domingo, noviembre 30, 2008

Bragado e Arume dos Piñeiros contan a homenaxe a Valcárcel







Manuel Bragado
, en Faro de Vigo, e Arume dos Piñeiros, no seu Arumes, ofrecen hoxe dúas boas crónicas da homenaxe que lle foi ofrecida onte en Ourense a Marcos Valcácel.

sábado, noviembre 29, 2008

Marcos Valcárcel


Esta tarde, en Ourense, Marcos Valcárcel recibirá a homenaxe que tanto merece por moitas e variadas razóns. Presentará o seu libro Historia de Ourense e reunírase a cear con amigos e admiradores que chegarán de toda Galicia e mesmo de fóra. Coido que eu non vou asistir físicamente. O tempo e as témporas téñenme amorriñado e non ando con forzas de sobra para meterme na boca dun inverno que caeu enriba de min como un témpano despois de vivir as últimas semanas no verán adiantado de Arxentina.
Asistirei, dende logo, de corazón e de espíritu. Aínda que só fose por ser o motor da esplendorosa ventá aberta que é o seu blog As uvas na solaina, Marcos Valcárcel é merecedor da miña solidariedade e da miña admiración nun día como o que hoxe está a vivir. Sen contar, ademais, os outros méritos de nacionalista competete, historiador e docente que adornan a personalidade do homenaxeado.
Marcos está a vivir, por outra parte, un dos momentos difíciles da súa vida por ter que enfrontar unha grave enfermidade semellante á que padece o científico británico Stephen Hawking. Amigos comúns cóntanme que a súa vontade de superación é case infinita e, gazas a ela e os avances médicos que están a producirse precisamente nestes momentos, Marcos Valcárcel seguirá sendo a figura senlleira do galeguismo crítico e progresista que representa.
Tiven máis dunha vez algunhas diferenzas ideolóxicas e interpretativas coa alma mater das Uvas na solaina, pero nunca pechei os ollos para ver e admirar cordialmente o incansábel labor de quen, coma Valcárcel, traballa arreo e intelixentemente pola súa terra, as súas xentes, a súa cultura e o seu mediomabiente. Marcos, por dicilo cunha palabra pasada de moda, é un home comprometido, un auténtico engagé se houbera que seguir a terminoloxía sartriana, e por iso eu admíroo máis aínda. Por tratarse de alguén que non mira para o o lado senon dunha persoa que sabe e quere ser do seu tempo e do seu país.
Por todo isto e por moito máis, como dixo Bragado no seu Brétemas, hoxe todos estamos con Marcos Valcárcel.

viernes, noviembre 28, 2008

Correxidor correxido


Segundo publica hoxe La Voz de Galicia, resulta que a Xunta pode acabar tendo que pagar unha multa comprendida entre 300.506,06 e 601.012,10 euros por irrespectar o artigo 10 da Lei Orgánica de Protección de Datos publicando na web da Consellería de Presidencia datos persoais correspondentes a unha prestación por incapacidade recibida por unha muller de Lugo.
A mediados do 2006, un funcionario da propia institución que agora pode ser sancionada marcou en Google o seu nome e apelidos e a súa sorpresa foi ver que aparecían os datos da súa muller, que deberían ser confidenciais, por recibir unha prestación otorgada polo Fondo de Acción Social Autonómico. A Consellería de Presidencia publicaba sen filtros a relación de admitidos para recibiren esas axudas, e o mesmo listado tamén foi colgado nas páxinas web de sindicatos coma CIG, CCOO e UXT.
O afectado contactou co xefe de Informática da Xunta e cos sindicatos solicitándolles a retirada dos datos, pero non lle fixeron ningún caso que se vise reflectido na práctica, e denunciou o feito en setembro de 2006 na Axencia Española de Protección de Datos. Dous anos máis tarde, este organismo deulle a razón en primeira instancia indicándolle que a Consellería de Presidencia puido cometer unha infracción contra o artigo 10 da Lei Orgánica de Protección de Datos por non teren garantido o segredo profesional nin o deber de gardar os datos persoais o responsábel do ficheiro nin os demais funcionarios que interviron no caso.
Non é a primeira vez que ocorren estas cousas. Pódese lembrar que na Consellería de Vicepresidencia e Igualdade pasou algo parecido sen que ningún afectado presentase unha denuncia parecida á que formulou oficialmente o funcionario lugués que se viu respaldado pola Axencia Estatal de Protección de Datos. Ámbolos casos poden representar unha seria dúbida sobre como está xestionando a Administración Pública galega os dereitos dos cidadáns. En principio resulta chocante que os que teñen competencias para controlar e sancionar os comportamentos individuais, dentro da súa obrigación de cumprir e facer cumprir a lexislación vixente, aparezan logo cazados en desleixos, incompetencias ou incumprimentos coma os que agora lle poden custar á Xunta unha multa de 600.000 euros (1.200 veces a pensión mensual de Edelmiro, o paisano ourensán que tivo que mandaR a súa muller a unha residencia por non poder atendela). Menos mal que aínda vai habendo, ás veces, quen corrixa o correxidor.

