sábado, febrero 27, 2010

Xynthia

Rosa Díez conseguiu o que quería. Que se falase dela como se fose a cicloxénese explosiva da actualidade. O ciclón extratropical dunha escena política española cada vez máis marcada pola mediocridade e a insubstancialidade. Cando a deputada virachaquetas non é máis ca un vendaval maino que nunca chega a ter a forza dunha tramontana. Rosa Díez é unha cuentista que se alimenta da provocación.
E que somos os que lle facemos caso e caemos na súa arañeira? Pois, no fondo, algo do que ela nos chama a través dun comunicado do seu partido: unha pinga de intolerantes, algo atacados por algún complexo de inferioridade ou perturbados polo nacionalismo. Ten razón, para non sermos todo iso, que non é pouco, tiñamos que mirar para outro lado, dicir que estaba chovendo cando ela tentaba mexar por nós ou pornos a contar chistes, recollidos do libro de Ricardo Parrotta, para demostrar que temos sentido do humor. Hai que foderse coa Xynthia esta do progreso e da democracia. Oxalá que se afonde moi rapidamente e se mova a gran velocidade cara a súa desintegración.

jueves, febrero 25, 2010

O fillo de Méndez é neto de Gómez

Está escrito en prosa porque senón o artigo que publica Xosé Luís Gómez no Xornal que dirixe, sobre o fillo do director xeral de Caixagalicia, podería constituír algunha forma exemplar de ditirambo, composición poética inspirada nun arrebato de entusiasmo e escrita xeneralmente en varidedade métrica. Ou sexa tamén, gabanza esaxerada ou encomio excesivo.
Polo visto, o tal fillo de Méndez é unha aguia que nin diola. Dalle cartos a gañar a Caixagalicia por carretadas. Esta vez Gómez esquenceuse de que Méndez, senior e junior, non só arrimou ganancias a esta entidade. Tamén algunha perda (aventuras inmobiliarias por Levante, por exemplo). Méndez será fillo de Méndez, pero saiulle un avó que se chama Gómez.

Rosa Díez(mada)

Grazas, presidente Zapatero! Eu tampouco son leonés, pero sentiriame moi orgulloso de selo. Aínda que, se me desen a escoller, seguramente me facía do Bierzo. Ven isto ao conto de que non hai como ter serrín na cabeza para non parar de dicir parvadas pola televisión. Rosa Díez, egrexia representante dunha determinada clase política decadente española, quixo insultar a Zapatero chamándolle galego, e o presidente respondeulle como merecía unha imbecilidade tan grande coma que pronunciou a líder de UpyD, que pode que teña algo de Unión (coa torpeza), nada de Progreso e pouco de Democracia.
Rosa Díez, que pasou do socialismo á reacción coma quen cambia de camisa, debería ter máis cuidado e tomarse menos en serio a pailanada de que é a líder política española mellor valorada. No sentido máis pexorativo, ela é simplemente unha idiota con resabios de chistosa de rebotica reaccionaria.

miércoles, febrero 24, 2010

O auto stop parlamentario

Vaia bordel o que armaron as famosas dietas por quilometraxe abonadas aos parlamentarios que se pasaron de listos. Estaba claro: no antigo cuartel e máis antiga aínda escola de Veterinaria da rúa do Hórreo senta o cú o mellor de cada casa. Seguramente levaba razón José L. Alvite cando publicou o outro día en La Opinión que “muchos de esos diputados no han conseguido en su ejecutoria pública otra proeza que la de empobrecer con su oratoria la atmósfera del hemiciclo y atascar con sus culos los retretes del Parlamento”.
E menos mal sería se só fose iso. Porque agora estamos vendo que a bola de neve dos cobros quilométricos vai camiño de levar por diante ao mesmísimo presidente da Xunta. Entre as mesnadas socialistas xa andan dicindo que Alberto Núñez Feijóo “estivo cobrando o plus dos quilómetros e das peaxes cando viaxaba nun coche do seu partido que lle cedera gratuitamente a empresa Citröen”. E de que Agustín Bahamonde tamén cobrou polo mesmo concepto a pesar de que viaxaba no coche oficial que tiña á súa disposición Xosé Manuel Balseiro por ser vicepresidente do Parlamento.
Xa só falta saber se no BNG tamén hai alguén que viaxase no coche de San Fernando, unhas veces a pé e outras cobrando. Levaba alguén consigo Anxo Quintana cando se movilizaba a bordo do seu C6 vicepresidencial entre Allariz ou Vigo e Santiago? Ía soa a vicepresidenta do Parlamento Tereixa Paz? Nunca lle fixeron auto stop a Dolores Vilariño cando circulaba no seu Audi oficial pola A6? Vaia lea morrocotuda a do transporte parlamentar das súas señorías.

martes, febrero 23, 2010

Eppur si muove

Está a haber algún cambio nos postos de mando de varios xornais galegos. Miguel Barros abandona a presidencia do Consello de Administración de A Nosa Terra para ser conselleiro delegado da empresa editora de Xornal de Galicia, posto no que despraza a Miguel Ánxel Souto, que só durou oito meses no periódico de Xacinto Rey. Por outra banda, a xornalista Carme Merelas é a nova directora do xornal coruñés La Opinión, cargo no que substitúe a Francisco Orsini, que se vai de director de Opinión dos xornais de Prensa Ibérica en Canarias (La Provincia e La Opinión de Tenerife).
O paso de Souto por Xornal de Galicia case durou menos do que está durando o mal tempo. A pesar dos fortes apoios cos que contou a súa chegada dende a cúpula da empresa, a este xornalista procedente de La Voz de Galicia resultoulle imposíbel encaixar nunha publicación que está moi lonxe da súa configuración profesional. Xosé Luís Gómez, director e accionista do periódico, gañoulle a guerra por goleada e a Souto non lle quedou máis remedio que tirar a toalla. Con Miguel Barros Xornal de Galicia vai seguir tentando estabrecerse definitivamente como o xornal galeguista e progresista que non había en Galicia. Barros é un galeguista e socialista convencido, admirador empedernido do espírito e da filosofía de Ramón Piñeiro, ao que lle dedicou a primera tese doctoral que se fai sobre el, e un político que sempre se esforzou por entender o nacionalismo galego e por ter boas relacións cos seus representantes. Resulta claro que, se Miguel Ánxel Souto viña a ser algo así como un polbo nun garaxe na alta dirección de Xornal de Galicia, Miguel Barros parece un dirixente feito á medida exacta do cargo que vai exercer.
O problema é saber que vai pasar co semanario que abandona. No tempo en que el presidiu a súa empresa editora, A Nosa Terra non conseguiu avanzar case nada no mercado galego da prensa. A esta publicación marcada polo seu carácter histórico nacionalista non parece terlle sentado demasiado ben o aggiornamento moderado ao que foi sometida nesta última etapa. Controlada dende hai varios anos, igual co Xornal, polo empresario Xacinto Rey (Grupo Sanjosé), a publicación na que escribiron Castelao e a maior parte das grandes figuras do galeguismo e do nacionalismo, agora mesmo só é unha revista light que non marca nin a sombra do que foi nos seus momentos históricos. Alfonso Eiré, antiguo director e ata agora conselleiro delegado, asumirá a presidencia que deixa Barros e non é descartábel unha radicalización dos contidos e da orientación do semanario que, na súa etapa actual, sempre se mostrou moi próximo ao BNG.
No que respecta ao xornal La Opinión, probabelmente Prensa Ibérica non podía acertar mellor cando escolleu a Carme Merelas para substituír a Orsini, o home que dirixiu este periódico dende a súa fundación no ano 2000. Merelas é unha excelente xornalista que xunta aos seus méritos porfesionais, que son do melloriño que hai en Galicia, a condición de ser a primeira muller que accede á dirección dunha publicación diaria galega. En fin, que tanto nun caso como no outro, parece que algo se está movendo para ben no sempre conservador mundo da prensa galega.

lunes, febrero 22, 2010

Laura Seara tamén chupou do bote

Estaba claro que Antonio Rodríguez Miranda non ía andar só a travesía do deserto das famosas dietas parlamentarias por desprazamento. Xa caeu outra pomba, segundo publica hoxe o xornal ABC, experto en desempolvar supostas corrupcións políticas que poden beneficiar o Partido Popular (PP). Laura Seara, ex deputada galega e actual directora xeral do instituto da Muller, dependente do Ministerio de Bibiana Aído, cobrou entre 27.000 e 28.000 euros durante a lexislatura do bipartito de Pérez Touriño e Anxo Quintana, e arredor de 4.000 máis dende que Alberto Núñez Feijóo recuperou o goberno da Xunta para o PP.
Un caso igual ou se cadra máis grave aínda co do número tres do PP, pois Laura Seara nen sequera dispoñía de carnet de conducir nin era propietaria dun coche cando cobrou eses emolumentos por quilometraxe, segundo o xornal madrileño. Desprazábase nun Wolkswagen Passat conducido por persoal a cargo do erario público adscrito á Consellería de Medio Ambiente, que gobernaba o actual secretario xeral do PSdeG-PSOE, Manuel Vázquez, e, logo da derrota do bipartito, no coche doutro militante socialista.
Dase a circunstancia de que os dous únicos parlamentarios galegos que, ata agora, ven os seus nomes implicados no suposto cobro irregular de dietas por quilometraxes son da mesma xeneración, personas novas ambos, e da provincia de Ourense. Suponse que aída aperecerán máis implicados, pero o xa escandaloso caso está centrado por agora en Antonio Rodríguez Miranda e Laura Seara. O primeiro xa recoñeceu a veracidade dun 15 por cento dos cobros irregulares que se lle atribúen, e manifestouse disposto a reembolsar o seu importe cando o Parlamento lle certifique o montante, pero en ningún caso se mostrou disposto a dimitir pola falcatruada cometida. Falta por saber agora cal vai ser a reacción da representante socialista dende o alto cargo que agora exerce en Madrid. De confirmárense todos estes feitos, estariamos a piques de entrar nun fregado político galego do que ninguén sabe como se vai saír del. O único evidente pode ser que, a estas alturas, máis de un estarán comenzando a arrepentirse de poñer a andar esta bola de neve.

Que lle pasa á Monarquía?

