jueves, junio 11, 2009

O presidente do Goberno tocándolle o cu a un deputado da oposición

En Galicia somos capaces de pasar varias décadas sen sentarnos nunca no diván do psico-
analista, e, de repente, tamén somos quen de poñernos a falar de nós mesmos sen parar. O simple feito de que a Academia Galega decidise homenaxear este ano a Ramón Piñeiro, dedicándolle o Día das Letras Galegas, motivou a aparición dun feixe de libros que teñen máis que ver coa psicoanálise que coa historia propiamente dita. Os dous máis signficativos e “imprescindíbeis”, como diría Franco Grande, o de Alonso Montero (Ramón Piñeiro ou a reinvención da cultura galega) e o que recolle as cartas cruzadas entre Piñeiro e Basilio Losada (Do sentimento á conciencia de Galicia), publicados os dous pola Editorial Galaxia.
Pero hai outros que tamén van pola liña do diván psicoanalítico. As Conversas con Alfredo Conde, de X. M. del Caño (Ir Indo Crónica), no que o novelista ex conselleiro de Cultura e ex deputado ispe a súa alma algunha vez para contar sucesos e pasaxes da súa vida que, cando non resultan altamente interesantes, móstranse polo menos extraordinariamente divertidos.
Por exemplo, cando conta Alfredo como o atendeu Xerardo Fernández Albor, daquela presidente da Xunta, un abceso perianal que llo fixo pasar moi mal nunha sesión parlamentaria. Este é o relato: “Iso contouno Carlos Casares nunha comida na que estabamos Xaquín Marín, Siro e máis eu, con outra xente. Deixeille falar, e cando rematou, dixen: ‘Agora vou contar eu ben, porque como o conta Casares ridiculiza a Albor, e como sucedeu na realidade dignifica a un médico polo que que fai para paliar a dor allea. Carlos, por ser brillante, era capaz de contar cousas familiares… Comentaba que á súa nai chamábanlle na familia Lucifiera. Iso contábao el, non o dicía eu. Entón ¿que pasou? Foi cando se debateu no Parlamento a Lei de Creación da Radio Televisión Galega, que levaba 28 artigos, máis ou menos, e 72 enmendas feitas por este que fala, que foron aprobadas. Camilo Nogueira nunca ía ás comisións, e cando lle tocou a quenda, o día do pleno, soltou todas as intervencións que tiña acumuladas. Semellaba que fixera el a lei. Eu negábame a que ignorara dese xeito o meu traballo, ese home, e pese a que tiña unha dor inmensa, subín á tribuna, falei, baixei con toda a calma, ninguén notaba nada, pero cando me fun sentar, xa non aguantaba e saín zumbando. Albor deuse conta, abandonou o posto, saiu tras miña e preguntoume: '¿Qué che pasa?’. Expliqueille: '¿Estou fodido, debo ter un furúnculo no cu; é unha cousa espantosa’. Preguntou de novo: ‘¿Qué che dixo o médico?'. Aclareille: '¿O meu médico está por Pisa, onde lle roubaron as maletas, sabe deus cando virá’. '¿Vén que te miro?. ‘¿Cómo me vas mirar, deixa, que se trata dun furúnculo’. E volvín entrar. Intervín de novo, e saín outra vez desesperado. Albor veu tras min. Preguntoume: ‘¿Qué lle estás botando?’. Expliqueille o medicamento que aplicaba. Indicoume: ‘Pois é mellor que lle botes isto… Pero vén, que cho miro, porque as cousas non poden ser así’. E volveu preguntar: ‘¿Tanta é a dor?’. Aclareille: ‘É coma se tivera un can pequinés mordéndome no ano, colgando del, e cada vez que me movo, co peso do can os dentes trábanse máis en min’. Unha cousa espantosa. Insistiu: ‘Ven que te miro’. ‘¿Qué me vas mirar?’, negueime, de novo. Pero tiven que saír por terceira vez. Entón el veu detrás, xa decidido a mirarme. Eu preguteille: ‘¿Onde me vas mirar, Xerardo?’. Aí nos wáteres’. ‘¿E se nos ven?’, advertinlle. Sentenciou: ‘Pois dirán que somos maricóns, pero eu mírote’. Efectivamente, fomos ó servizo do Parlamento e, ante unha dor tan espantosa, tiven a imprudencia de poñerme no medio dos baños, baixar os pantalóns, alí tes o presidente do goberno tocándolle o cu a un deputado da oposición. Se aparece por alí un fotógrafo, coroámonos. Coróase el, porque a min o que se me via era o cu; mira o que me importa iso. E el determinou: ‘Non é un furúnculo, chacho, trátase dun acceso perianal, que é a cousa máis dolorosa do mundo. Tan pronto acabe a sesión, opérote’ . E díxenlle: Non, non podo chamar á muller e dicirlle que estou operado. Voume a Pontevedra, e veño mañá'. Eefectivamente, fun a Pontevedra como puiden, pasei a noite con calmantes, e ó día seguinte operáronme. Cando me dispuña a retornar a Santiago, díxenlle á muller que fora ó Sanatorio, que eu non chegaba vivo alá. Eefectivamente, metéronme alí e operoume Nuño Gallas. Isto conteillo a Carlos Casares. E claro, el quitoulle punta: a punta do dedo de Albor tocándome o cu”.

