domingo, agosto 30, 2009

As tronadas de don Santiago


Moito me mosquea a min o artigo que publica hoxe o editor de La Voz de Galicia, Santiago Rey, sobre a voz da rúa que para el é calle, off course. Este home empeñouse en ser o gurú da sociedade galega e non perde comba. A última vez foi para apoiar o cambio de réxime na Xunta. ¿Qué se propón agora? ¿Quererá extender a súa influenza a Madrid?
De entrada, hai que recoñecerlle que leva razón en moitas das cousas que di e constatar que a súa peza xornalística está tan ben composta que habería que sospeitar que participaron máis mans cas súas na confección da mesma. É evidente que Santiago Rey quere ser o Émile Zola da Galicia dos nosos días, pero o que non se sabe é quen é o seu coronel Picquart nin por onde anda o espía Esterhazy. Por outra parte, que La Voz de Galicia poda equipararse aos L’Aurore e Le Figaro da época de Alfred Dreyfus está por verse, e o obxectivo do editor coruñés tampouco é asimiláble ao que representou o famoso capitán francés que foi xulgado en Rennes.
Iso si, paga a pena ler o artigo. Seguramente algunhas das cousas que Rey non lles deixa dicir aos seus articulistas, nin moito menos aos seus xornalistas, publícaas el porque lle peta ou porque lle convén. Entre outras cousas, sostén que “la gente habla, y mucho, de los gastos superfluos de la Administración, agudizados en España por la escasa responsabilidad contable de 17 administraciones autonómicas, que parecen incapaces de cooperar con lealtad y coordinación. En las colas de los parados gallegos resulta imposible entender que unos ayuntamientos que se declaran al borde de la quiebra dilapiden su dinero en festejos de verano en plena crisis”. O que non nos di é se as cuantiosas partidas que recibe a súa empresa das arcas públicas poden entrar ou non neses gastos superfluos ou na dilapidación municipal que él denuncia.
Santiago Rey pilloulle manía á Cidade da Cultura, contra a que volve cargar sen compasión, pero garda algo máis que silencio cómplice, ou se cadra verdadeira connivencia, respecto á tamén polémica construcción do novo porto da Coruña. Aquí é onde lle falla o sistema para ser un verdadeiro Zola galego. Outra manía súa segue estando moi claro que son os nacionalistas e concretamente Anxo Quintana, contra o que arrea sen citalo polo seu nome.
Claro que o que máis me sorprende é a súa autoafiliación ao “mellor galeguismo” (logo para el tamén hai o pior e, se cadra, o mediano), co que di que traballou man a man para que Galicia vise recoñecidos os seus dereitos. Ainda vai resultar que Santiago Rey é outro dos que se queren apoderar de Castelao, de Otero Predayo, de Risco, de Bóveda, de Losada Diéguez e de tantos outros. Parece un deporte que está de moda.
E, por último, toda unha frase para a hemeroteca tráxica: "Por eso vuelvo a reiterar que si queremos evitar una tragedia debe reaparecer la sociedad civil y se debe fraguar una acción concertada que sume los esfuerzos de todos". Hai anos, tal diserto só podía aparecer no desaparecido El Imparcial, firmado por Pérez Varela, e todos andariamos preguntándonos a que cuarteis e a que xenerais ía dirixido. Don Santiago, están moi ben algunhas cousas que conta no seu artigo, pero, home, non queira vostede acaudillarnos e, sobre todo, non invoque tanto as tronadas.

martes, agosto 25, 2009

Ceinture de chasteté

Algúns dos meus lectores, aos que quero tanto, propóñenme abrir un fío sobre a clerecía que se pode estar desenvolvendo arredor da cultura galega. Explícome, sobre o clientelismo, o cortesanismo ou a vanagloria que quizais estean medrando arredor da política e da economía do establishment. Agora e antes. Cos socialistas e nacionalistas de antonte e cos neocons do hoxe. Evidentemente, a cultura, a literatura, a arte e todo o que estas actividades conlevan xa non son só o produto de actitudes e de compromisos exclusivamente individuais senón tamén de programas e de estruturas estabrecidos por riba do que algunha vez foi o creador en si mesmo. Non sei se hoxe Meendiño podería cantar o seu amigo sen subvención da Xunta ou se a Rosalía lle sería posíbel denunciar a inxustiza de que algún galego vaia a Castilla de rosa e volva de negro. Ou se Celso Emilio podería volver a chamarlles “ananos” aos que nunca foron xigantes moralmente. Se cadra nin Curros podería volver a repetir algún verso da Virxe do Cristal e, quen o sabe, a Basilio Álvarez quizais volverían mandalo para Buenos Aires se Xesús Lence pedise o seu exilio, que sen dúbida ía pedilo.
Estes días ando lendo algo a Castelao. Propóñome viaxar á Bretaña para seguir de preto as súas cruces de pedra e sorpréndeme ler nos seus diarios unha certa incomprensión do artista rianxeiro cara o cubismo e outras manifestacións da arte nova do seu tempo. Castelao botou tres meses en París e a penas saiu do barrio Latino. A cidade da luz pareceulle un lugar no que el nunca podería vivir e ata chegou a escribir que “da vida de París… ¡non sei que decir! Se a civilización, se o propgreso pode traer tanta inmoralidade, eu prefiro que non chegue endexamais á nosa Terra”. Ata me alarma Castelao cando en 1921 escribiu no seu diario que “de verdade digo que se eu fose solteiro non podería casarme eiquí (en París) sen que a que fose miña muller se comprometese a usar unha “ceinture de chasteté”, aparato que por certo el debuxa moi detalladamente.
Conto este aspecto de Castelao porque ata os santos máis empoleirados da nosa cultura actual quizais deberían pasar a ITV dunha sociedade que pretenda andar ao día e dirixirse ao futuro sen complexos nin atrancos. E por iso penso tamén que algo de razón teñen os que me propoñen debater sobre o estado actual da cultura galega. A oficial e a do resto, se é que aínda queda a do resto.
Aquí están, polo tanto, estas páxinas abertas para que opinen todos os que queiran e como queiran, sen máis prexuízo co de gardar as regras dunha elemental convivencia e respecto ás persoas, ás cousas e ás institucións. Opinen, pois, os que queiran e o que queiran, pero eviten caer na inxuria e na calumnia. Non me obriguen a facer de censor improvisado, que algúns xa saben que sei facelo se é de menester.

sábado, agosto 22, 2009

Cebrián saltou sobre a xugular de Zapatero


Moito lle tivo que doer a Juan Luis Cebrián, consellerio delegado do Grupo Prisa, para que saltase como un dobermann sobre Zapatero por aprobar o decreto lei que vai regular a Televisión Dixital Terrestre (TDT) de pago en España. Nun artigo de opinión (Tribuna) que publicou onte El Páis, co título de Un desatino, e nunha entrevista que concedeu á Cadena Ser (pódese ler a transcripción premendo aquí), non aforra ningunha crítica ao goberno socialista e apura ata os límites da legalidade vixente os calificativos que emprega para disentir coa medida tomada.
Partindo da idea de que “a ideoloxía non é ningunha fronteira para a incompetencia” nin para “a corrupción”, Cebrián considera “un abuso gobernamental perpetrado o pasado 13 de agosto cando o Gabinete aprobou por decreto ley a implantación do sistema de pago na Televisisión Dixital Terrestre”. Xa é un pouco raro que tan alto dirixente de El País tardase tantos días en percatarse do suposto abuso, ou que polo menos non se pronunciase tan radicalmente sobre el ata onte, día no que deixou caer que “a sospeita de que a verdadeira urxencia para a aprobación do decreto lei é favorecer os intereses dunha empresa cuxos propietarios están vencellados por lazos de amizade ao poder foi suxerida mesmo polos que aplaudiron a medida”.
Aínda levando a razón en varios dos argumentos que plantexa na súa diatriba, Juan Luis Cebrián deixa ver demasiado claramente por onde lle doen os cadrís. É magoa que non se manifestase tan radicalmente sobre outros temas igual de importantes para a sociedade española e pode resultar algo inquietante que empregue tanta contundencia democrática para analizar un tema sobre o que, por razóns inherentes ao alto cargo que desempeña no Grupo Prisa, mesmo pode carecer da máis mínima independencia. Quen non criticou nunca con tanta xenreira a ningún goberno español, pode resultar chocante ver como agora arremete contra o de Rodríguez Zapatero por tomar unha medida que afecta á empresa que o crítico dirixe.
En fin, que a televisión é o que ten. Que segue quentando os ánimos dos gobernantes e dos poderes fácticos. Xornalistas-empresarios incluídos.

jueves, agosto 20, 2009

Feijóo fallou a primeira proba do algodón

Evidentemente, Núñez Feijóo non superou a súa primeira proba do algodón en materia da rexeneración democrática que tanto promete e non cumpre. Para aprobar este exame tería que observar un comportamento moi diferente ao que está mostrando no caso da directora xeral de Formación e Colocación, Ana María Díaz López, que xa vai camiño de bater o récord do cinismo institucional do novo réxime.
Díaz López foi condenada por despedir improcedentemente unha traballadora do seu fogar que non estaba dada de alta na Seguridade Social e agora hai outras dúas mulleres que tamén a demandaron por idéntico motivo e que lle reclaman, ademais, o pago de salarios atrasados. A directora xeral dun departamento da Xunta que se encarga do cumprimento da lexislación vixente en materia de relacións laborais nin sequera asistiu ao acto de conciliación para o que, como demandada, foi convocada polo Servizo de Mediación, Arbitraxe e Conciliación que depende da Consellería de Traballo na que ela exerce un alto cargo.
Lonxe de calquera medida correctora, a conselleira de Traballo, Beatriz Mato, enrochouse nunha defensa da súa subordinada que resulta claramente irrespectuosa dunha sentencia que xa é firme e que non foi recorrida pola directora xeral. Seguramente a única verdade que dixo, en relación a este caso, é que sabía que “non houbo ningunha relación contractual entre esta persoa e a demandante”, referíndose ao caso da sentencia. Relación contractual escrita e asinada non a había, dende logo, precisamente esa foi unha das irregularidades cometidas por quen cobra do erario público para salvagardar a legalidade laboral, pero a relación laboral do caso aparece nidiamente estabrecida pola sentencia xudicial.
¿Por qué permite Feijóo que lle empecen a medrar os ananos? El saberá. Xa non é a primeira vez que lle pasa isto e o político que empezou prometendo rexeneración e novos usos e costumes da gobernanza xa non é máis ca un usuario típico do poder. Joaquín Costa parou pouco onda el.

martes, agosto 18, 2009

A galiña depenada


Arrivederci, galescolas; ciao, galiña azul. Botaron abaixo a casiña con bandeira galega no tellado e puxéronlle un lápiz no sobaco á galiña azul de Carlos Casares. As lustrosas mentes do PP xa non saben que facer con tal de estragar calquera cousa que proceda do goberno anterior. Mágoa que non se decatasen a tempo Touriño e Quintana de que ía pasar o que está pasando. Se o adiviñaran, abondaríalles con tomar as medidas que fosen contrarias ás que tomaron par ver como agora se acometerían as que eles querían por en marcha. Ás veces a política ten estes desacertos.
Seguramente tampouco imaxinou nunca Carlos Casares que unha das súas obras literarias, A galiña azul, un conto para nenos, ía rematar emblematizando a política escolar infantil da dereita galega. Casares non era de esquerdas, nin moito menos, pero a cor azul que el imaxinou para pintar a galiña seguramente non tiña nada que ver o azulado conservadurismo que levou Núñez Feijóo á Xunta. O de Casares era un azul ceo e o do acaparador de figuras egrexias galegas –primeiro Castelao, agora Casares ¿a quen lle tocará logo?– máis ben é un azul mariño tirando a pardo (a cor da auga do mar cando a lixan nunha piscifactoría instalada en cabo Touriñán).
Di Xesús Vázquez, alcaide da neoeducación, que a galiña azul representa un “compromiso coa liberdade educativa”, que agora vai ser “despolitizada e desideoloxizada”. Como se antes de chegaren eles estivésemos nalgunha ditadura do proletariado. O curioso destes neocons nosos é que parece que falan despois de ler a Gonzalo Fernández de la Mora, que foi ministro de Fomento de Franco. Villar Palasí gañaríalles dous pobos pasándolles pola esquerda, pero eu o que pregunto é que pinta a figura de Carlos Casares nesta carreira pola alleación de Galicia. Se vivise ¿deixaría que a súa galiña azul puxese ovos para os que andan tratando de esmorecer o idioma que fixo del un escritor de sona? Se cadra si, e debeu ser o que pensou a súa familia para deixar que a meteran no galiñeiro do PP. Pobre animal, aínda ha saír desplumada.

Incendios e realidade oficial

Tivo que haber un incendio de grandes propor-
cións e ocorrido arredor dunha vía de comunica-
ción de moita densidade (a autovía A-52) para que a Xunta tomase a decisión de volver a informar sobre os efectos do lume nos montes de Galicia. Onte, a Consellería de Medio Rural emitiu varias notas informativas oficiais e nunha delas ata daba conta da correspondencia entre hectáreas e quilómetros cadrados. “…o incendio iniciado esta tarde no Concello de Vilardevós, en Ourense, acadaría unha afectación próxima ás 167 hectáreas, o que corresponde a 1.67 quilómetros cadrados”, expresaba esa nota como se xornalistas e lectores fósemos todos analfabetos en agrimensura.
Tanta meticulosidade non se correpondía, porén, coa exactitude de algunhas valoracións que se facían na citada nota, na que se dicía, entre outras cousas, que “en ningún momento correu perigo ningún núcleo habitado”. En contra disto, lese hoxe en La Región que as “chamas ameazaron o pobo de Osoño, no concello de Vilardevós, durante varias horas da tarde de onte” e “unha boa parte dos veciños fíxolle fronte ás chamas coas súas propias mangueiras, para evitar que o lume levase por diante a vella casa rectoral”.
O citado xornal ourensán indica que as chamas “a penas se quedaron a cen metros nunha das acometidas do lume”, información que recolle do alcalde de Vilardevós, Xosé Luís Pérez, que tamén explica que “a vella rectoral, de feito, estivo cercada polas chamas e foron os veciños e as súas mangueiras os que a salvaron”. Segundo a citada autoridade local, en Vilardevós “vivíronse auténticos instantes de medo”.
Se a Consellería de Medio Rural fose fiel, como pregona, “ao seu compromiso de dar información cumprida e rápida dos lumes de certa entidade”, quizais debería contar algo tamén do que pensan os veciños de Vilardevós e o seu propio alcalde. Máis que editoriais autocomplacentes, o seu servizo de prensa debería emitir comunicados informativos que tentasen acomodar a realidade oficial co que pasa realmente nos incendios.

lunes, agosto 17, 2009

Coidado con alguhas mensaxes recibidas a través de Gmail

Aínda non sei se é algo xeneralizado, pero na miña conta de correo Gmail veño recibindo, dende hai varios días, mensaxes non solicitadas e supostamente abusivas que me conminan a responder facilitando o meu nome de usuario, contrasinal, data de nacemento e país ou territorio coa advertencia de que se me nego a actualizar estes datos, logo de dúas semanas de recibir esta advertencia, perderei a conta permanentemente.
Polo vocabulario, gramática e sintaxe utilizados na mensaxe emitida en español vese claramente que se trata dunha burda traducción dun texto concebido orixinalmente en inglés, versión que tamén me foi enviada neste idioma. Indudablemente, trátase dun caso de tráfico non solicitado, indesexado e abusivo posto en circulación por alguén que está tratando de controlar contas de correo con fins descoñecidas e presuntamente ilícitas.
No teléfono de Google España (917486400) respondéronme que non atenden o tratamento destes casos por vía telefónica e remitíronme á súa web para facer unha comunicación on line. Evidentemente, mandeilles esa información e contestaron inmediatamente dicindo que investigarán
Mentres investigan ou non, eu permítome advertir aos ususarios de Gmail que non respondan estas mensaxes abusivas facilitando datos sobre a súa conta. Parece evidente que non foi ningún equipo de Google quen mandou as mensaxes senón alguén que supostamente está tratando de cometer algún fraude ¿Con que intención? Aínda non se sabe. Por exemplo, poderían manexar contas de correo alleas para envíar mensaxes ilícitas ou mesmo ilegais que serían transmitidas co nome do ususario de Gmail pirateado. Permítome recomendar moito ollo ao piollo.

viernes, agosto 14, 2009

Os cafres da OTAN

Abel Caballero, alcalde de Vigo, acaba de inventar un novo atractivo turístico para a cidade. Fágase militar da OTAN, súbase a unha lancha e faga o cafre canto queira na praia de Samil. A continuación, se os seus xefes piden desculpas, non pasa nada. Tomo noto e, cando me poñan unha multa por deixar o coche mal colocado nalgunha rúa na cidade olívica, dareime présa en desculparme por ver se me condonan a multa.
Ducia e media de milicos, que seguramente teñen máis serrín mezclado con coca cola e ron que neuronas na cabeza, montaron en tres lanchas e non atoparon nada mellor que poñer en perigo a seguridade dos bañistas de Samil, que tampouco se sabe moi ben por que se empeñan tanto en aformigarse fronte ao bar de Karina Flanagan. Tiveron que intervir a Policía Pocal e a Garda Civil para poñer en orde tan concurrido lugar, e os cafres da OTAN foron identificados.
Se fósemos o lector ou quen lle escribe os que déramos lugar a esta intervención policial, a estas horas estariamos debidamente empapelados e propostos para unha sanción que non ía ser leve. Pero como son dazaseis chistosos de uniforme, intervén o alcalde e perdónalles a falcatruada. Falta saber se os gardas civís que tomaron parte no asunto e que non dependen de Abel Caballero, tamén van facer a vista gorda e romper as papelas do que pasou.
Está moi ben ser magnánimo, pero aínda quedaría mellor aplicar a lexislación vixente de maneira igual para todos.

jueves, agosto 13, 2009

A raposa gardando as galiñas

Segundo publica hoxe El País, Ana María Díaz López, directora xeral de Formación e Colocación da Consellería de Traballo, foi condenada por despido improcedente polo Xulgado do Social número 2 de Ferrol, xunto co seu pai, Delmiro Díaz Rodríguez, e o seu irmán, que deberán pagarlle á traballadora despedida 1.500 euros de salario de tramitación e a indemnización correspondente no caso de que non volvan a admitila no posto do que foi desposeída.
A afectada traballaba como empregada do fogar da agora directora xeral e axudaba no restaurante que ten a familia desta alto cargo da Xunta na estación de autobuses de Ferrol. A sentencia condena a Ana María Díaz López por despedir improcedentemente a muller que traballaba na cociña do bar da súa familia, xa que foi ela quen lle comunicou que debía deixar o seu posto, e por “crear confusión xurídica e material en dúas relacións laborais”.
A traballadora despedida nunca foi dada de alta na Seguridades Social nin como axudante de cociña no bar da estación de autobuses de Ferrol nin como asistenta na casa da directora xeral, ocupacións que desempeñou durante seis meses sen contrato. O xulgado que emitiu a sentencia mandou copia da mesma á Tesourería da Seguridade Social e á Inspección de Traballo.
Ana María Díaz López, licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago, pertenece ao Corpo Superior de Administración da Xunta de Galicia, foi inspectora da Secretaría Xeral para o Turismo en 1993, xefa do Servizo Xurídico da Delegación Provincial de Medio Ambiente de 1998 a 2003 e, dende esta última data a 2005, delegada provincial de Medio Ambiente na citada provincia. Coa chegada de Alberto Núñez Feijóo á presidencia da Xunta e o conseguinte nomeamento de Beatriz Mato como conselleira de Traballo, pasou a desempeñar a dirección xeral de Formación e Colocación, cargo no que sigue actualmente.
Este si que é un caso no que puxeron a raposa a gardar as galiñas.

miércoles, agosto 12, 2009

Ecoloxistas contra o Plan Eólico

Conta hoxe La Voz de Galicia que a Federación Ecoloxista Galega aplaude a paralización do concurso eólico. Hai que ver por onde lle chega algo de osíxeno ao goberno de Feijóo e lle cae unha boa tunda á parte nacionalista do extinto bipartito e, particularmente, ao ex conselleiro de Industria Fernando Blanco. E non se pode dicir que esta vez lle pasen o balón ao PP os seus, porque a Federación está composta por 17 entidades (Adega, entre elas) que non circulan precisamente pola vía da dereita galega.
“A concesión eólica pretendida pola anterior consellería, liderada polo BNG, –lese no documento aprobado onte– no caso de se consumar acadaría un grao de impacto ambiental e paisaxístico que sorprendería e incluso horrorizaría á maioría dos galegos no caso de comprobar os seus efectos sobre o territorio e que se sumaría ao xa creado durante a era Fraga e que tanto criticara o BNG”. Nesta declaración tamén se di que “o anterior Goberno da Xunta quixo repartir aproveitándose de resortes legais do Plano Eólico da era Fraga e polo que se permitía que setenta e oito parques eólicos non fosen sometidos á normativa europea de avaliación estratéxica ambiental”.
A Federación xa pedira a suspensión do concurso cando foi posto a andar, en marzo do 2008, e agora tamén reclama que se derrogue o actual plano eólico, que está vixente dende o anterior goberno do PP. Pide que se aprobe un novo plano no que se “respecten as montañas e o patrimonio natural e cultural galego”, con recoñecemento expreso das áreas de exclusión (Camiño de Santiago, Rede Natura, etc.) e que se aplique sempre “un principio de cautela” para salvagardar o medioambiente.
Mal lle lo poñen a Anxo Quintana e a Fernando Blanco os ecoloxistas galegos para seguiren defendendo con teimosía unha das medidas polas que tiveron que pagar o maís alto prezo electoral ¿Qué van dicir agora? ¿Qué a Federación Ecoloxista Galega actúa ao ditado de Santiago Rey e do o seu xornal?

lunes, agosto 10, 2009

Alfredo Conde


¿Decididu Alfredo Conde tirar a toalla no tocante ao uso xornalís-
tico e literario do idioma galego? Polo menos de momento, parece que si. Dende hai tres días, o artigo que publica diariamente en El Correo Gallego aparece escrito en castelán e todo indica que estamos ante unha renuncia voluntaria que fai o escritor para distanciarse dun sistema literario galego que lle resulta insatisfactorio e contra o que quere protestar tomando esta medida. “Se non me queren nel, terei que ser eu o que me bote fóra”, díxonos o autor de máis de trinta libros en galego e primeiro escritor da nosa terra que mereceu un Premio Nacional de Literatura por unha novela no idioma máis propio. Parece ser que a gota que ateigou o vaso foi unha carta dirixida contra el por Damián Villalaín, publicada no xornal El País e da que Conde non tivo noticia ata que pasaron dous meses e catro días.


Deste xeito, un escritor galego ampliamente recoñecido polos sistemas literarios e polas universidades de varios países parece estar reproducindo unha actitude que tivo que adoptar Rosalía de Castro cando se viu incomprendida e inxuriada, en 1881, por publicar determinados costumes galegos que non resultaron do agrado das mentes ben pensantes da época. Daquela, a autora de Follas novas publicou no xornal madrileño El Imparcial unha serie de artigos e un deles contiña o seguinte párrafo: “Entre algunas gentes tiénese allí por obra caritativa y meritoria el que, si algún marino que permaneció por largo tiempo sin tocar tierra, llega a desembarcar en un paraje donde toda mujer es honrada, la esposa, hija o hermana pertenecientes a la familia en cuya casa el forastero haya de encontrar albergue, le permita por espacio de una noche ocupar un lugar en su mismo lecho. El marino puede alejarse después sin creerse en nada ligado a la que, cumpliendo a su manera un acto humanitario, se sacrifió hasta tal extremo por llevar a cabo los deberes de hospitalidad”.
Estes artigos foron respondidos en varios xornais da época con insultos e interpretacións moi nesgadas que magoaron gravemente o espírito sensíbel de Rosalía de Castro, que nunha carta dirixida ao seu home, Manuel Murguía, que residía daquela en Madrid, dende Lestrove, o 26 de xullo de 1881, manifestaba que “ni por seis, ni por nueve mil reales volveré a escribir nada en nuestro dialecto, ni acaso tampoco a ocuparme de nada que a nuestro país concierna”. Nesa carta tamén dicía a egrexia escritora que “el país sí que es el que tiene que rehabilitarse para con los escritores, a quienes, aun cuando no sea más que por la buena fe y entusiasmo con que por él han trabajado, les deben una estimación y respeto que no saben darles y que guardan para lo que no quiero ahora mentar”.
Curiosamente, Alfredo Conde foi mariño e pasou “longo tempo sen tocar terra”, pero non se sabe del que se beneficiase nunca de ningunha esposa, filla ou irmá das casas onde foi forasteiro e houbo de atopar albergue. Eu, que son lector afeccionado das súa obras, tampouco lin nunca nas súas páxinas algo parecido aos costumes dos que informaba Rosalía de Castro. Debe ser, logo, por outros motivos polos que el sente agora a desazón que feriu á cantora do Sar.
Na miña opinión, quizais lle sobran razóns para rebotarse. Ao autor da primeira novela en galego que levou un Premio Nacional de Literatura, dúas veces Premio da Crítica, Premio Nadal, traducido a varios idiomas, convidado habitual de diversas universidades extranxeriras, etc., o sistema literario galego e o establishment galego en xeral non lle volveron a brindar un só mimo dende que lle foi concedido, en 1984, o Premio Eduardo Blanco Amor de novela. Isto, nun país que se distingue precisamente pola práctica de repetitivos sistemas de subvencionismo e fundacionismo ou por pagar millonadas comprando bibliotecas que ás veces non se saben de que van valer, evidentemente parece algo raro. En todo este tempo, a Alfredo Conde só lle otorgaron a Ponla de Toxo polo que consideraron os otorgantes a súa “traizón á lingua galega”.
¿Tan nefasto foi o seu rol na cultura galega? Alfredo Conde, cando só tiña 14 anos, foi fichado pola Policía franquista por escribir e ler poemas en galego diante dos micrófonos de Radio Pontevedra ¿Qué facían daquela algúns dos 26.000 burócratas (profesores, xornalistas, etc.) que reciben soldada das arcas do feito cultural galego? Algúns nin sequera existían.
O caso é que un escritor galego, que agora mesmo está sendo ben recibido en China, en Rusia e México, por poñer exemplos destes mesmos días, na súa terra séntese tan pouco querido e comprendido que fai o que fixo Rosalía de Castro hai 125 anos. Non serei eu quen oculte os defectos, as contradicións e as endeblezas políticas que sen dúbida se poden atopar na traxectoria de Alfredo Conde ¿Quen que lle dedicase 50 anos da súa vida á literatura e algún deles ao exercicio da política, pode estar libre da crítica? Pero unha cousa é isto, e outra moito máis dramática e inxusta é que un escritor galego teña que sentirse desprezado no seu propio país ata o punto de ter que adoptar unha decisión coma que acaba de tomar Alfredo Conde, a quen seguirei citicando cando me pareza xusto, pero andarei sempre canda el cando o sometan a calquera forma inxusta de soedade.

O oso de Feijóo

¿Rematará sendo esta foto documento importante dun momento histórico de Galicia? Recolle o momento en que Ignacio Galán, presidente de Iberdrola, abrazou a Núñez Feijóo na praza do Obradoiro o día da súa toma de poesión como presidente da Xunta. Xosé Luís Gómez, director de Xornal de Galicia, explica unha parte desta peripecia.
“A Galán le vino su dios a ver cuando supo que el PP obtenía mayoría absolutaescribe Gómez–. Y cuando le dijeron el día de la toma de posesión de Feijóo pidió en Génova –la calle madrileña donde tiene su sede el PP– que le consiguieran una invitación para estar cerca del flamante presidente de Galicia. No se conocían pero él precisaba demostrar que sí y hacerse una foto que llegase a la prensa. Cuando fue informado de que para el acto del Obradoiro no había invitaciones oficiales se plantó allí y en cuanto tuvo a tiro al presidente se fue a por él y le dio el abrazo de su vida. Era un tipo de abrazo que sólo podía corresponder a su novia, su familia o alguno de sus amigos íntimos, pero fue el abrazo de un desconocido muy conocido: Ignacio Galán, que es como se hace llamar este hombre que también se apellida Sánchez, y que preside una de las compañías que, casualmente, impugnó el reparto eólico del bipartito”.
O único que está totalmente claro é que así como Quintana tivo o seu momento de gloria indesexada, cando foi fotografado a bordo do iate de Jacinto Rey, a Núñez Feijóo estalle pasando igual co abrazo do oso que lle perpetrou Ignacio Galán fronte ao Pórtico da Gloria. Xa o di a Biblia, quen a ferro mata…

domingo, agosto 09, 2009

Acabarán Quintana e Feijóo nos tribunais de xuztiza?

Por mor de que onte tiven que asistir a un enterro en Ortigueira, non lin a prensa ata a noite do sábado. Sorprendéronme dúas cousas que apareceron en Xornal de Galicia. Por un lado, un artigo do nacionalista Anxo Quintana titulado Feijóo coloca Galiza á altura dunha colonia bananeira, poñendo podre ao presidente da Xunta, e, por outra, as declaracións do socialista Xosé García Liñares, alcalde de Cerdeda, mostrándose totalmente a favor de que se queimen medicamentos no complexo de Sogama debido a que, segundo el, “non son perigosos porque é algo que se toma pola boca”.
Estou case seguro de que, se calquera xornalista –eu mesmo– publicase a metade do que lle bota enriba Quintana ao líder do PP, os servizos xurídicos da Xunta ou os do PP –seguramente os dous á vez– tardarían só algún minuto en ir preparando unha demanda por calumnias supostamente cometidas contra Feijóo, do que di o ex líder do BNG que “coa súa anunciada decisión de derrogar o decreto eólico, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, fai algo máis que tirar abaixo unha medida progresista e nacionalista. Fai unha rotunda declaración aintiautonomista e procentralizadora, coloca o Goberno ao servizo de poderosos intereses particulares abdicando da defensa do interese da maioría social do País, introduce unha perigosísima sensación de inseguridades xurídica, actúa ao ditado de caprichos de certa aristocracia mediática e, o que é maís grave: dita resolucións inxustas a sabendas de que o son e fainos pagar a todos e todas o gasto, que en forma de indemnizacións, terán as súas arbitrariedades. Calquera coñecedor do dereito podería asegurar que iso se chama prevaricación e malversación de fondos públicos”.
De ser certo o que di Quintana, como responsábel político e deputado que é, e ata mesmo simplemente como cidadán, debería comparecer, no espazo de tempo máis breve posíbel, diante da autoridade xudicial competente para denunciar ao presidente da Xunta pola suposta comisión de dous delitos que están claramente tipificados no Código Penal: prevaricación e malversación de fondos públicos, ámbolos dous penados con cadea. Quizais debeu facelo mesmo antes de publicar este artigo nas páxinas dun xornal que lle é próximo.
De non ser verdade, tería que ser o presidente da Xunta o que acudise aos tribunais para demandar a Quintana polo suposto delito de calumnia, que tamén pode conlevar pena de cadea. Aínda aposto algo que non se van demandar nin un nin outro, e que todo ha quedar nunha nova rifirrafa das que tanto acostuman ofrecernos os políticos. O malo é que, así, quedarémonos sen saber determinantemente se a grave acusación que lle fai o nacionalista ao presidente da Xunta é verdade ou é mentira. E, de paso, sen saber se Quintana é simplemente un calumniador ou un Émile Zola disposto a aplicarlle o J'accuse ao máis pintado que se lle poña diante. Nestes casos quizais tamén debería actuar de oficio a Xustiza.
No tocante ao que di o rexedor de Cerceda, eu non vou propoñer que algún día lles esixan aos alcaldes demostrar coñecementos mínimos de química, bioloxía e física, pero polo menos que lles enseñen a meter a lingua no peto traseiro do pantalón cando se poñen en trance de dicir parvadas. Mentres tanto, non hai como ostentar este cargo para saír no xornal facendo o ridículo.

viernes, agosto 07, 2009

O médico imaxinario

Non para de chamarme a atención o caso do falso médico de Vimianzo ¿Cómo puido exercer a Medicina este señor, durante 22 anos, facendo mesmo substitucións do Sergas, sen que ningunha autoridade sanitaria ou simplemente administrativa se decatase ou non tomara medidas? ¿Por que o Colexio Médico da Coruña, tan preocupado polas cuestións de competencia como calquera outra entidade corporativa, non deu a coñecemento público deste caso ata agora?
Por outra banda, está o feito de que a Xan Fernández Garrido non se lle coñecen malas prácticas durante este longo periodo en que exerceu a Medicina de silveira. Todo o contrario, goza da mellor fama entre a clientela de doentes que atendeu dende a súa clínica. Está claro que el non é un simple menciñeiro ou, menos aínda, un falabarato de feira como o célebre Coté. No seu centro médico exercían outros galenos coa titulación administrativa obrigada ¿Qué era logo el? ¿Un chamán? Que se saiba, recetaba aspirinas, parancetamoles e ibuprofenos e non herbas nin cogomelos alucinóxenos.
Parece que só lle faltan algunhas asignaturas para rematar a carreira académica. Empezo a sospeitar que é un deses progres que deixaron de acreditar na titulitis que invadiu o mundo hai varias décadas e que tentou reducir os saberes ás diversas sortes de academicismos que se extenderon para maior gloria das ordes sucesivamente estabrecidas. O malo para el é que ninguén se vai molestar en averiguar se atendía os doentes mellor ou pior ca algúns apalermados que colgan títulos na súa consulta. Agora Garrido só vai ser unha deriva de Molière, o médico imaxinario, Le médecin imginaire, ou, pior aínda, Le malandrin imaginaire. E, por riba, do BNG. Pobre home, ten asegurados grandes espazos nas páxinas de sucesos de La Voz de Galicia.

