro no intestino. Agora, xa operado con éxito, nunha entrevista que lle fixo Joao Céu e Silva, con fotos de Nuno Fox, e que publica hoxe Diario de Noticias, responde así a pregunta de se está a loitar contra a morte a pesar dela estar sempre presente nos seus libros: "É inútil porque a morte é uma puta - desculpem o palavrão mas é a única palavra que encontro. Quando o meu pai morreu, o padre que foi rezar a missa disse que detestava aquilo porque nós não fomos feitos para a morte. De facto não fomos... Há pessoas de quem gostávamos e que já não podemos tocar e ver e cuja morte foi tão injusta. Ainda no sábado fui a enterrar um camarada da guerra que morreu num acidente de automóvel. Foi muito comovente ver aqueles homens duros, que fizeram a guerra, a chorar como crianças. Eu chorei também, gostava muito dele e agora quando nos reunirmos ele não vai lá estar. E não faz sentido que o Zé não esteja. Eu tenho que viver pelo meu pai, pelo Cardoso Pires, pelo Melo Antunes, estão dentro de mim até eu acabar."

sábado, septiembre 29, 2007

Festas gamberras

Aparece hoxe en La Voz de Galicia. Afúndese un pesqueiro no porto de Muxía tras ser alcanzado por un foguete de pirotecnia. O barco Valencia Filgueira atopábase no porto coruñés cando se procedía nesa zona a lanzar foguetes por mor das festas de San Miguel. Unha raxada de vento tirou os foguetes no momento en que lles estaban prendendo lume, e un deles reventoulle parte do casco ao barco. Felizmente non houbo que lamentar desgrazas persoais. Non sempre ocorre así. A pirotecnia ás veces causa mortes.
Agora que está rematando a época do ano na que proliferan as festas quizais é o momento de dicilo. Precísase regular e controlar a insportábel contaminación acústica que produce a desmesurada afección dos galegos polos estouridos pirotécnicos e polas orquestras megadecibélicas. De maio a outubro, vaia un onde vaia, parece como se estiveramos na guerra de Irak. Foguetazos por aquí, bocinazos –máis que música– por alá. Ás verbenas xa non vai ninguén, pero os palcos das festas non apagan a música ata as tres ou as catro da mañá. Fuxa vostede do mundanal ruído das cidades, instálase a vivir no campo pensando que vai estar no paraíso e rece, aínda que sexa ateo, para que non lle caian preto da súa casa a festa patronal de San Cotufacio de Arriba ou o espantacorvos con que o veciño do lado pensa que vai conservar todas as súas mazorcas de millo.
Se os rezos non lle dan resultado, non se lle ocurra chamar ao Concello para pedir que impidan que se alborote ata as tantas durante unha semana. Diranlle que son as festas e que hai que foderse. Eles dirán divertirse, pero vostede terá que saber traducir. E non lle vai valer de nada explicarlles que os seus cans morren de medo durante eses días por causa dos puñeteros foguetes. Cans di vostede? preguntaranlle. Os cans non teñen dereitos, retrucarán a continuación.
Debo ser moi raro, pero o que me pregunto eu é por que non hai nunca un alcalde que mande parar a festa cando ten que parar, que impida que os foguetes esnaquicen os tímpanos de media parroquia e que os decibilios da Lamaslapiña de turno non estraguen os nervos dos veciños da rodeada. Pensandoo ben, moito do que hai por Galicia adiante durante o verán non son festas. Son enormes gamberradas protagonizadas por catro vellos e unhas cantas persoas moi serias que, durante o resto do ano, nunca cantarían Asturias patria querida ás tres da mañá debaixo do balcón do alcalde.

San Alfredo caga sentencias


Onte pasei o día por terras de Carnota. Fun con Alexandro Diéguez, Xavier Babé e Manuel Lara ver un barco que se vende logo de padecer un naufraxio, e aproveitamos para comer magnificamente en Casa A Pila, que está no Carballal, ao lado mesmo de Lira. Manuel Lara, probabelmente quen máis sabe agora mesmo da evolución industrial que foi experimentando Galicia ao longo dos anos, levounos polo miradoiro de Loureda para que descubriramos a beiramar esplendorosa que aparece de repente ao saír dunha curva no alto do monte. O sol, os percebes de Lira e o bo ribeiro de Antonio Montero, sen esquecer o cabracho e o ron de Caldas, axudaron esplendidamente a que o día fose proveitoso e satisfactorio.
Non tiven tempo, polo tanto, de ler a Alfredo Conde, onte revestido polo que me contan en San Alfredo caga sentencias contra acusados anónimos. Parece ser que o sol de outono e as uvas de collón de bispo fixeron do literato de Allariz –ese do que os escritores din que é político e os políticos chámanlle escritor– unha avelaíña que vai arredor do candil que máis quenta. Xa reposto por desgraza da resaca carnoteña, entérome lendo a Marcos Valcárcel –aquí o que non se chiva é chivo– de que son eu o obxecto da facundia do trebón que vai no vento. Di San Alfredo caga setencias que "dende un blog non entenderon nada" e sostén Valcárcel que ese blog é Croques. Síntoo por El Correo Gallego, pero a partir de agora a San Alfredo caga sentencias hei lelo sempre, en edición anotada, nas Uvas na solaina. A ver se así logro entendelo.

jueves, septiembre 27, 2007

Saben aquel que diu?


Que chiste lles estará contando Xosé Luís Méndez, director xeral de Caixagali-
cia, a Emilio Pérez Touriño, presidente da Xunta; Xosé Ramón Fernández Antonio, conselleiro de Economía, e Fernando Salgado, secretario xeral de Comunicación? Polas caras que poñen debe ser algo divertido. Non estará, quizais, arremedando a Eugenio naquilo de saben aquel que diu Quintana cando me fala da igualdade que non existe?
Hai que ver como se lle rin as gracias aos que están no poleiro. A min Touriño, unha vez que lle preguntei algo que non lle gustou, non me mirou con esta benevolencia. Il faut toujours garder le sourire!

Quen é maís importante, un entrenador de fútbol ou un político?

Ocorreu onte á noite na cadea de televisión portuguesa SIC. Pedro Santana Lopes, ex primeiro ministro de Portugal e ex alcalde das cidades de Figueira da Foz e Lisboa e agora deputado socialdemócrata, estaba sendo entrevistado en directo e foi interrompido de repente para emitir imaxes da chegada a Lisboa do entrenador de fútbol José Mourinho, que estaba a producirse nese momento. A reacción do político foi inmediata. Abandonou a entrevista moi enfadado (ver video). "Eu vim com sacrificio pessoal –dixo– e e sou interrompido por causa da chegada de um treinador de futebol... Acho que o país está doido. Nao vou continuar a entrevista, acho que as pesssoas têm de aprender".
Segundo lle explicou Santana á axencia Lusa, "estaba cansado mas fui, apesar de me fazer transtorno". "A min non me interrompen coa chegada de um entrenador de futebol –engadíu– Acho que há regras. A SIC tem regras diferentes das minhas. Tenho que ser respeitado. Aínda se fosse un acontecimiento importante do país, do mundo, que justificasse... o presidente da República, o primeiro ministro, agora un treinador de futebol... e eu gosto de José Mourinho".
Ana Lorenço, a xornalista da SIC que o estaba entrevistando, tratou de xustificar a interrupción falando de criterios editoriais e dicindo que non houbo ningunha intención de faltarlle ao respecto ao deputado socialdemócrata. Pola súa parte, o director adxunto de Información da SIC, Ricardo Costa, considerou "inusitada e desproporcionada" a reacción do entrevistado. "A SIC lamenta –dixo– que a decisao de fazer um directo para a chegada de José Mourinho ao aeroporto tenha provocado uma reacçao que consideramos desproporcionada de Pedro Santana Lopes".
¿Que pasaría aquí se lle interromperan unha entrevista a Touriño ou a Quinatana para emitir en directo a chegada de Óscar Pereiro a Lavacolla cando volva de recoller os cartos do Tour, por exemplo? Agora que xa non está Antón Losada para salvagardar as esencias, probabelmente nada.

miércoles, septiembre 26, 2007

Sánchez Dragó tén negros

Fernando Sánchez Dragó, 71 anos case cumpridos, tres bay pass no corpo como el mesmo di, 25 quilómetros diarios en bicileta, vida nun pobo fóra de Madrid... E escándalo, moitísimo escándalo sempre na súa vida. O autor de Gargoris y Habidis, una historia mágica de España –libro co que entrou a saco a piratear autores galegos como Vicente Risco– acaba de ser collido nas patacas.
Segundo se ve nun video que recolle secuencias previas a unha entrevista que lle fixo a Ana Botella para Tele Madrid, o afamado escritor utiliza negros que lle escriben algúns dos seus libros. El mesmo recoñece que isto ocorre no máis recente, titulado Libertad, fraternidad, desiguladad, derechazos", en definición do propio autor nominal "un libro muy liberal y muy extravagante también".
Mentres que fan tempo a que o realizador diga "rodamos", Fernando Sánchez Dragó e a muller do ex presidente José María Aznar laretean como se foran dous compañeiros de colexio. O escritor non para de facerlle a rosca á Botella, ata case os límites do baboseo, e nun momento dado transcorre este diálogo:
Sánchez DragóSe me ha olvidado... Mi último libro ¿no os lo he hecho llegar? ¿Verdad? Salís. Estais fotografiados. Varias veces.
Ana Botella¿Ah sí? Pues no, no.
S.D.Varias veces. En aquella cena con Arrabal y Gustavo Bueno en La Moncloa. Y vienen fotos.
A.B. ¿Ah sí?
S.D.Tenía que haberlo traído hoy y, nada, se me ha olvidado en el último momento.
A.B.¿Cuándo lo has publicado?
S.D.Nada, Libertad, fraternidad, desigualdad y se subtitula Derechazos.
A.B.O sea, libertad, fraternidad, desigualdad...
S.D.Un libro muy liberal y muy extravagante también.
A.B.¿Y cuánto tiempo has estado escribiéndolo?
S.D.En realidad es un libro que me han preparado. Es una entrevista imaginaria de un colaborador mío. Y entonces se contesta con trozos de mi obra. Yo no he hecho nada.
Carallo co intelectual librepensador! Con negros e todo. Así calquera! Así tamén fixo, pero sen negros, o noso paisano Ignacio Ramonet cando escribíu Cien horas con Fidel, un libro supostamente de entrevistas co ditador cubano e que Arcadi Espada demostrou que foi trucado tomando as respostas de vellos documentos e discursos fidelistas.

Público, un bo gratuíto que se vende a 50 céntimos


Reparen en que o título que aparece na cabeceira está dseñeado de forma moi parecida á do seu homónimo lisboeta.


Hoxe publicouse o número 1 do xornal Público. De momento só é un bo gratuíto que se vende a 50 céntimos. O mellor de todo, o DVD coa película de Fernando León de Aranoa Los lunes al sol. Respecto a todo o demais, hai que darlles cen días de graza e ver como evolucionan as páxinas do periódico que foi tan soñado polo catalán Jaume Roures, dono de Mediapro.
Polo de agora, Público parece un xornal practicamente deseñado para un determinado lector urbano que gusta da prensa de lectura rápida aínda que peque de superficial. Xornais así habiaos xa en Europa aínda que moi escorados ao sensacionalismo e ao tratamento informativo propio da dereita política, como é o caso do alemán Bild-Zeitung, pero eran menos abundantes ou moi escasos no campo que parece querer ocupar Público, que é teoricamente o do centro-esquerda e a esquerda.
Dedicarlle a portada a Javier López Peña, Thierry, o home que fundíu a tregua e o verdadeiro número un de Eta, como sostén Público, non é precisamente un éxito de investigación xornalística. Xa El Diario Vasco apuntaba nesa dirección o 8 de febreiro deste ano polo que aparte da publiccación da foto deste terrorista e a inrepretación de que foi el unicamente o que rematou co proceso de paz, non hai moito novo no que aporta o scoop do xornal recén nacido.
A dúbida que existía e que aínda pervive de se este xornal pode afectar seriamente a clientela de El País, non parece que se agrande moito á vista do primeiro número de Público. Non serei eu, dende logo, o primeiro que saia correndo ao quiosco en busca do segundo para esquencerme do primeiro. Por certo, no quiosco onde comprei o novo xornal non mostraron moito interese por el. Tíñano escondido no paquete tal cual lles chegara e non puxeron moita cara de alegría cando lle lo pedín. Dame a impresión de que, de momento, aínda han poder seguir durmindo a sesta (non a Sexta) tranquilos en Miguel Yuste, 40.

martes, septiembre 25, 2007

Alta velocidade, nin por aproximación


No que se refire a alta velocidade ferroviaria, de momento, en Galicia nin por aproxima-
ción. Aos retrasos que xa constitúen un problema clásico da política de infraestruturas que nos afecta hai que sumar a revisión que fixo Portugal do proxecto para unha liña de Porto a Vigo, que deberá estar operativa en 2013, pasando a velocidade prevista de 350 a 250 quilómetros por hora. Será, polo tanto, unha liña mista para "atinxir o limiar da sustentabilidade", segundo declarou hoxe a secretaria de Estado de Transportes de Portugal, Ana Paula Vitorino.
Esta representante gobernamental do país veciño considera que a alta velocidade "nao é finaceiramente sustentável" para o que toca a liña Porto-Vigo e anuncia que "para garantir o limiar da sustentabilidade", nunha primeira fase, vai ser utilizada a liña convencional Porto-Braga que xa existe. Ana Paulo Vitorino tamén anunciou que a alta velocidade ferroviaria será conectada co aeroporto Sá Carneiro do Porto mediante "o mellor trazado en termos de tempo e percurso". A entidade responsábel de desenvolver a alta velocidade ferroviaria en Portugal (Rave) está estudiando dúsas hipóteses para esta conexión. A liña do Miño, xa existente, ou a contrucción dunha liña nova.

Isaac Díaz Pardo

Celebro que Isaac Díaz Pardo aceptara facer unha vidreira para o hemiciclo do Parlamento de Galicia. A súa obra compartirá espazo coa que xa fixo o falecido Xosé Otero Laxeiro en 1989 e que ocupa o lucernario que hai na entrada principal do edificio da rúa do Hórreo. A vidreira do fundador de Sargadelos instalarase nos vitrais que presiden a parede frontal e a tribuna do salón de plenos parlamentario.
Como ben di o propio Parlamento na comunicación oficial deste acontecemento, "só un artista da talla de Díaz Pardo podería competir con Laxeiro neste espazo preeminente da institución que representa a todos os galegos e que quere unir a dous dos máis representativos artistas que deu Galicia en toda a súa historia".
Así se fala, e non como acaba de facer un xornalista de nome descoñecido nas páxinas do suplemento dominical de El País publicando algo que pretendeu ser unha reportaxe sobre Sargadelos e O Castro e que quedou reducido ao texto dun analfabeto por ignorar solemnemente o máis importante deses dous lugares de referencia da cultura galega. Que un becario da folla parroquial de Pedrouzos de Arriba fose capaz de escribir deses dous sitios sen citar a Isaac Díaz Pardo e a Luís Seoane podería pasar, pero que o faga alguén que publica nun dos catro xornais máis importantes de Europa, como diría Trillo, manda güevos.

lunes, septiembre 24, 2007

O caso Fabián Garrido



Enriba, o xuíz Carballal Paradela. Enbaixo, a historiadora asturiana Marta Carpín.


