sábado, octubre 24, 2009

Piratas e emperadores

Con máis gracia que rigor, asegura hoxe Xosé Luís Barreiro en La Voz de Galicia que andamos de Anás a Caifás e de Herodes a Pilatos no delicado asunto da piratería que padecen o barcos que navegan ou faenan por determinados mares, tal é o caso do Alakrana, que antes de que se consiga a liberación dos seus tripulantes xa deu orixe a unha peregrina polémica sobre se os pescadores españois deben ir ou non protexidos por militares ou persoal de seguranza privada que manexen armas de guerra.
Parece que, finalmente, os barcos que pescan fronte ás costas de Somalia van levar axentes de seguridade privada que embarcarán con armas de guerra para repeler ataques piratas, logo de que o Goberno aprobe os cambios pertinentes da lei de seguranza privada que permitan o uso de armas militares por parte deses axentes privados. Tratarase, esencialmente, de metralletas de tipo medio e rifles de asalto de ata 20 milímetros, armas que ata agora estaban catalogadas como de uso exclusivamente militar.
Fontes deste sector pesqueiro seguen insistindo, porén, na conveniencia de que os barcos de pesca españois que traballan expostos á piratería acudan aos caladeiros protexidos con infantes de Mariña a bordo, como xa está facendo Francia, pero esta petición non está sendo ben acollida polo Goberno nin polos propios militares españois, que reiteran a súa imposibilidade legal.
Algo me fai pensar que estamos entrando nunha dinámica perigosa que non se sabe a onde pode dar. É evidente que os armadores e pescadores españois, entre eles moitos galegos, teñen razóns de sobra para estaren preocupados e poden resultar comprensíbes as súas esixencias, a pesar de que moitas veces aparezan expresadas por eles con altas doses de personalismos dificilmente integrabeis nunha contemplación razonábel do problema. Hai que verse no seu corpo para interpretar minimamente ben a súa aparente intención de devolver dente po dente nun Talión do que non se sabe quen pode levar a dianteira.
Evidentemente, ninguén pode asegurar que levar armas de guerra a bordo dos barcos de pesca, coa intención de usalas, vai resolver o problema. Pola contra, ata poderá agravalo producindo unha preocupante escalada armamentística non conflito. A priori, xa resulta abondo difícil de entender que, nos tempos que vivimos, as actividades produtivas e/ou comerciais teñan qu ir acompañadas de accións bélicas determinadas. Non parece propio so século XXI, nin de recibo que os custos desas operacións pseudomilitares se carguen na conta do contribuínte. Son un gran comellón de atún, peixe que me gusta extraordinariamente, pero estou disposto a cambiar parte dos meus gustos culinarios se para conservalos teño que ver como se mata xente.
O meu admirado Antonio Caballero, columnista do semanario colombiano Semana e un dos mellores xornalistas que deu Latinoamérica, escribía hai poucos meses que “agora resulta que os inimigos da civilización e da globalización son os piratas, os pobres piratas somalís do océano índico”. Neste momento persíguenos flotas de Estados Unidos, Francia, Gran Bretaña, España e Alemania. E eles secuestran petroleiros, buques mercantes e pesqueiros de Noruega e de Grecia, de Holanda, de Malasia, de Gran Bretaña e da illa de Saint-Vicent. “Curiosamente –apunta Caballero por unha coincidencia poética, buques con bandeiras de países que noutros tempos foron piratas eles mesmos”. En Saint-Vicent e en Tortuga facíanse fortes os “Irmáns da Costa” dos tempos dos filibusteros do Caribe, que eran ingleses e holandeses, e de Malasia chegaba o temido Sandokán, e de Noruega os feroces piratas vikingos. Non houbo piratas italianos, agás os que capturaron nada menos que a Xulio César e o corsario negro que inventou Emilio Salgari, pero o único barco italiano capturado ata agora polos somalís chámase Boucaneer, ou sexa, bucaneiro. Tal como opina Antonio Caballero, “nesta historia hai algo de xustiza poética”.
Ou de xustiza a secas, como tamén apunta o escritor colombiano, entendendo a xustiza non como o imperio da lei senón como o equilibrio das inxustizas. Os que agora secuestran os nosos barcos son pobres e son piratas porque foron reducidos á miseria e non lles quedou máis que o recurso da piratería como resultado de que as modernas flotas pesqueiras dos países ricos devastaron a pesca das súas augas territoriais. Eran pescadores artesanais, incapaces de competir coas redes de arrastre e os sónares dos ricos competidores. E quedaron sen peixe. Pola contra, o que lles sobraban eran as armas que lles deixaron as grandes potencias no decurso das varias guerras civís que fomentaron en Somalia e no resto de África. "¿De onde saen se non –pregunta Caballeroos Kalashnikov e os M-16 e os fusís Galil e as ametralladoras e os lanzagranadas que esgrimen os piratas somalís?". Eles non os producen. Recíbenos dos mesmos que agora piratean e polos que foron pirateados os seus bancos de pesca. “Do mesmo xeito –volvo a citar a Caballero, como acaban de recoñecer sucesivamente en México a secretaria de Estado Hillary Clinton e o propio presidente Barack Obama, as armas dos narcos mexicanos son compradas nas tendas de Estados Unidos. A globalización traba no seu proio rabo porque é redonda, como sabiamos dende antes de que se empezara a popularizar a palabra”.
Como dí Caballero, todo se repite. Agora Obama, que é o dono do mundo, ordea que se persiga os piratas ata bombardear as súas "bases", que son portos pesqueiros de cando aínda había pesca, e non só tanqueiros de petróleo na costa somalí. Deste xeito ordenou George Bush bombardear as bases de Al Kaeda e dos talibáns para vingar os atentados das torres Xemelgas, e desencadeou as guerras paralelas de Irak e Afganistán. Xulio César, cando foi liberado logo de pagarlles o rescate aos piratas que o tiveron secuestrado, púxose a armar unha flota para perseguilos e rematou aforcándoos. E de aí seguiu para as súas guerras de España e das Galias, despois iniciou a guerra civil contra Pompeio, e xa non parou.
Conta San Agustín, segundo me entero por Antonio Caballero, que cando Alejandro Magno lle preguntou a un pirata capturado por que facía dano, o pirata respondeulle:
–Polo mesmo ca ti. O que pasa é que, como eu só teño un barquiño, chámanme pirata e a ti, que tes unha flota de guerra, chámanche emperador.
Polo que se ve, nin os do PP nin os do Bloque len a San Agustín.