miércoles, noviembre 26, 2008

Edelmiro


Se eu fose Anxo Quintana segura-
mente dimitiría do cargo de vicepresi-
dente da Xunta nada máis ler o artigo que hoxe publica Xosé Carlos Caneiro en La Voz de Galicia. Ou polo menos caeríame a cara de vergonza. Debería dicir despois de ler a segunda parte da estremecedora denuncia que fai o escritor de Verín sobre o caso de Edelmiro, un paisano que cobra 500 euros de pensión e que tivo que internar a súa muller nunha residencia na que lle cobraban 1.200 cada mes. O vicepresidente da igualdade que non existe e que, polo tanto, debería chamarse desigualdade, prometeulle unha axuda que nunca lle chegou. Agora a Edelmiro xa non lle fai falta, pola sinxela razón de que lle morreu a muller e non ten que seguir pagando a imposíbel fatura da residencia.
Di Caneiro que a Edelmiro “Quintana sempre lle pareceu un bo tipo ata hai algúns meses, cando se percatou de que pagar 1.200 euros cunha pensión de 500 é moi complicado”, e engade que “estas cousas, que son as que lle pasan á xente da rúa, non lles importan aos grandes políticos. As súas cifras son outras e os seus xestos, cando se sentan na poltrona do poder, tamén. Quintana, que é dos que repetiron toda a súa vida e con constancia a palabra xustiza, leva tempo preocupándose moito das grandes cifras e moi pouco polas pequenas. Moito polos abrazos en masa, e pouco polos abrazos íntimos, que son os que duran toda a vida”.
Caneiro, se soubera algo de dialecto siciliano, podería mellorar quizais esta última expresión botando man dun proverbio que utilizan moito os labregos da illa dos mafiosos, que di que Amicu cu tutti, confidenti cu nuddu (Amigo de todos, confianza con ninguén). Algo disto lle está empezando a pasar ao líder do BNG. Abrazos por aló, sorrisiñas por acolá, e pouco ou nada por acó. Calquera día os curas han ter que facerlle a súa bolla de componenda, que en latín se dicía taxa cancelleriae et poenitentiariae romanae, e descúlpenme que hoxe me sinta algo siciliano, pero é que acabo de volver de Buenos Aires e alí hainos a patadas, polo menos de ascendencia.

