martes, junio 30, 2009

O anticinismo de Roberto Saviano

Sinto polo xornalista escritor Roberto Saviano unha especie de precaución crítica que cada vez se vai tornando máis en admiración e respecto. Por un lado, aínda me segue parecendo que hai na súa figura pública algo de exceso protagónico retroalimentado polas circunstancias case dramáticas nas que se ve obrigado a vivir, e, por outro, cada vez atopo máis no seu discurso –sobre todo despois de volver a ler o seu Gomorra– as pegadas intelectuais dun home que se vai facendo lúcido diante do mundo no que vive,
Xúrdeme esta reflexión lendo hoxe a entrevista que publica El País con Saviano, que anuncia que agora se vai dedicar tamén ao teatro. Pero non é por conta do teatro polo que a min me interesa agora o escritor italiano senón polo que di de que se sente cómodo entre os perseguidos. “Non quero escribir como os cínicos –responde–. O cinismo é a armadura dos desesperados que non saben que están deseperados”.
Saviano explica que o odio “nace de que sinten que eres diferente” cando responde a unha pregunta dicindo que “hai moitos políticos e escritores que creen que todo é lícito, viven na inmunidade total. O mecanismo que me empurra a escribir é xusto o contrario dese cinismo. Coido que é preciso cambiar as cousas. Négome a sucumbir ao conformismo. Eles saben que a maior parte do país está da súa parte. Que ninguén sae á rúa a protestar por nada, que a xente adora ser representada por políticos que encarnan as súas condicións. A xente sente que Berlusconi ten os mesmos vicios e contradiccións ca eles, por iso están cómodos con el. Se tratas de cambiar iso, quítaslles o sono. Pero non falar das cousas só serve para escondelas e escorrer o vulto. A indeferencia dos italianos, esa forma de afacerse a calquera cousa, contaxiou a sociedade civil, os xornalistas, os líderes de opinión. Pensar e escribir que as cousas deben cambiar convértete nun apestado. Din que o fas porque non chegache onde agardabas, porque non tes enchufe… Chámanche inadaptado, din que es pouco fiábel, que estás fóra do sistema. Ese cinismo está devorando o país”.
Hai máis cousas interesantes na entrevista de Saviano, que se pode ler enteira premendo aquí. O párrafo que acabo de transcribir paréceme que non só é aplicábel a Italia. Pódese transpoñer tamén a Galicia, a España e a moitos outros sitios.

jueves, junio 25, 2009

Iravedra, un campión


Ás veces pregúntome que pasaría se non houbese quen publique polo menos algunha das cousas que sempre ocultan La Voz de Galicia e a maioría dos xornais editados en Galicia. Por exemplo, a noticia que publica hoxe El País sobre os conselleiros da TVG que repartiron entre eles 5,6 millóns de euros en cinco anos.
O que sucedería é que non nos enterariamos das tropelías que se cometen neste país dos ananos que se volveu patria de non poucas amoralidades. Estudie vostede, poño por caso, unha carreira difícil, saque notas extraordinarias, especialícese en física quántica, en física de partículas, en matemáticas ou en calquera outra cousa desas que non lle sirvan para presentar un programa de televisión ou facer de guía por Santiago e o máis seguro é que remate metendo dúas mudas nunha maleta e tomando o camiño da emigración cara a Xenebra ou Estados Unidos, porque aquí non pasaría o seu salario mensual dos límites mileuristas. Podía poñerlle nomes e apelidos a esta metáfora.
Pola contra, faga unha carreiriña calquera –ou mesmo sen facela–, enrólese na política do poder, faga o cafre canto queira –mesmo conducindo con algúns graos alcohólicos de máis– e, con algo de sorte e os apoios de rigor, pódelle caer a lotería de que o metan a vostede no consello da Radio e Televisión de Galicia e ingresará na súa conta bancaria unha suma parecida á que lles custa Xosé Luís Méndez aos clientes de Caixagalicia. Ou sexa, máis aínda do que gañan o presidente da Xunta e, dende logo, calquera dos seus conselleiros.
Que tén que facer para levantar esta millonada? É moi doado. Abonda con que vaia a algún enterro, a algunha conferencia sobre a enerxía nuclear na segunda guerra mundial, á feira do augardente de Portomarín, a varias enchentas gastronómicas, á inauguración ou clausura dalgunha feira ou ao pregón dalgunha asociación de belenistas. Isto polo menos é que lle procurou a Xosé Luís Iravedra, ex presidente provincial do PP de Lugo e conselleiro da RTVG, 553.020 euros en seis anos. Non está nada mal. E todo a base de engadir ao seu xa cuantioso salario mensual o cobro de 199 dietas por asistir a actos da máis diversa índole.
Este Iravedra debe ser o que se chama un hiperactivo. Convite que recibe, convite que acepta –especialmente cando llo remíten dende calquera actividade do Grupo El Progreso de Lugo– e dieta que carga nas contas da RTVG. No 2005, bateu o seu propio rércod facéndose pagar 152.132 euros. Triplicou o número de dietas presentadas polo conselleiro que lle sigue neste menester, Alfredo Conde, que cobrou 60 dietas, e multiplicou por 199 as dietas que cobraron os conselleiros do BNG, por exemplo. Todo un auténtico campión este Iravedra.
O consello de administración, que non se sabe moi ben para que serve, é o único órgano elixido polo Parlamento que estabrece o seu propio sistema retributivo. Os conselleiros cobran un fixo mensual de 2.700 euros, máis 250 euros por cada vez que asisten aos consellos e 150 por participar en cada comisión. Dous consellos ao mes polo menos e numerosas comisións e consellos extraordinarios que elevan os seus ingresos anuais a unha media de 80.000 euros. Na derradeira nómina do 2008, só Mar Sánchez –actualmente directora xeral de Comunicación da Xunta– ficou por debaixo dos 5.800 euros brutos, debido a que só ingresou 1.040 euros por comisións. Nese mes e no resto dos casos, as denominadas asistencias situáronse entre os 3.000 e os 5.160 euros.
Así calquera traballa unhos cuantos días ao mes. Un escándalo.

martes, junio 23, 2009

Unha serea contra o galego

Marta Fernández Currás era, ata hoxe, a conselleira xeitosa do goberno de Núñez Feijóo. Sempre sentada á súa beira esquerda nos consellos da Xunta, parecía unha valquiria misteriosamente pousada na mesa onde se toman as grandes decisións administrativas de Galicia. A súa proclamada indepedencia e o seu glamour de muller arrebatada polo profesionalismo e por algo de distanciamento dos potes políticos, podían presentala como a esperanza branca dun goberno conservador que chegou á Xunta disposto a devolver Galicia ás covas da predemocracia.
Agora resulta que non era unha valquiria senón simplemente unha serea agazapada nos regatos do PP á espera de emitir o seu canto fúnebre contra o idioma galego. Hoxe ergueu a súa voz no Parlamento para dicir que “non tén sentido que un excelente médico non pase un exame por non saber galego”. Seguramente non diría o mesmo se ese médico non soubese español.
Pola súa biografía oficial, a serea que administra a Facenda galega é economista e inspectora fiscal. O que se ignoraba dela ata agora é que soubese tanto de socilolingüística e de Medicina para pronunciarse tan radicalmente sobre o que precisan ou non os doentes galegos. E o que ignora ela mesma é que os excelentes médicos galegos (Novoa Santos, Rof Carballo, García Sabell, Manuel Cabaleiro, Xaime Quintanilla, etc.) sempre foron amantes, practicantes e sabios coñecedores do idioma galego. Ata no propio partido para o que traballa agora a conselleira-serea hai un deses médicos excelentes que foi presidente da Xunta: Xerardo Fernández Albor. Ou é que se pode sanar ben a xente sen entendela perfectamente no seu propio idioma?
Que falta tería a loira administradora da nosa Facenda de pronunciarse tan radicalmente? Se non foi por simple ignorancia, debeuse deber a algo moito pior aínda. Tamén é Marta Fernández Currás dos que levan agochado no cerebro un militante extremista do nacionalismo español? Válianos Deus! Estamos rodeados.

O túnel do tempo

Empezo a ter a sensación que estamos volvendo a vivir o que nos pasou hai algún tempo. Botáronse á rúa os adaís da lingua do imperio, colleron folgos os acuicultores inimigos da natureza costeira, incharon o peito outra vez os desertores do arado e ata os cazadores de porcos bravos andan afinando o punto de mira das súas escopetas. Hai un dejà vu evidente. Andamos no revival outra vez. Como se empezásemos de novo a meter a marcha atrás polo túnel do tempo. Pobres de nós se Prisciliano non vén socorrernos!
Xa era de máis que Gloria Lago determinase a política lingüística, pero que agora veña outra vez Pescanova marcarnos o límite da nosa relación co Atlántico xa pasa de castaño escuro. Parece como si estivésemos condenados a repetírmonos ciclicamente e viaxásemos no mesmo bordo dunha roda de muíño coa que, de paso, nos fixesen comulgar continuamente.

lunes, junio 22, 2009

Millonarios rañas

De algo lle terá que servir ao goberno de Núñez Feijóo ter unha conselleira que é inspectora da Facenda, Marta Fernández Currás, que se viña ocupando na súa anterior función pública de investigar os grandes patrimonios e fortunas de Galicia. Segundo publica hoxe Faro de Vigo, hai entre nós máis de 55.600 persoas que están obrigadas a dar conta da súa riqueza. As súas propiedades suman 37.385 millóns de euros –671.000 euros por término medio– e o número destes millonarios incrementouse un 9 por cento dende o ano 2002, cun aumento do 33 por cento no volume e valor do seu patrimonio.
O curioso do caso é que, paralelamente a este incremento do número e volumen dos ricos de Galicia, produciuse unha espectacular disminución das ganas que teñen estes millonarios de pagar ao fisco. Os nosos Onassis son rañas no tocante a cumprir coa Facenda pública, á que lle deben máis de 40 millóns de euros que foron determinados logo de varias inspeccións fiscais levadas a cabo nas contas dos grandes patrimonios galegos. Néganse a pagar e as reclamacións correspondentes xa foron iniciadas por vía xudicial. A cuota media corresponte á fiscalidade aplicábel a estes grandes patrimonios é de 1.300 euros. Tampouco parece ser tanto para cada un destes ricachóns.
Entre eles, como é lóxico, hai de todo. Empresarios de toda a vida, empresarios emerxentes, novos ricos, etc. Non faltan, dende logo, os amos do ladrillo e hainos dos que xa figuran na nómina de persoeiros egrexios ou polo menos moi coñecidos na sociedade galega. Os ricos non choran coma os pobres, pero á hora de gardar a carteira teñen máis dedos ca ninguén.

martes, junio 16, 2009

De Ramón Piñeiro, Alonso Montero e Basilio Losada


Cada vez comprendo menos a conversión “piñeirista” de Xesús Alonso Montero, devotamente mostrada no seu recente libro Ramón Piñeiro ou a reinvención da cultura galega (Editorial Galaxia). E enténdoa menos aínda despois de ler outro importante libro galego que acaba de aparecer: Do sentimento á conciencia de Galicia. Correspondencia (1961-1984), tamén de Galaxia, que dá a coñecer as cartas cruzadas entre Piñeiro e Basilio Losada, editadas por María Xesús Lama e Helena González.

Que un comunista irredento, como é Alonso, remate adorando a figura do que quizais foi o anticomunista máis metódico que deu a intelectualidade galega semella, de entrada, non ter moito xeito e, de saída, polo menos unha boa sorpresa. E non lle nego, con isto, ningún dereito ao converso de mudar de opinión. Os que me len decote saben que acostumo referirme a aquel dito francés de que “il n’y a pas que les imbéciles que ne changent pas”.
Se digo o que digo é polo que vou mostrar a continuación. O 31 de marzo de 1969, Losada escríbelle a Piñeiro unha carta da que entresaco este comentario: “Estando en Madrid desencadenouse unha ofensiva contra un grupo de rapaces galegos de tendencia inxenuamente marxista. Ramón Ramos está na cadea. Os cárregos que lle fan non os sei esactamente, pero polo que me dixeron pilláronlle octavillas –non sei de que partido– no seu apartamento. O Ramón é un bon rapaz, intelixente e inxenuo a un tempo, con mentalidade de conspirador paraguayo e unha imprudencia atroz. Non é do partido comunista, por máis que ese vai ser o cárrego que lle fagan, e vaille costar desfacerse del. Unha pena. O rapaz perdeu trece anos da súa vida nun noviciado agustino e agora saiu como todos: cunha inxenuidade política que sólo ten parello coa súa inxenuidade sentimental. Poida que ese incidente o tempere un pouco e o faga madurecer. ¿Soltaron xa ao Ferrín? O malo que teñen estas cousas é que despois da represión a xente muitas veces sale máis encerretada”.
Piñeiro non lle respondeu sobre este asunto. Ou, polo menos, non aparece nada no libro. Quizais porque, en mes e medio, viuse no trance de ter que enterrar primeiro á súa nai e logo ao seu pai e por marchar tamén pouco despois a Middlebury, para dar un dos varios cursos que profesou en Estados Unidos. Dende este lugar escríbelle a Losada, o 4 de xullo de 1969, unha carta na que aparece unhas das moitas andanadas que lle tirou a Xesús Alonso: “Na cultura, por ser un patrimonio coleitivo, cómpre ser serios, responsables. I o Alonso nono é, como está ben documentado con ise libro (refírese a un libro de Alonso sobre Curros, se non llembro mal, ao que Piñeiro lle fixo unha crítica dura en Grial). Nistes casos, a benevolencia equivale á complicidade”. Que Piñeiro, ás veces, non era nada benevolente vese neste párrafo que figura na carta que lle mandou a Losada, o 10 de decembro de 1969, sobre o daquela maxistrado, presidente do Centro Galego de Barcelona e escritor Manuel Casado Nieto, primeiro tradutor da Biblia ao galego: “Comprendo que trates de ser xeneroso co Casado na valoración das súas cualidades literarias. O que ocurre é que, coa túa xenerosidade ou sin ela, as cousas non cambian; todas cantas novelas escriba non valerán un pimento. Mellor sería que empregase o tempo en cousas de máis proveito. Non hai qué lle facer, pro iste home non é un verdadeiro literato. Non pasa de ser unha manía mimética, sin raíz e sin verdadeiro pulo”.
O 17 de novembro de 1970, Piñeiro volve cargar contra Alonso Montero na carta que lle escribe ese día a Losada incluíndo a seguinte frase: “Por outra banda, o Xesús será sempre incorrexiblemente tendencioso, ora por vaídade ora por sectarismo”. Claro que por esa época Basilio Losada tampouco se corta moito cando fala, por exemplo, dos discípulos de Manuel María. En carta a Piñeiro do 24 de maio de 1971, opina o seguinte: “Estou espantado do malos que son os poetas de camada de Manuel María: Cabana, Margarita Ledo, e demais. Non vexo xente nova boa”. A isto respóndelle Piñeiro, tres días despois, dicíndolle que “hai xente nova que val, pro non forman parte da rolada Alonso-Manuel María”.

Piñeiro e a Gran Enciclopedia Galega
As teimas de Piñeiro e Basilio Losada contra Alonso Montero tamén están presentes cando intercambian por carta ideas sobre a Gran Enciclopedia Gallega, que editou os asturiano Silverio Cañada. “Eu faleilles de facela en galego –escribe Losada o 25 de agosto de 1971–, pero claro: non lles interesou. Por outra parte, e atendendo á nosa circunstancia, poida que sexa tamén máis comenente facela en castelán. En castelán pero dende unha perspeitiva netamente galega”. Piñeiro respóndelle, o 14 do mes seguinte, dicíndolle que “Cañada estivo por Galicia e falou co Alonso e co Paco (refírese a Francisco Fernández del Riego), e quizais con outros". Nesa mesma carta figura o seguinte párrafo: “Non estou moi seguro de que un eclectismo sobexo sexa realmente eficaz, pero a dilixencia e o siso do Cañada seguramente poderán compensar eses riscos”.
O derradeiro día de setembro de 1971, Losada mándalle a Piñeiro unha carta falándolle outra vez da Enciclopedia. “O da Enciclopedia –pódese ler nela– parece que vai en marcha. O interesante sería constituír en Galicia un equipo de xente, non necesariamente moi brillante pero sí traballadora, xente ben pagada i eficaz. Díxome o Cañada que quere facer unha xuntanza en Santiago ou Vigo o día 11. Si se fai irei. Será unha viaxe tremenda, porque dispoño sólo de tres día. Eso contando ir, vir e a estadía”.
O 4 de outubro do mesmo ano, Piñeiro exprésalle por carta a Losada o seguinte criterio: “Se atinades a constituír un equipo eficiente de traballo, a cousa poderá ir adiante. Debe ser xente nova, máis ben. O mellor e máis serio equipo xuvenil que hoxe funciona é o do Instituto P. Sarmiento. Hai alí media ducia de rapaces –algúns xa profesores– que traballan ben”. Nesa carta, Piñeiro tamén inclúe a frase seguinte: “O Cañada debería darche a ti a dirección efectiva”.
Un mes máis tarde, o 12 de novembro de 1971, Piñeiro vólvelle a falar da Enciclopedia a Losada. “En Lugo batín co Xesús Alonso nunha librería e falamos un pouco. Contoume a vosa xuntanza compostelana e os seus puntos de vista idiomáticos 'non secundados por ti e por Paco'". Once días despois, o 23 de novembro, Basilio Losada móstrase anoxado por este tema: “Do da Enciclopedia non teño máis noticias. A actitude de Alonso non me sorprende, pero me irrita. El xa tiña chegado a un acordo cos de Gijón para facer a obra en castelán, por máis que na xuntanza prantexara de novo –e sólo a efectos de manter a facuada– a custión da lingua. Por outra parte, o primeiro que dixo Cañada na xuntanza (e xa mo tiña dito a min por adiantado) é que en galego non a facían, e que de seguir teimando na cousa da lingoa, eles retirábanse. A min pareceume moi ben que o Alonso queira manter a súa postura exterior de pureza insobornable, pero para os que coñecemos a cousa dende dentro resulta ridículo. Eu lembro moi ben o que dixo Del Riego: ‘A Enciclopedia en galego pódese facer –pódese vender, mellor dito– dentro de dez anos, polo de agora aínda non’. I esto o Alonso teno ben sabido como nós todos. A min abóndame co exemplo da Enciclopedia catalana, e o contesto catalán é muito máis favorábel que o noso para aventuras deste xeito”.
Pasados case catro meses, o 12 de marzo de 1972, Losada volve escribirlle a Piñeiro falando deste asunto: “Estou esperando por ver si ca cousa da Enciclopedia orgaízase unha xuntanza como a de hai meses e dou unha volta por Sant-Yago”. Pola maneira de expresárese, a Losada parecía interesarlle tanto o turimo e a ocasión de falar cos amigos como o propio negocio da publicación de Cañada.
Xa na primavera do 72, nunha carta escrita o 18 de de abril, Piñeiro pregúntalle a Losada: “¿Qué foi da Enciclopedia galega? ¿Está parada? Non se fala dela”. Sete días despois, o 25 do mes das augas mil, respóndelle o interpelado: “Do da Enciclopedia non sei nada. Hai un tempo estivo por acó Cañada, e sigue co mesmo interés. Téñolle que escribir decíndolle que convén outra xuntanza para poñer a máquina en marcha”.
Case a volta de correo, o 29 de abril de 1972, Ramón Piñeiro faille saber o seu parecer a Losada: “Resulta curioso que o Paco e mais ti non sabedes nada da Enciclopedia Gallega a non ser as cartas do Cañada, mentres que o Alonso está perfectamente enterado e activo pois asegura que eso vai moi ben e xa está nomeado un secretario que se encarregará de coordinar todo (dato curioso: o secretario tal é, polo visto, o Muruais, ou seña un incondicional de Alonso). Polo que se bota a ver, Otero Pedrayo, Paco e mais ti sodes ornamento decorativo”. (Chegado a este punto, quero facer un apunte: o tal Muruais debo ser eu, me parece. Quizais é a única vez que Ramón Piñeiro escribíu o meu nome. Se estivese vivo, preguntarialle que carallo sabía el das miñas incondicionalidades, se eu só me sentei no seu braseiro unha vez e foi para que Luís Seoane me fixese o retrato que publicou na súa serie Figuraciós).
Case un ano despois, o 2 de marzo de 1973, Basilio Losada volve a escribirlle a Piñeiro sobre o mesmo tema: “Ando cabreado co asunto da Enciclopedia. O grupiño de Ramos fixo unha carta imbécil decindo que facer a Enciclopedia en castelán ‘é unha traición ao pobo galego’, etc. En realidade, todos quixéramos que se fixera en galego. E a mellor maneira sería non andar con cartas impertinentes e presentarlle ao Cañada unha lista de 10.000 nomes de suscriptores condicionados a que se faga en galego. Nestas condiciós, o mesmo Cañada o dixo, está diposto a facela 'en galego ou en sánscrito'”.
Nese ambiente, Ramón Piñeiro aínda volve a arremeter contra Alonso Montero nunha carta que lle escribiu a Losada o 28 de novembro de 1973: “O Alonso Montero diagnosticando a morte do galego a prazo fixo –e certo– e o Lapa (refírese ao eminente profesor portugués Manuel Rodrigues Lapa) decretando a incapacidade cultural desa lingua rústica e dándonos como solución o portugués. O primeiro por irreprimible tendencia a chamar a atención e o segundo por despiste da verdadeira realidade, crean confusión e desalento na xente de boa fe e pouco informada, que é a maioría. En Madrid os da Estafeta pensan ocuparse do tema”.
Máis dun ano despois, Alonso Montero seguía sendo citado na correspondencia intercambiada entre Ramón Piñeiro e Basilio Losada. Este útlimo, o 16 de xaneiro de 1975, escribíalle ao primeiro o seguinte: “Dende logo, fíxome gracia o que dis do Alonso. O home quere estar en todos os caldos. Vinlle derradeiramente a súa colaboración en El año literario español 1974, e practicamente non fala máis que de si, do que fixo, do que vai facer, do que pensa facer algún día. Esta teima da autopromoción e da programación propagandística témola moi desenrolada no país”.
Pois, aínda sí, Alonso Montero pasouse ao piñeirismo e considera ao seu creador “un cidadán heroico” no que descubriu a Sócrates, “un diamante moral”. Se a de Alonso non é unha conversión coma de Pablo de Tarso, pouco lle debe faltar. A diferenza quizais radique en que a el non o desmontou do cabalo a luz cegadora do sol, senón a dun diamante que debeu ser de moitos quilates.

sábado, junio 13, 2009

Andrés Torres Queiruga, heterodoxo

Non sei case nada de Teoloxía, hai tempo que pasei a ser agnóstico (por aquilo de que “entre as cousas seguras a máis segura é a dúbida”) e os asuntos das igrexas tráenme máis ao pairo aínda cas omponendas dos partidos políticos que reparten o poder, pero preocúpame seriamente o que lle están a facer ox xerarcas da Igrexa Católica de España, co cardeal Rouco Varela á súa cabeza, a un home dos bos e xenerosos que se chama Andrés Torres Queiruga.
Coñézoo dende os tempos heroicos nos que Silverio Cañada, Xesús Alonso Montero, Paco del Riego, Basilio Losada e algún máis tivemos que loitar para sacar adiante a edición da Gran Enciclopedia Gallega, que daquela non foi Galega porque os tempos eran o que eran. Teño andado con el polos areais do seu pobo, Aguiño, e polas rúas de Compostela e sempre tirei de Andrés a idea de que é unha extraordinaria persoa que dedicou a súa vida a pensar e discorrer coa mente limpa, o corazón aberto e a física propicia ao entendemento. Ignoro se é un teólogo que vai pasar á historia pola súa orixinalidade ou un simple divulgador da sociorrelixiosidade e da fe dos nosos tempos, pero do que non dubido é de que Torres Queiruga é a persoa, de todas as que coñecín e tratei, máis semellante a aquel bispo brasileño de Recife que se chamaba Helder Cámara. E tamén o digo pola humildade coa que sempre se manifestaron os dous.
Tampouco sei se é un deses teólogos da liberación ou de que, pero cónstame que é un home da liberdade e do galeguismo. Basilio Ávarez e Castelao aprenderían falando con el. Rouco Varela coido que non, pola sinxela razón de que non o escoitaría. Se os escoitase, non andaría agora metido na trela de colgar no Índice a súa producción teolóxica.
Que pena que non entendan a Andrés Torres Queiruga os xerarcas da súa propia Igrexa. E máis magoa aínda observar que hai quen segue como na Idade Media, mandando á fogueira (menos mal que agora xa non pode ser con lume auténtico) os que non pensan coma eles. Mira ti por onde descubro que teño un amigo heterodoxo. Se volvese Menéndez Pelayo (e non Pidal, grazas Araguas pola corrección) tería que ocuparse del.

viernes, junio 12, 2009

Pisáronlle un calo ao conselleiro exquisito

Chamoume unha redactora de A Nosa Terra para pregun-
tarme varias cousas sobre este blog coa intención de escribir algo sobre o asunto. Unha das preguntas foi a do eterno por que que caracteriza o xornalismo. Confeso que me custou algún traballo responderlle. Por que fago eu isto? I eu que sei! Rematei dicíndolle que os xornalistas somos como os vellos rockeiros, que nunca morremos. Investiga e denuncia, que algo sempre ha quedar. Tamén me preguntou que satisfacción persoal me produce dar Croques todos os días, e fun sinceiro na resposta. “Non moitas. Ás veces repárame máis desgustos que satisfación, porque hai amigos que se sinten maltratados e repróchanmo. E a min iso dóeme, non porque mo reprochen senón porque teñan que reprocharmo”, díxenlle.
Os que me len saben que eu xa tirei a toalla polo menos dúas veces e que volvín ao ring non sei eu moi ben por que. E os que me coñecen –a miña cadela Mara, por exemplo– saben sobradamente que, non fondo da miña alma, eu teño máis de San Francisco de Asís que de Pepito Grilo, pero a verdade é que nunca atopei un hábito axeitado ao meu corpo. Por exemplo, hoxe. De que escribo agora mesmo? Desa inmundicia que denuncia hoxe El País, cometida polo BNG, mentres formou parte do goberno, autocontrando servizos públicos a través dunha empresa constituída e dirixida por responsábeis desa formación política que formaban parte, nalgún caso, da propia administración pública? Podía facelo, pero dame arcadas.
Ou escribo outra vez acerca da insolencia campante do goberno que preside Núñez Feijóo? Hai que ver a evolución deste rapaz dende que chegou á presidencia da Xunta. Como continúe polo camiño que vai, ha rematar sendo un Berlusconi sen Villa Certosa, pero con moitas veline (no sentido mussoliniano orixinal desta palabra). Non vou escribir sobre nada diso. Hoxe síntome “exquisito”, e non o digo no sentido que lle dan a este término os portugueses, que quizais lle corresponda máis ca min ao conselleiro de Educación (ese que está armando a guerra dos catro anos).
Hoxe só quero falar de algo que me interesa moito máis. Da carta que lle acaban de mandar os directores de centros escolares da zona de Ferrol ao conselleiro de Educación solicitándolle “instruccións escritas e asinadas por persoa ou cargo identificable e con poder suficiente, a respecto das cuestións anteditas e máis sobre a ‘prohibición’ enviada aos centros xunto coas ‘instrucciones’ e o ‘justificante de participación’, e sen asinar, por se for impugnada por alguén por limitación da liberdade de expresión”.
Hai que telos ben postos para dirxírense así á evanescente autoridade dun conselleiro armadanzas dicíndolle que “diante das dúbidas formuladas sobre as posibles responsabilidades a que podemos estar sometidos debido á nosa intervención no procedemento de consulta sobre a lingua que a Consellería de Educación pretende que cubran os pais e nais do alumnado, e toda vez que na Axencia Española de Protección de Datos non existe rexistrado por parte da Consellería de Educación ficheiro ningún a respecto desta consulta, nin alternativamente na documentación enviada figura espazo ningún para unha autorización expresa dos pais e nais para esta finalidade, acordamos iniciar as accións legais oportunas para verificar a corrección xurídica do sistema establecido ao respecto e resolver as implicacións nas responsabilidades e riscos que entendemos que nos corresponden”.
Dame a min o corpo que lle acaban de pisar un calo ao exquisito conselleiro de Educación e, por extensión legal, ao presidente da Xunta. E os que lle lo pisan son os seguintes profesionais do ensino: Xosé Lastra Muruais (director do CEIP Manuel Masdías), Xerardo Pazos García (director do CEIP de Ponzos), María Amparo López Romalde (directora do CEIP San Xoán de Filgueira), María Mar Couceiro López (directora do CEIP Virxe do Mar), María Fátima Sánchez Martínez (directora do CEIP Centigiras), Rosa María González Casal (directora do CRA Valdoviño), María Delfina Bañobre Durán (directora do CPI Atios-Valdoviño), César Martínez Yáñez (director do CEIP O Ramo-Fene), Miguel Ortega Souto (director do IES de Catabois), Eduardo Crego Alonso (director do CPI Monte Caxado), María Dolores Vizoso Sanclaudio (directora do CPI O Feal), María Carme Leira Moreno (directora do CRA de Narón), María Dolores Yáñez Casal (directora do CPI A Xunqueira), Miguel Rodríguez Carnota (director do IES Breamo-Pontedeume), Luís Docampo Amoedo (director do CEIP Isaac Peral) e Secundino García Mera (director do CEIP Mosteiro de Caaveiro).

jueves, junio 11, 2009

O presidente do Goberno tocándolle o cu a un deputado da oposición

En Galicia somos capaces de pasar varias décadas sen sentarnos nunca no diván do psico-
analista, e, de repente, tamén somos quen de poñernos a falar de nós mesmos sen parar. O simple feito de que a Academia Galega decidise homenaxear este ano a Ramón Piñeiro, dedicándolle o Día das Letras Galegas, motivou a aparición dun feixe de libros que teñen máis que ver coa psicoanálise que coa historia propiamente dita. Os dous máis signficativos e “imprescindíbeis”, como diría Franco Grande, o de Alonso Montero (Ramón Piñeiro ou a reinvención da cultura galega) e o que recolle as cartas cruzadas entre Piñeiro e Basilio Losada (Do sentimento á conciencia de Galicia), publicados os dous pola Editorial Galaxia.
Pero hai outros que tamén van pola liña do diván psicoanalítico. As Conversas con Alfredo Conde, de X. M. del Caño (Ir Indo Crónica), no que o novelista ex conselleiro de Cultura e ex deputado ispe a súa alma algunha vez para contar sucesos e pasaxes da súa vida que, cando non resultan altamente interesantes, móstranse polo menos extraordinariamente divertidos.
Por exemplo, cando conta Alfredo como o atendeu Xerardo Fernández Albor, daquela presidente da Xunta, un abceso perianal que llo fixo pasar moi mal nunha sesión parlamentaria. Este é o relato: “Iso contouno Carlos Casares nunha comida na que estabamos Xaquín Marín, Siro e máis eu, con outra xente. Deixeille falar, e cando rematou, dixen: ‘Agora vou contar eu ben, porque como o conta Casares ridiculiza a Albor, e como sucedeu na realidade dignifica a un médico polo que que fai para paliar a dor allea. Carlos, por ser brillante, era capaz de contar cousas familiares… Comentaba que á súa nai chamábanlle na familia Lucifiera. Iso contábao el, non o dicía eu. Entón ¿que pasou? Foi cando se debateu no Parlamento a Lei de Creación da Radio Televisión Galega, que levaba 28 artigos, máis ou menos, e 72 enmendas feitas por este que fala, que foron aprobadas. Camilo Nogueira nunca ía ás comisións, e cando lle tocou a quenda, o día do pleno, soltou todas as intervencións que tiña acumuladas. Semellaba que fixera el a lei. Eu negábame a que ignorara dese xeito o meu traballo, ese home, e pese a que tiña unha dor inmensa, subín á tribuna, falei, baixei con toda a calma, ninguén notaba nada, pero cando me fun sentar, xa non aguantaba e saín zumbando. Albor deuse conta, abandonou o posto, saiu tras miña e preguntoume: '¿Qué che pasa?’. Expliqueille: '¿Estou fodido, debo ter un furúnculo no cu; é unha cousa espantosa’. Preguntou de novo: ‘¿Qué che dixo o médico?'. Aclareille: '¿O meu médico está por Pisa, onde lle roubaron as maletas, sabe deus cando virá’. '¿Vén que te miro?. ‘¿Cómo me vas mirar, deixa, que se trata dun furúnculo’. E volvín entrar. Intervín de novo, e saín outra vez desesperado. Albor veu tras min. Preguntoume: ‘¿Qué lle estás botando?’. Expliqueille o medicamento que aplicaba. Indicoume: ‘Pois é mellor que lle botes isto… Pero vén, que cho miro, porque as cousas non poden ser así’. E volveu preguntar: ‘¿Tanta é a dor?’. Aclareille: ‘É coma se tivera un can pequinés mordéndome no ano, colgando del, e cada vez que me movo, co peso do can os dentes trábanse máis en min’. Unha cousa espantosa. Insistiu: ‘Ven que te miro’. ‘¿Qué me vas mirar?’, negueime, de novo. Pero tiven que saír por terceira vez. Entón el veu detrás, xa decidido a mirarme. Eu preguteille: ‘¿Onde me vas mirar, Xerardo?’. Aí nos wáteres’. ‘¿E se nos ven?’, advertinlle. Sentenciou: ‘Pois dirán que somos maricóns, pero eu mírote’. Efectivamente, fomos ó servizo do Parlamento e, ante unha dor tan espantosa, tiven a imprudencia de poñerme no medio dos baños, baixar os pantalóns, alí tes o presidente do goberno tocándolle o cu a un deputado da oposición. Se aparece por alí un fotógrafo, coroámonos. Coróase el, porque a min o que se me via era o cu; mira o que me importa iso. E el determinou: ‘Non é un furúnculo, chacho, trátase dun acceso perianal, que é a cousa máis dolorosa do mundo. Tan pronto acabe a sesión, opérote’ . E díxenlle: Non, non podo chamar á muller e dicirlle que estou operado. Voume a Pontevedra, e veño mañá'. Eefectivamente, fun a Pontevedra como puiden, pasei a noite con calmantes, e ó día seguinte operáronme. Cando me dispuña a retornar a Santiago, díxenlle á muller que fora ó Sanatorio, que eu non chegaba vivo alá. Eefectivamente, metéronme alí e operoume Nuño Gallas. Isto conteillo a Carlos Casares. E claro, el quitoulle punta: a punta do dedo de Albor tocándome o cu”.

miércoles, junio 10, 2009

Profesionais de prestixio a 7.000 euros ao mes

Compre ler hoxe El Pais para ver o que cobra cada un dos membros do consello de adminis-
tración da Compañía de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG). Máis de 80.000 euros anuais, ou sexa, 7.000 euros (case 1.200.000 das antigas pesetas) cada mes. Igual ca un conselleiro da Xunta, coa diferencia de que os da CRTVG non teñen nin que acodir a diario ao traballo. Isto si que é un consulado, e non o que tiña Roberto Varela en Nova York.
E, por riba, están todos os que están, unha ducia, pero non son todos os que están, pois a designación parlamentaria da que foron obxecto no día de onte incumpriu, unha vez máis, a condición legalmente estabrecida de seren “profesionais de prestixio”, relacionados coa comunicación, os que ocupen postos no citado Consello. A penas unha minoría dos elixidos (Arturo Maneiro, Roberto Cid, Ana Peón…) cumpren esa condición. O resto, empregados de banca, sindicalistas, alcaldes, apparátchiki, calquera cousa vale. Aquí si que non hai que pasar ningunha oposición con galego o sen el.
A min os que máis me sorprenden son os do Bloque. Mandaron ocupar as poltronas e levar os cartos para a casa a Montserrat Prado, responsábel de Organización, e a Manuel Antelo, responsábel de Acción Municipal. Dúas esferas que xa se sabe que teñen moito que ver coa televisión e coa radio públicas. Será que, por facer certas cousas igualiño que o resto das forzas políticas, o BNG recibe menos votos ca ninguen cando hai eleccións? Ou non será que o Consello da CRTVG para o único que serve é para axudar a financiar a vida partidaria?

martes, junio 09, 2009

De piratas e mentirosos


Moito vai ter que traballar o sueco Christian Engström (na fotografía con Rick Falkvinge, un dos líderes do Partido Pirata), cando se faga cargo da súa responsa-
bilidade de deputado no Parlamento Europeo, se quere cumprir a meta marcada pola súa formación política de “cambiar a lexislación global para facilitar o desenvolvemento da sociedade informática, que está caracterizada pola diversidade e a liberdade” (premer aquí para ler a súa Declaración de Principios en español).
As tres principais crenzas do Partido Pirata son a necesidade de protexer os dereitos dos cidadáns, a vontade de liberar a nosa cultura e o entendemento de que as patentes e os monopolios privados están danando a sociedade. “Os monopolios privados, segundo se le nesa Declaración, son un dos nosos piores inimigos. Levan os cidadáns directamente ao aumento dos prezos e a un enorme custo escondido. As patentes son monopolios de ideas oficialmente concedidos… A meta de calquera monopolista non é axustar os prezos e os termos que o mercado vaia adoptar, senón usar os seus dereitos deshonestamente como unha panca para subir os prezos e impor condicións ao seu favor no canto do uso e autorización”.
Só neste campo, Christian Engström ha ter que sudar a camisa se quere que lle abran un oco baixo o sol de Estrasburgo. E non digamos xa no da “diversidade e liberdade” que caracteriza –ou debería caracterizar– a sociedade informática. Neste terreo son cada vez máis graves as ameazas que aboian. O caso de China, tratando de limitar a expansión do uso de internet, é o máis grave, pero tamén no mundo libre comenzan a abondar as actitudes intervencionistas de diferentes gobernos. Por exemplo, o de Francia, país onde acaba de darse un caso sintomático.
Segundo publica o xornal Sudouest, Dominique Broeueilh (na fotografía de abaixo), unha simple ama de casa domiciliada en Saint-Paul-lès-Dax, terá que comparecer o próximo día 11 na Comisaría de Dax (sur de Francia) para responder á investigación aberta por un tribunal de distrito de París promovida por Nadine Morano, actualmente ministra de Familia do goberno de Sarkozy.
Morano, antes de acceder ao cargo que desempeña agora e sendo xa deputada da UMP polo departamento de Meurthe-et-Moselle, protagonizou unha sonada intervención nun acto público da daquela candidata socialista Ségolène Royal. O seu comportamento foi recollido nun video que acadou ampla difusión no sitio de internet Dailymotion. A Dominique Broeuilh non lle debeu gustar o que fixo e dixo Nadine Morano porque colgou nese sitio a seguinte frase: “Hou la menteuse” (Hu, a mentirosa!).
O caso é que esta boa ama de casa está sendo investigada xudicial e policialmente. Como é lóxico non sae do seu asombro. “Para min –di ela– ‘Hou la menteuse’ era sobre todo unha canción de Dorothée. Quería facer unha ironía”. Claro quea ironía agora faille lembrar “unha certa España” de hai anos: “Eu fun alí nos tempos de Franco –declarou a Sudouest e lémbrome que me dicían que non había que falar, que non se tiña o dereito de dicir nada… Cando os meus nenos se tratan de mentirosos, non me enfado con eles. Iso non é insultante. Pero cando vexo que un profesor de Filosofía, por dicir ‘Je te vois Sarko’, foi condenado a 100 euros de multa, xa me preocupo”.

lunes, junio 08, 2009

Irrompe o Partido Pirata

Mentres que o BNG se descalabra en Galicia, unha nova alternativa política colle forza a partir de Suecia. O Partido Pirata entrará por primeira vez no Parlamento Europeo contando polo menos con 1 deputado, despois de conseguir o 7,4 por cento dos votos suecos. En só tres anos, dende o 2006, pasou de conseguir 35.000 votos aos 200.000 logrados agora.
Pirat-Partiet loita pola reforma dos dereitos de copyright e pola liberdade de expresión en internet, e xa ten seguidores en España, Alemania, Francia, Polonia, Reino Unido, Italia e Finlandia. É un partido que está sendo seguido con atención pola xuventude europea pola súa defensa dos dereitos a intercambiar música, películas e xogos a través da rede electrónica. Entre os seus obxectivos está o de neutralizar parte do gran poder que exercen, ante os gobernos europeos, os lobbies do copyright.
Haberá que estar atentos para cando chegue a Galicia, se é que non chegou xa.

