jueves, julio 03, 2008

Xosé Luís Baltar, patrón de Ourense

Lorena Negreira foi a única persoa que se presentou á oposición convocada pola Deputación de Ourense para cubrir unha praza docente de percusión da Escola de Gaitas da institución provincial que preside o histórico e famoso líder do PP ourensán Xosé Luís Baltar. Non lle serviu de nada ser a única en facer o exame. Logo de responder a unha serie de preguntas que, segundo ela, “non tiñan nada que ver co posto de traballo”, media hora despois de remataren as probas, enterouse de que lle puxeron un cero.
Cando mirou a nota no taboleiro da Deputación, Lorena pensou que alguén estaba a rirse dela. O tribunal formárono, entre outros, Francisco Cacharro Gosende, secretario xeral da Deputación, e Carlos Núñez, ex director do Conservatorio Profesional de Ourense. “Sentín que se riron de min –manifestou a afectada– e inmediatamente pensei en presentar un recurso de alzada que xa entreguei, e, se en tres meses non me responden, denunciarei todo o que pasou no julgado contencioso-administrativo”.
Antes do exame a Lorena Negreira, que toca percusión e batería no grupo musical Ergom, xa lle chamara a atención que na convocatoria para seleccionar dous profesores de gaita e un de percusión non se detallasen as bases, polo que foi falar co director da Escola de Gaitas, Xosé Luís Foxo, que lle dixo que non lle podía contar nada porque a súa propia muller era unha das candidatas a unha das prazas de gaita, que de feito foi para ela.
Por outra parte, segundo a versión da examinanda supendida, foi o propio presidente da Deputación, Xosé Luís Baltar, quen lle dixo que a praza en cuestión foi expresamente creada para o profesor que a estaba desempeñando e que este, por un erro nas bases da convocatoria, non se puido presentar porque non cumpría os requisitos.
Alfredo García, voceiro do PSdeG-PSOE na Deputación ourensá, tomou nota do asunto e xa reclamou que Baltar explique como foi o proceso de selección da praza de profesor de percusión cuestionada. Segundo o representante socialista, o caso da candidata excluída non é nada novo e correspóndese coa política de “confección en plan xastre á medida” do cadro de persoal da Deputación para iren os seus responsábeis pagando favores.
De feito, segundo consideran os socialistas de Ourense, as contratacións feitas a dedo polo equipo de Baltar son o pan de cada día da Deputación. O penúltimo caso ocorreu na nova oficina de recadación de Vilamartín, para a que foi contratado un concejal do PP do Barco de Valdeorras, “sen darse publicidade dos novos postos de traballo para que outras persoas non puidesen optar a eles”.
Alfredo García anunciou que o PSdeG-PSOE esixirá que, no próximo pleno da Deputación, se abra un debate sobre a “arbitariedade e caciquismo” que poderían estar dándose nos procesos de selección de persoal do organismo provincial que preside Xosé Luís Baltar.
Xa se dicía hai moitos anos que Ourense era unha sociedade anónima con tres accionistas: a Deputación, Coren e o xornal La Región. ¿Será agora unha sociedade familiar limitada?

2 comentarios:

Anónimo dijo...
Este comentario ha sido eliminado por un administrador del blog.
Anónimo dijo...

Parabéns á denunciante pola valentía... todo o mundo sabe como funciona a Deputación de Ourense e ten que vir unha persoa anónima a facelo visible...
Ogallá houbera máis iniciativas tan valentes coma esta!