martes, noviembre 11, 2008

Mercedes Sosa e a presidenta arxentina

Está vivindo Arxentina un momento álxido no que probábelmente se debaten importantísimos temas que van afectar o seu futuro. Un deles é a política socializadora emprendida pola presidenta Cristina Fernández, que aquí seguen empeñados -os medios de comunicación sobre todo- en chamarlle de Kirchner. Xunto á resaca que está deixando o proxecto de incautar os fondos privados de pensións (AFJP), a cada vez máis indisimulada intención de recuperar algunha das importantísimas empresas arxentinas que pasaron a mans estranxeirasas durante o ignominioso período gubernamental de Menem, está pondo mal dos nervios a empresarios coma o español Marsans.
A Cristina Fernández, unha avogada de ideas inspiradas polo peronismo de esquerda que nunca ocultou, acusábaselle de entremeterse demasiado na política arxentina durante o tempo que foi presidente o seu home, Néstor Kirchner. Curiosamente esa mesma cantiga cántana agora determinados medios europeos e norteamericanos que case chegan a presentar a actual presidenta dos arxentinos coma un xoguete a punto de romperse do kirchnerismo. Un deses medios é o español El País, no que a súa recén incorporada nova correspondente en Buenos Aires, a veterana xornalista Soledad Gallego-Díaz, acaba de publicar unha crónica, o pasado día 9, que parece certamente inspirada nas interpretacións que reiteradamente ven publicando o semanario bonarense Noticias, editado polo polémico Grupo Perfil de Jorge Fontevecchia, que no seu día non lle fixo ningún asco ás ditaduras militares de Galtieri, Massera e compañía.
Seguramente hai algunhas circunstancias que axudan a entender esa inspiración xornalística. Perfil é agora o novo partner do diario da familia Polanco, que ten en Buenos Aires a empresa local Diario El País de Argentina, S.A. e que imprime nos obradoiros de Perfil a súa edición arxentina.
Precisamente estes días está viva en Buenos Aires unha polémica desencadeada polo semanario Noticias por ter acusado a figuras importanísimas da vida pública local como Mercedes Sosa, León Gieco, Teresa Parodi e Adriana Varela, entre outras, de "venderse" ao kirchnerismo polo prato de lentellas de ter sufragado o goberno arxentino a súa participación na recente celebración da auga que houbo en Zaragoza (España). Realmente o semanario de Perfil non aportou probas convincentes de tal "venta" senón que se limitou a practicar unha nada disimulada manipulación da realidade que rapidamente foi contestada por un escrito que fixeron público un nutrido grupo de prstixiosos intelectuais, artistas, xornalistas, cineastas, científicos e escritores que evidenciaron os intereses ocultos que moveron a Noticias a facer a súa falsa denuncia. "Nosotros -din na carta firmada por eles-, miembros del campo cultural de la Argentina, vemos con preocupación la campaña periodística que pretende instalar la idea de que Mercedes Sosa, León Gieco, Tersa Parodi, Adriana Varela y Litto Nebbia, entre otros, todos ellos reconocidos exponentes de nuestra cultura popular, pueden ser "comprados" para brindar apoyo político a un gobierno. Reivindicamos sus trayectorias y mediante esta carta abierta manifestamos nuestra solidaridad ante esa acusaciones agraviantes".
Outro semanario porteño, Veintitrés, recolleu a antorcha e arremeteu esta semana contundentemente contra a política informativa do socio arxentino de El País. Nun longo artigo editorial firmado por Roberto Caballero, cita a un autor de culto arxentino, Rodolfo Walsh, que escribiu estas palabras: "Nuestras clases dominantes han procurado siempre que los trabajadores no tengan historia, no tengan doctrina, no tengan héroes y mártires. Cada lucha debe empezar de nuevo separada de las luchas anteriores: la experiencia colectiva se pierde, las lecciones se olvidan. La historia aperece así como propiedad privada cuyos dueños son los dueños de todas las otras cosas". Realmente esta interpretación de Walsh está cobrando vixencia na política arxentina que preconizan determinados e poderosos mass-media.
Cristina Fernández, a presidenta, non é que sea un personaxe asimilábel a Hugo Chávez ou a Evo Morales, por exemplo, pero xa ten gañados abondos inimigos que se empeñan en facela pasar por unha perigosa revolucionaria que cómpre controlar como sexa. Sen ser precisamente unha feminista comas que pintaron o que hai na foto que acabo de tomar nun dos piares da catedral de Buenos Aires, está empezando a representar tamén algo de esperanza para a igualdade entre homes e mulleres. Arxentina está a vivir unha etapa interesante. Non hai dúbida.