A Europa dos indiferentes

Ánxel Vence dá no cravo hoxe, no seu artigo de Faro de Vigo, cando di que “de acordo co previsto polas enquisas e o sentido común, o gañador das eleccións de onte en Europa foi paradóxicamente o que non se presentaba”. Segundo el, “nin conservadores, nin socialdemócratas, nin nacionalistas, nin neofascistas, nin comunistas de novo cuño: o que de verdade acaba de vencer nos comicios é o partido dos que non votan, cunha aplastante maioría do 55 por cento. O trunfo do Partido da Indiferencia (PI) foi de tal calibre que os seus votos excederon a suma de todas as demais forzas concorrentes ás eleccións”.
A Vence non lle sorprende esta vitoria dos indiferentes. “Abonda a imaxe das gradas non infrecuentemente valeiras do Parlamento de Estrasburgo para chegar á doada deducción de que nin sequera aos ben pagos parlamentarios do continente lles importa gran cousa o que alí poda decidirse. Tampouco os partidos, igual ca os deputados e os seus electores, parecen ter especial interese no asunto. Lonxe de considerar na gran Cámara continental un organismo influínte e digno de respecto, o habitual é que todos eles a utilicen –como inútil Senado– parta colocar os políticos fracasados na escena doméstica. Así pasou no seu día co ex presidente de Galicia Xerardo Fernández Albor, co candidato á Xunta Antolín Sánchez Presedo e agora coa ex ministra de Fomento Magdalena Álvarez, que poderá exercer sen maiores danos a súa incompetencia na asamblea parlamentaria da UE”.
Será esta a explicación? Ou será que, como dicía Kissinger e agora lembra Vence, ninguén sabe responder cando se pregunta a que teléfono hai que chamar para que se poña Europa?

domingo, junio 07, 2009

Un Berlusconi sen "veline"

Xa temos o noso Berlusconi. Agora xa só nos faltan as veline. Aínda non sabemos onde vai radicar Vila Certosa. Se cadra en Sanxenxo. Nos Peares non parece que haxa condicións relumbrantes, nin aeroporto capaz de acoller avións oficiais, e a Sanxenxo sempre lle queda a posibilidade de recuperar o vello aeródromo da Lanzada. O das veline témolo moito máis dificíl de resolver. Non vexo eu a Rosa Vilas capaz de competir con Noemi Letizia.
Digo isto porque quen acaba de gañar as europeas en Galicia é Alberto Núñez Feijóo, revalidando con creces a súa vitoria do 1 de marzo. E Núñez Feijóo e Rosa Vilas foron os que, sen tomar a molestia de velo antes, censuraron a emisión dun documental da TVG que debía emitirse o pasado martes. Igual que fixo Berlusconi en Italia coas fotos das súas veline na mansión de Sardeña.
Que se vaia preparando Anxo Lorenzo, que lle han facer moito caso agora. E de veline, que se esqueza. Que o Opus non está polo labor.

viernes, junio 05, 2009

En qué idioma he de hablarte, Puerto Rico?



Consulta voluntaria e anónima. O de voluntaria enténdese ben. Só faltaría que Feijóo empregase a Policía Autonómica para ir, casa por casa, obrigando ás familias dos 330.000 alumnos galegos a pronunciárense sobre a utilización das linguas no ensino non universitario. O de anónima e sen garantías expresas máis cas de seren remitidos os cuestionarios aos directores dos centros escolares, xa resulta máis preocupante. Váiselle dar carácter vinculante ao resultado desta enquisa?
Ese conselleiro tan espelido que parece o de Educación, do que me contan que algunha vez se mofou dun alumno seu por empregar o galego nun exame, finalmente está a saír coa súa, contando coa aquiescencia dun Anxo Lorenzo que parece que foi voluntario á guerra de Cuba pensando que se alistaba na batalla das Termópilas. Segundo eles, “os obxectivos son superar a conflitividade e solventar os problemas de legalidade suscitados polo anterior decreto e que mesmo foron sinalados polo Consello Consultivo de Galicia” (repárese en que xa lle chaman “anterior decreto”, aínda que estea vixente de pleno dereito o que tanto interese teñen en derrogar).
Se cadra é que aínda non se percataron de que poden estar iniciando unha nova arcadia feliz na que, despois desta “científica” e "legalista" consulta, quizais nos pregunten aos condutores se queremos levar o carro pola dereita, pola esquerda ou polo medio da estrada; aos cidadáns en xeral se nos interesa seguir pagando impostos, se o noso propósito é que nos convide a xantar o veciño ata que nos toque a lotería, ou se nos apetece construír un chalet enriba das dunas de Corrubedo. Esta nova dereita galega camiña a pasos axigantados cara á doenza infantil do anarquismo, aínda que os seus dirixentes pensen que son discípulos de Milton Friedman. Xa postos, podían repartiren coa enquisa un exemplar de Camino ou unha edición facsimilar do Catecismo do Padre Astete. E engadir tamén a pregunta de se nos gustaría sermos andaluces. Cando nos dean a escoller, eu quero ser toscano e vivir nunha torre de San Gimignano, e que lles vaian dando pola Toxa aos de Sanxenxo. A carón dun Brunello de Montalcino e tendo no plato unha bistecca fiorentina, alí seguirei lendo a Nicolás Guillén: "En qué idioma he de hablarte, Puerto Rico, si en yes, sin sí, si en bien, si en well, si en mal, si en bad, si en very bad?". De cando en cando, irei a Arezzo, a Monterchi e a Sansepolcro para ver a Piero della Françesca e rezarlle algo á Vera Croce e á Mandonna del Parto.

Silvio pedófilo

Algo sei das veleidades de Silvio Berlusconi a respecto de jacuzzis, piscinas e casas privadas. Unha vez asistín á cea coa que nos convidou a un grupiño de xornalistas españois na súa mansión de Arcore, preto de Milán, onde me regalou unha estilográfica Dupont de laca chinesa e de ouro que me acabou partindo polo medio o toletazo dun garda da porrra nunha noite de esmorga compostelá.
Non me doe admitir que Berlusconi, na distancia curta, é un home simpático que se esforza por mostrarse abertamente espontáneo e amante da sinxeleza expresiva. Aquela noite, despois de cear, tocou para nós nalgún dos moitos pianos, pianolas e outros instrumentos musicais que garda en Arcore, e falounos con indisimulado orgullo da súa época de animador e músico de pequenas orquestas coas que se gañaba a vida tocando en festas populares ou en cruceiros turísticos. Xa daquela Il Cavaliere (non lembro se daquela xa lle fora otorgada esta dignidade) era dono dunha importantísima colección de arte (pintura e escultura) e de pezas e mobles antigos que nos mostrou sen aparente fachenda.
Pero o que máis me sorprendeu foi que, cando a noite ía avanzando camiño da madrugada, Berlusconi quixo mostranos a piscina olímpica que hai –ou había, polo menos– no interior da súa mansión, case no mesmo centro daquela casa enorme, e alí nos levou. Non entendo nada de piscinas –eu son dos que se afogan nun vaso de viño– e, polo tanto, non lles sei dicir se aquela enorme poza artificial era olímpica, paraolímpica ou municipal e espesa. O que si me percatei deseguida foi de que non era unha piscina calquera, pois as paredes que pechaban o recinto, en ámbalas dúas cabeceiras, estaban cheas de pantallas de plasma e de de LCD (reparen que isto foi hai arredor de vinte anos, e daquela estes tipos de electrónica só estaban ao alcance dos millonarios).
Aquela vez eu debín pasar como un aténtico pailán, porque a única pregunta que se me ocurriu facerlle ao anfitrión foi a de indagar para que lle servía aquela ostentación de tecnoloxía na piscina. “É moi sinxelo –respondeume el–. Cando me estou bañando, sempre levo nunha man un mando a distancia e vou cambiando de emisora para ver como vai indo a programación das televisións”. Daquela, Silvio Berlusconi xa era o magnate da televisión privada de Italia e estaba a piques de desembarcar tamén na de España e outros países.
Quizais por isto, non son dos que máis se sorprenden polas fotografías que publica hoxe El País mostrando algunha das súas festas, nas que sempre aparece rodeado de “belle bambine”. Neste caso son as que tomou o fotógrafo italiano Antonello Zappadu na luxosa residencia Villa Certosa que ten Berlusconi na illa de Sardeña. Esas fotos –léase El País– que o primeiro ministro italiano non quere ver publicadas na prensa italiana dende que se destapou o petate de que pode andar ás veces acompañado por menores. Por certo, o día 8 de maio durmín en Orvieto (Umbría). Ía de camiño á Toscana. No restaurante onde ceei estaba enriba da mesa a edición do día do xornal Il Manifesto. O seu titular de primeira, a cinco columnas, era o seguinte “Silvio pedófilo”.

miércoles, junio 03, 2009

Váiase, señor Feijóo, váiase!