O xuíz titular de Primeira Instancia de Cambados (Pontevedra) Xoán Carlos Carballal Paradela non é dos que tiran a pedra e esconde a man. Demostrouno asistindo como un valente á taboa que tivo lugar o sábado pasado sobre a lei de enxuizamento criminal, a impunidade legal do franquismo, do procesual ao penal, dentro das xornadas que se desenvolveron no Grove arredor do tema O dereito a saber, a liberdade de investigar, do 19 ao 22 de setembro.
Paredes mesmo se converteu na estrela das xornadas dende o momento en que empezou a súa intervención recoñecéndose como o xuíz que ditou o famoso auto que obrigou a Fabián Garrido a retirar dunha páxina web un escrito do seu pai no que relacionaba a un ex alcalde do Grove coa represión fascista que seguíu ao golpe de estado franquista de 1936. Garrido pai foi un militante comunista que pasou dúas veces polos campos de concentración de Hitler e que deixou escritas unhas memorias nas que lembra o que pasou no Grove cando empezou a guerra civil. Daquela aínda non cumprira 18 anos e víu como un panadeiro que se chamaba Xoán foi preso en presenza dun veciño que xa fora alcalde do Grove antes da República e que volveu a selo nos primeiros anos do franquismo. Esta persoa axudoulle á garda civil a prender o panadeiro nunha escea que Garrido fixou máis tarde nas súas memorias e que o seu fillo colgou en Internet. Dase a circunstancia de que este alcalde de dúas ditadudras, como lembrou nas xornadas Antón Mascato, actual concelleiro de Cultura do Grove, foi o pai de Xaquín Álvarez Corbacho que tamén foi alcalde desta vila pontevedresa, pero dende posicións políticas ben diferentes xa que era militante do Partido Comunista cando desempeñou a alcaldía.
Xoán Carlos Carballal, o xuíz que tentou prohibir a difusión destas memorias, sen percatarse sequera de que xa tiñan sido publicadas parcialmente antes nun libro de Aurora Marco, aguantou como un machote o chaparrón de críticas que lle choveu enriba tanto por parte de outros participantes nas distintas mesas como pola parte de numeroso público. Fixo uso dun magnífico galego e tivo momentos de gran capacidade dialéctica, pero non estivo á mesma altura cando tratou de dilucidar a cuestión dicindo que o que pasaba era que ninguén estaba a entedelo. Unha persoa, dende as butacas, berroulle: “É que todos somos moi burros”.
Especialmente acertada estivo a historiadora da Universidade de Oviedo Marta Capín que non dubidou en deixar a un lado a disertación que traía preparada para participar nuna mesa redonda sobre A investigación na procura da verdade e dedicou o tempo que lle correspondía a responderlle moi contundentemente ao xuíz Carballal.

Escandalosos e ignorantes

¿Ninguén vai poñer a Xosé Luís Barreiro no seu sitio? O artigo que publica hoxe en La Voz de Galicia sobre os célebres 15.000 euros da discordía, chamándonos escandalosos e ignorantes aos que non dicimos que si a todo, ademais de confundir aínda máis esa materia de por si xa confusa que é o sexo dos anxos, riza o rizo ata o sorriso.
Barreiro bambolease el mesmo para falar do bamboleo do BNG e reduce a polémica a un problema de ignorancia: "a dos que ignoran que o seu propio soldo está cheo de retribucións complementarias de escasa ou nula obxectividade; a dos que non saben explicar que queren facer o que xa se fai na Administración central e na maioría das autonomías, e a dos que, en vez de enterarse de que estamos falando, prefiren falar dos altos cargos como se pertenecesen á banda de Alí Babá".
O autor do artigo, que é experto en moitas cousas –mesmo seguramente en materia de altos cargos relacionados coa banda de Alí Babá– esqueceuse dunha soa cousa: de que hai moita xente que xa está ata os mesmísimos de tanta retórica para xustificar o de sempre. ¿Bamboleo? O do señor Xosé Luís Barreiro, por exemplo.

viernes, septiembre 21, 2007

Beiras non corre atrás dos altos cargos

¿Quen dixo que todo quisque anda correndo atrás da ocupación dalgún alto cargo na Xunta ou onde cadre? Non é este o caso de Xosé Manuel Beiras que, segundo publica esta semana A Nosa Terra, rechazou a presidencia do Consello Económico e Social (CES) que lle ofreceu o vicepresidente Anxo Quintana. Segundo informa o xornal nacionalista, Beiras recibíu formalmente este ofrecemento logo dunha xuntanza da Executiva do BNG e despois de pactar co PSdeG-PSOE o perfil para presidir este órgano consultivo.
O goberno tripartito estaba disposto a promover a Beiras para o cargo, pero impoñíalle deixar a Executiva nacionalista e a súa actual actividade política, algo que non aceptou o ex voceiro do BNG, que preferíu seguir a andaina que el mesmo encabeza a través do Encontro Irmandiño. Nos tempos que corren non deixa de ter mérito que alguén desbote o exercicio dun alto cargo que conleva unha remuneración que se aproxima á que percebe un conselleiro da Xunta, coche oficial e outras prerrogativas inherentes á presidencia do CES, un organismo que dispón actualmente de orzamentos anuais que pasan dos 1.200 millóns de euros
En realidade, non é a primeira vez que Quintana tivo na cabeza este nomeamento. E, en consecuencia, tamén Touriño xa que, segundo o pacto de goberno en vigor, correspóndelle ao BNG propoñer a persoa indicada para este cargo, logo de que o PSdeG-PSOE exercera este dereito na designación do Valedor do Pobo. Xa antes das eleccións do 2005 lle chegaron a Beiras campaíñas que tocaban nesta dirección, pero daquela eran ofrecementos dos que aínda non tiñan nada que ofrecer. Máis tarde repetíronse esas iniciativas ata que agora se fixeron patentes formalmente.
Hai quen di que esta movida de chapa no taboleiro do xadrez político galego tivo algo de intento de domesticar a Beiras, logo dunha etapa xa prolongada de exercicio pola súa parte da liña crítica que o caracteriza e que ultimamente se vén expresando a través dos artigos que publica no xornal compostelán Galicia Hoxe. As posicións do "señorito da Reboraina" de Brión acerca de Reganosa, a explotaciòn de canteiras no Courel ou as piscifactorias, por poñer tres exemplos, non están pasando desapercibidas nas moquetas de San Caetano. Tamén puido influír algo o desexo que podían ter algúns dirixentes nacionalistas de arredar a Beiras da posibilidade de que lle entraran ganas de presentarse como deputado nas próximas eleccións xerais.
Fose como fose, o caso é que Beiras segue nas barricadas do pensamento crítico galego. Ou sexa, que seguimos tendo o noso Jean Paul Sartre particular. Que sexa por moitos anos.

Tokio ben vale unha misa


Nos medios xornalísticos foi moi comentada –en privado– a recente viaxe a Tokio que organizou e sufragou a Consellería de Imnovación e Industria da Xunta de Galicia. Co seu titular á fronte, o nacionalista Fernando Blanco, e coa participación dos cumios dirixentes de Turismo e do Xacobeo, máis de vinte xornalistas de medios galegos e case que outros tantos empresarios levaron a cabo unha longa excursión á capital nipona co gallo de promover e desenvolver a afluencia de turistas xaponeses cara o noso país.
Dase a circunstancia de que este tipo de viaxes foron moi criticadas cando era Manuel Fraga a persoa que acostumaba facelas. Daquela dicían socialistas e nacionalistas que se malgastaban os cartos públicos e que se favorecía a determinados medios de comunicación e a certos xornalistas para influír na información e na opinión que se puidera xenerar. En realidade, a práctica de pagar os gastos de viaxe, manutención e hospedaxe dos xornalistas que acompañan aos gobernantes viaxeiros está moi extendida por todo o mundo, pero non deixa de ser algo discutíbel dende o punto de vista do control do gasto público. ¿Por que hai que pagarlle os gastos ao enviado especial dun xornal, emisora de radio ou cadea de televisión que gaña moitos millóns cada ano?, podía ser a pregunta a facerse. ¿Non é esta unha forma de subvención encuberta?
No caso concreto desta viaxe galega a Tokio pódese calcular en máis de 600.000 euros o custo total –billetes de avión en business class, hoteis de cinco estrelas, etc.- dunha operación que nin sequera se víu logo moi reflexada nos mass media. Algúns xornalistas comentáronnos mesmo a súa sorpresa polo criterio seguido para seleccionar os "convidados" e puxéronnos, como exemplo, o caso dun xornal que incluíu na representación enviada a Xapón a un dos responsábeis da maquetación das súas páxinas.

jueves, septiembre 20, 2007

A muralla de Lugo e a de China van ser irmás




A gran muralla chinesa e a de Lugo irmanda-
ranse o 6 de outubro coincidindo coa celebración do San Froilán e durante unha xornada que a capital do Miño dedicará ao país máis poboado do mundo dentro dos actos do Ano de España en China.
Segundo explicou o alcalde lugués, Xosé Clemente Orozco, foi o actual embaixador de España en Pekín, Pablo Bravo Lozano, o que lle propuxo ao Concello de Lugo aproveitar as festas de San Froilán para levar a cabo a irmandade simbólica das dúas murallas antes de que teña lugar o irmandamento real en Quinhuandao, lugar onde se orixina a muralla chinesa.
En Lugo estará, polo tanto, o embaixador chinés en Madrid, Quiu Xiaoqui, que presidirá co alcalde os actos oficiais de irmandade. Nun dos cubos do monumento de orixe romana despregarase unha gran tela vermella que representará "a cor da esperanza, a alegría, a benvida e a fortuna dos chineses, que é ademais a cor da súa bandeira", segundo expresou o alcalde Orozco. Todos os nenos de orixe chinesa que foron adoptados por familias luguesas están convidados a esta celebración. A gozal pol Lugo!

O aguinaldo

A inocencia dos pais de Madeleine

Os MacClann
con Clarence Mitchel


Almiral Mouchez
, un dos máis brilllantes opinantes que frecuentan este blog, retoume hai poucos días a que me pronunciase sobre o desenlace que pode acabar tendo o xa famosísimo caso Madeleine, o da nena británica desaparecida no Algarve portugués. Ata me picou dicíndome que comparecese e contestase expoñendo a miña hipótese sobre o caso. ¿Para que tes un blog se non sabes andar nel?", chegou a preguntarme con certo descaro que eu sei ben que é amistoso.
Pois ben, voume tirar á piscina. Considero que o matrimonio MacCann é inocente e que os pais da nena están sendo vítimas dun descomunal "marrón" co que os quere extrangular a Policía portuguesa ou sendo voluntaria ou involuntariamente utilizados de cebo para atraer ao verdedaeiro ou verdadeiros culpábeis da desparación de Maddie. Tratariase, no segundo caso, de facerlles cometer aos sospeitosos o erro definitivo que os levara á gaiola de ferro.
Estaría nesta última liña probabelmente algo que se pode ler entre liñas na declaración oficial que fixo na tarde do mércores o fiscal distrital de Évora para confirmar que non foron determinados novos interrogatorios aos "argüídos" do caso do desaparecemento de Madeleine MacCann por non seren apurados elementos de proba que os xustifiquen. "Nao tendo sido recolhidos, posteriormente aos interrogatórios efectuados no passado día 7 do corrente mes de Setembro, novos elmentos de prova que justifiquen novos interrogatórios, nao foram os mesmos determinados", explicitou o citado fiscal xeral de Évora, Luís Bilro Verao, segundo acaba de difundir a axencia Lusa de noticias.
E hai aínda outro punto máis chamativo na súa declaración que se require á fase de inquérito na que anda o proceso xudicial. Quixo salientar o fiscal que "nao foi excluída nenhuma linha de investigaçao" e que "prosseguirao diligencias, sob a direcçao funcional do Ministério Público, a cargo da Polícia Judiciária e que se desenvolverao de accordo com o correspondente plano establecido".
Pódese sumar a isto o compromiso rotundo que adquiríu hai poucas horas Clarence Mitchell deixando de ocupar o posto de alto colaborador do Goberno británico para asesorar a Kate e a Gerry MacCann. "Fago isto –dixo no lugar onde viven os pais de Maddieporque dou por certo que eles son vítimas inocentes dun crime fedorento, e estou listo para abandonar a miña carreira ao servizo do Goberno para asistilos". Segundo Mitchel, "o obxectivo da familia é atopar a Madeleine e saber por que desapareceu". Os MacCann volveron a recibir axudas económicas importantes para levar a cabo esta búsqueda e a demostración da súa inocencia. O dono da compañía aérea Virgin, Richard Branson, xa puxo á súa disposición 150.000 euros con esta finalidade.
O caso podería virar rapidamente cara unha solucción nos próximos días. No horizonte das sospeitas volve a aparecer a figura dun veterano colaborador da Policía portuguesa, o británico Robert Murat, e pode haber sorprendentes revelacións sobre persoas que mesmo ocuparon ou ocupan cargos públicos. Toca esperar. ¿Conforme, Almiral Mouchez?

miércoles, septiembre 19, 2007

Quen nos garda dos gardas?

Quem nos guarda dos guardas? Así titula Henrique Monteiro o artigo que publica esta semana na revista portuguesa Expresso, que comenza con este suxestivo e interesante parágrafo: "Fico bastante nervoso quando assisto a coros afinados em defesa da segurança; quando me vêm dizer que estao a libertar criminosos, quando se fazem manchetes sobre o perigo de um violador ser liberado ou de um assassino ficar en liberdade. Ainda fico mais nervoso quando o coro é, basicamente, composto por três ou quatro vozes: um punhado de policías cuja missao é prender; media dúzia de magistrados, cuja missao é acusar; alguns juízes que têm por missao julgar e um punhado de populistas cuja missao nao se percebe bem qual é, mas gostam de alarmar, de facer baixa política ou de, pura e simplemente, vender jornais a qualquer preço".
É evidente que Monteiro escrebe á sombra do desenvolvemento que está a levar o caso policial que orixinou a desaparición da nena británica Madeleine MacCann, pero o contido do seu artigo parece acaído tamén para comentar o que lle acaba de pasar ao estudiante norteamericano da Universidade de Florida Andrew Meyer. Por preguntarlle ao ex candidato á presidencia do imperio John Kerry se é verdade que pertenceu, coma George Bush, á sociedade secreta Skull and Bones que opera na Universidade de Yale, un grupo de policías de uniforme reducíuno á forza e levouno á comisaría como se fora un delincuente.
Como di Henrique Monteiro, "o equilibrio entre segurança e liberdade é difícil e é uma das mais antigas questioes. Já o autor latino Juvenal se interrogaba, nas súas 'Sátiras', sobre quem guardará os guardas ("quis custodiet ipsos custodes"). Porque estes arautos de segurança também devem eles prestar contas".
Eefectivamente, vendo o video que hai en YouTube sobre o que lle fixeron ao estudiante nortemaericano, 2.000 anos despois de Juvenal, cómpre repetir a súa pregunta. Quis custodiet ipsos custodes?

Frechazo?

Foto: Rosa Veiga


Reparen no cruzamento de miradas que se se produce entre a actriz Maribel Verdú e Anxo Quintana. Acaba de ocorrer en Ourense. Onde os ollos non pasean, o corazón non se recrea (refraneiro). A firmeza das miradas anuncia a fixeza dos principios. Moitas veces a alma abanéase cos ollos (Erasmo). Os ollos son mediadores do pecado (adaxio hebreo). Entender cos ollos é un atributo da fina sutileza do amor (Shakespeare). Cando me miras, mátasme... e se non me miras, máis. Son puñais que me cravas e mos volves a sacar (Manuel Machado).
Miradas, olladas... Embrasser d'un coup d'oeil. A vida segue

martes, septiembre 18, 2007

Botarates


Debe ser porque se aproxima un período electoral, pero o caso é que a vida política oficial de Galicia vai camiño de converterse nun patio de veciñanza mal levada. Touriño acaba de dicirlle a Núñez Feixóo que será un botarate se non recorre aos tribunais se tén a certeza de que se cometeu algunha irregularidade na adxudicación da autovía do Barbanza ou se, no caso contrario, non pide desculpas. "Teriamos á fronte da oposición a un auténtico botarate", foi a frase que pronunciou o presidente da Xunta.
A min non me disgusta que os políticos recorran á linguaxe sinxela da rúa para intercambiaren toxos e frores de vez en cando. Botarate é unha palabra coa que se podía compoñer un endecasílabo –non é a única, claro– e a súa sonoridade, aínda que algo redundante, tén o su aquel. Tampouco está mal de significado: persoa alborotada e de pouco xuízo. A súa orixe no verbo botar, dende a súa acepción de saltar, dalle dinamismo. Ou sexa, unha palabra desas que se poden botar –agora no sentido de lanzar ou arrebolar– ao morro de quen queira o arrebolante poñer a caldo. Dirá o lector que é algo tabernaria e ata badoca e se cadra leva razón, pero non sempre han ser tan politicamente correctos os nosos Winston Churchill. Ou si?
O que a min me sorprende é que a máxima autoridade galega lle diga ao líder da oposición que saia correndo cara o xulgado de garda se pensa que a conselleira Caride ou el cometeron algo supostamente ilícito ou delictuoso, e que non se aplique a si mesmo o siloxismo en bárbara. Touriño di que se sente calumniado e inxuriado por Alberto Núñez Feixóo. A calumnia e a inxuria seguen a ser un delictos na lexislación penal vixente. ¿Por que non acode el ao xulgado para denunciar os supostos delictos cometidos polo líder da oposición? Convida a que vaia Feixóo e non toma el a mesma medicina. ¿Por que?
O Código Penal Español de 1995, no seu artigo 205, define a calumnia como a "imputación dun delicto feita con coñecemento da súa falsidade ou con temerario desprezo cara a verdade". Tres artigos máis adiante, no 208, define a inxuria como "acción ou expresión que lesionan a dignidade de outra persoa, menoscabando a súa fama ou atentando contra a súa estimación". As calumias e as inxurias que sexan feitas con publicidade –estamos no caso de Feixóo e de Touriño– verán incrementadas as penas, segundo estabrecen os artigos 206 e 209 do Código Penal. E non estamos a falar de lilainas, pois o delicto de calumnia pode chegar a ter pena de ata dous anos de prisión e o de inxurias de ata 14 meses.
En resume, que de algo e de calquera maneira teñen que falar os políticos cando aventan propaganda electoral. Non lles abonda con facer promesas. Tamén precisan botar man das navallas dialécticas. Por certo, as mellores xa se saben cales son: as de Taramundi. Todo consiste en que non chegue o sangue ao Sar, que baixa moi contaminado cando pasa polo Instrumento.

lunes, septiembre 17, 2007

Günter Grass galego


Intere-
sante,
moi in-
teresan-
te, o que dixo Marcos Valcácel, no seu propio blog As uvas na solaina, a respecto da revista Teima, da que se están cumprindo trinta anos da súa aparición. Confesa o escritor nacionalista que en 1977, militando na AN-PG, na UPG, en ERGA, no Frente Cutural da AN-PG, na Asociación Culrural O Eixo, na Auriense e no Cineclube Padre Feijóo –¡vaia carreira!–, foille encargado pola UPG, a través de Bieito Iglesias, facer un estudio a fondo do semanario que dirixía Ánxel Vence e que el mercaba daquela e coleccionaba, e aínda garda agora.
“Tratábase de demostrar –di Valcárcelque era unha revisa ó servizo do españolismo e do que daquela chamabamos seudogaleguismo (PSG, APG, etc.)”. Engade o escritor e profesor que fixo o traballo “con xeito” e conclúe que “Teima non informaba da vida do que logo foi o Bloque (porque os seus dirixentes se negaban a ser entrevistados) e tiña unha liña prexuizosa contra o mesmo”.
Entre outros argumentos contra Teima sostén Valcárcel que “estaba o seu tratamento dos sucesos de Xove, o apoio a Ferrín con entrevistas (cando nacía a UPG-LP, escindida da UPG), a entrevista a Carlos Velo, que tamén falaba disto, etc.”. O ex censor di que fala de memoria porque non gardou copia do informe, e que “pouco despois fixera outro semellante para recomendar que a militancia nacionalista non lera 'El Viejo Topo' porque desanimaba os mozos con artigos sobre a ‘crise da militancia’ e outros antinacionalistas" (sic).
Sostén Valcárcel tamén que “daquela non coñecía a moitos dos promotores de Teima que co tempo foron tamén amigos meus; agardo que me perdoen este ‘traballiño inquisitorial’ que, supoño, non tivo influencia ningunha nas decisións da UPG, que xa acordara daquela (etapa Elvira Souto) boicotear totalmente aquela revista”.
Joder, tardei trinta anos en porlle nomes e apelidos aos que me “censuraban” daquela, porque algo me tocaría por ser un dos redactores de Teima que informou do de Xove, por exemplo. Salvando as distancias, que son moitas en todos os sentidos, Marcos Valcácel acaba de converterse no Günter Grass galego. De aí ao Nobel só hai un Miño.

Caso Madeleine: o seu tío refuta a Policía

Olegário Sousa,
policía cesado.



Lonxe de resolverse, o misterio da desaparición da nena inglesa Madeleine MacCann cada vez se enreda máis. A Policía portuguesa parece disposta a alimentar unha auténtica serie de novela negra filtrando continuamente informacións, mesmo contraditorias, que hoxe apuntan a que a cativa podería estar enterrada na igrexa da Praia da Luz, mañá din que foi botada ao mar dende o iate dun británico e, para dendoutro día, especulan con que puido ser queimado o seu corpo nun dos moitos crematorios ilegais que hai na zona ou mesmo na parte de España que limita co Algarve.
Foi tanta a maré interna que orixinou o caso que Olegário Sousa, o policía que fora designado para exercer a portavocía oficial das investigacións levadas a cabo en Portugal –por ter boa presenza, falar inglés e colocar ben as palabras– tivo que abandoar o posto queixoso de que constantemente estaba sendo ponteado polos dirixentes da investigación policial mediante filtracións interesadas á prensa portuguesa.
Paralelamente, medios británicos volveron a retomar as sospeitas que recaen contra o coordinador da Policía Judiciaria en Portimao, Gonçalo Amaral, que foi investigado por supostos malos tratos á portuguesa Leonor Cipriano durante a investigación que se levou a cabo sobre a desaparición da súa filla Joana, ocorrida tamén no Algarve hai poucos meses.
Para que o misterio se complique máis o semanario lisboeta Expresso publica hoxe unha entrevista con John MacCann, irmán do pai de Madeleine, na que refuta as teorías nas que sustenta a Policía Judiciaria todas as súas sospeitas. Di que o grupo de nove persoas que participou, co seu irmán Gerry e coa súa cuñada Kate, na cea que tivo lugar restaurante As Tapas o día da deaparición non beberon máis de "catro ou cinco botellas de viño", e non as 14 que foron filtradas á prensa.
Tamén nega que a familia de Maddie telefonara antes á cadea de televisión Sky News que á Policía. Segundo el, a Garda Nacional Republicana foi inmediatamente contactada, e só foi despois cando a súa irmá Patricia MaCann decidíu telefonar a Sky. John MaCann dá por certo que Gerry non tén ningún interese político, como se tén informado, e que foi el o que o puxo en contacto co primeiro ministro britanico, Gordon Brown. Revela igualmente que o diario de Kate, que está en poder da Policía, foi escrito por recomendación dun psiquiatra despois da desaparición da cativa.
Paga a pena botarlle unha ollada a estas declaracións. Pódense ver premendo aquí.