domingo, noviembre 09, 2008

A Chacarita











Nas miñas viaxes anteriores a Buenos Aires, que deberon ser seis ou sete polo menos, nunca visitei o cementerio da Chacarita. Impedíronme facelo ocupacións profesionais urxentes e, nin na época da ditadura militar nin logo gobernando Raúl Alfonsín ou Menem puiden chegar ao Panteón do Centro Galego antes de seren trasladados a Galicia o restos de Castelao ou, máis recentemente, os de Ramón Suárez Picallo.
Desta volta estiven na Chacarita cuxa entrada principal foi remozada hai pouco e aparece agora fastuosamente iluminada pola noite. Antes de ir ver este camposanto, que é un dos máis interesantes do mundo, pasei de noite diante del en taxi de volta de ver a unha sobriña poeta alófono arxentino Eduardo Jorge Bosco e, ao ver esa entrada iluminada, díxenlle ao taxista: "E logo iso que é?". "A Chacarita", respondeume. "Ah, pois teño que vir eu mañá ou pasado", ocorréuseme indicarlle. E o taxista, máis rápido ca unha unha pulga, engadíu: "Deséxolle que sexa só de visita". Foi unha mostra dese humor porteño que non é difícil atopar pola inmensas rúas bonarenses.
O caso foi que acudín ao Panteón do Centro Galego este sábado e causoume unha emoción difícil de expresar. A súa arquitectura pesadamente gris e pretenciosa, coa capela dominada pola cruz que lle fixo o escultor Asorey, e as impresionantes cavas mortuorias case diría que causan algo de pavor, independentemente do extraordinario valor simbólico que quixeron darlle a este lugar que empezou a construirse en 1918 e que rematou co Panteón inaugurado o 25 de xullo de 1932, aínda que non se completou totalmente ata 1943. Din os que o fixeron que se tratou de facer unha réplica da colexiata santiaguesa do Sar, pero a verdade é que eu non lle vexo unha posíbel comparación. O altar da capela, esculpido por Asorey, enmárcase nunha cúpula que contén vidreiras que simbolizan o Apóstolo Santiago e os santos Froilán e Pedro de Mezonzo. No altar tamén hai unha imaxe da Virxe de Luján.
Neste lugar permaneceron moitos anos os restos de Alfonso Castelao e Ramón Suárez Picallo, e aínda están os de Elpidio Villanueva, Faustino Villanueva, Avelino Díaz, Manuel Cordero e o xeneral republicano Martínez Monge, entre outros.

viernes, noviembre 07, 2008

A Orbea de Buenos Aires


Diranme que estou afeccionándome ás bicicletas. O outro día escribía aquí sobre a Montante que lle regalaron a Andrea Camilleri, que puiden fotografar no aeroporto siciliano de Palermo. Pois hoxe descubrín outra bicicleta importante, que non é tan antiga pero si máis emocionante para os galegos.
Descubriuma Paco Lores, presidente da Federación de Sociedades Galegas da Arxentina e representante do BNG en Buenos Aires, mentres me mostraba a histórica institución que goberna no número 955 da rúa Chacabuco da capital arxentina. Trátase dunha Orbea que levou canda el o emigrante galego Xosé Dapía Feixóo, desmontada por pezas e metida nun baúl que tamén se conserva no museo da Federación de Sociedades Galegas dende que os dous obxectos foron donados polos descendentes de Xosé Dapía.
A bicicleta viaxou a bordo dun barco que atracou en Buenos Aires o 26 de xullo de 1952, precisamente o día no que finou Isabel Duarte de Perón, a famosa Isabelita que tanto emocionou aos arxentinos para ben e para mal.
Cando era neno eu tiven unha bicleta parecida da mesma marca, na que ía a escola de Santalla, na Pontenova (Lugo). Por desgraza só se conservou dela un pedazo do "cuadro" que se dicía fabricado con aceiro de Bilbao. Que queren que lles diga? A min emocionoume máis esta bicicleta que levou este emigrante galego a Buenos Aires ca que lle regalaron a Andrea Camilleri.