Algo está a pasar a respecto da monarquía española. O apupo xeneralizado a que foron sometidos este domingo os Reis e o Himno de España antes de empezar a final da Copa do Rei de Baloncesto que xogaron o Real Madrid e o Barcelona, e que gañaron os cataláns (80-61), no Bizkaia Arena de Barakaldo, non é precisamente unha boa noticia para o actual sistema de goberno español. Está aínda moi recente, ademais, outra experiencia semellante, vivida polos máximos representantes da Casa Real Española, en maio do ano pasado, cando presenciaban a final da Copa de Fútbol protagonizada polo Atletic de Bilbao e O Barça. Naquela ocasión, principalmente os siareiros vascos, tamén apouparon a interpretación do himno español en presenza dos Reis. Este contratempo real coincide agora, por outra parte, co que parece ser unha estratexia da Casa Real de intensificar a presenza pública dos Príncipes, por un lado, e o protagonismo do propio Rei, por outro.
Respecto á primeira parte desa estratexia quizais atopamos un bo exemplo na edición española da revista norteamericana Vanity Fair correspondente ao mes de marzo, que xa está á venda nos quioscos. Os príncipes Felipe e Leticia enchen a a tapa desta publicación vestidos con traxes de cerimonia e cun gran titular que reza: “Cita en Palacio. Los Príncipes más cerca que nunca. ¿Qué pregunta la infanta Leonor? Las tentaciones de Leticia. La estrategia de la sucesión”.
Precisamente a pregunta sobre o que pregunta a infanta Leonor xa ten dado algo que falar. Conta Vanity Fair que a filla dos príncipes sempre lle pregunta á súa nai a que se dedica. Segundo a revista, o diálogo transcorre así:
–Mamá, tú ¿en qué trabajas?
–Por España, hija para tratar de mejorar mi país”.
O diálogo, por moito que pareza tirado dun bocadillo propio do excelente debuxante hunmorístico López, abondo coñecido polos lectores deste blog, seguramente non é máis ca o produto dunha situación materno-filial sinxela e descomplicada, pero xa ten dado orixe a diversas interpretacións.
Sobre todo no momento en que tamén o Rei se mostrou máis disposto que nunca a traballar “por España para tratar de mejorar este país”. O Rei Xoán Carlos mesmo estivo a piques de bordear o límite das súas competencias gobernamentais facendo chamamentos e marcando obxectivos respecto á crise económica que, en principio, parecen máis propios de seren apuntados polo Goberno do Estado que pola Casa Real. Logo de todo, estamos nunha Monarquía parlamentaria e xa se sabe que o Rei reina, pero non goberna.
Algo está a pasar que non pasaba antes. Que lle asubíen ao Rei ou que algunha formación política (Izquierda Unida) lle pida que informe sobre o que gaña e en que emprega cada un dos 8,9 millóns de euros que recibe do Estado cada ano, e que gasta libremente sen rendir ningún tipo de contas, resulta unha nova maneira de ver a Monarquía española por parte da sociedade actual. Algo está empezando a cambiar vertixinosamente neste sentido.

sábado, febrero 20, 2010

Ir de miranda

Antonio Rodríguez Miranda, alto cargo do PP, di que devolverá os cartos que supostamente cobrou de forma indebida, por exercer o seu cargo de deputado, se llo ordena a presidencia do Parlamento. Mentres tanto, seguirá disfrutando dos miles de euros que remataron indebidamente no seu peto.
Non parece o mellor exemplo precisamente, digan o que digan agora os dirixentes do seu partido para defendelo. Por algo parecido, no Redino Unido tiveron que dimitir unha ministra, o presidente da Cámara dos Comúns e tres deputados. Por aquí hainos que van de miranda (por ver o que cae).

jueves, febrero 18, 2010

Disfunción tentadora

Agora resulta que cobrar ou pagar contra o erario público por un gasto que non se fixo é unha “disfunción”. A min, que algunha fe aínda me queda nos diccionarios, parecíame que tal cousa, sendo anómala, non era máis ca unha alteración fisiolóxica da función dun órgano, pero pensaba que cobrar por quilómetros que non se percorreron ou que se andaron sen pagar nada por eles caía máis no campo da picaresca, da trampa e diso que os castelán falantes chaman jeta, morro, boca, hocico, labios ou belfos.
Pois resulta que non. Veu o presidente da Xunta e dixo que se trata dunha “disfunción”, como se estivésemos na sesión clínica dun deses hospitais que cada día lles medra máis a lista de espera. "Son deputado –dixo Núñez Feijóoe todas as disfuncións dun Parlamento teñen que correxirse, pero as de todos os deputados, non só as dun”. Ou sexa, que Rodríguez Miranda non é o único protagonista da peli. Hai máis protas, e agora o caso é dar con eles.
Feijóo debería ser máis explícito. Ou sabe do que fala e debería dar nomes e apelidos, ou sería mellor que gardase a discreción propia do cargo que representa. Non nos serve de nada que nos diga que “como un sabe en que sitio está, saberá o que tén que facer”. De momento, o que xa parece seguro é que hai no seu partido un deputado pouco escruploso á hora de poñer o cazo. E non nos debería valer poñernos bíblicos e dicir que se trata dun prato de lentellas. Un empeza alimentándose coa semente desta herbácea e remata afeccionándose ao caviar, ao Moët Chandon e aos robustos de Cohibas en menos do que canta un galo, sobre todo se se dedica á especulación financeira e a certas artes da política.
Neste asunto resulta evidente que non están á altura ds circunstancias nin os de Laíño nin os de Lestrove (que culpa terán os pobres de seren etiquetados pola poesía de Rosalía). Nin PP, nin PSOE, nin BNG están facendo máis nada ca deixar correr a bola a ver se remata pronto rompéndose contra o fondo do val. Falta radicalidade, coherencia, contumacia na busca da transparencia que tanto precisa a vida pública actual. E isto non tén nada que ver coa alienación rebuscada de soster que toda política e todos os políticos son iguais. Precisamente por pensar que non é así, é polo que hai que esixir que non teñan todos o mesmo comportamento. Desgrazadamente, no tema que nos ocupa non hai diferenzas moi grandes. Todos tiran da fariña para o seu costado.

martes, febrero 16, 2010

Os cartos transparentes dos deputados galegos

Medra a polémica acerca da lasitude coa que determinados parlamentarios galegos cobraron quilometraxes e peaxes por asistiren ás sesións de traballo na rúa do Hórreo de Santiago. Ninguén nega xa que houbo picaresca e a mala práctica alcanza polo menos a deputados do PP e do PSOE, e está por demostrar que non haxa tamén algún omprometido no BNG, formación que se limita neste tema a ver como van transcorrendo as cousas. Xa se fala dalgunha tentativa por chegar a un pacto de non agresión que reconduza o tema a un tratamento interno que o aparte do escándalo e da xenreira que puidera provocar na opinión pública o feito de que algúns representantes democráticos se mostrasen inescrupulosos cos fondos públicos nunha época de aguda crise como a que estamos pasar.
O feito real é que os nosos deputados (e deputadas, como din eles) cobran por término medio un salario mínimo mensual de 4.200 euros, pero tributan só pola metade do que levan para a casa. Dese montante, polo menos 2.092 euros non están sometidos a retención fiscal de ningunha clase. Corresponden a gastos de aloxamento e manutención atribuíbeis ao cumprimento da súa actividade parlamentar. Só o resto, 2.075 euros, representa a asignaciónn fixa pola que pagan impostos os deputados con dedicación exclusiva, que son a inmensa maioría dos parlamentarios galegos. É dicir, que tributan só pola metade do que gañan, condición que os alonxa enormemente da realidade laboral á que petencen.
Ademais dos 2.075 euros que lles corresponden como asignación fixa e dos 2.092 que levantan por indemnización, os deputados tamén cobran as quilometraxes e as peaxes que lles corresponden por desprazárense dende os seus lugares de residencia decrarada ata a sede do Parlamento en Santiago, condición que xa orixinou a picaresca que está a dilucidarse estes días e que tén como exemplo paradigmático, por agora, ao representante do PP Antonio Rodríguez Miranda, pero tamén poden acabar aparecendo casos nas fileiras do PSdeG-PSOE polo menos (de feito, xa circulan nomes e apelidos de varios casos e o PP puxo no escaparate o da deputada Mar Barcón que se despraza nun coche do Concello da Coruña para cumprir as súas obrigacións parlamentares).
En tempos de vacas fracas como os que vivimos, ler nos periódicos que os nosos representantes políticos se comportan coma vulgares viaxantes de roupa interior que tratan de enganar ás súas empresas cargando quilometraxes por percorridos que non fixeron, non resulta precisamente un espectáculo moi exemplar, pero aínda pode ser pior se se poñen de acordo entre eles para que a roupa sucia se lave só co deterxente da casa.

Deputados tramposos

O embroglio no que nos está metendo a lasa moral de certos parlamentarios, que parece que non son precisamente un par deles soamente, aínda ha dar moito que falar. La Voz de Galicia publica hoxe unha detallada información a este respecto que empeza salientando que o Parlamento “gasta máis de 500.000 euros acada ano en pagar as peaxes e a quilometraxe dos deputados, a pesar de que este gasto non está sempre debidamente xustificado e algunhas veces nin sequera se realizan as viaxes cobradas”.
A cuestión empezou sendo publicada primeiro, a semana pasada, por El País, que se fixo eco dunha acusación lanzada polo PSdG-PSOE contra ao deputado do PP Antonio Rodríguez Miranda polo suposto cobro de 26.000 euros por desprazamentos durante catro anos cando adoitaba trasladarse compartindo un coche oficial con Xosé Manuel Baltar. Na orixe desta filtración pode estar unha pequena vendetta levada a cabo polos partidarios do clan Baltar contra Rodríguez Miranda, a quen podían considerar un dos traidores desvelados durante a sucesión política de Xosé Luís Baltar polo seu fillo.
O caso é que cada deputado cobra algo máis de 4.500 euros brutos ao mes, montante que se ve incrementado con pluses que van de 300 a 800 euros no caso dos que exercen algunha portavocía ou forman parte das mesas das comisións, casos nos que están máis da metade dos 75 parlamentarios galegos. A maiores dispoñen dun complemento retributivo variábel, estabrecido a través da quilometraxe e das peaxes, que lles permite facturar máis de 1.200 euros ao mes por riba do salario estipulado.
Segundo salienta La Voz de Galicia, é na liquidación das quilometraxes onde radica a picaresca. Hai deputados que residen en Santiago e cobran por desprazamento dende o domicilio que teñen declarado e que está, nalgún caso, a máis de 200 quilómetros de Compostela. Abonda con que un deputado se presente nunha comisión para que o Parlamento lle ingrese de oficio o importe da quilometraxe calculado dende o domicilio declarado, aínda que viva de facto en Santiago ou faga os seus traslados no coche doutra persoa.
La Voz pon de exemplo o caso de Ourense, no que cada un dos 14 deputados fai un promedio de doce desprazamentos mensuais a Santiago con dereito a remuneración. Utilizando como media a quilometraxe Santiago-Ourense (230 queilómetro de ida e volta), poderán percibir 754 euros por quilometraxe e 123 polas peaxes. Se o deputado ten declaradao o seu domicilio nas zonas de Valdeorras ou Verín, dispárase a remuneración.
Segundo o cálculo que fai o xornal coruñés, as viaxes dos deputados ourensáns custan 109.000 euros nos nove meses que está hábil o Parlamento cada ano. Os de Lugo (15 deputados), 132.000 euros. Os da Coruña (24 deputados), arredor de 140.000, e no caso de Pontevedra (22 deputados) a remuneración sobe a 532.000 euros.
A todo isto hai que engadir o que custa a movilidade dos membros da Mesa, case tanto como a de todo o conxunto dos parlamentarios. Os cinco membros que a compoñen (Pilar Rojo, Manuel Balseiro, Ricardo Varela e Anxo Quintana) non teñen dereito a cobrar quilometraxes, pero si a utilizar algún dos sete coches oificias que tén o Parlamento de Galicia. Segundo calcula La Voz de Galicia, o traslado dos membros da Mesa custa cada ano máis de 400.000 euros.
Nun caso de uso irregular e fradulento de dietas protagonizado por parlamentarios británicos, Jacqui Smith, que foi ministra de Interior, tivo que dimitir cando se soubo que presentara como gasto oficial os dez euros que pagou o seu home por alugar dúas películas pornográficas nunha canle de pago. Michael Martin, presidente da Cámara dos Comúns, tamén tivo que abandonar o cargo pola súa tibieza no control do gasto público, e os deputados laboristas Jim Devine, Eliot Morley e David Chaytor e o conservador Hanningfield mesmo serán xulgados por roubo. Aquí seguramente se limita todo a saír unha vez ou dúas no periódico.

