viernes, febrero 27, 2009

Quen quixo botar a Quintana fóra da estrada?

Resulta sorpren-
dente que a unha axencia de prensa tan veterana como é Europa Press lle teñan colado o gato por lebre do falso accidente estradario de Anxo Quintana. A min quizais me sorprende máis que a citada empresa de comunicación non presentase aínda o resultado dunha exhaustiva investigación interna dicindo que foi o que lle pasou. Tan doado resulta entrar no seu sistema de traballo e colocarlle unha ioncentada que poña en perigo o prestixio que gañou en épocas abondo máis difíciles cas que corren agora mesmo?
Persoalmente tampouco entendo ben por que o candidato afectado e a súa organización política deixasen morrer o conto coa simple explicación partidaria de que foron vítimas dun “atentado” manipulador do PP. E nin sequera entendo como o PP ficou calado ante unha acsuación coma esta. Sabido é que estamos nunha campaña na que colle case de todo, pero cando se trata de por en dúbida un acreditado medio de información alguén debería levar este caso ata as súas derradeiras consecuencias e contarnos a todos ben clariño que foi o que pasou. Quen quixo botar a Quintana fóra da estrada. Voilà la question!

Miradas

Quintana e Touriño mirándose un no espello do outro durante o último Consello da Xunta que tivo lugar antes das eleccións do domingo. Estaremos os dous aquí dentro de case nada? parece preguntarlle o nacionalista ao socialista, que se cadra está a piques de responderlle con Bécquer: “Yo me siento arrastrado por tus ojos, pero a dónde me arrastran, no lo sé”.
Calquera dos dous deben ter a vista cansada de tanto ler no ABC e en La Razón a cantidade de cousas que fixeron durante os últimos catro anos sen decatarse de que algún día irían darlles o desgusto de apareceren publicadas contra eles en campaña electoral. Quizais non valoraron abondo a capacidade agit-prop de Alberto Núñez Feijóo, que rematou mostrándose acaído ao seu alcume de Feij009, axente axitador por excelencia.
Agora está próxima a hora da verdade. Quizais é o momento de facer como facía o Dante: non falar deles, miralos e seguir andando.

jueves, febrero 26, 2009

Teodosio

Quere o lector observar a gran altura intelectual da maior parte dos políticos actuais? Non tén máis ca premer aquí* e ver como se despacha o alcalde de Ordes, Teodosio Matiño, agora do PP e antes de outros, dicindo que hai que volver ás andadas. Que Deus nos pille confesados se xente así volver gobernar Galicia.

* O video é de Vieiros.

O espírito do Xarey

Empecei dicindo no comenzo desta campaña electoral que debería haber eleccións máis a miúdo e ratifico esa opinión. Hai que ver o que dá de si o pim-pam-pum da política deslinguada. Empezamos descubrindo que no PP hai corrupción –pero non se sabía xa?–, imos de caza cun ministro e un xuíz famoso, recalamos nas illas Caimán por mor dun candidato conservador de Ourense, súbímonos non sei cantas veces ao “haiga” e as sillas de Touriño e rematamos navegando polas rías con Quintana a bordo do iate dun novo rico do ladrillo. Se isto non é jauja, debe ser algo parecido para un xornalista independente que se preze.

Do que non hai dúbida é de que andamos entre os mellores de cada casa e a casa segue sen barrer. O que máis e o que menos gardaba os seus propios pantasmas na cómoda e alporízase agora extraordinariamente cando lle falla o alcanfor. O candidato do PSOE, por exemplo, permítese o luxo de reprocharlle a Quintana a escolla de compañías e medios de transporte como se el fose quen de darlle exemplo ao nacionalista en calquera das dúas cousas. Quintana, pola súa parte, algo máis cauto en táctica bipartidaria, limítase a apuntarlle ao socialista que el nunca facerá de caixa de resonancia da propaganda do PP. Aí estivo moi fino o de Allariz.
Onde non anda tan espelido é en responder á difusión pública de que foi obxecto a súa cada vez máis visíbel inclinación a rodearse dos que teñen a tixola e van agarrando o mango tamén. Quintana non debería alporizarse tanto porque a prensa de dereitas publique as súas fotos no iate do patrón do Grupo San José. En realidade, esas fotos publícaas a prensa de dereitas porque non hai prensa independente senón sería esta a primeira en publicalas. Ademais, non levan tempo dicindo os do Bloque que hai que conquistar os empresarios galegos para a causa nacionalista? Pois aí estaba o seu líder facendo proselitismo en chancletas e calzón curto na bañeira do Espíritu del Xarey, bandeira española incluída off course.
A min faime gracia ás veces isto das bandeiras dos barcos de recreo. Algo teño navegado polo Mediterráneo, polo Atlántico e polo Caribe e sempre me atopei coa mesma experencia, fose en Lípari, no Rimini das Bahamas ou en Ibiza. Alí onde hai un ou varios barcos de gran luxo de españoles, son sempre os que levan a bandeira máis grande. Tan grande, ás veces, que parece talmente que a levan dese tamaño para evolverse con ela na popa cando arrecia a néboa.
Cando estaba empezando a autonomía e o daquela presidente Calvo Sotelo nomeou delegado do seu Goberno a Domingo García Sabell, ao seu cargo correspondíalle un coche oficial e mandáronlle de Madrid un daqueles Dodge-Dart que fabricaba a empresa que fora do ourensán Eduardo Barreiros. Rapidamente, García Sabell empezou a moverse nese coche levando unha bandeira que era dun tamaño notablemente superior ás que ondeaban no resto do parque móvil, ata que alguén lle fixo saber que as dimensión desa insignia estaban regulamentadas e había que adaptarse a elas. Nois iates dos novos ricos españoles pasa o mesmo case sempre. As bandeiras sempre son tan grandes que, dende lonxe, parecen unha vela máis.
Anécdotas a parte e volvendo ao happening electoral, eu sería partidario de que se institucionalizase o espírito inconformista que veñen manifestando estes días todos os representantes de cada forza política e que ninguén deixase pasar nin unha. Ata podía charmarse o espírito do Xarey. Que Pachi Vázquez fai obras na súa casa sen licenza, leña al mono. Que Louzán reparte postos de traballo á súa medida, sachazo na cabeza. Que Quintana engaña aos vellos e baila con eles (agora tamén vexo que lle gustan as noviñas), paraguazo. Touriño incrementa o seu parque móvil e o seu mobiliario, leñazo vivo. Comer non comeriamos máis nin mellor, pero rir habiámonos rir abondo.

miércoles, febrero 25, 2009

Compañías e transportes

Arde Troia. Estamos rematando a campaña. Frase con picante de Touriño na Ser: “Cada uno debe ser consciente de las compañías que escoge y de los transportes que utiliza”. Din que falou así referíndose aos garbeos de Quintana no iate de Xacinto Rey.
No seu caso, compañias e transporte son coñecidos: Audi Force One de 480.000 euros e a “nena” Caride. Outra frase do candidato do PSOE na mesma emisora: “Dificilmente me verá ningún gallego en ningún restaurante de lujo”. No me extraña que tivese que pechar Toñi Vicente. A onde levará Touriño a comer a Xosé Luís Méndez e ao presidente de Citröen? Aínda ha levalos ao Gato Negro.

O barco de Quintana

A foto de Anxo Quintana co empresario Xacinto Rey, a bordo dun barco de recreo deste empresario pontevedrés, abrindo hoxe a portada do xornal madrileño ABC, non é precisamente o que máis lle convén ao BNG a cen horas de abrirse as urnas do domingo 1 de marzo.
En realidade, ABC non descubre a pólvora senón que dispara o cartucho cando salta a lebre. Eramos moitos os que sabiamos que o político nacionalista navegeou polas rías en compañía de Xacinto Rey, pero case ninguén ata agora vira a foto de Quintana sentado na bañeira do luxoso barco do dono do Grupo San José como se fose un incipiente Onassis sen María Callas, que agora se podería chamar Marta Souto.
É moi probábel que a foto que publica ABC, prestada por La Nación, publicación extremadamente dereitista, fose tomada hai polo menos dous veráns, moito antes polo tanto da polémica concesión de licenzas para explotacións eólicoas, pero se cadra daquela Rey estaba en pleno apoxeo do seu plan de inversión en medios de comunicación como A Nosa Terra e Xornal de Galicia. Non digo que a presenza de Quintana a bordo do barco de Rey sexa algo parecido as cacerías de Bermejo con Garzón, pero xa verán agora a punta que lle vai quitar Feijóo ao lápiz nestes días que quedan de campaña.

martes, febrero 24, 2009

Os vellos rebélanselle a Quintana

Un pequeno grupo dos afectados polo mitin de Quintana o outro día en Oia observaron a posibilidade de denunciar o candidato doBNG por suposta retención ilegal. Houbo quen mesmo pensou en ampliar a acusación a secuestro, pero desacartaron esa figura delictiva porque a retención forzosa non chegou a 60 minutos de duración. Tamén estudiaron a posible demanda da empresa que os trasportaba a Portugal por suposto incumprimento de contrato. Indudabelmente, tras destes proxectos de demanda agóchanse intereses políticos e axentes concretos do PP.

lunes, febrero 23, 2009

Bermejo: dimitiu o cesárono?

Alguén vaille creer a Fernández Bermejo que dimitiu? O xa ex ministro de Xustiza perdeu a ocasión de presentar unha dimisión de verdade pondo o seu cargo a disposición do presidente Zapatero instantes ou todo o máis tarde horas despois de que o cazaran nas patacas matando venados con Garzón. Non só non fixo tal cousa, senón que se enrochou dicindo que tiña moito que traballar por España. Que pasa agora? Rematou o choio? Entroulle a preguiza? A opinión de que non pode tolerar que lle entren a saco na súa vida privada só se entendería se, coa dimisión que presenta agora, anunciase que se vai retirar a facer licor de herbas no convento de Oseira.
Como non é así, haberá que pensar que a dimisión é o seu disfraz deste antroido, pero o que realmente ocorreu foi un cese coma outro calquera. Non nos enganemos, Zapatero díxolle: “Compañeiro, tes dúas opcións. Dicir que dimites ou recibir a miña orde de cesamento”. A presión exercida dende as propias fileiras do PSOE xa era insoportábel nos últimos días. A Bermejo ninguén podía velo máis sentado no Consello de Ministros. E, ademais, por que non aproveitar as campañas electorais de Galicia e de Euskadi para tentar de comerlle algún cabalo aos contrincantes do 1 de marzo? O xadrez da política eche así.

Diván electoral

Touriño empeza a última semana da campaña electoral dicindo por fin algo do que realmente pensa. Que lle gustaría gobernar con maioría absoluta (a quen non?) e que atura os nacionalistas só na medida en que lle son necesarios para presidir a Xunta de Galicia. Polo demais non é preciso ser psicoanalista para percatarse de que o líder dos socialistas galegos está cultural e sentimentalmente máis lonxe de Quintana, e non digamos de Paco Rodríguez, do que poda estar de Alberto Núñez Feijóo, por muito que as apariencias indiquen outra cousa.
A fin de contas, ter que pasar polo diván dunhas eleccions tan indefinidas como as que van ter lugar o domingo tamén pode servir para que se agudicen as contradiccións. E non vaia ser que se agudicen tanto que o 2 de marzo acordemos con gobernos de coalición PSOE-PP tanto en Euskadi como en Galicia. Chámenme tolo, si, que o que ri último ri dúas veces.

viernes, febrero 20, 2009

A salva de Touriño

Tiven que ir aos diccionarios para averiguar que é esa credencia que di o ABC que pagou Touriño, é dicir, todos nós, 17.182 euros por ela. E agora que xa sei en que consiste, pois mira, o prezo será algo alto, pero o trebello paréceme do máis acaído para un presidente como o líder do socialismo galego. Copio do Gran Diccionario Xerais da Língua: “CREDENCIA s.f. 1. Mesiña que se coloca onda o altar para que o sacerdote teña a man o necesario para a celebración litúrxica. 2. Antigamente, mesiña ou aparador que contiña as bebidas e a comida para servi-los comensais". E vexa agora o lector o que di da palabra o Diccionario de la Lengua Española, editado pola Real Academia Española: credencia. (Del lat. credens, -entis, creyente) f. Mesa o repisa que se pone inmediata al altar, a fin de tener a mano lo necesario para la celebración de los divinos oficios // 2. Aparador en que se ponían los frascos de vino y de agua de que, previa la salva, había de beber el rey o alguna persona principal. // 3. ant. cartas credenciales.”
Despois de darlles voltas a todas estas acepcións de palabra tan cultista como cativadora, coido que xa sei por que se fixo tan alta inversión na presidencia da Xunta. Touriño ou quen por el tomase a decisión de compra aplicou a acepción 2 do Diccionario da RAE: “Aparador en que se ponían los frascos de vino y de agua de que, previa la salva, había de beber el rey o alguna persona principal”. Aquí está todo explicado. Touriño aínda non é o rei de Galicia, pero persona principal si ca é. E non se ía facer a salva nunha vulgar mesa de piñeiro. Por certo, facer a salva significa probar a comida e a bebida dos reis e dos grandes señores para asegurarse de que non hai ponzoña nelas. No caso de Touriño quen será o arriscado que fai a salva? Porque a ponzoña coido eu que a poñerá o PP. Ou tamén o BNG?

O despacho de Touriño

Hoxe ABC volve cargar contra Touriño. Conta José Luis Jiménez na páxina que abre a sección de España que o mobiliaro co que se equipou o despacho do presidente da Xunta, logo das obras efectuadas no 2006, ten un custo no mercado superior a 200.000 euros.
Tamaño prezo débese a compra mediante “contrato segredo por razóns de seguridade” de varios mobles de nogueira escura, estanterías, mesas, etc. deseñados polo catalán Jaume Tresserra, coñecido por amoblar casas de importantes personalidades e iates de gran luxo. Engade ABC que falta por saber o que custou a alfombra da firma Nani Marquina que pisa o presidente. Estará vivindo Touriño na burbulla do luxo con cargo aos presupostos da nación (galega, por suposto)?

Santa Campaña

Touriño a bordo da Super-
bestia
de mitin en mitin, con gasolina pagada polo contri-
buínte, e Quintana desviando o tráfico a Portugal para que os velliños vaian escoitarlle unha arenga electoral en Oia. E Feij009, superaxente de votos antoxados, asubiando cando lle preguntan por que Carrera deu postivo e a Negreira non lle fan a analítica.
Campaña. Santa Campaña a desta volta. E, por riba, non hai debate. Que ocasión vai perder a TVG de contraprogramar cunha boa película. Pero aínda ha caer na tentación de poñernos a Piñeiro. A Ramón non. O outro.

jueves, febrero 19, 2009

Linguas en perigo

Hoxe, a Unesco presenta en París a terceira edición do Atlas internacional das linguas en perigo. Un equipo de 25 investigadores, dirixido polo lingüista Christopher Moseley, chegou a conclusión de que neste momento hai 2.511 linguas vivas que estan en sitación vulnerábel, de perigo, perigo extremo ou situación crítica ou de extinción en todo o mundo. Cando esta publicación empezou a editarse, en 1999, só eran 600 as linguas en perigo, que aumentaron a 900 na edición do Atlas do 2001. Segundo Cécile Duvelle, responsábel da sección de patrimonio inmaterial da Unesco, non se trata porén dunha agravación do problema senón de que agora hai “un mellor censo” dos idiomas que pasan por estas situacións. Se se ten en conta que no mundo hai arredor de 7.000 linguas, podería parecer alarmante a cifra estimada de linguas en perigo, que se concentran nas partes do mundo que maior diversidade lingüística presentan: a Melanesia, a África subsahariana e América do Sur.

Os responsábeis desta nova publicación da Unesco, que se pode adquirir por Internet, salientan a importancia do voluntarismo político e institucional a prol do remacemento das linguas, e poñen como exemplo o caso de Paraguai, onde a inclusión do bilingüismo na Constitución contribuiu a un forte aumento do número de falantes de guaraní, que pasaron de seren 3,6 millóns en 1992 a 4,4 millóns en 2002. O guaraní está agora case a par co español nese país latioamericán. Tamén en México, unha lei do 2003 concedéndolles aos pobos indíxenas o dereito a un ensino bilingüe parece ir por bo camiño. Non abonda, porén, co recoñecemento institucional destes problemas, segundo os expertos da Unesco, que se refiren a Irlanda como o país no que só entre o 5 e o 6 por cento da pobación fala irlandés a pesar de que este idioma é obxecto dunha ampla ensinanza nas escolas.
América do Norte e Australia son a partes do mundo nas que hai máis linguas en situación de perigo, e onde hai campañas moi importantes para “revivir linguas perdidas ou case perdidas” como son as movilizacións que levan a cabo as comunidades indias americanas con gran éxito para revitalizar o black-foot, o apache e o cherokee. Logo está tamén o caso do saami que se fala en Suecia, Noruega e Finlandia e que segue perdendo falantes no seu territorio de orixe, pero está conseguindo que volvan a falalo os que o tiñan abandonado. O fenómeno renacente das linguas non se limita as máis lonxanas e exóticas. O welch, que reconquistou en trinta anos o sudoeste de Inglaterra ou máis aínda o vasco e o catalán son as probas de que a Europa das linguas aínda non está fixada para sempre, segundo os editores do Atlas.
No intre en que o global english parece dominar o mundo non é, porén, o inglés o idioma que ameaza máis a diversidade lingüística senón as linguas rexionais que tenden a imporse en detrimento das “pequenas” linguas, segundo os lingüistas da Unesco, que se basean no caso do swahili do Este de África para analizar un dominio que pon en perigo 30 ou 40 linguas máis que se falan en Tanzania. É tamén o caso do barassa de Indonesia que está provocando unha morte lenta de moitas outras linguas que ata agora convivían no archipélago.
James Costa, investigador do Instituto Nacional de Investigación Pedagóxica (INRP) de Francia, sostén que “unha ecoloxía sana supón a coexistencia de varias linguas: unha lingua local de comunicación e toda unha gama de outras que teñen cada unha delas un papel diferente”. Costa pon o exemplo das illas Shetland do mar do Norte: “Antes do século XVII, esta parte do mundo era a Meca da diversidade lingüsítica. Falábase alí o noruego, pero tamén o frisón, o flamenco, o holandés, e cada un deses idiomas tiña usos diferentes para o comercio, a vida cotián, etc.”.

O caso de Francia
Quen dixo que en Francia só se fala francés? O novo Atlas da Unesco censa 26 linguas no hexágono, a maior parte delas en perigo. Vasco, bretón, corso e ocitano conviven co champañés, o borgoñón, o frano-provenzal e mesmo co picardo. Outras, como o ligur, o alemánico, o luxemburgués e o fráncico son linguas transfronteirizas, algunhas delas en situación “vulnerábel” . E aínda fican o languedocián, o franco-condado, o gascón, o auveriano, o limusino, o normando, o lorrenés, o provenzal, o piamontés, o alpino etc.

martes, febrero 17, 2009

Cervantes versus Castelao

Que se prepare Miguel de Cervantes porque vai ter competencia. Se o BNG de Quintana consegue votos abondos para gobernar, ao autor do Quijote vaille facer a competencia o de Sempre en Galiza, Alfonso R. Castelao. Diante de medio cento de profesionais da vida cultural galega, o candidato nacionalista prometeu fundar e por en marcha o Instituto Castelao para darlle á cultura galega “a inxección de autoestima en vea que sempre precisa”. Nin que fose drogadita.
Como somos ricos, dentro de pouco teremos embaixadas, institutos Cervantes, centros galegos subvencionados e agora tamén institutos Castelao. Sumados aos que podan ir espallando igualmente polo mundo adiante calquera das outras 17 autonomías, é moi probábel que nalgúns países empece a resolverse a crise inmobiliaria polo aumento que poda experimentar a demanda de sedes nos downtowns de Buenos Aires, Montevideo, Bruselas, etc. Se cadra é unha maneira de ir rebaixando o paro: nomeando embaixadores culturais. Propoño que manden a Xurxo Souto a Sevilla, a Reixa a Hollywood, a Luis. A. Pousa a Roma e a Xavier Alcalá a Bahía (a Blanca ou a preta, dá igual). Dígoo porque son os que saen sorrindo máis na foto con Quintana.

Ministro borracho, e non estaba de caza

Pasou o sábado pasado en Roma, ao rematar unha reunión do G8. O ministro xaponés de Finanzas, Soichi Nakagawa, acompañado polo gobernador do Banco de Xapón, Masaaki Shirakawa, presentouse tan borracho nunha roda de prensa que a penas puido articular palabra, e ata estivo a piques de quedarse dormido (premer aquí para ver video).
De volta en Tokio tivo que dar explicacions, e dixo que estaba tan resfriado que precisou tomar fortes medicamentos que lle afectaron o comportamento físico e intelectual. Se cadra foi que tentou curar o gripe con aferventados de grappa. Valialle de máis ir cazar venados con Garzón.

lunes, febrero 16, 2009

Quintana practica o deporte




Non ven a Anxo Quintana moi "deportivo" ultimamente? Por que será?

Unha imaxe e once palabras

Hai fotos que nin con mil nin con ningunha palabra se poderían substituir. Quizais esta instántanea tomada ao canditado do PP, Alberto Núñez Feijóo, en Lalín poda ser unha delas. Neste caso, unha imaxe e once palabras: se a garota chega a ser de verdade, caíanlles os ollos.

sábado, febrero 14, 2009

Menos Obama e máis Celtiberia Show

Sinceramente, o obamismo aínda non pasou entre nós do caso de Luis Carrera. Se de verdade os grandes partidos políticos quixeran imitar o presidente de Estados Unidos en algo máis que no reggaeton, tería que producirse inmediatmente o que non vai pasar: dimisión ou cese do ministro de Xustiza, Mariano Fernández Bermejo; apartamento do xuíz Baltasar Garzón dunha investigación que contaminou con andanzas cinexéticas dignas da corte de Franco ou da Rumanía de Ceaucescu; dimisión ou apartamento da cadidatura do PP pola provincia da Coruña do cabeza de lista Carlos Negreira pola súa suposta implicación coa empresa Segurisa na rede de corrupción descuberta en Madrid (ver xornais de hoxe). E, tamén, dimisión ou apartamento da candidata nacionalista Tareixa Paz por estar condeada (ata o Tribunal Supremo) por oaccionar ao alcalde de Barbadás (Ourense), Xosé Freire.
A que non ocorre nada de todo isto antes do 1 de marzo? Logo, menos Obama e máis Celtiberia Show.

viernes, febrero 13, 2009

Garzón, o amigo dos animais

Parece Napoleón percorrendo o campo de batalla despois de zurrarlle ao inimigo, pero é o xuíz Baltasar Garzón fotografiado o sábado pasado na finca Navaltorno, do empresario Santiago Peralta, en Andújar (Jaén). Acaba de aparecer na edición electrónica de El Mundo, xornal que tamén informa de que nesta montería participaron nove cazadores e todos, menos un, mataron algún animal. En total, 34 venados e un xabarín de gran tamaño. Garzón e o ministro de Xustiza, Mariano Fernández Bermejo, remataron a vida de catro venados cada un. Desta, os ecoloxistas e, en xeral, as asociacións protectoras da vida animal vanlles dar un premio a cada un destes dus campións da escopeta nacional.