jueves, noviembre 06, 2008

Pepiño de Teis

Nunha terra tan pródiga en homenaxes de circunstancia, se hai alguén que mereza unha de verdade, ese é Xosé González, Pepiño de Teis, que é como lle chamamos os amigos dende os tempos da longa noite de pedra. Poucos traballaron tanto e tan ben coma el a prol da normalización da lingua galega. A súa constante e eficaz axitación levada cabo no terreo da administración pública, sobre todo, xa é digna de que lle vaian facendo algunha tese universitaria. Sen Pepiño de Teis hai moitas cousas que non serían igual en Galicia.
O día 13 recibirá merecidamente o Premio San Martiño nun acto que terá lugar ás 19,30 horas no Teatro Principal. Despois o homenaxeado reunirase cos amigos nunha cea a que non poderei asistir por seguir aínda en Buenos Aires. Parabéns, Pepiño.

Obama e Colmeiro en Buenos Aires


Buenos Aires está marabilloso. Aínda non caen sobre a avenida máis ancha do mundo os calores terroríficos que van petar dentro de poucos días, e a cidade móstrase esta temporada máis amábel que nunca. Os porteños están afeitos a vivir entre sobresaltos económicos e xa non poñen mala cara cando o país se dolariza cada vez máis. "¿Que como vivimos? Pues esta semana bien. Y la que viene ya veremos". É unha das respostas que lle dan a un cando pregunta.
Aquí o é tremendo éxito electoral de Obama está sendo ben recibido. "Otro país" titula Página 12, o xornal dos progres locais, que engade que "os norteamericanos votaron por el cambio tras tres años de oscurantismo militarista y políticas ultraliberales que llevaron al pantano iraquí y la peor crisis desde 1930".
Clarín, o rotativo de maior circulación en Arxentina, informa na primeira páxina de que "Obama armará un gobierno con figuras de los dos partidos". Según este xornal, en Washington xa se fala de demócratas relevanes, como John Kerry, o ex candidato presidencial, e ata de Hillary Clinton, pero tamén dos republicáns Schwarzeneger e Collin Powell, militar e ex chanceler de Busch. Segundo Clarín, o poderoso aparato militar de Estados Unidos, representado polo Pentágono, quedaría en mans republicanas.
Polo demais, volvín a emocionarme cos murais que pintou o artista galego Manuel Colmeiro para a Galería Pacífico, magnífico centro comercial que segue vivo na rúa Florida. No medio da marea de turismo comprador de "camperas" e zapatos de coiro, a bóveda deste eidificio representa unha illa para a memoria e contemplación artística. Por certo, na súa porta sempre hai algunha boa manifestación de bailadores de tango. Moi preto de aquí, na rúa Maipú, vivía Borges, que non era precisamente un admirador empedernido dalgunhas versións do baile máis coñecido de Arxentina.

miércoles, noviembre 05, 2008

Con Marcos Valcárcel

Escribo esta entrada urxente dende Buenos Aires para dicir que me sumo de corazón á homenaxe que lle van a dar a Marcos Valcárcel en Ourense o próximo día 29. Segundo me conta Manuel Candelas Colodrón nun correo que acabo de ler, esta homenaxe vai consistir nunha cea que terá lugar ás 21 horas dese día no restaurante San Miguel. Dime tamén que os que queiran asistir deberían ingresar o importe da cea (30 euros) ná conta de Caixa Galicia número 2091 0400 88 3040045410 (Homenaxe-Cea Marcos Valcárcel) antes do día 25.
Aínda non sei que vou regresar a Galicia a tempo de asistir (en principio a miña volta está prevista para o día 22), pero o que teño claro é que, con presenza física ou sen ela, eu serei un dos que estaremos con Marcos Valcárcel, que agora mesmo se atopa padecendo un delicado estado de saúde. Meréceo ben, entre outras cousas, por ser o inspirado animador do blog As Uvas na Solaina.