viernes, abril 03, 2009

Cinco puntos

Se me dese por facerme o gracioso seguramente ao aínda non presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo alcumaríao de Albert The Fast. Polas enormes presas que se empeña en mostrar percorrendo o camiño que aínda lle queda para sentarse nas luxosas cadeiras de San Caeteno. Ou será por subirse ao Audi do medio millón de euros?
A última é un comunicado despachado a través da Secretaría de Comunicación do PP de Galicia (pódese ler completo premendo sobre a ilustración). Agustín Hernández e Pedro Puy, os negociadores designados por Feijóo para negociar o traspaso de poderes, entregaron ese documento, que non tén desperdicio. Recollidas en cinco puntos, os populares formulan as solicitudes que lles parecen oportunas. Só falta que lle poñan a música de Carlos Puebla e lle canten a Touriño aquilo de "cinco puntos, cinco son, ni uno menos ni uno más. Si quieren me los aceptan y, sino, chirrís chirrás". Serán castristas, como era Fraga, estes do póximo goberno?
Moito me temo que os que van desaloxar San Castano van ter que traballar día e noite se queren atender todas e cada unha das peticións que lles formulan os que van sucedelos: Estado de execución orzamentaria a data máis recente posíbel na administración xeral e nos organismos autónomos, nos entes, sociedades públicas, consorcios e similares, situación da tesourería e previsións de emisións de débeda pública e os movementos orzamentarios. Situación en materia administración xeral, organismos autónomos, entes sociedades públicas, consorcios… Relacións institucionais e exteriores relacionadas coa presidencia e a vicepresdencia da Xunta. Asuntos en curso. Estado das negociacións e da posición do goberno galego en relación coa reforma do sistema de financiamento autonómico. Funcionamento e estado da situación en relación co dispositivo antiincendios forestais. Situación na que se atopa o Plan de Ordenación do Litoral, do sector lácteo, das liñas de actuación do Igape, do concuso eólico. E aínda máis.
Lendo esta requisitoria poderíase pensar que o equipo gobernante que vai chegar estivo ausente de Galicia ultimamente e precisa que teña lugar agora unha especie de Estado da Nación, digo da Autonomía, para ver se así se vai tecendo un programa de goberno executábel de inmediato. Como se na Citröen, polo feito de que acaben de cargarse o pedexé Christian Streiff, non soubesen como seguir fabricando coches porque na empresa non quedase ninguén capaz de apretar parafusos. Na Xunta quedará algún “mecánico”, digo eu, que lle explique a Feijóo como se quenta o asento de atrás do Audi blindado ou do C6, se cumpre a promesa electoral de cambiar de coche oficial.
Dáme a impresión de que Feijóo segue comportándose como se aínda estivese en campaña electoral, gobernando para os xornais a golpe de declaracións, comunicados e axitación-propaganda. Fomos xa varios os que lle pedimos que acougase algo, pero non debe lernos. Ou non nos fai puñetero caso. Porque segue erre que erre. Mesmo utilizou a súa primeira persoa para indicar que regulará os traspasos “de forma clara para que, dende o día seguinte ás eleccións e se outra forza política as gañara, os consellos da Xunta serán previamente notificados en canto ao seu contido á forza política gañadora”. Se cadra é para liberar os mebros do Goberno da obrigación de gardar segredo sobre as deliberacións. E será só cousa de que el, en persoa, regule todo isto ou terá que contar algo co Parlamento para facelo? Non hai como subirse á biclicleta do inminente poder para entrar en perigo de atropelar a alguén ou esnafrarse na gábea se non se agarra ben o guiador.

3 comentarios:

Anónimo dijo...

Vai resultar indixesta esta feixoada

Anónimo dijo...

Teño as miñas dúbidas de que a promesa de Feijóo de que a forza gañadora participe nas deliberacións da Xunta, que son secretas, antes da toma de posesión, poda ter cobertura legal.

Anónimo dijo...

Eu non teño ningunha dúbida. Ese propósito de Feijóo é irrealizable coma outros moitos dos que promete e promete e nunca vai cumprir. En todo caso, non é el só senón o Parlamento quen tería que aprobar esas medidas.