Nicole Neumann é agora La Hermana de Geraldine

Nicole Neumann cumpríu a medias. Segundo contan nun video os do Movimiento Ponete en Bolas Nicole, rebautizado agora como Movimiento Ponete en Bolas Hermana de Geraldine, o domingo pola noite recibiron unha caixa "de los allegados de su entorno" (da sex simbol se entende) que contiña roupa interior e unha carta explicando que ela cumprira as esixencias que lle plantexaron hai unha semana.
Logo dunha longa e dura discusión, os do Movimiento concluíron que Nicole cumprira literalmente no canto de quitarse a roupa e tomaron "como proba disto a entrega da súa roupa interior certificada por escribano público e posterior recoñecemento organoléptico a cargo do chucho (o can supostamente secuestrado)", que foi inmediatamente posto en liberdade.
Porén, o MPBN considerou que a promesa non foi cumprida "porque non se realizou seguindo o espírito do prometido, manténdose polo tanto unha deuda moral coa sociedade toda", polo que o Movemento condenou a Nicole "a ser nomeada de agora en diante e sempre que se mencione o seu nome como a Irmá de Geraldine".
Como consecuencia de todo isto, o Movimiento Ponete en Bolas Nicole cambiou de nome e pasou a chamarse Movimiento Ponete en Bolas Hermana de Geraldine. As prendas de roupa interior que foron entregadas como proba serán subastadas con outros obxectos do agora deominado MPBHG e todo o que se recaude será entregado á Sociedade Protectora de Animais.
Algo é algo.

sábado, septiembre 15, 2007

¡Ponete ya, Nicole!








A emoción Nicole Neu-
mann
está subindo. Logo de "arduas negociacións con el entorno", como din os de Movimiento Ponete en Bolas Nicole, aprazouse en 24 horas máis o ultimamtum para que a modelo cumpra a súa promesa de espirse en Buenos Aires.
Os promotores do MPBN sosteñen que se adiou o prazo a petición da sex simbol e que eles accederon. "¡Pero nin un minuto más!", segundo manifestaron. Desenlace, pois, o domingo.

¿Espirase hoxe Nicole Neumann?


¿Poñerase hoxe "en bolas" a sex simbol arxentina Nicole Neumann? Este sábado remata o prazo que lle deu un recente e ex profesamente creado Movimiento Ponete en Bolas Nicole (MPBN) mediante a difusión dun video no que a ameazaron con matar a Pichicho, un dos seus cans, se non se mostra espida tal e como estaba previsto que o fixera o pasado 29 de agosto para apoiar unha manifestación que tivo lugar en Buenos Aires contra a industria peleteira.
Ese día, a citada modelo non se atreveu finalmente a comparecer na manifa porque había moita xente e pedíulle ao condutor que a transportaba que dera media volta para desaparecer do lugar. Un grupo de veciños decidíu crear o MPBN e dirixirlle a Nicole esta mensaxe: "Cumplí tu promesa. Tenés hasta el 15 de septiembre para lograrlo. Si no, nos quedamos con este chucho, que creo que conocés, como seguro de vida. Es fácil lo que te pedimos: te sacás la ropa, te devolvemos el perro y todos contentos. Ahora, si no querés acceder, te lo hacemos abrigo para el frío".
A ver que fai hoxe Nicole. Estaremos ao quite.

viernes, septiembre 14, 2007

Ana Kiro


Tocoume entrevistar esta semana a Ana Kiro para A Nosa Terra, e foi unha bonita experiencia. En menos de media hora de conversación, respondeume sen titubear a 26 preguntas e non tiven que poñerme a suar para escoller un titular entre as súas frases. Falamos na linguaxe limpa e sinxela da rúa, e as palabras fluíron sen buscalas. Como se foran auga pura dunha fonte de Arzúa ou da Pontenova.
Só polo mérito de levar moitas décadas no oficio, entrevistei a centos de pesroas das máis diferentes profesións e pelaxes políticas e culturais. Pareceralles raro, pero foi a de Ana Kiro unha das entrevistas que máis me gustou persoalmente. Quizais só comparábel ás moitas que lle fixen a Camilo José Cela, a Jorge Luis Borges ou a Jorge Amado pola proximidade e a sinceridade das persoas entrevistadas. E iso que con Ana nunca cruzara antes unha soa palabra.
Gustoume dela ese xeito que tén de vivir á súa maneira, e non o digo só porque viva co seu home, rodeada de cans, nun outeiro de Mera dende o que se pode mirar e admirar toda a bahía e a cidade da Coruña. Deume envexa porque ela tén nove cans e eu só teño dous, pero gáñolle por goleada en número de gatos. Admiroume a súa maneira de agarrar a vaca polos cornos sen medo a saír corneada. Sen dúbida é unha muller valente que non aforra o agarimo nin a benevolencia. Quizais tardei demasiado tempo en coñecela. A mágoa é que non me gusten as súas cancións nin a súa arte como me poden gustar as de Amalia Rodrigues, poño por caso.
A Ana Kiro vanlle facer unha homenaxe este sábado en Mera. ¡Saúde e sorte, señora!

jueves, septiembre 13, 2007

Caso Madeleine, misterio sen resolver
















Na foto grande, Gonçalo Amaral. Á esquerda, Robert Murat. Na outra foto, Gerry MacCann cos seus fillos no Algarbe, nunha escea na que tamén aparece o suposto policía que pode parecer que os vixía.