lunes, febrero 15, 2010

A saúde Marichalar

A saúde da monarquía española debe andar algo así como Marichalar, se atendemos a unha das boas cancións de Joaquín Sabina, El café de Nicanor, na que subésenos á cabeza a escuma da tristeza crepuscular, o óxido dos días, as utopías con xelo e o azul galimatías, os amores vannos mal, da saúde mellor non falar e non nos van ben os negocios:

La noche que Guillermina
no contenta con la patria potestad
y el ático en Concha Espina,
quiso el Volvo en propiedad,
tirado en una cuneta
me desperté,

a dos leguas de El Café,

on una maleta al hombro

llena de escombros
y un bollo de pan de ayer.

“Le hemos echado de menos”
me dijo el bueno del barman que me sirvió,

vaso largo y con limón,
la misma copa de ron
que, el lunes va a hacer un año,
me dejé en el mostrador.
Después de pagar dos rondas
(tres, contando la del baño)
recuperé,
entre la condesa y Julio,
mi escaño de contertulio,
mi carné de fundador
de la mesa más redonda
de El Café de Nicanor.

Estaban Gámez el astronauta,
Gastón el flauta, Mari la tetas,
el novillero poeta con su mujer,
el pobre don Agapito
y un camellito sin dientes
paisano de un primo hermano
de algún pariente lejano
de Ana Belén.

Asociado en sociedad

con tales socios,
se pueden imaginar
que los amores van mal,
la salud ni fu ni fa
y no van bien los negocios.

Se nos sube a la cabeza
la espuma de una tristeza
crepuscular,
el óxido de los días,
las utopías con hielo,
el azul galimatías
del cielo según san Juan,
un calcetín con tomate
y el último disparate
de Nicanor,
que cuando le preguntaron
si había estado enamorado,
como es un hombre sincero,
“yo, no señor -contestó-,
yo siempre fui camarero”.

Estaban Gámez el astronauta,
Gastón el flauta, Mari la tetas,
el novillero poeta con su mujer,
el pobre don Agapito
y un camellito sin dientes
sobrino de un primo hermano
de algún pariente asturiano
Víctor Manuel.

Asociado en sociedad
con tales socios,
se pueden imaginar,
que los amores van mal,
la salud mejor ni hablar
y no van bien los negocios.

Asociado en sociedad
con tales socios,
se pueden imaginar
que los amores van mal,
la salud Marichalar
y no van bien los negocios.

Asociado en sociedad
con tales socios,
se pueden imaginar,
que los amores van mal, mal, mal...

Nada, que os Borbóns andan facendo das súas disimulando que queren resolver a crise económica, pero o que de verdade fan é expulsar do mapa monárquico a quen foi o duque consorte máis fugaz. Pobre Marichalar, a saúde nin fu nin fa, asociado en sociedade con tales socios.

sábado, febrero 13, 2010

Bierzo




Pasei boa parte da semana que termina redescu-
brindo o Bierzo, que xa tiña algo esquen-
cido. Dende o Palomar de de Doña María Sánchez de Ulloa, do Palacio de Canedo, especie de loucura entre industrial e poética do emprendedor José Luis Prada (Prada a Tope), partía cada mañá cara a Tebaida berciana como quen vai buscando o que só se atopa no pasado e na natureza. Empecei polas Médulas, marabillosa pegada do entusiasmo aurífero dos romanos, e rematei na Cruz de Ferro, ás portas da Maragatería, morto de frío e sen saber se sentirme máis un peregrino que camiñaba cara a Compostela ou un segador que marchaba aos trigais de Castela.


