lunes, noviembre 02, 2009

Lugo aínda non é Medellín.

Na Deputación de Lugo mandou durante moito tempo Francisco Cacharro Pardo. En varias ocasións tivo que pasar polos xulgados como sospeitoso de non respectar a lexislación vixente. Nunca foi conducido coas esposas colocadas nos seos pulsos nin saiu desa guisa retratado en La Voz de Galicia. Quizais foi porque tivo a sorte de que lle tocou un xuíz que se preocupaba tanto por perseguir a delincuencia como por garantir os dereitos dos que había que presumirlles a inocencia.
Un modesto alcalde e tres concelleiros da Terra Cha, a semana pasada, non tiveron tanta sorte e, sobre todo ao primeiro, tocoulles ter que representar involuntariamente un episodio de Miami vice ou do CSI que lles garantiu espazos nas primeiras planas e nos telexornais. Unha xuíza, Estela San José, abriu dilexencias contra eles por presunta comisión de delitos relacionados coa corrupción administrativa, prevaricación e tráfico de influencias. Agora, hoxe mesmo, esas dilixencias dirixíronse tamén contra a vicepresidenta da Deputación luguesa, Lara Méndez, e dous técnicos que traballan ás súas ordes no Instituto Lucense de Dsenvolvemento Económico e Social (Inludes). Polo menos de momento, están tedo máis sorte cos anteriores e aínda non saíron as súas fotos patibularias nos medios de comunicación.
Paralelamente, en Cataluña, o superxuíz Baltasar Garzón dirixiu unha redada que aínda tivo maior resonancia mediática. Ex altos cargos da Generalitat que gobernou Jordi Pujol e un ex socialista de sona foron tamén fotografiados, e difundidas ampliamente as fotografías, cando eran conducidos esposados á Audiencia Nacional. O caso xa motivou un contundente editorial do xornal EL Mundo, publicado o sábado pasado, manifestando que non era necesario esposalos e menos exhibilos.
O editorialista, con moita razón, citou o artigo 520 da Lei de Enxuizamento Criminal por sinalar que “a detención e prisión provisional deberán practicarse na forma que menos perxudique ao detido ou preso na súa persoa, reputación e patrimonio”, e pronunciouse dicindo que “este mandato legal non se está cumprindo nos casos que afectan a dirixentes políticos e empresarios que son detidos e levados á Xustiza coas cámaras de televisión de testigos”.
Falta por saber agora que van dar de si investigacións policiais e xudiciais levadas a cabo de forma tan pouco escrupulosa coa presunción de inocencia. Está moi lonxe da miña intención botar fume sobre a presunta corrupción política que empeza a ser axifisiante, pero segue preoupándome seriamente que se podan aplicar métodos irrespectuosos coa lexislación vixente, sobre todo cando poden violentar a presunción de inocencia. Non vaia ser que, dentro dun ano ou de máis tempo aínda, cando todos estes casos se solventen nos correspondentes tribunais, todo quede en pólvora mollada. Mellor sería esperar a que houbse unha condena para sacalos esposados diante das cámaras: hai países da nosa contorna occidental nos que éste comportamento é o normal.
Por outra parte, estamos empezando a correr o risco de pensar que pasamos por unha sociedade que persegue a corrupción polo feito de que saia no telexornal algún alcalde de caenlla de vez en cando. Fálase moito da corrupción urbanística como se esta lacra só puidese existir polo mero feito de que hai políticos que teñen a manga ancha. Evidentemente, hai corruptos na política. ¿E os corruptores onde están? Fundamentalmente, no mundo da empresa e das finanazas. Hai moitos anos, un presidente de Colombia, Virxlio Barco, tivo folgos para dicirlles ás autoridades de Estados Unidos que o negocio do narcotráfico remataría de repente se o país da primeira potencia do mundo deixase de comprar e de traficar cocaína. Non é que sexa o mesmo, pero a corrupción política española tamén precisa plantexamentos máis serios cos das simples redadas, e os xuíces farán mal abstraéndose desta realidade. De momento consolémonos, Lugo aínda non é Medellín.

1 comentario:

Anxo dijo...

Hay outros concellos tamen interesantes:
http://vigoblog.blogspot.com/2009/11/el-pelotazo-iii-sting.html