Señor presidente Feijóo: Vostede é o menos digno de todos os mandatarios que tivo ata agora a autonomía galega. E dígollo por unha sinxela razón. Nunca, ata agora, ninguén –nin sequera aquel homiño que nunca se vira metido en tal fregado e que se chamaba Xosé Quiroga– foi quen de emitir unha opinión tan desatinada coma que vostede acaba de divulgar dicindo que a TVG suprimiu un documental do programa Caixa Negra baseándose en que tal medida responde a petición dun sindicato agrario polas dificultades que atravesa o sector.
Vostede, señor Feijóo, acaba de demostrar que non está á altura mínima de alguén que queira gobernar Galicia. E menos aínda se se ten en conta que o sindicato que se atreveu a pedir tal intromisión na política informativa pública é o que responde a denominación de Xóvenes Agricultores, que apenas se representa a si mesmo e ao seu egrexio secretario xeral Xoán Pérez, que foi quen o meteu a vostede neste fregado.
Resulta evidente que vostede anda despistado, desorientado, que non se entera de nada, vaia. Sabiámolo xa pola errática e desastrosa política que vostede está desenvolvendo en materia lingüística e tamén pola súa descarada actitude de corpo incorrupto de Santa Teresa, pero a onde acaba de chegar agora, con isto de suprimir un programa de televisión porque un grupiño de sindicalistas da súa banda así llo piden, non é que o poña a vostede á altura de Berlusconi, senón que resulta que só lle fan comer o marrón dun caïd africano calquera. Vostede gañou, en boa lide, unhas eleccións, pero non está agora á altura desa circunstancia. Ben ao contrario, está a desperdiciar a oportunidade que lle deron os electores para gobernar este país como se por fin fósemos un recanto de Europa. Dóeme ter que dicirllo, pero eu avergónzome de pagar impostos nun lugar do mundo no que o máximo representante democrático do meu país lle fai caso a un sindicato, minoritario e sectorial, ademais, para decidir o que debe emitir ou non a televisión pública. Neste sentido, vostede non é a televisión pública, vostede é simplemente un perigo público que deberiamos preocuparnos todos en afastar canto antes da administración dos nosos intereses.
Pídolle, polo tanto, que teña a humildade de presentar a súa dimisión e deixe, canto antes, espazo para que persoas máis dignas ca vostede se ocupen de gobernar a nosa res publica. Mentres que vostede non faga o que lle estou pedindo, estou disposto a respectalo polo que representa, pero de ningunha maneira son capaz de admitir que vostede non nos está dando gato por lebre.
Xa sei que isto que eu lle digo non llo di moita xente. E menos aínda os que están do seu lado. Pero pídolle que teña en conta que, aínda que eu fose o único en dicirllo, vostede debería dedicarlle polo menos un segundo a pensar se teño razón ou non.
En fin, dimita vostede ou non, que lle vaia ben, pero comigo non conte nunca máis.

TVG rosa


Don Froilán era un cura de Lugo, catedrático de Latín no Instituto Masculino (oh tempora, oh mores!), que nos ensinaba a declinar rosa, rosae coma quen pela unha mazá cunha navalla de Taramundi. Ás veces tamén nos explicaba a etimoloxía do topónimo Sardónigas, unha aldea pola que sempre paso camiño de Ribadeo, e, se lle cadraba, ata nos falaba algunha vez –poucas– do latín dos canteiros.
Non sei por que me lembro agora del. Se cadra é polas dúas Rosas que designou Alfonso Sánchez Izquierdo para dirixir a Televisión de Galicia e a Radio Galega: Rosa Vilas Núñez e Rosa Martínez Rivada, respectivamente. Vaia par de rosas con espiñas, polo que me contan! Ámbalas dúas exerceron cargos con responsabilidade nos períodos máis negros da manipulación informativa exercida durante os sucesivos gobernos que presidiu Manuel Fraga Iribarne, particularmente durante a catástrofe do Prestige. En que consiste, logo, a renovación que parece que prometeu o novo director xeral da RTVG? Acaso nunha volta ao Mnisterio de Información de Fraga?
A unha destas dúas rosas, Rosa Vilas, en poucas horas, sobroulle tempo para demostrar que os ten ben postos (os lentes). Sen precisar sequera velo antes, mandou suspender a emisión dun documental sobre o caso das vacas tolas que estaba previsto que se emitise onte no programa Caixa Negra, que presenta o ex reporteiro de Caiga quien caiga Fernando González, Gonzo.
Parece ser que, con esta suspensión, tenta evitar “un xornalismo amarillista” que transmita a idea dunha “Galicia negra”, segundo lle dixo a El País. Ai rosa, rosae, como se che ve o plumeiro! Así que pasando do xornalismo amarillista ao xornalismo rosado, eh? Pobre Antón Reixa, canto ha ter que cambiar de cor.

martes, junio 02, 2009

Directivos de varias multinacionais ían no Airbus desaparecido

A prensa europea, particular-
mente a francesa, estase a mostrar moi prudente na información aportada sobre a desaparición do Airbus A330-200 cando volaba de Río de Janeiro a París na noite do domingo pasado. A falta aínda de que nin Air Frace nin os gobernos de París ou de Brasilia desen a coñecer a lista oficial de pasaxeiros e tripulación, o xornal brasileño O Globo está avanzando, dende onte, unha relación desas persoas afectadas, entre as que hai polo menos dúas de nacionalidade española. Nesa lista aparecen varios directivos de empresas brasileñas e multinacionais, varios médicos de prestixio no Brasil, algún político italiano e un arxentino especialista en temas de desarme e narcotráfico.
Entre os desaparecidos no avión están as seguintes persoas: Erich Heine, presidente do consello de administración da Thyssen-Krupp Companhia Siderúrgica do Atlántico. Luís Roberto Anastácio, presidente da Michelin para América do Sur. António Gueiros, director de Informática da Michelin. Christine Pieraerts, funcionaria de Michelin Francia. Luís Cláudio Alves de Monlevad, da multinacional Saint Gobain en Brasil. Adriana Francisco Sluij, periodista da petroleira brasileña Petrobas. Juliana Ferreira Braga de Aquino, cantante brasileña. Roberto Corrêa Chem, cirurxán plástico director do Banco de Peles e xefe do Servizo de Cirurxía Plástica da Santa Casa de Porto Alegre, que ía acompañado pola súa muller e a súa filla. Deise Possamai, fiscal de Nova Veneza. Marcelo Parente Gomes de Oliveira, xefe do gabinete do gobernador de Río de Janeiro. Leonardo Veloso Dardengo, oceanógrafo. Pedro Luiz de Orleans e Braganza, descendente de don Pedro II e cuarto na liña sucesoria ao trono brasileño. Rino Zandonai, director da Asociación Trentina no Mundo Onlus. Giambattista Lenzi, conselleiro rexional de Trentino-Alto Adigio. Luigi Zortea, alcalde da pequena cidade italiana de Canal San Bovo (Trento, Italia). Silvio Barbato, ex director da Orquesta Sinfónica do Teatro Municipal de Río de Janeiro. Joao Marques da Silva, directivo do Estaleiro Atlántico Sul. José Roberto Gomes da Silva, profesor da Escola de Negocios PUC-Río. Octávio Augusto Antunes, profesor do Instituto de Química da Universidade Federal do Rio de Janeiro. Izabela María Furtado Kestler, do Departamento de Letras Anglo-Xermánicas desa Universidade. Paulo Valle Brito, empresario. Francisco Eudes Mesquita Valle, director da tranposrtista de combuestíbeis TLW. Marco Antonio Mendonca, directivo da empresa Vale do Río Doce, etc.
Tamén están na lista o arxentino Pablo Dreyfus e a súa muller, Ana Carolina Rodrigues. Dreyfus era investigador da organización non gobernamental brasileña Viva Río, coordinador do Proxecto de Control de Armas desa organización, investigador asociado do Instituto Superior de Estudios da Religiao, consultor do proxecto Smail Arms Survery do Graduate Institute of International Studies de Xenebra, profesor da Facultade Latino-Americana de Ciências Sociais de Brasil e coordinador do Grupo Brasil de Reflexao em Segurança Regional da Fundaçao Friedrich Ebert.
Pablo Dreyfus, formado en Ciencia Política na Universidade de Buenos Aires, era mestre en Relacións Internacionais e doutor en Relacións Internacionais polo Institut Universitaire des Hautes Études Internationales. Entre a súa ampla experiencia no control de armas, figuran as enquisas A industria brasileira de armas leves e de pequeno porte: produçao legal e comercio e Posse de armas de fogo no Brasil: mapeamento das armas e seus prpietários, publicadas no libro Brasil: armas e vítimas. A súa muller integraba o equipo COAV (siglas en inglés do proxecto Crianças e Jovens em Violência Armada Organizada) e traballaba no proxecto de Proteçao de Jovens em Território Vulnerável da organización Viva Río.

lunes, junio 01, 2009

Talibáns de por acá

Arremete hoxe X.L. Franco Grande en La Voz de Galicia contra os que el chama “talibáns de por acá”, dos que di que “o mesmo que os de por alá, prefiren pecharse nos seus guetos e nas súas madrasas como mellor maneira de manterse alleos á realidade, de pensar que o mundo é como eles quixeran que fose ou de negar a existencia do outro”.
Comenza o artigo indicando que “este ano 2009 dedicado á figura de Ramón Piñeiro déixanos uns cantos lbros esenciais (dous deles imprescindibles, debidos a Miguel Barros e a Xesús Alonso Montero) para encadralo na historia do noso decorrer histórico”. A intención do articulista non é tanto, porén, gabar eses libros esenciais e imprescindíbeis como cargar cunha violencia verbal indisimulada contra as recentes declaracións de Xosé Luis Méndez Ferrín que publicou Faro de Vigo. Sen citar o seu nome en ningún momento, Franco Grande é evidente que se refire a Ferrín cando sostén que “só da falta de sentido do ridículo, ou por mor do sectarismo máis irracional, poden xurdir proposicións como que se foi da CIA –cousa que Ferrín non di, por certo–, que tiña unha cega cobiza de mando, que só atendeu ao culturalismo e non á política real, que hoxe é seguido polo PP e non polos traballadores… e catro babexadas máis”.
E non para aí, senón que engade máis: “O monumental fracaso político deses e outros talibáns, condenados á marxinalidade unha e outra vez, porque non teñen luces para comprender un mundo que se lles nega e lles esvara, nin iso sequera os fai volver á realidade. E non é de extrañar, porque noutro caso xa non serían talibáns”.
Franco Grande, articulista a quen eu acostumo ler con gusto case sempre, aínda que ás veces non comparta algunha das súas boutades, é un experto en crear polémicas para as que non aforra nunca o risco de caer nas súas propias contradiccións. Como lle lembra Alonso Montero no seu recente libro Ramón Piñeiro ou a reinvención da cultura galega (Editorial Galaxia), “de 1981 a 2004, fai tres retratos diferentes de Piñeiro, co que, evidentemente, ten problemas”. Dende aquela carta que lle escribiu a Ramón Otero Pedrayo, o 8 de xullo de 1957, referíndose a Piñeiro como “ise home que a Providencia nos deixou”, ata a última edición do seu libro memorístico Os anos escuros, as súas visións de Piñeiro non son precisamente intercambiábeis. “Piñeiro nunca foi realmente novo, como algúns homes da súa xeración saben ben: máis ben o seu estilo era de frade, estilo que conservou sempre porque realmente era o seu, isto é, era el así. E, pode que por iso, estivo sempre lonxe de comprender a rebeldía dos rapaces […] a súa identificación con cada un de nós se mantiña en tanto en canto fomos os seus altofalantes… ". (Páxinas 335-336 d’Os anos escuros citadas por Alonso Montero mostrando unha opinión de Piñeiro que non defire tanto da que segue sostendo Ferrín actualmente).
Outro exemplo: “…por outra banda, unha maneira moi súa de ser mesquiño coa xente, aínda con aquela que el gañou para o galeguismo e que dalgunha maneira poderiamos ter por discípulos seus. Non ben recoñecía os seus méritos ou as súas capacidades e aptitudes, púñase a sinalar unha ou outra eiva, facendo un rebaixe manifesto dos méritos, proceso do que non se salvaba ninguén, nin o mesmo García-Sabell, un gran intelectual pero dunha brillantez perigosa, nin Celestino F. de la Vega, un vago que só facía o que menos traballo lle daba, que era falar, nin Xaime Isla, a quen vía case sempre en fóra de xogo e pouco operativo, nin Paco del Riego, porque este, pola contra, era tan operativo que podía ser irreflexivo. Era moi pouco xeneroso cos demais, como se sentise a obriga de rebaixar sempre un pouo a estatura dos outros. E non digamos cos novos, cos “rapaces”, aos que nunca tivo por outra cousa ca iso mesmo: rapaces”. (Ibidem, páxina 338).
Outro botón: “A min, por exemplo, resultábame moi doado falar con Paco, sempre vital e ávido lector, ou con Xaime, que non tiña as dificultades de comunicación cos demais que tiña Piñeiro. Pero con este non sempre era fácil, pois un percibía que, en moitas ocasións, se sentía como ferido na súa susceptibilidade se pensaba que un lle estaba poñendo en dúbida o seu proxecto ou llo discutía. Era como se pensase que para expoñer ideas ou para levar adiante proxectos para o galeguismo xa estaba el e que non viña a conto poñer en dúbida o que el tiña entre mans. Era entón cando acostumaba irritarse ou dar couces verbais que deixaban teso a calquera –o que, por certo, non eran as súa maneiras habituais–. Pero que producían certa incomodidade e, por suposto, dificultade comunicativa” (Ibidem, páxina 339).
Franco Grande mesmo se atreveu algunha vez a mandarlle a Piñeiro unha carta ((o 5 de agosto de 1981) na que lle criticou a súa actitude dicíndolle que o “papel de dirixente político está condenado ao fracaso se actúa co desprecio, coa arbitrariedade, coa rixidez e coa falta de respeto aos demais que vostede adoita”. Ben é certo que, como apunta Alonso Montero, “Franco Grande volveu á comprensión e agarimo de sempre. ¿Quen se libra dun mal 5 de sgosto?”.
Tamén era un “talibán” Franco Grande cando escribía estas cousas do seu readmirado e volto a respectar Ramón Piñeiro? Hai outro detalle, que tampouco lle pasa desapercibido a Alonso Montero no seu libro: cando Franco Grande publica a primeira edición d’Os anos escuros, quen lle escribe o prólogo é Méndez Ferrín, e, nese prólogo, o agora denigrado polo articulista estampou o seguinte párrafo: “O piñeirismo, ao liquidar o PG e desvincular o galeguismo do interior co nacionalismo da emigración, reducíndose ás actividades culturais, eliminou todo tipo de órgaos colexiados (Asembleas, Congresos, Comités, Secretariados) e fixo posíbel que todo o poder se concentrase na soa persoa de Ramón Piñeiro, quen endexamias tivo que dar conta dos seus actos e directivas a ninguén”.
Sorprende aínda ben, polo tanto, que sexa agora Franco Grande o que se encargue de levar a cabo unha declaración de guerra intelectual tan masiva, sen reparar en danos colaterais, coma que proclama no seu artigo de La Voz de Galicia. Non sei por que me dá o corpo que as bombas só están empezando a zoar sobre algunhas cabezas.