O caso da nena inglesa Madeleine McCann, desaparecida en Portugal o 3 de maio, rematará converténdose nun tema de cine negro. De feito, xa hai quen está traballando nesa dirección coa lectura diaria de dous blogs que resultan contraditorios nas súas hipóteses, pero que sen dúbida son complementarios (www.master-of-fate.spaces.live.com/blog/ e www.escepticismocriminologico.blogspot.com).
Manexando algúns datos reais, o primeiro sostén a desacougante teoría de que os pais de Maddie, Kate e Guerry MacCann, están sendo vítimas dunha conspiración montada por determinados elementos da Policia Judiciaria portuguesa para facerlles "comer o marrón" de que foron eles os que causaron involuntariamente a morte da pequena e fixeron logo desparecer o cadáver. O autor deste blog, que escribe nun español cheo de xiros e vocabulario latinoamericanos que poden proceder de México pero tamén de Arxentina ("el cuerpo de la beba", "la pijama azul de Madeleine", etc.) relaciona a un dos inspectores que dirixe a investigación da desaparición de Madeleine, Gonçalo Amaral, cun caso de torturas, ocultamento de probas e falsificación de documentos que foi investigado internamente pola Policía portuguesa hai pouco tempo e que afectou tamén a outros catro funcionarios.
A verdade parece ser, en efecto, que Gonçalo Amaral foi un dos responsábeis de investigar un recente suceso moi sonado que lle custou unha condea de 16 anos de cárcere á portuguesa Leonor Cipriano, acusada de matar a súa filla Joana sen que nunca aparecese o cadáver nin evidencias totalmente probatorias da súa morte. Arredor deste suceso especulouse coa posíbel participación dunha rede de pedofilia que podía ter infiltrados na propia Policía. Lémbrese que en Portugal vivíuse recentemente un clima de alta preocupación por estes temas ao decubrirse que realmente existíu polo menos unha rede desta natureza na que estaban implicados políticos, policías, algún membro da xudicatura e mesmo figuras moi coñecidas da televisión.
Os que sustentan esta hipótese chegan aínda máis lonxe ao diciren que no caso de Madeleine están xogando mesmo intereses políticos e económicos que pasarían pola preocupación de que se extendera a versión de que no Algarbe poderían estar operando redes de pedofilia ou de tráfico de nenos que rematarían danando seriamente o turismo da zona, altamente surtido por británicos, alemáns e franceses. Tamén sosteñen que o que foi primeiro sospeitoso pola deaparición da nena inglesa, Robert Murat, é un dos colaboradores da Policía portuguesa á que prestou, por exemplo, servizos de traducción e ata chegou a movilizarse no Algarbe utilizando coches dese corpo de seguranza. Murat, coa súa noiva alemá Michaela Walczuch, rexenta unha axencia inmobiliaria que tén a súa sede moi cerca do local no que desapareceu Madeleine.
Outro punto misterioso que manexan os soportadores desta versión é o de que o pai da desaparecida está nunha foto que foi tomada con ela antes de sucederen os feitos do 3 de maio e na que tamén aparece un policía portugués en actitude de vixiar a escea. ¿Estaban sendo seguidos xa daquela os McCann?, pregúntanse os autores desta teoría da conspiración.
No outro blog, unha suposta experta española e criminoloxía, Elvira Saez de Alberola, trata de desenvolver a hipótese contraria que coincide case milimetricamnte coa que está aplicando a Policía portuguesa e que xa é sobranceiramente coñecida pola información que foi subministrando a Policía aos medios de comunicación, sobre todo os portugueses. Ensencialmente, consiste en supoñer que algún dos pais de Maddie, ou ámbolos dous, subministráronlle á pequena algún somnífero ou calmante co obxecto de faceren que os tres nenos durmiran mentres eles acodían a cear e beber viño cun grupo de amigos. A consecuencia deste tratamento, a nena morrería e logo os pais facerían desaparecer o cadáver coa axuda dalgún dos comensais desa noite para non vérense afectados polo efectos demoledores que podían derivarse para o seu prestixio profesional –os dous son médicos– de que se soubera o que pasou.
O malo de todo isto é que a auténtica vítima, unha nena de catro anos, non se sabe onde nin como está. ¿Pode estar aínda viva? Se está morta ¿quen a matou? ¿Onde está o seu corpo? Polo ben de todos cumpriría arranxar este caso canto antes e da mellor maneira posíbel, que non é outra ca da investigación policial e xudicial responsábel, solvente e civilizada. E, sobre todo, sen que ninguén –Policía portuguesa incluída– teña que comer ningún "marrón".

miércoles, septiembre 12, 2007

Deep Throat e Losadagate


Agora resulta que Benigno Sánchez, director xeral da Compañía de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), mandou investigar se se gravaron conversacións privadas na TVG. Dinme que iso é o que el mesmo admitíu diante do Consello de Administración da citada compañía pública. Xa só falta que Antón Losada presente unha demanda baseándose no suposto de que se fixeron esas gravacións cando el falaba cunha redactora xefa de Informativos para que un novo capítulo do escándalo Losadagate estea servido.
Empezo a pensar que, en todo isto, hai algo diso que se chama o mundo ao revés. ¿Para que precisa Sánchez abrir unha investigación interna? ¿Non lle abondaría con chamar ao seu despacho a esa Deep Throat do cambio galego chamada Celia Martínez, profesora de xornalismo –¡manda carallo!–, e facerlle el mesmo as preguntas clásicas do oficio? ¿Gravou vostede algunha conversación co túzaro Losada? ¿Que gravou? ¿Como o gravou? ¿Onde o gravou? ¿Cando o gravou? ¿Por que o gravou?
Claro que eu engadiría unha preguntiña máis. Preguntarialle se lle contou a alguén que informou inmediatamente á súa cadea de mando do resultado da gravación e mesmo pasou copia do que contiña a gravación. Digo isto porque está abondo claro que Benigno Sánchez escribíu a carta que lle mandou a Quintana só despois de coñecer o comportamento de Goebbels Losada, e non foi por adiviño precisamente como se enterou. Se ata o sabía Touriño que, días antes de que estalara o escándalo, se referíu á famosa gravación dicindo que estaba nas mans dun xornal e que el non podía parar a publicación do contido. Tan claro como estaba claro o intervencionismo de Losada que non só facía gala da súa linguaxe tabernaria falando con xornalistas da TVG senón tamén con outros altos cargos da Xunta aos que non dubidaba en ameazalos dicíndolles que agora ían ir polo seu conselleiro ou conselleira. Xa postos a investigar, que investiguen o que pasou en Educación, por exemplo, trala asombrosa polémica do himno galego.
Alguén está tratando de pechar este caso pondo a funcionar o ventilador en varias direccións. Dende a parte nacionalista do Goberno indo a por Benigno Sánchez, en vinganza quizais polo feito de que a parte socialista foi buscarlle antes as coxigas a Quintana golpeando na cabeza de Losada. Isto élles como en Sicilia. Cada un arranxa as contas como pode. Losada transmutándose en Pérez Varela e, dende a outra beira, gravando conversacións como no Watergate. Convertendo a redacción dunha televisión pública nun remedo de xornal sensacionalista dos baixos fondos londinenses.
Sería desexábel que todo este armadillo non sirva para que as árvores oculten o bosco. O primeiro e principal radica no que fixo Antón Losada exercendo un alto cargo da Administración galega, algo que lle custou precisamente o sillón, dígase o que se diga agora. Losada tería presentada a súa dimisión xa antes, pero a realidade crúa e dura é que a súa prsenza no Goberno sería insoportábel dende que El País descubríu os seus modos e maneiras de Hugo Chávez de licor café.
E logo está o desa Deep Throat porofesora e redactora xefa, que se volvera a nacer Intervíú habería que contratala inmediatamente para gravar cando telefonearan El Lute dende Vallecas ou Ruíz Mateos dende Frankfurt. Ou o propio Benigno Sánchez, que sendo licenciado en Dereito, non se parou a pensar na suposta ilegalidade cometida gravando o que dicía un comunicante, for alto cargo ou non, nin na alarmante distrofia comunicativa que significa admitir por carta que se renuncia ao deber e ao dereito de informar dende unha televisión pública “ata que por parte dese vicepresidente se nos indique expresamente outra cousa”. Dificilmente se pode atopar un exemplo documentado tan expresivo da incuria coa que moitas veces se castiga a información dende os medios públicos. Todo un director xeral admitindo por escrito que na TVG se deixa a escuras os televidentes porque un alto cargo lle dá a gana de prohibir que falen del. Ou sexa, que Touriño sae moito nos telexornais porque o pide, e Quintana nada porque o prohíbe. Chámase información á carta política. Que é así xa se sabía, pero faltaba que alguén o manifestara por escrito. Pobres xornalistas da TVG. ¡Se aínda quedan!