A Xustiza

Apóstolles o que queiran a que acerto o tema do que non se vai falar nesta campaña electoral: a preocupante situación da xustiza. Nin os de acó nin os de acolá lle van dedicar un só minuto a algo que leva renqueando dende os lonxanos tempos do franquismo.
Hoxe La Voz de Galicia publica a reacción da fiscala xefa da Coruña, Esther Fernández, contra os funcionarios que lle fixeron chegar unha carta solicitando máis persoal para as quendas de garda por entenderen que sobrepasan “o máximo de horas legalmente estabrecidas que un traballador pode realizar sen efectuar descansos regramentarios”. Á citada autoridade xudicial non se lle ocorreu mellor cousa que abrir dilixencias preprocesais e mandarlles aos reclamantes unha citación, para o 4 de marzo, “a fin de ratificárense nas manifestacións contidas no escrito presentado o 28 de xaneiro, e a fin de recibirlle declaración a respecto dos feitos concretos nos que se fundamenta a súa petición”. O caso sería anecdótico ou simplemente pintoresco se non fose que transcorre nun contexto laboral, profesional e social que pode rematar alporizando a unha boa parte da sociedade que comenza a non entender o retraso e, nalgún caso, incompetencia da administración de xustiza.
Hai poucos días, o mesmo xornal daba conta de cómo un xulgado da provincia de Pontevedra pasou máis dun mes sen dispoñer de línea telefónica nin servizo de fax. A carencia de persoal é tan notoria en xeral que cada vez se acumula máis retraso enriba das mesas dos xuíces encargados de instruir causas e tamén nos tribunais que deben emitir sentenzas. Á administración de xustiza non chegou aínda con todas as súas potencialidades, nin moito menos, a modernidade tecnolóxica que representa a informática. Hoxe en día, podería axilizarse enormemente o funcionamento da xustiza aplicando como é debido, hardware e software que os fabricantes e distribuidores de informática teñen no mercado. E que pasa? Pois que, en moitos xulgados, se hai un non hai o outro. Ou ningún. Dase con frecuencia, por exemplo, que poda haber programas que permitan levar a cabo intercambio de información ou toma de declaracións a distancia, pero que non se podan aplicar porque os ordenadores disponíbeis son de hai sete ou oito anos, e tal período de tempo xa se sabe o que significa na evolución informática.
Infraestruturas e persoal dedicados a esta administración dependen das autonomías e do Estado, segundo para que cousas, e nin unha nin outra instancia acaban nunca acometendo reformas e dotacións orzamentarias que melloren os imprescindíbeis servizos que recibe o cidadán por parte da Xustiza. O ministro do ramo pode que cace corzos cun rifle ou cunha escopeta de última tecnoloxía, pero goberna un Ministerio que non parece percatarse dos problemas cada vez máis acuciantes do que pasa nos xulgados.

Xoán Gato e Antonio Pernas

Terra Galega, a mini forza política coa que Xoán Gato aspira a cociñar algo na política galega, leva varios meses sen pagar o aluguer do baixo que ocupa a súa sede en Santiago, segundo publica hoxe El Correo Gallego. Os grandes partidos débenlle millons e millóns de euros que nunca pagan aos bancos e non por iso saen nos xornais. En calquera caso, que confianza poden dar os que non cumpren o que prometen nin pagan o que deben.
E logo ven o modisto Antonio Pernas e di, no mesmo xornal, que a súa utopía sería unha Galicia sen clase política. Ou sexa, gobernada por el e por uns cuantos máis coma el, e, a ser posíbel, sin ter que pasar polas urnas. É curiosa a inclinación política que mostran certos apóstolos do apoliticismo.

jueves, febrero 12, 2009

Quilombo electoral

Pon os pelos de punta ver e escoitar a realidade que mostra Carlos Taboada sobre o voto emigrante no seu documental Quilombo electoral, realizado hai xa tres anos e que segue a ter plena vixencia, a pesar de que nin TVG, nin TVE nin Tele5 quixeron nunca emitilo.
En vista do resultado, decidiu colgalo na rede e, grazas a iso, por fin podemos velo (premer aquí). Esta é a explicación dos motivos que levaron o autor da reportaxe televisiva a facela publica pola vía de YouTube e do seu propio blog: “Levaba anos pensando na conveniencia de colgar na rede este traballo e creo que xa chegou o momento. Xa pasaron algo máis de tres anos dende a súa realización e moita xente, sobre todo amigos meus, xa tiveron ocasión de velo. O tempo non pasa en balde e agora lembrando os motivos que me levaron a Bos Aires a producir e realizar esta peza teño que dicir que xa non son os mesmos que o que me motiva agora a colgalo na rede. A miña primeira intenciòn era demostrar como o noso sistema electoral propiciaba o engano...agora confórmome con mostrar. Sinceiramente este traballo non valeu de nada... ningún partido político (a pesares das súas promesas) nin ningún medio (a pesares dos seus esforzos) consideraron oportuno a súa divulgación ou emisión. Na miña inxenuidade non puiden discernir que tanto partidos como medios, sen ser a mesma causa teñen moito en común. Sei que me vou a meter en líos pero tanto me ten...dentro de pouco meses teremos nova cita electoral en Galicia e o sistema está podre. A ninguén lle interesa cambialo. Eu prefiro os líos que a podredumbre...”.

Núñez Feijóo tamén sae de caza

Imponse a metáfora da escopeta nacional. Se Garzón, Bermejo, Ana Pastor e algún máis andan a tiros coa fauna ibérica, os líderes galegos tiran de lupparda dialéctica para apuntar contra todo o que se move na contorna electoral. Exemplo, as respostas que lle dá Alberto Núñez Feijóo hoxe a César Casal na entrevista de La Voz de Galicia.
Estes son algúns dos seus cartuchos: “Luis Carrera me cuenta que tenía un descubierto con Haciendo, que luego regularizó, y en menos de 24 horas hice público que solicitaba ser apartado de las listas electorales. El número uno del PSOE por Ourense tiene cargos imputados por distintos delitos ecológicos y de contrataciones irregulares y no pasa nada”. “Que precisamente Touriño dé clases de galleguismo es como si yo las doy de astrofísica”. "Los nacionalistas adjudican el contrato eólico para hacer un negocio político y económico”. “Son más de 1.100 millones de pesetas en un coche, el más caro, que no tiene ningún dirigente europeo, en un despacho que sólo utiliza una vez a la semana y en dos salas para reuniones”. “Es un sarcasmo que un Gobierno en sus últimos alientos, a 20 días de unas elecciones, intente dar estabilidad a miles de contratos sin publicidad y sin concurrencia”.
Vaia estopa! A pregunta é: Dispara Feijóo con polvora mollada?

Buffalo Bills, Garzón e Bermejo

Seguinlle a pista ao xuíz Garzón durante algún tempo. Interesábame especialmente a súa faciana de aparente inconrruptíbel perseguidor da delincuencia organizada e dos criminais disfrazados de salvapatrias. Tamén a súa declarada admiración polo xuíz siciliano Giovanni Falcone, asasinado pola mafia, e un certo toque de progresismo co que sempre tratou de marcar a súa vida este maxistrado da Audiencia Nacional.
Cando publiquei, en 1991, o meu libro La conexión gallega, del tabaco a la cocaína, un coñecido do xuíz e moi amigo meu, o arxentino Héctor Chimirri, contoume que a Garzón lle interesara moito o volume e ofreceuse para que nos coñeceramos. Daquela estaba o maxistrado iniciando a súa famosa Operación Nécora e a verdade é que eu non tiña moitas gañas de mesturarme en cousas sobre as que xa contara antes o que tiña que contar como xornalista. A cosecuencia foi que fun un dos poucos xornalistas de investigación que daquela andabamos por Madrid que nunca cruzou unha palabra con que acabaría sendo o xuíz máis mediatizado da Maxistratura española.
O resultado xurisdicional da Nécora foi o que foi, un pequeño fracaso por culpa dalgunhas alegrías instruccionais de Garzón e logo veu aquela espantada súa entrando e saíndo do goberno socialista de Felipe González como quen entra e sae nunha montería. Seguramente daquela xa era afeccionado á caza maior. Funlle seguindo os pasos a través dos xornais, polo afervoado libro da opusdeística Pilar Urbano e pola súa inclinación a viaxar aos países (Colombia, Estados Unidos) onde lle prestaban algunha atención.
Confeso que hai moito tempo que deixei de comparalo con Giovanni Falcone. Son personaxes definitivamente diferentes. A Garzón perdeuno o seu empedernido ego mediatizado, a súa insaciábel vocación de estar no poleiro. Falcone perdeu a súa vida e a a da súa muller no exercicio da xustiza. Quizais, aínda que só fose por isto, Garzón non lle debería ter aprezo persoal a ningunha clase de escopeta, luppara ou non, arma que a fin de contas só pode ser empregada para tirar a vida.
De calquera xeito, recoñezo que ten dereito a desfrutar pegándolles tiros aos corzos, aos xabaríns, ás perdices, ás lebres e a cantos animais hai que non están aínda tan debidamente protexidos como deberían estaren. A min Buffalo Bill Garzón, cazador de fin de semana, non me preocupa tanto como o xuíz Garzón ou o ministro do ramo Fernández Bermejo que se van de esmorga, xuntos e co xefe da Policía Xudicial, no preciso momento en que están caendo chuzos sobre o tellado da suposta corrupción de persoas relacionadas co PP investigada por Garzón.
Poden dicir agora o que queiran. Que só falaron de montería ou que recitaron versos de Juan Ramón Jiménez en Andújar, pero agardar que alguén llelo crea realmente? Esta vez a muller do César, se non foi deshonrada, polo menos abaneouse no fío da navalla. O ministro e Garzón servíronlle en badexa ao PP a pólvora oa que estaba precisando cargar tamén el os seus cartuchos e sair de caza. Zapatero debe estar que trina e, se aínda non cesou a Bermejo, debe ser porque pensa que iso tamén pode servir para cargar escopetas. Nunca o panorama político español estivo tan enlamado como agora. E, se isto acontece cando vai haber só eleccións galegas e vascas, que pode pasar cando volva haber eleccións xerais? Daquela se cadra están todos en Carabanchel, digo en Soto del Real.

Para ver auto de prisión ditado polo xuíz premer aquí.

miércoles, febrero 11, 2009

Escopeta nacional

Volven a estar de moda as cacerías. Igual que cando mandaba Franco e Fraga Iribarne lle pegaba perdigonazos nas cachas á filla do ditador. Pobres lebres e perdices, a democracia non lles valeu de nada. A Manuel Fraga a catástrofe do Prestige colleuno cazando, e ao ministro de Xustiza, Mariano Fernández Bermejo, e ao xuíz estrela Baltasar Garzón pillounos o xornal El Mundo cazando xuntos a fin de semana pasada mentres ardía o escándalo da suposta corrupción de altos cargos do PP e xentes aledañas.
Sucedeu na finca privada con máis de 600 hectáreas que tén o empresario farmacéutico, residente en Cataluña, José Peñas Pérez, en Cabeza Prieta, Torres (Jaén). Dá gusto ver a tan altas autoridades disfrazadas de Buffalo Bills apretando o gatillo antes de darlle eles gusto ao estómago comendo nun restaurante de Andújar. A afección do ministro pola caza é tanta que xa participou en cacerías nas que tamén estaban dirixentes da Comunidade de Madrid e do Partido Popular a nivel estatal, como é o caso de Ana Pastor. Quen dixo que as mulleres lle teñen medo ao retroceso das escopetas? País, paisaxe e paisanaxe.

Outro que fala castellanito na casa

Dille hoxe o candidato socialista á presidencia da Xunta a César Casal, en La Voz de Galicia, que “a preocupa-
ción dos cidadáns tén que coincidir coa preocupación do seu presidente”
. E non debería ser xustamente ao revés? Tamén asegura Touriño que “non se comprou, nin se van comprar, nin aparecerán nunca por San Caetano cadeiras de 2.000 euros”. Que tome nota Ferrovial, e que garde no caixón o presuposto (que xa o poderá volver a sacar cando pasen as eleccións).
Tamén proclama Touriño a súa condición lingüística: “Yo soy castellanohablante en lo personal”, asegura. E “touriñés” no público, faltoulle engadir. Vaia andacio castelanizante que lles entrou aos dirixentes do PSOE. Para que logo digan que a manifestación de Galicia Bilingüe non tivo éxito ningún.
Menos mal que Sarille, o meu amigo Xosé Manuel Sarille, pon as cousas no seu sitio cunha entrevista que lle deu a Isabel Bugallal e que aparece hoxe en La Opinión. Debería lela moita xente, para que se vaia entendendo o que pasa co problema lingüístico.

Pepiño Blanco, galegofalante por parte de nai

Non hai coma os políticos destora para contar paridas en canto se aproxima unha cita electoral. Quen o ía dicir? Resulta que a Pepiño Blanco, galegofalante por parte de nai, alguén lle está impondo o idioma galego, e a el –anarcoinsolente de Palas de Rei– nin diola lle di o que tén que facer. Consecuencia: que se pasa ao castelán por revelarse contra as imposicións. Non é o mesmo o que fai Gloria Lago?
Esta foi a súa actitude nun mitin no que participou onte no Barco de Valdeorras (Ourense). Falou no idioma de Gerado Diego e non no de Curros Enríquez, por dúas razóns seguramente. Unha, a expresada por el. Outra, porque o autor de Aires da miña terra a Pepiño Blanco debe quedarlle algo así como o Sermón da Montaña a Karina Flanagan. Ou o Sempre en Galiza a Corina Porro. En cambio, os versos de Gerardo Diego (Alondra de la verdad quién te dio las alas/quién la música azul que alzas y robas) seguramente lle resultan gratos ao dirixente socialista cando durme no piso que comprou na Illa de Arousa, aínda que xa non poda sentir o “arume dos piñeiros” porque houbo que cortalos para construir o edificio.
De Pepiño Blanco eu sabía que era capaz de calquera cousa, pero o de tirarlle un cable a Gloria Lago e a Rosa Díez xa me colleu de sorpresa. Hai anos contaba Farruco un mal chiste que consistía en preguntarlle a alguén: Cal é o pior branco de Galicia? E había que responderlle: O branco Campaña. Non sei se haberá que actualizar o chascarrillo.

martes, febrero 10, 2009

Copiou Touriño de Corina Porro?

Pois resulta que non é só Touriño o afeccio-
nado ao mobiliario de alto copete. A Rosa Díez do PP, é dicir, Corina Porro, tamén tirou do talonario dos cartos públicos para reformar e decorar os seus despachos cando foi alcaldesa de Vigo. Segundo publica Faro de Vigo, gastou case tres millóns de euros en recuperar e acondicionar o edificio do antigo rectorado da Universidade de Vigo, no que instalou o seu despacho.
En 1991, ese edificio foille cedido á UDV polo prezo simbólico de 1 peseta, e o goberno que presidiu Corina Porro pagou 2,28 millóns de euros para recuperalo. Ademais, a alcaldesa daquela época gastou máis de 20.000 euros en cortinas, 37.700 na climatización de tres despachos, 28.000 en cubrerradiadores, 17.000 en alfombras, mesas de 5.000 euros, etc.
Como agora lle lembra a concelleira de Economía e Facenda, Raquel Díaz (PSdeG-PSOE), mentres que alcaldesa do PP instalaba despachos de luxo, a casa principal do Concello tiña goteiras, mala calefacción e falta de espazo. E, como lles lembro eu a Corina Porro e a Raquel Díaz, a biblioteca e a obra pictórica que donou Francisco Fernández del Riego á Casa da Cultura agardaban daquela e seguen agardando agora a que o Concello de Vigo lles dea o tratamento que merecen.

A Voz dos empresarios

Definitivamente, Santiago Rey, presidente e editor de La Voz de Galicia, meteuse nun fregado do que veremos se sal escaldado. Aínda levando toda a razón que leva en parte dos seus alegatos, a súa irrupción intempestiva en pleno proceso electoral galego, seguida agora por unha perigosa estratexia de apuntar no xornal do que é propietario a lista dos que están con el –algo que sen dúbida vai provocar a nómina dos que están contra el– paréceme algo absolutamente desatinado por parte do editor do periódico que máis difusión e influencia alcanza en Galicia. Se Rey pensa que este é o camiño da independencia, equivócase de medio a medio.
Se a firma do amo de La Voz fose tan habitual no xornal como son as de Xosé Luis Barreiro e Roberto Blanco Valdés, por exemplo, estaría perfectamente xustificada a súa intervención directa na campaña, pero non é ese o seu caso. Santiago Rey calou a boca durante os 16 anos que gobernou o PP, algo que lles permitiu a moitos pensar que o seu silencio existiu porque La Voz estivo abondantemente pagada con diñeiro procedente dos fondos públicos. Polo tanto, subirse ao púlpito agora como se subiu el, en plan cardeal laico da sociedade galega, para lérllela cartilla aos políticos a través dun Yo protesto mal traducido do francés de Zola, non é que pareza sospeitoso. É que é sospeitosísimo.
Que busca Santiago Rey? Acaso que alguén o confunda co salvapatrias que non precisa Galicia para nada? Quere facer política? Pois que se presente ás eleccións e trate de gañalas. A súa posición, máis que corresponder á que debería soster un editor independente, preséntase coma dun pretencioso gurú que desexase dirixir o comportamento das urnas do 1 de marzo. Co artigo do domimgo pasado iniciou unha carreira que só pode levalo a unha radicalización que pode rematar dañando a imaxe e o comportamento do seu xornal, que polo de agora é, con todos os seus defectos, o mellor de Galicia.
E, se se equivocou escribindo o seu J’accuse, máis erra aínda abrindo unfa fronte cos que di o seu xornal que “ensalzan la llamada de Santiago Rey Fernández-Latorre a la sociedad civil”. É como se Santiago Rey se transmutase, coa chegada das eleccións, nunha Gloria Lago capaz de afondar na posíbel e perigosa existencia de dúas Galicias. Xa nos chegaba con Galicia Blingüe, e non facía falta que viñese o empresario coruñés vertendo máis gasolina no lume.
O caso aínda é máis alarmante se se tén en conta que Rey parece estar disposto a case todo por turrar coa súa teima. Só así se entende que La Voz de Galicia titule hoxe dicindo que “Empresarios, agentes sociales e intelectuales se adhieren al artículo del presidente de La Voz”, e na redacción da peza só aparezan os nomes de José María Arias (presidente do Banco Pastor), Antonio Fontenla (presidente da Confederación de Empresarios de Galicia), José Manuel Fernández Alvariño (presidente dos empresarios pontevedreses), Jesús Chenel (presidente dunha ascoiación de empresarios de Santiago), Jesús Bahíllo (director do Club Financeiro de Vigo –deste podíanse engadir máis cousas–), Manuel Casteleiro (director da Escola de Camiños da Coruña), Daniel Ramos (presidente da Asociación Marineda de Empresarios) Ana Isabel Ulloa (presidenta da Asociación de Empresarios da Coruña), José Ramón Franco Caaveiro (presidente da Asociación de Empresarios de Ferrolterra), Luis Fernández Ruenes (presidente da Federación Galega de Parques Empresariais), Elena González (presidenta da Federación de Asociacións de Veciños Eduardo Chao de Vigo) e Edmundo Varela (decano do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña).
Pero cantos destes son “intelectuais” e cantos “axentes sociais” non figuran na lista? Vaia apuro que debeu pasar o xornalista que tivo que titular a noticia. Por este camiño, Rey ha ter que facer algún cambio na cabeceira: quitar a palabra Galicia e susbituíla por Empresarios.

Adiviñanza III

Quen é un escritor que acaba de publicar un artigo maxestosamente laudatorio dun patriarca das letras galegas ao que algunha vez odiou e denostou canto puido –e ata quixo matalo– por mor dunha lea de faldas?
Esta vez o premio será a entrega dun exemplar de Foise o Caimán, da autoría de Luis Carrera e prólogo de Xosé Luis Baltar.

A culpa é das mulleres

Realmente sen desper-
dicio a entrevista que lle fai César Casal a Anxo Quintana e que aperece hoxe en La Voz de Galicia. O candidato que chegou a declarar nalgún momento que había que dinamitar o Gaiás, agora di que lle anda buscando unha xestión eficaz á Cidade da Cultura.
Cando o entrevistador lle pregunta se lle parece ético que con fondos públicos se pague transportar a 4.000 mulleres a Silleda e convidalas a comer para que escoiten un mitin seu, o vicepresidente da Xunta contesta que “foron elas as que pediron unha festa como final das súas actividades. E como máximo responsable do departamento pareceume ben estar alí, con elas, con normalidade”.
Xa o dícia Cachopal, a culpa é das mulleres.

lunes, febrero 09, 2009

Defender a lingua non é delicto

Será que volven tempos de ignominia? Mal debemos andar cando se volve a ver a Xosé Manuel Beiras rodeado de policías armados que miran para el como se fose un extraterrestre. O ex líder do BNG ofreceu hoxe unha mostra de dignidade política personándose diante da Comisaría de Santiago para apoiar aos que pedían a liberdade dos detidos onte na manifestación contra o idioma galego, argumentando que “defender a lingua non é delicto”.
Que pensará Quintana cando vai no coche oficial e escoita pola radio esta noticia?

Diálogo (imaxinario) nas alturas*

Aeroporto de Barajas. Seis da mañá. Acaba de aterrar o avión que trae a Núñez Feijóo de Buenos Aires. Soa o teléfono na residencia presidencial de Monte Pío.
Ring, ring.
Digaaa! Quen carallo chama a estas horas?
Son Feijóo, que se poña o presidente.
E logo? Tan urxente é para despertalo?
Urxentísimo.
Pasa un minuto e medio, que lle parece un século ao candidato popular. Fala Touriño:
Dime, Alberto. Non será que te pillou o temporal e non podes volver a Galicia.
Non, as que me atraparon foron as putas cadeiras. Chamo para dicirche que, se aínda che queda alguén de pé, cómpralle as sillas que queiras, que eu non volvo a dicir ren de ren. Xa me abondou cos cadeirazos que me devolviche. Vou chamar agora mesmo ao ABC e dicirlles que trasladen a José Luis Jiménez a Andalucía para que escriba crónicas sobre o flamenco.
Dasme unha alegría. Xa sabía eu que ti comprenderías.
E tanto! Agora chama ti a El País e dilles que escriban sobre o temporal. Xa sabes, o dos fenómenos meteorolóxicos adversos porque, se seguimos así, ti non vas ter en que sentarte, pero no PP imos quedar sen alcaldes.
Albertiño, como eres.
Como eres ti, cabrón.

* Transcripción directa da gravación que fixeron os servizos segredos da Comunidade da Esperanza Perdida.

As dúas Galicias

Fraco favor lle fixeron Galicia Bilingüe, Rosa Díez e algúns dirixentes do seu propio partido a Alberto Núñez Feijóo montándolle unha Aljubarrota a tres semanas das eleccións do 1 de marzo. Observando o resultado final da manifestación que houbo o domingo en Santiago, e a correspondente contramanifa protagonizada por varias ducias de radicais independentistas, pode entrarlle a un a dúbida e o medo de se non estamos volvendo ás dúas Españas de Machado que, neste caso, habería que traducir ao galego: “Galeguiño que vés ao mundo, que te garde Breogán: unha das dúas Galicias pode entalarche o corazón”.
O candidato e líder do PP tivo a precaución de tomar distancia e atoparse en Buenos Aires mentres ardía Troia nas rúas compostelás, pero non beneficia nada a súa faciana moderadora e supostamente moderna que varios e importantes segundóns da súa alternativa política (Alfonso Rueda, Ana Pastor, Corina Porro, Carlos Negerira, Ignacio López Chaves) aparecesen máis preto de Rosa Diez, Albert Rivera, Antonio Robles ou do pintoresco Miguel Cancio que dos “boinas” de Xosé Luís Baltar, aos que nin en pintura se lles ocorreu apoiar a manifestación que deu orixe a unha das cargas policiais máis violentas dos últimos tempos.
Logo do episodio protagonizado polo que encabezaba a lista do PP na provincia de Ourense, Luis Carrera, é case seguro que a Baltar matouno de risa ver como acabou como o rosario da unha manfestación na que o PP no debeu mezclarse nunca, se aspira a ser alternativa de regreso ao poder nunha Galicia que sume e xunte e que non divida ata límites preocupantes como dividíu a triste xornada do domingo en Santiago. Se había indecisos que ata poderiamos pensar que a deriva última do bipartito en dispendiosos gastos públicos e algunha forma de caciquismo debería ter unha resposta de castigo exemplar, votando mesmo a alternativa opositora ou absténdonos, os sucesos do domingo despexáronnos boa parte desas dúbidas. Persoalmente prefiro un Touriño dilapidador e un Quintana travestido de Manuel Fraga antes que un Núñez Feijóo cautivo de Rosa Díez e de Corina Porro, por non dicir que espido por Pedro Arias e Miguel Cancio.
Despois do que se acaba de ver nas rúas de Santiago, non me queda máis remedio, o 1 de marzo será co nariz tapado, pero votarei. E non será, dende logo, polo PP.

domingo, febrero 08, 2009

A violencia dos idiomas

Non teño, polo de agora, máis información da manifesta-
ción de Galicia Bilingüe e as súas consecuen-
cias, ca que acabo de ler na edición electrónica de La Voz de Galicia. Abóndame para percatarme de que seguimos sendo un país deacougante. Por un lado, a España ultramontana, intransixente, de charanga, touros e pandereta. Por outro, os que sempre levan a pior parte.
E, no medio unha Policía Nacional, que parece mellor entrenada para mallar nas costas de catro ducias de rapaces que para resolver crimes, perseguir narcotraficantes ou evitar que a violencia doméstica ou sen domesticar siga medrando.
Cóntanme que houbo polis que pegaron só por escoitar falar galego. E vexo nun video que colgou La Voz de Galicia que hai energúmenos que berran "Dalles, joder, dalles" cando ven os policías mallar nos rapaces. Haberá algún idioma que pague a pena defendelo a este prezo?

A homilía de Santiago Rey

A pesar do ton maxestoso e algo prepotente co que se expresa Santiago Rey no artigo que publica hoxe no xornal do que é propietario, La Voz de Galicia, a min paréceme saudábel o exercicio da súa lectura. Non me gusta, insisto, que o autor teña por norma aparecer só cando lle peta, en plan oráculo de Delfos, como se se dignase dirixir a palabra a uns súbditos que debería saber que non tén, pola feliz circunstancia de que xa non hai habitantes do reino que padezan esa condición, e como se pensase que pola súa boca falan a verdade e a incontroversia.
Dende o plural maxestático do comenzo do artigo ata o personalismo do título (Yo protesto, outra vez Émile Zola!), o cardeal laico Santiago Rey espétanos unha homilía electoral que non tén desperdicio de principio a fin. Por moito alegato que faga a un necesario regreso da “desaparecida sociedade civil”, o autor do artigo non logra ocultar que o que realmente bota de menos o editor do xornal coruñes é unha Galicia que estivese menos gobernada polos que definitivamente son os seus demonios particulares, é dicir, os nacionalistas galegos, ou sexa, o BNG.
É verdade, como di el, que “ahora ha surgido un nuevo caciquismo que se disfraza de falsa modernidad y opera con desparpajo en todo cuanto se pone a su alcalce, desde las concesiones eólicas a las plazas del empleo público”, pero carece de razón cando sostén que “aquel hermoso ideario de los grandes galleguistas parece usurpado en manos de intolerantes que lo emplean como arma arrojadiza entre gallegos”. Claro que esta segunda cita quizais se comprende doadamente se se tén en contar que, só unha liña máis arriba, Santiago Rey informa de que compartiu “traballo e proxectos ilusionantes” con Ramón Piñeiro, Domingo García Sabell, Francisco Fernández del Riego, Valentín Paz Andrade, Marino Dónega ou Carlos Casares.
Por moi ilusionantes que fosen eses traballos, supoño que Rey comprenderá que todas as persoas que cita –respectabilísimas no seu conxunto e máis aínda unha por unha– son unha parte de Galicia e non toda ela. Representan, máis concretamente, unha forma de ver Galicia dende postulados culturalistas moi concretos. Pero hai outros enfoques, outras maneiras de ver a realidade galega e de enfocar a solución dos seus problemas que Santiago Rey, como editor e propietario dun xornal que pretenda ser independente, debería igualmente respectar e considerar. Eu non diga que teña que comulgar co que fai o Bloque ou co quen fan outras manifestacións do nacionalismo galego ou a esquerda galega no seu conxunto e por separado. Só me alarma un pouco ver que o amo de La Voz de Galicia aproveita a coxuntura electoral para subir ao púlpito a predicar a súa boa nova parcialmente dirixida contra os que xa parece que tén algo freudianamente incompatíbel, e non é precisamente esta a mellor condición dun editor que aspire á independencia que tanto necesita actualmente a prensa de Galicia.
Polo demais, concordo co autor de Yo protesto na maioría dos seus alegatos críticos contra o panorama político actual e ata celebro esa chulería coruñesa que lle é tan propia a Santiago Rey, e que neste artigo se ve claramente expresada cando escribe a seguinte frase: “Si digo todo esto, si protesto incluso por tener que protestar, no es por que me embarguen sentimiento derrotistas”.
O que non podo tampouco é rematar sen expresar que é unha pena que Santiago Rey non se dedicase antes a escribir como escribe agora. Por exemplo, cando mandaba Fraga e el parecía que andaba de vacacións polas Eolias.

sábado, febrero 07, 2009

A delegación de Medio Cartelle

Ata agora o único conselleiro intocábel da Xunta parecía que viña sendo Alfredo Suárez Canal. Ese porte seu de cabaleiro incorruptíbel incapaz de matar unha mosca sen ordear antes un estudio a fondo da sostenibilidade do tal díptero, dáballe unha certa aura de político sobrenatural, case divino, que parecía poñelo a recaudo das tronadas coxunturais.
Se cadra por representar o rostro maís humano, moderno e conviviador da UPG, polo político de Allariz –Belén do que tamén procede o vicepresidente da Xunta– podíase apostar firmemente como o valor máis seguro e por riba de calquera sospeita dentro da ristra cada vez máis reducida de executivos non de serie que van quedando no BNG.
Porén, a noticia que publica hoxe La Voz de Galicia sobre o comportamento do delegado de Medio Rural en Ourense, Xosé Rodríguez Cid, quizais acerca demasiado a Suárez Canal á simple condición humana e á súa Consellería ao promedio da administración pública galega.
Conta La Voz que Rodríguez Cid, coñecido como Pepe o de Cartelle, empregou na delegación que goberna a 72 veciños do seu concello, e que por iso xa lle chaman ao seu departamento “a delegación de Medio Cartelle”. Será que son tan listos os de Cartelle e tan expertos nas cuestións de medio rural que lles gañen aos do resto do mundo mundial en méritos para traballar por conta da delegación esa? A información que porporciona La Voz de Galicia apunta a que influíu máis que nada a condición de militantes nacionalistas deses veciños de Cartelle favorecidos por Rodríguez Cid que, ademais, tamén é el de Cartelle e aspira a ser alcalde algunha vez do concello do que é natural.
Non sei se era Spengler o que apuntaba a inclinación da historia a repetirse. Fose quen fose, se vivise agora en Galicia, seguro que lle soaba de algo o que pasa na delegación de Medio Cartelle, e lembrariase de cando Vítor Vázquez Portomeñe estivo a piques de despoboar Chantada traendo os seus naturais a traballar na Xunta de Galicia.

viernes, febrero 06, 2009

O merlo branco de Feijóo era unha anduriña

O merlo branco de Núñez Feijóo, Luís Carrera, xa ex cabeza de lista do PP por Ourense, resultou ser unha anduriña pasaxeira. Parece mentira, un tiburón das finanzas coma el reresulta que se esquenceu de decrarlle á Facenda Pública que cobrou 240.0000 euros do Banco Privado Portugués por buscarlle inversores españois que aportaron 50 millóns de euros entre os anos 2004 e 2005.
Se a un lle pagan vía illas Caimán, coa sona de paraíso fiscal que tén tal parte do mundo, o normal é que caia na tentación de esconderlle ao fisco tan suculentas ganancias. O malo é que Luis Carrera tamén se esquenceu de contarlle este episodio a Alberto Núñez Feijóo cando, en contra da opinión de Xosé Luis Baltar, por certo, catapultou a súa figura ao primeiro posto da candidatura conservadora por Ourense.
Que ocorreu? Que na Cadena Ser, seguramente moi preocupados por atopar algún scoop despois de non ser eles os que se enteraron da vidreira máxica de Touriño, andábanlle enriba da pista e non lle quedou máis remedio que dicirlle a Alberto: "Mira, tronco, que me han pillado y no sabes cuanto lo siento”. Feijóo, que algo rapidiño aínda sabe reaccionar, só tardou horas en sinalarlle o camiño da porta. “Eu si que vou facer coma Obama”, pensou mentres lle mandou a Mar que chamase aos xornalistas.
Mira por onde Pedro Arias acaba de gañar puntos para ser conselleiro de Economía, se ao PP lle fose ben nas eleccións do 1 de marzo. Aposto algo a que aínda se ha revalorizar a foto que teño del en pelotas cunha carteira de ministro na man.

O BNG quere máis

Din os dos Bloque, mediante o seu lema electoral, que queren máis. De momento está claro que o que queren é máis postos na Administración pública. Se é verdade o que lles acaban de lembrar os funcionarios da Xunta, a través xunta de persoal de servizos centrais, a convocatoria de 336 prazas de persoal fixo para as galescolas e residencias de maiores dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar non reúne as “garantías legais de igualdade, mérito e capacidade no acceso ao emprego público”.
Esa xunta de persoal está formada por representantes dos sindicatos CC-OOO, CIG, UGT e CSI-CSIF, o que non impidiu que a dirección central da CIG se pronunciase xa dicindo que non está en contra das contratacións convocadas pola Vicepresidencia de Anxo Quintana. Debe ser difícil estar na misa e repicando.
Non sei quen terá máis razón o se alguén non a ten en absoluto, pero a min o que me choca é que o BNG faga exactamente como fixo o PP mentres estivo no poder: tratar de colocar os seus no último instante, non vaia ser que as urnas se torzan. Máis información en La Voz de Galicia.

Adiviñanza II

Quen é un político galego de alto copete que foi sorprendido pola súa muller cando estaba encamado con outra, e ipso facto expulso do domicilio familiar? Haberá premio. Esta vez as obras completas de Fra Gaélico traducidas ao galego por Ana Miranda.

jueves, febrero 05, 2009

A síndrome de San Caetano

Cóntanme que, na contorna de Touriño, houbo xa máis dunha persoa que se foi do seu lado por non aguantar o extraordinario cambio persoal que experimentou o presidente da Xunta dende que se despraza en coches blindados máis caros cos que usa Barack Obama. Mesmo me din que a “síndrome de San Caetano” que padece comenza a ser tan preocupante que a súa doenza pode acabar pasando factura nos comicios do próximo 1 de marzo. Adiántome a proclamar que eu non celebro de ningunha forma tal circunstancia, senón todo o contrario.
Dende logo, algo está pasando no PSOE e non só en Galicia, país no que Touriño non está demostrando estar en absoluto á altura das circunstancias, como moi ben lle acaba de lembrar El País. Ata me pregunto se non lle queda ninguén ao seu lado para dicirlle que se equivoca e que non é polo camiño da soberbia persoal como tén que dirixir os pasos dos galegos. Cada vez que a oposición, reducida agora mesmo practicamente ás hostes da dereita, lle larga unha andanada, o líder socialista galego responde case como respondía Franco cando calificaba de “masóns” e “comunistas" a todo quisque, aínda que se referise a Dionisio Ridruejo ou a Manuel Cantarero del Castillo. Touriño interiorizou perigosa e excesivamente o sentimento de que o que non está con el está contra el, e esa é unha tendencia que o pode levar a un solipsismo preocupante no que, segundo todos os sintomas, xa está inmerso.
Pero o problema non remata aí, senón que abrangue tamén a unha parte importantísima do actual comportamento dos socialistas a nivel do Estado. En Estados Unidos, poderoso emporio da economía e da política liberal, acaba de tomar as rendas un presidente, Barack Obama, que non lle doe a man en limitar os salarios dos altos directivos daquelas empresas que foron socorridas con fondos públicos polas circunstancias da crise. Algo que nos pode parecer totalmente lóxico aos que aínda pensamos que o mundo podería ser rexido senón por Descartes polo menos pola lóxica borrosa. É normal que un pida contas á empresa á que lles presta cartos e, sobre todo, se eses cartos non son privados senón públicos. Ou non?
Pois aquí ocórreselle a Miguel Sebastian, ministro de Industria, insinuar que os banqueiros están empezando a pasarse dúas aldeas e xa tén que vir Pepiño Blanco, que aínda non forma parte do Goberno senón dun partido máis, a enmendarlle a plana. Se cadra é porque Blanco sabe que tamén lle van chegar el as brasas da campaña electoral galega por esa manía que teñen os novos ricos de comprar casa na praia. Vaia por Deus, que igualiña é case sempre algunha forma de gobernar.