5 comentarios:

Anónimo dijo...

O noso Conde (malo, bon... pre min, bon) ten sorte de viver despois de pasar polas mans de tan augusto representante da Escola Médica Compostelá.
Mágoa non tivera outro diagnóstico a maiores: o de Sixto Seco, pas estea.
Isto dos galenos metidos a políticos é sempre un perigo: aquel Blanco de Cantabria; penso que Pujol, Jordi era médico; Pastor Alonso; creo que Guillerme Vázquez; Dantón ou Robespierre, non lembro...

Anónimo 2 dijo...

Si, tamén era médico aquel inefabble Xosé Quiroga, segundo presidente da preuatonomía. E García Sabell, delegado do Goberno gobernando a UCD. Era médico Negrín. E ata Castelao era médico.

Anónimo dijo...

Sei que non ven ao conto, pero é a impotencia meus!


A respecto do galego UN NOTICIÓN, VOLVE A CENSURA, PROHIBICIÓN CONSELLERÍA EDUCACIÓN

A Consellaría de Educación está a mandar un correo electrónico aos centros no que se recolle o seguinte:

“Aproveito para lembrarlle que a Dirección do centro é a responsábel do normal desenvolvemento do proceso de realización da consulta e en consecuencia deberá prohibir todas as accións ou actos, tanto a favor como en contra do mesmo, mantendo informada en todo momento a Inspección Educativa.”

Con isto pretende PROHIBIR a entrega de información aos pais para que cumprimenten a enquisa con outras opinións diferentes as que día tras día levan vertendo desde os medios de comunicación como COPE, A Voz de Galicia, El Mundo, ABC,…. sobre a imposición do galego, a prohibición do castelán, etc. En concreto parece que queren evitar que aos pais se lle achegue o tríptico AS LINGUAS SUMAN elaborado pola coordinadora de ENDL que está neste enderezo http://www.coordinadoraendl.org/

Xa está a nova a saír nos xornais dixitais, e xa apareceron as primeiras valoracións dalgúns sindicatos

En VIEIROS: http://tinyurl.com/censura-conselleria-educacion

EN A NOSA TERRA: http://tinyurl.com/prohibicion-educacion

CIG: http://www.cig-ensino.com/

STEG : http://www.stegsindicato.org/stegopina/08_09/11062009_comunicado_enquisa_prohibicion_consellaria.html

Anónimo dijo...

Para impotencia nacional, a información de hoxe en El País sobre cómo trincaban as empresas do BNG do Governo de Progreso.

Unknown dijo...

Por contribuír á lista de médicos políticos: en Mondoñedo recuncan, encántalles todo o relacionado coa menciña. Cunqueiro non era chosco cando escribiu "Escola de menciñeiros". Non lles chegou con Manuel Javier Loira (PSOE) que agora teñen a Orlando González (BNG). Pero tamén tiveron a unha farmacéutica polo medio, que, mira que casualidades ten a cousa, tivo un fillo que tamén foi alcalde, aínda que este era un avogado dos malos que deu un pelotazo no ladrillo e deixou a política.
E como non esquecer a don Isaac Prado Villapol, médico egrexio e alcalde de O Vicedo durante tantos, tantos anos.
Miña avoa, ao falar de alcaldes, sempre soltaba a mesma letanía: "A falta de homes bos, meu marido é alcalde".

En canto a ese anónimo que fala do "Conde bo" e do "Conde malo": non o entendo.