2 comentarios:

Xaquín dijo...

Non creo que de Felipe II ata aquí, pasando polos piratas benvistos tipo F. Drake, teñamos que asustarnos da hipocresía occidental (tan ben aprendida, por certo, pola Gran China). Invadir Irak non é piratería, os chourizos somalies esos si que son piratas! E se chegan a ser "os famentos de Somalia e Cía" (en armas claro), non che serían terroristas?

Anónimo dijo...

Tamén hai que falar(non convén)dos atuneros que fan base en España e están matriculados con bandeiras "piratas". Non falan dos capitáns de pesca que son como saqueadores, gañan cartos a moreas e se poden facer os mesmos cartos enchendo o máis axiña posible as cámaras moito mellor, non é o mesmo gañar 20 en seis meses que 20 en tres. Roubamos como ladróns que somos, e non falemos da chulería que teñen algúns Pesca destas xeracións novas, son moi primitivos e lles importa un puto carallo que o mundo rompa en mil cachos. Eu non iría con marcenarios asasinos nun barco, xa que desta maneira os Pesca meténse a robar inda que sexa a 20 millas da costa, se hai peixe. Os piratas somalies defenden o seu xa que lle roubaron. Os mercenarios asasinos defenden aos ladróns.
Ano 68, o vivín, Namibia pescando merluza, as mallas do copo eran como sacos. Con isto xa o digo todo.
Logo os armadores querían soldados abordo. !Non te fode¡. Dos nosos impostos protexer atuneros con bandeiras do "carallo". Están acabando co atún, vótolle como máximo uns 8 a 10 anos, é os organismos mundiais que controlan a pesca ilegal, nada fan por evitalo. Ninguén quere falar da realidade, ninguén quere falar do crecemento sostible e controlado.
Os nosos netos chegaran a bailar enriba das nosas tumbas.
E a prensa escrita (eses medios falsos) nada din do que está a pasar.
Logo para cagala, chega o ego do Baltasar e manda ir para España aos dous somalies, Este con tal de sair nos medios a cada hora do día, do mes e do ano, e capáz de facer barbaridades. A pregunta do millón: ¿Cal é o problema polo cal as negociacións non van padiante, e nada din os medios?. Non será o atasco deste Baltasar que meteu a pata ata os sancomiños.Xa debería retirarse dunha puñetera vez.
Non se fala claro. Nesta "democracia" hai moito oscurantismo.