martes, septiembre 11, 2007

Caso Madeleine, persoas que pasan de bestiais a bestas en segundos



O culebrón que está deixando escribir a Policia Judicial de Portugal arredor do caso da nena inglesa Madeleine McCann, desaparecida o 3 de maio en Praia da Luz, concello de Lagos, Algarve, é dos que xa están pedindo un Almeida Garret que vaia engrosando o romanceiro local porque é evidente que o caso aínda non dá para un Truman Capote de sangue fría.
Non entenderei nunca ben esa figura da criminaloxía portuguesa que consiste en por a termo de identidade e residencia o sospeitoso ou sospeitosos de cometer algún delicto baixo a denominación de argüído. Levado da lóxica cartesiana e do principio elemental de que todo deus é inocente mentres non se demostra o contrario, pensaba eu que a falta de probas para acusar a alguén de ultrapasar o límite do legal compría presumir inocencia aínda a risco de que un culpábel andivese libre pola rúa. Polo visto, a lexislación portuguesa tén niso do argüído unha ferramenta intermedia que coloca os sospeitosos nunha situación moi próxima á dos encartados e que pode dar lugar a non poucas situacións apuradas aos que a sospeita ou o simple indicio coloquen nas periferias do crime.
Aparentemente, esta é a situación que lles está tocando vivir aos pais de Maddie, Kate e Gerry McCann, dous médicos británicos que pasaron de vítimas a sospeitosos coa mesma facilidade coa que chegaron a converterse en estrelas mediáticas cando desapareceu a súa filla, “argüídos” por esa figura legal portuguesa que digo non comprender dende a miña condición de lego total na materia.
Poucas horas antes de que escribira estas liñas, a Policía portuguesa entregoulle ao Ministerio Público (Fiscalía), en Portimao, o relatorio preliminar cos termos e os contidos do inquérito que levou a cabo durante a investigación dirixida sobre os pais da nena desaparecida xa hai máis de tres meses. Terá que ser, probabelmente nas próximas horas, esa Fiscalía a que lle propoña ao xuíz que leva o caso medidas inmediatas ou polo menos próximas.
Mentres tanto, os “arguídos” xa regresaron a Inglaterra e contrataron a un dos mellores abogados do seu país, Michael Caplan, precisamente o que defendeu o ditador chileno Augusto Pinochet cando estivo preso en Londres por orde do xuíz español Baltasar Garzón. E, de paso tamén, se abríu en Portugal un preocupante xuizo mediático e popular paralelo no que cada día que pasa perde máis puntos a presunta inocencia dos pais de Maddie. Acabo de ler ducias ou centos de cartas e correos electrónicos recibidos nos medios de comunicación portugueses e campa no seu conxunto unha case inquisitorial caza de meigas que non dubida en botar man do nacionalismo e do patriotismo locais para arrearlle aos ingleses como se tratase dun ancestral arranxo de contas cos fillos da “pérfída Albión”.
Tamén hai que recoñecer que este resentimento nacionalista portugués foi aguilloado por unha parte dos mass media anglosaxóns que non dubidaron en aplicarlle a este suceso ocorrido en Portugal criterios de superioridade algo noxentos. No programa de Larry King, na CNN, chegouse a falar de “brain dead” e de “retarded” facendo referencia á investigación policial levada a cabo, e nos tabloides sensacionalistas londinenses o desprezo á intelixencia local non foi moito menor.
Postas así as cousas, o desgrazado suceso de Maddie da moito que pensar. ¿Son os pais da nena culpábeis do que sucedeu? ¿Poden ser non só vítimas pola súa desparición senón obxecto dalgún "marrón" que lles queira facer "comer" a Policía portuguesa, como xa empezaron a insinuar eles mesmos? Calquera das dúas hipóteses poden ser igual de arrepiantes. Como deixou escrito unha pluma anónima no buzón do semanario lisboeta Expresso, “admito todos os cenários, mas en qualquer deles recuso-me a viver unha Idade Media onde as pessoas passam de bestiais a bestas en segundos”.

(Non) Hai debate, o que hai é moito tomate


Onte tamén tivo rentrée o programa da TVG Hai debate, con Anxo Quintana de super star, e nin os tres xornalistas convidados (Ernesto Sánchez Pombo, Xan Carballa e Arturo Cerviño) nin a condutora (Ana Rodríguez) mostraron moito interés en que o vicepresidente da Xunta afondara na recente crise política que determinou o cesamento de Antón Losada como secretario xeral de Relacións Institucionais.
A ocasión parecía pintada para que lle tiraran da lingua ao líder nacionalista, pero todos padeceron un ataque súbito de corrección política que lles impedíu honrar o nome que leva o programa. Máis que debate, o que houbo con Quintana foi tomate. Algo que ocorre, por outra parte, case sempre neste espazo da TVG que empezou prometendo polémica e está rematando case no encefalograma plano.
Con todo o que choveu e segue aínda orballando sobre o affaire da gravación que precedeu a cesamento de Losada e o seu intento de censura nos informativos da Galega, non era preciso que Quintana se sentase en Hai tomate. Abondaría que o levaran a un Hai debate como Deus manda para que os televidentes, que nalgunha proporción tamén somos teleouvintes, puideramos pasar unha noite divertida e, de paso, enterármonos de quen e como asou a manteiga dos últimos aconteceres escandalosos da Xunta. Pois non, empeñáronse todos, Quintana incluído, en pasar sen pena nen gloria repetindo dous ou tres lugares comúns da polémica e os "clientes" tivemos que agardar, por exemplo, ao día seguinte para enterarnos por Galicia Hoxe de que non é só no PP –tamén no BNG– onde se piden cabezas pola gravación supostamente ilegal das arroutadas cometidas polo ex secretario xeral do vicepresidente cando falou por teléfono, con tacos e insultos comprendidos, cunha tal Celsa Martínez que exerce de redactora xefe nos Informativos da Galega.
O caso desta señora ou señorita tamén é dos de traca. Seguramente pensando que estaba a traballar na redacción dos primeiros anos de Interviú, deulle a tecla rec sen encomendarse nen á lexislación vixente nin a rabos de gaitas. Gravou, sen avisar, o que lle estaba dicindo un alto cargo da Administración á que pertenece a súa propia empresa e quedouse tan tranquila. Ou, se cadra, tan tranquila non porque, en vez de gardar a cinta nun caixón con sete chaves, ela ou alguén que sabía o que ela fixera mandou o recado da gravación a un xornal que publicou parte do seu contido.
Esta xornalista que, polo que din, é, ademais, profesora da Facultade do ramo na Universidade de Santiago –¡anda que tamén esta Facultade!– vai pasar á recente historia galega coma a gorxa profunda do affaire Losada. A Deep Throat do cambio político galego. Grazas a ela demostrouse que no bipartito había un Pérez Varela bis que non admiraba a Carmiña Burana senón a Zeus, o deus dos tronos. E, grazas a ela, tamén se soubo que hai espías e espionaxes no bipartito. ¿Cando vai facer Reixa unha película que se titule Losadagate ou Teléfono roxo, voamos cara a Allariz? Digo Reixa por dicir alguén, porque dubido que o de Vigo sexa o máis indicado para contarnos as falcatruadas dos amigos.
Haberá que seguir o tema. Sen esquencerse dun director xeral da TVG, Benigno Sánchez, que renegou por carta da súa obrigación de promover unha televisión pública que informara pluralmente do que acontece en Galicia cando lle dixo ao vicepresidende da Xunta que ía dar "instruccións para que os Servizos Informativos da TVG se absteñan de acodir aos actos da Vicepresidencia da Xunta de Galicia ata que que por parte dese vicepresidente se nos indique outra cousa". Sen comentarios, de momento.