jueves, agosto 06, 2009

Dous casos de médicos



Se fose obrigatorio reflexionar sobre historias de médicos, eu dubidaría sobre cal escoller. Se a dese médico das terras de Soneira que, segundo di o Colexio Médico da Coruña, levaba exercendo 22 anos sen a correspondente titulación, ou a dos dous médicos que exercían de oligarcas por terras cacereñas, durante aguerra civil, e mandaron pasear a cinco homes, entre eles o alcalde socialista de Talaveruela (Cáceres) e o seu axudante. O primeiro caso publícao hoxe La Voz de Galicia. O outro aparece nas páxinas, tamén de hoxe, de El País.
Xoán Ramón Fernández Garrido cubriu a baixa dun facultativo de Dumbría antes de montar en Vimianzo a clínica na que atendía os doentes, dende hai máis de dúas décadas, sen que o Colexio Médico nin ningunha institución gobernamental se percatase de que non posuía a titulación legal obrigatoria. Segundo parece, o seu caso foi denunciado agora porque apareceu o seu nome no cadro médico dunha aseguradora privada. Polo demais, dase a circunstancia de que Fernández Garrido, militante nacionalista, non só é moi estimado como persoa, entre os habitantes da zona onde vive e na que exercía, senón que tamén gozaba de excelente sona como “médico”. Mesmo hai quen di por aló que a súa situación debe resolverse para que poda seguir curando enfermos.
A historia de Cáceres é absolutamente máis tráxica. Trátase de dous médicos que exercían en Madrigal e Villanueva e que dirixían bandas de matachíns formadas por falanxistas e apoiadas por curas e caciques da bisbarra. Un día mandaron buscar a Anastasio Arroyo Gironda, que era socialista e alcalde de Talaveruela. Con el levaron tamén a Pedro González Hernández, axudante do alcalde e cantante de famenco, e a outras tres persoas que aínda hoxe non están identificadas. Leváronos a Madrigal de la Vera, onde Anastasio estivo varias horas atado ao enreixado da casa do médico e despois subíronos a un camión e conducíronos a un prado de Aguasfrías, onde lles fixeron cavar a súa propia fosa antes de asasinalos a tiros. O feito pasou á historia porque foi visto por uns cabreiros que andaban daquela pola zona, e agora está sendo investigado pola Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica e pola Asociación Nuestra Memoria.
Pensándoo ben, o caso que me emociona é o derradeiro.

miércoles, agosto 05, 2009

Adeus aos muíños de Fernando Blanco

La Voz de Galicia anuncia hoxe o que viña parecendo invetíbel dende hai varias semanas. Que a Xunta vai tumbar mañá o decreto eólico firmado polo BNG mentres estivo no goberno, coa conseguinte anulación do reparto de 2.300 megavatios efectuado pola Consellería de Industria o 26 de decembro do ano pasado.
Fernando Blanco, titular dese departamento cando se levou a cabo a decisión máis polémica do bipartito e a que seguramente determinou o curso das pasadas eleccións autonómicas, debería agora dicir algo. O BNG resultou moi tocado polas polémicas medidas que tomou mentres gobernou este lugués a golpe de decreto. Todo o contrario do que está facendo agora a súa camarada de Cangas, Clara Millán, que se nega a firmar a paralización das obras de Marina do Atlántico en Massó se antes non o aconsellan os informes técnicos.

lunes, agosto 03, 2009

Non dar problemas


Di Anxo Quintana, nunha entrevista que lle publicou El País o domingo pasado, que a súa obsesión “é ser un ex que non dá problemas”. A min xa me resulta algo patética a indefinida vocación de tempragaitas do líder que conduciu o BNG ao máis estrepitoso fracaso electoral da súa historia.

sábado, agosto 01, 2009

Algo se move en Educación


Haberá tempo de comentar outros aspectos dos resultados da falsa enquisa da lingua galega, pero de entrada xa destaca a ausencia do conselleiro de Educación no acto oficial da súa publicación aos medios. Xesús Vázquez, que andaba moi preto do lugar onde tivo lugar a rolda de prensa, foi representado polo secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, que polo que leo nalgún xornal ata perdeu parte do seu habitual sorriso de bonomía e mostrou algún aceno de agresividade cando lle perguntaron pola incomparencia do conselleiro.
¿Quen decidiu este protocolo? ¿O conselleiro? ¿Ordeouno o propio presidente da Xunta? ¿Ten algún significado especial? Non parece, dende logo, insignificante. Algo debe representar o feito de que o gobernante que máis empeño puxo, ata agora, en sacar adiante esta enquisa, Xesús Vázquez, non estea presente no momento de dar a coñecer e explicar os seus resultados. ¿Está Feijóo querendo virar cara a un galeguismo más significante parte da súa política educativa marcando, mesmo, algunha distancia co españolismo rancio e o integrismo de Galicia Bilingüe? Se cadra si ¿Implicaría isto consecuencias na propia estrutura da Consllería de Educación? Pois, se cadra, tamén. O que está claro é que o conflito da lingua algunha vez ha causar vítimas, directas ou colaterais. Por de pronto, aposto algo a que imos ver a Lorenzo con máis frecuencia na prensa.