Se non fose porque os días son curtos, a luz escasa e a paisaxe está desprovista da vizosidade de outras épocas do ano, agora sería o momento ideal para viaxar. Aqueles lugares que, dentro de pouco e non digamos xa no verán, van estar cheos de moitudumes e de fragor turístico, ofrécense solitarios, excelentes. Era o caso das Médulas, onde Cristina e máis eu fomos os únicos visitantes durante case toda unha mañá. Este lugar é dos que se pode dicir del, sen medo a caer na cursilada, que é algo máxico.
Contemplando as figuras que foi modelando o paso do tempo, sobre a case ciclópea actuacion dos romanos extraendo ouro das entrañas da terra, un non sabe se está vendo desfilar un rebaño de elefantes de pel avermellada, unha bandada inmensa de cegoñas ou un parque de trebellos inventados por algunha fanstasmagoría indescifrábel. O único seguro, dende o mirador de Orellán, é unha canteira actual e inmensamente menos digna de mirar para ela que hai preto do lugar histórico.
Dende alí enriba, observando o belísimo espectáculo que ofrecen as Médulas, é doado que xurda a pregunta de que vai quedar, dentro de varios séculos, das agresións que sofre a natureza nos tempos actuais (As Pontes ou Meirama, por exemplo). Seguramente non vai ser nada parecido ao que nos deixaron os romanos nas Médulas.
No mesmo día, pola tarde, fun a Peñalba de Santiago, lugar dunha beleza extraordinaria, magníficamente conservado agora, despois de moito tempo de abandono e decadencia. Está no corazón espiritual do Bierzo, entre as alturas dos montes Aquilianos. Foi un centro de recollemento para monxes que, guiados por San Genadio, chegaron buscando a soidade a fianais do século IX. Unha colonia eremítica que adquiriu unha sona de santidade que traspasou montañas ata extenderse polo mundo. Chegar aló enriba non é doado. Dende Ponferrada, unha seerpeteante estrada de montaña mete medo nalgún dos seus tramos e atravesa un val de espléndida beleza. Porén, a viaxe paga moito a pena aínda que só fose por ver o que queda da igrexa. Na aldea hai algunhas casas de turismo rural que poden ser aposento ideal para quen busque apartarse do mundanal ruído.
Ao día seguinte fun a Compludo. Visitara este lugar hai máis de vinte anos e case todo segue igual, agás os arranxos que houbo na estrada de acceso e no tellado da igrexa local. Incluída a espléndida ferrería. Este lugar foi berce do ascetismo inspirado por San Frutuoso, que rematou sendo bispo de Dumio e metropolitano de Braga (Portugal). En Compludo fundou un cenobio no remoto ano 614. Hoxe é unha aldea tranquila, con varias casas de turismo rural, unha interesante igrexa e todo o encanto que lle dá a natureza aínda en estado puro.
Xa dende alí subín ao Acebro e a Foncebadón. Pareime de vagar na Cruz de Ferro, ese lugar no que os peregrinos e os segadores que se dirixían a Castela foron deixando unha montaña de pedras de todos os tamaños (milladoiro) que segue tendo vida propia. Tamén no cercano Manjarín, unha aldea abandonada na que impresiona visitar o seu solitario, pequenísimo e abandonado cemiterio que presenta unha extraordinaria beleza natural.
Tamén estiven no mosteiro de Carracedo, preto de Cacabelos, onde a Junta de Castela-León levou a cabo un bo labor de conservación e rehabilitación, e, como non? na sempre interesantísima Vilafranca, que tanto tén de galega e de peregrina. Aquí perdinme pola rúa da Auga e observei como traballa o escultor Arturo Nogueira, que vai espoñer dentro de pouco en Cambados, e lembreime da miña vella amiga Consuelo Álvarez de Toledo paseando por diante do espléndido pazo da súa familia. Para min, todo isto foi unha recuperación impagábel da Tebaida berciana. Ademais, aproveitei a viaxe para gozar dos seus boísimos viños, do magnífico botelo e dos exquisitos pementos. Gustei moito, por exemplo, do viño ecolóxico que está a facer Prada, das súas castañas en almíbar e ata do seu célebre biermut. Quedáronme gañas de volver por alí. Entre outras cousas, porque desta volta non me deu tempo a achegarme aos montes de Valdueza para ver o mosteiro de Montes.

martes, febrero 09, 2010

Pedante de camisa branca

A Bernard-Henri-Lévy, filósofo que xa leva demasiado tempo de moda en Francia, pillárono nas patacas. Unha xornalista de Le Nouvel Observateur, Aude Lancelin, descubriu que no seu último libro, De la guerre en philosophie, que se vai presentar en París o 10 de febreiro, o controvertido pensador apoia a súa crítica a Kant utilizando citas dun filósofo que nunca existiu, un personaxe que é froito da imaxinación dun profesor agregado de Filosofía guasón.
Na contratapa do libro de Lévy, o editor publica un texto no que se di que De la guerre en philosophie é “un manual para idades oscuras, no que o autor pon as cartas boca arriba e dispón, de paso, as pedras angulares dunha metafísica do porvenir”. Unha afirmación tan rotunda pode rematar sendo chocante. Na páxina 122 do volume, Bernard-Henry-Lévy cita o que el chama unhas investigacións levadas a cabo sobre Immanuel Kant por un tal Jean-Baptiste-Botul que nunca existiu senón que é un personaxe borroso e famoso de novatada. Inventouno Frédéric Pagès, un agregado de Filosofía e articulista do semanario Le Canard Enchaîné, no que cada semana escribe unha sección muy caracterizada e popular: Le journal de Carla B., pola que non é preciso preguntarlle a Sakozy a que Carla se refire.
A Lévy, que lle chaman en Francia “cuistre en chemise blanche” (pedante de camisa blanca), debería abondarlle facer unha pasada por Google para decatarse de que Jean-Baptiste-Botul non é máis ca un personaxe de broma ao que ata se lle fixo aparecer como autor dun tratado titulado Landru, précurseur du féminisme (Landrú, precursor do feminismo). Mon Dieux! diría Jean-Paul-Sartre se erguese a cabeza en Montparnasse.

lunes, febrero 08, 2010

Enrugas e granadas

Hai quen di que don Adolf Domínguez anda algo deprimido despois do tratamento que recbiron as súas manifestacións sobre o despido libre por parte de algún medio de comunicación e, sobre todo, na rede, onde houbo chamamentos ao boicot do consumo dos seus produtos que foron seguidos por moita xente.
Que podes agardar dun home que so come leituga?, diciame estes días un amigo. E eu contestáballe que non é así. Domínguez non come leituga. O ex xastre dos progres enruga o bandullo papando granadas, e nada sen parar durante dúas horas diarias. Se cadra é iso o que lle produce a ocorrencia de ser máis neocon ca Condoleezza Rice. A enruga sería bela, pero o que son as súas últimas ideas...

sábado, febrero 06, 2010

Take Asaka e o riohonorés


O meu amigo xaponés Take Asaka acaba de mandarme dúas cousas que lle agradezo moito. Unha delas é a foto da palloza xaponesa que foi descuberta en 1961 e que agora está no parque Joohiku de Tokio. Pertenece ao século VIII, e lembra pola súa estrutura, constitución e estética as nosas pallozas dos Ancares, concretamente as que aínda se conservan en Piornedo.
O outro agasallo seu é a reproducción que me manda do artigo que publicou a finais do ano pasado na revista Tsuda College IICS Bulletin, do Institute of International and Cultural Studies (2009. vol. 44, pp. 16-21) da capital xaponesa. Trátase dunha Investigación lingüística en Río de Onor de España e Portugal que Take Aaska veu facendo nos últimos anos durante as súas frecuentes visitas a Galicia.
Concretamente o ano pasado, tocoume acompañalo a Rihonor de Castilla, que é como se chama en España esta localidade fronteiriza, que estivo moito tempo dividida en parte española e parte portuguesa (Rio d’Onor), e que constitúe un dos catro enclaves nos que se desenvolveron falas de transición: o mirandés, o rihonorés e as falas cacereñas de Cedillo e Herrera de Alcántara.
Take Asaka, interesado dende hai anos polo estudio do idioma galego e doutras linguas da península, investiga no artigo comentado o caso do riohonorés. Take é moi agradecido e recoñécenos a Antón Santamarina, D.X.L. Regueira, Manolo González, Paco Fernández Rei e a min unha axuda que el di que lle prestamos. No meu caso limiteime a acompañalo nunha fermosa viaxe a Rihonor que me deixou gratas lembranzas.

miércoles, febrero 03, 2010

Adeus, Adolfo Domínguez, adeus!

Disque Adolfo Domínguez algunha vez foi progre e andivo polo París da Francia facendo algo de contestario. Quen te viu e quen te ve! Agora o modisto ourensán, vestidor orgánico da progresía española durante moito tempo, preconiza nada menos que “o despido libre, sen trabas admnistrativas nin xudiciais” para que os traballadores “gañen cada día” o seu posto e solucionar con isto a crise.
Nin o ínclito xefe da patronal española, Xerardo Díaz Ferrán, arruinador de empresas, se atreve a tanto. “Todas as medidas que se tomen para facer máis doado o traballo do emprendedor reflectiranse nunha menor taxa de paro”, dixo o deseñador que quixo ser novelista, na súa intervención no Forum Europa Tribuna Galicia. O emprendedor do textil sostén que “os empresarios precisan liberdade para reorganizar as súas empresas e que non lles custe unha barbaridade prescindir dun individuo que xa non é bo”. Hai que ver ata a linguaxe que nos gasta agora este rapaz falando de prescindir de “individuos” que xa non son bos. Ou sexa, que se volveron malos.
Domínguez está feito un auténtico reaccionario. Só nesa liña se entende que fale así e que despotrique con tanto noxo sobre o estado do benestar “tal como o teñen organizado os europeos e os españois”. Descubridor de ideas que non pariu el, arremeteu ata contra o xenro de Carlos Marx, Paul Lafargue (O dereito á preguiza), ou contra Tom Hoadgkinson (Eloxio da preguiza) cando tratou de desprestixiar ao “eloxio da preguiza” no que, segundo el, se instalou a esquerda “cando se viu obrigada a abandonar por inservíbeis as bandeiras do socialismo real”.
A Domínguez parécelle ben o proxecto gobernamental de retrasar a idade de xubilación ata os 67 anos, pero debe ser o único que lle gusta de Zapatero porque todo o demais desprézao olimpicamente. Pediu a convocatoria de eleccións anticipadas porque lle parece que España pode ir á quebra se segue gobernada pola mesma clase política.
Pois mire, don Adolf, sonlle dos que levamos comprando a súa roupa máis de trinta anos. Acabouse. O seu posicionamento político chéirame a podre. Que lle dean pola chaqueta, é dicir, por saco. Non volverei darlle un peso a gañar no que me queda de vida. En canto gaste os trapiños seus que teño, mirarei a ver se me vale Purificación García, Roberto Verino ou quen sexa (se cadra ningún), menos vostede. Tschüss, Adolf, tschüss!

A soidade de Feijóo

Mal se lle están poñendo as cousas ao goberno de Alberto Núñez Feijóo se atendemos ao impor-
tantísimo problema que creou coa súa proxectada reforma lingüística. Algo remolona pero contundentemente, o Consello da Cultura Galega púxolle a guinda a toda unha serie de críticas (Universidades, Real Academia Galega, Instituto da Lingua Galega, departamentos lingüísticos, etc.) que foron formuladas contra as bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino universitario de Galicia.
É certo que que o pao máis grande caeulle dende a Real Academia Galega, que nun pronunciamento ata agora inédito no que se refire á súa radicalidade, fixo pública unha posición irrevocabelmente defensora do idioma que lle é propio, pero non resultan menos contundentes as razóns expostas polo Consello da Cultura Galega contra as bases propostas por Feijóo, Xesús Vázquez e Anxo Lorenzo, que remataron véndose absolutamente sós no proxecto de reformar a política lingüística menoscabando o idioma galego.
Neste proceso hai algo que xa empeza a resultar mesmo patético. A comprometida posición dun sociolingüista como Lorenzo que se ve arrastrado pola maré conservadora ata praias moi lonxanas do que sempre pareceu ser o seu litoral. Resulta sintomático, neste aspecto, que o Departamento de Lingüística Galega da Universidade de Vigo, ao que el pertenece, tamén sexa un dos que se opoñen as bases presentadas polo goberno do PP e das que el resulta ser un dos principais autores intelectuais. Case todo o mundo universitario galego está contra esas bases. Seguramente, en circunstancias algo máis asimilábeis ao contexto democrático europeo, esta cabalgada en solitario podería ser motivo máis que suficiente para algunha dimisión, pero aquí as cousas van por outro lado coma sempre.
Neste contexto, non carece de importancia tampouco a actitude manifestada polo alcalde e a corporación do concello ourensán de Vilariño de Conso pronunciándose tamén en contra das bases. Precisamente alí goberna o PP e esta é a primeira vez que un goberno municipal do mesmo partido ca Feijóo toma unha determinación coma esta. Debe ter algo que ver co que acaba de pasar coa sucesión de Xosé Luís Baltar polo seu propio fillo na dirección do PP na provincia onde os conservadores aínda manteñen as maiores doses de galeguismo.
Entre unhas cousas e outras, o que resulta evidente é que Feijóo estase quedando só. Ou cambia a nevegación ou verase condenado a bogar contra o vento. Xa non recibe máis respiro co que lle chega de Madrid.

