martes, febrero 12, 2008

Franco Grande cántalle as corenta á Igrexa Católica

Ben que dá no cravo Xosé Luís Franco Grande no artigo que publica hoxe en La Voz de Galicia. O escritor que alporixou recentemente a toda a plana maior da actual intelectualidade orgánica galega, argumentando que a narrativa do país non é tan boa como acostuman a pensar os seus autores e críticos, pon no seu sitio a mesmísima Santa Sede porque pensa que "é desavido dar 'orientacións' morais a unha sociedade cando a asociación que as pretende dar nega os máis elementais dereitos humanos universalmente aceptados por todos os estados do mundo". E di Franco Grande "aceptados, non sempre observados, que é outra cousa".
Resulta chocante ver como "entre os algo máis de cen tratados internacionais sobre dereitos humanos, a Santa Sede só se adheríu a dez, máis ou menos intranscendentes, pero non á Convención de Dereitos Humanos de 1948, nin sobre a eliminación de discriminacións sexuais, nin as relativas á protección de pobos indíxenas, dos dereitos dos traballadores, das mulleres, defensa da familia e do matrimonio. Está por embaixo de Cuba, Irán ou Ruanda".
Por se houbera dúbidas, Franco Grande aínda lle canta máis as corenta ao Vaticano: "Tampouco ratificou as convencións contra xenocidios, crimes de guerra, crimes contra a humanidade e contra o apartheid. Nin as que se refiren á escravitude ou a traballos forzados. Nin a que prohíbe a tortura e a pena de morte, eles tan defensores da vida e da 'alma' do feto. Nin sequera entre eles aceptan os dereitos humanos: a liberdade de pensamento é unha das teimas do actual Santo Oficio, que actúa con ferocidade impoñendo silencio, condenando ao ostracismo e perseguindo a intelixencia".
Todas estas cousas fan que a Franco Grande lle custe admitir que "alguén, en circunstancias tan inhumanas, se poida sentir lexitimado para dar leccións morais á sociedade", e dilles aos dirixentes da Igrexa Católica que as garden para si, "que boa falta lles farán". Podíase dicir con máis palabras, pero non mellor do que o di o autor do artigo.

No hay comentarios: