Acabo de ler as declaracións do seceretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, no Encontro Dixital de La Voz de Galicia. Moi interesantes. Lorenzo contesta en galego aínda que a pregunta que lle fagan lle fose expresada en castelán. Todo o que di pode ser gustosamente aceptado tanto polos partidarios do PSOE como do BNG e, sen lugar a dúbidas, polas moreas de independentes que nos sentimos amantes e defensores da cultura e do idioma que nos son máis propios. Neste sentido, o futuro consenso estaría asegurado por máis da metade dos galegos.Definitivamente, se o xulgamos polo que di neste encontro, Anxo Lorenzo sería un bo secretario xeral de Política Lingüística dun goberno como o que presidiu Emilio Pérez Touriño. Tan bo ou moito mellor aínda do que o foi Marisol López, pero algo me fai pensar que pillou o tren nunha estación equivocada. E nunha dirección tamén errada. As súas palabras de hoxe contradín abertamente, e case desafían, as medidas anunciadas e xa comenzadas a tomar polo presidente da Xunta e polo conselleiro de Educación. De seguir esta esquizofrenia, alguén ha ter que demitir ou ser cesado nun futuro próximo, e é de supoñer que o que dimita no vaia ser o presidente da Xunta.