martes, febrero 02, 2010

Walter Haubrich

Os tempos mudan, e as persoas máis aínda. Informa Vieiros de que o xornal alemán con máis influencia no estranxeiro, Frankfurter Allgemeine Zeitung, publicou o dominmgo pasado unha reportaxe de Leo Wieland chamándolles “nacionalistas radicais” aos galegos que se manifestaron contra o decreto lingüístico de Feijóo e falando das “ameazas” do nacionalismo en Cataluña. Curiosamente, este prestixioso xornal alemán tivo, dende o ano 1968, de correspondente en España a un dos mellores periodistas europeos, enormemente amante de Galicia e da cultura galega, o renano Walter Haubrich.
Haubrich, nacido en 1935, licenciado en linguas románicas e literatura hispánica, empezou a coñecer España cando foi enviado polo servizo alemán de intercambio académico ás universidades de Santiago e Valladolid. A partir de aquela esperiencia, convertiuse en corresponde do Freankfurter para España, Portugal e o norte de África. Sempre tivo bos amigos en Galicia –Xosé Manuel Beiras, entre eles– e non perdeu as ocasións de frecuentar a cultura galega. Aínda que viaxaba constantemente e pasaba temporadas longas en Arxentina, Brasil, Bolivia, México, Cuba, Perú e Chile –país onde atendeu xornalísticamente o golpe de Estado perpetrado por Pinochet contra Allende–, Walter Haubrich onde pasou máis tempo foi en Madrid, cidade que rematou facéndoa súa e onde presidiu o Club Internacional de Prensa e foi decano dos xornalistas estranxeiros en España.
Durante catro décadas, informou competentemente e analizou os problemas de España dende perspectivas e enfoques progresistas que lle valeron o prestigio, a admiración e o respecto dunha parte moi importante da sociedade española. Publicou libros sobre España e infinidade de artigos non só no Frankfurter senón tamén noutros medios. Walter Haubrich nunca escribiría nin pronunciaria as badocadas que acaba de publicar Leo Wieland.

lunes, febrero 01, 2010

O prezo da información

O patrón “sempre libre” da prensa galega cobra 149.000 euros, que lle paga a Xunta de Galicia, por difundir e explicar as liñas estratéxicas dos Orzamentos para o ano 2010, segundo informou este domingo Xornal de Galicia. Unha adxudicación directa, sen publicidade e sen pasar polo Diario Oficial de Galicia (DOG).
O obxecto do convenio defínese como “a realización dun programa conxunto (...) sobre a divulgación e a información aos cidadáns dos contidos e liñas estratéxicas dos Orzamentos da Xunta de Galicia, co obxecto de fomentar o coñecemento na sociedade galega dos conceptos, obxectivos e fins aos que van estar destinados os recursos económicos da Comunidade Autónoma de Galicia, así como a importancia dos Orzamentos como instrumentos das administracións para incidir no desenvolvemento da actividade económica”.
Pero é que hai que pagar con diñeiro público por isto? Pensaba eu que, por tratarse dunha meta que deben cumprir os medios de comunicación (informar, divulgar e formar), debería estar incluído entre as activdades máis elementais do exercicio do xornalismo e da información, máis concretamente. Que pode haber máis elemental que explicar e difundir os contidos e liñas estratéxicas dos orzamentos que sosteñen a vida pública galega?
Por este camiño, acabará tendo que pagar a familia dun morto en accidente de tráfico que se publique o fait-divers que o mandou para o outro mundo. O novelista terá que pagar porque lle escriban algo sobre o libro que lle acaban de publicar ou, xa postos, haberá algún xornal que queira facer caixa por informar de que Zapatero quere facer traballar á xente dous anos máis da súa vida.
Estamos chegando a níveis verdadeiramente preocupantes. E o caso é que hai a quen lle parece normal todo isto. O propio xornal que publica a noticia parece querer indicar que o máis grave da adxudicación millonaria (en pesetas), que acaba de facer a Consellería de Facenda, radica en que o contrato fíxose “sin la realización previa de un concurso abierto al conjunto de los medios de comunicación gallegos”.
Tamén lembra Xornal que La Voz de Galicia xa foi beneficiaria doutro contrato similar, por valor de 150.000 euros, que lle foi adxudicado pola Consellería de Medio Rural, para divulgar en galego noticias vencelladas co sector primario. A Xunta gobernada por Alberto Núñez Feijóo concedeu 3,4 millóns de euros en axudas directas e subvencións ao grupo de Santiago Rey durante os últimos cinco meses (22.500 euros por día), cantidade semellante á que destinará no primeiro semestre do 2010 ao programa de aluguer de vivendas para a mocidade. Ademais, organismos dependentes do executivo galego, como é o caso de Augas de Galicia, tamén firmaron convenios parecidos co grupo do empresario “sempre libre”. Sempre libre de ter o peto valeiro, debe ser.
E iso que o Colexio de Xornalistas de Galicia pediulles, a este goberno e máis ao anterior, que aplicasen novas regras de xogo no reparto de axudas públicas aos medios. Non sei se o que habería que pedir é que se supriman dunha vez, e que cada pao aguante a súa vela.