miércoles, febrero 04, 2009

A rede de Fenosa

Interesante información a que publica hoxe en El País Julián Rodríguez. “Fenosa lleva tres años invirtiendo más en producir que en mejorar la red”, sinala o titular. E así nos vai aos sufridos consumidores das Forzas Eclépticas do Noroeste, Sociedade Apocalíptica.
En realidade, o reporteiro non descubre nada que non se soubese, pero agradéceselle que o poña de manifesto agora que tanto chove sobre mollado. Producir electricidade antes que mellorar a rede está sendo a prioridade investidora da empresa que fundou un conde franquista. Nos últimos tres anos, Fenosa destinou 409,8 millóns de euros a producir enerxía e só 284,2 á rede de distribución de media e baixa tensión. Nos anos anteriores ao 2003, a tendencia era diferente: a empresa sempre investía máis no cuidado e mellora da rede de distribución. Non será por iso, e non tanto polo mal tempo, que cada vez hai máis apagóns?
Fenosa goza practicamente dunha situación monopolística en Galicia, onde ten 1,3 millóns de clientes (o 90 por cento do mercado eléctrico), moi lonxe da porción que reciben Barras Eléctricas Galaico-Asturianas (Begasa) e unha asociación (Ayde) de pequenos distribuidores. Mediante convenios firmados coas administracións autonómica e estatal, recibe catro por cada dez euros investidos en mellorar unha rede que non hai máis que saír un fin de semana ao campo para percatarse de que está entre as piores de España. En moitos casos é mesmo milagroso que funcione ou que non ocasione máis accidentes, por non sinalar o incompetente impacto medioambiental e paisaxístico que provoca.
No último plano de mellora firmado coa Consellería de Innovación e Industria, a Xunta fíxose cargo do 45 por cento do investimento previsto (60 millóns de euros), ou sexa, que os consumidores pagámoslle dúas veces a Fenosa: pola tarifa de consumo e pola subvención pública que os nosos administradores públicos lle ingresan na conta. Visto todo o que Julián Rodríguez nos conta no xornal madrileño, non é de extrañar que as ganancias de Fenosa subiran máis dun 20 por cento no último exercicio.

No hay comentarios: