miércoles, marzo 31, 2010

Contra a preguiza lingüística

A linguaxe das novas tecnoloxías está demasiado invadida polo idioma inglés. Esta é a idea que expresou o ministro francés de Cooperación e Francofonía, Alain Joyandet, na entrega dos premios Francomot que tivo lugar en París o 30 de marzo. Hai dez anos todos dicían walkman ou software e, porén, na actualidade estes dous termos anglosaxóns foron reemprazados na lingua francesa, con toda naturalidade, por balladeur e logiciel. Trátase, segundo o ministro, de “non deixar que nos gañe a preguiza lingüística”.
Nesta dirección, levouse a cabo o concurso Francomot no que participaron varios centos de mozos e mozas procedentes dos medios universitarios e das grandes escolas para dar coa mellor versión francófona de cinco palabras inglesas moi frecuentemente utilizadas: tuning, chat, buzz, newsletter e talk.
Encargouse de decidir os premios un xurado composto por Henriette Martinez (deputada dos Hautes-Alpes e presidenta delegada da Asemblea Parlamentaria da Francofonía), Louis Duvernois (senador de Franceses no Extranxeiro e presidente da Asociación para a Difusión Internacional Francófona de Libros, Obras e Revistas), MC Solar (famoso artista compositor e hábil compoñedor de palabras), Marie-Christine Saragosse (directora xeral de TV5 Monde, a segunda rede mundial de televisión, por detrás de MTV e diante da CNN) e Sapho (famoso artista francés).
A primeira palabra era tuning, traducida pola comisión de terminoloxía por personalización ou sintonización. Os participantes suxeriron termos como autodéco, automotif, autostyle, persauto, persoptmisation e revoiturage. Gañou un mozo de Lyon, Charles Fontaine, propoñendo a palabra bolidage.
Para o segundo termo, chat, traducido pola comisión como diálogo, inventáronse nomes como claverbiage, convel (abreviación de conversación electrónica), cybercommérage, paoptage e toilogue, entre outros. Gañaron ex aequo dous estudiantes de Burdeos, Bilal Benrhayem e Léopold Stéfani, que prsentaron as palabras éblaba e tchatche.
A terceira palabra é buzz, traducida como zumbido. Foron evocadas palabras como actphène, bruip, cancan, écho, échoweb, foin, ibang, potins ou réseaunance, e gañou ramdan, denominación presentada por Elodie Dufour-Merle da Universidade de Aix-Marseille.
A cuarta palabra, newsletter, foi traducida pola comisión como carta de información, e houbo candidatos cos nomes de niouzlettre, plinfo, inforiel, jourriel ou journiel. Gañou infolettre, presentada por Abdrahamane Coulibaly, estudiante da Universidade de Cergy.
A palabra que falta, talk, traducida pola comisión como emisión-debate, recibiu propostas como causerie, parlage, parlotte, discut’, échapar, débadidé, débatel, débafusion, pero o xurado decidiuse por débat, aportado por Mickael Jaffré, alumno de Enxeñería da Escola de Artes e Oficios de París.
Á vista desta información, coido que non estaría mal que os galegos empezásemos a preocuparnos por sacudir a nosa propia preguiza lingüística neste campo. Propoño que aportemos palabras galegas que podan servir para substituirmos nós tamén os cinco vocablos ingleses citados: tuning, chat, buzz, newsletter e talk. Quen se anima? Podemos empezar por estas e seguirmos logo con outros vocablos técnicos ou de uso corrente.

lunes, marzo 29, 2010

O chicle de Haití

Haití xa é un chicle que se pode estirar ata as orellas. O outro día Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta, asistiu a unha cea organizada polo Concello de Boqueixón para recadar fondos paras a vítimas do terremoto sen pronunciar en toda a noite o nome do país nin dos cidadáns afectados pola catástrofe. Polo visto, abondoulle con darlle corda a unha aparente fantasía sexual inspirada pola artista principiante María Mera.
Pois egora é o ministro de Cooperación e da Francofonía da República Francesa, Alain Joyandet, o que deu nota tamén no canto de Haití. O pasado 22 de marzo, ás 18:56 saiu do areoporto parisino de Le Bourget, nun jet privado que lle foi alugado á compañía portuguesa Masterjet por 116.000 euros, para asistir á Conferencia Internacional das Cidades e Rexións do Mundo que tivo lugar na Martinica ao día seguinte. Tratouse dun Falcon 7x no que o político francés regresou a París na noite seguinte. Dase a circunstancia de que Air France e outras compañías aéreas manteñen vós diarios dende París con ese destino, pero non lle deberon parecer abondo cómodos ao ministro de Sarkozy.

sábado, marzo 27, 2010

O Rei de media España

En realidade eu nunca acreditei na imparcialidade do Rei, pero o seu propio comportamento recente non fai máis ca incrementar a miña desconfianza. Nun acto ao que acudiu para entregar os premios taurinos da Maestranza de Sevilla, manifestouse radicalmente a favor das corridas de touros no momento en que os poderes políticos de Cataluña debaten a súa prohibición e os de Madrid, Valencia e Murcia defenden, pola contra, a súa protección como Bens de Interese Cultural.
Xoán Carlos I felicitou aos responsabéis da praza de touros sevillana pola “súa aposta exemplar a favor das grandes tradicións” e salientou que da lidia “nace un mundo cultural e artístico fecundo”. Tal e como informou o xornal Público na súa edición do 26 de marzo, o Rei non escolleu o mellor momento para romper a súa suposta imparcialidade pública. Tomou partido radical a favor das touradas no momento en que está habendo a maior polémica sobre a necesidade de suspendelas para parar a histórica violencia que se ven practicando nas prazas de touros contra estes animais. Quince colectivos antitaurinos e animalistas teñen convocada para o domingo que vén unha manifestaciónen Madrid para protestar contra a decisión de tres comunidades autónomas gobernadas polo PP (Madrid, Valenia e Murcia) de protexer como ben cultural a tortura dos touros. A asociación protectora dos animais El Refugio empezou a recoller as firmas necesarias (50.000) para tramitar unha iniciativa lexislativa popular reclamando a abolición das corridas de touros en Madrid.
Con esta adscripción da Casa Real española á defensa dun espectáculo caracterizado polo maltrato ata a tortura dos animais, o Rei de España parece colocarse contra a corrente mundial de ir eliminando costumes e prácticas públicas que poden ser moi tradicionais, pero que resultan escandalosamente próximas á babarie practicada contra os animais. Sen lugar a dúbidas, Xoán Carlos I esta vez ponse só do lado dunha das dúas Españas de Machado. Convértese no Rei de media España. Concretamente, no Rei do sur de España.

viernes, marzo 26, 2010

A Dulcinea de Feijóo

O xornal Público destapa hoxe quen é a Dulcinea de Núñez Feijóo. Chámase María Mera e é unha aspirante a astista galega, natural de Vedra. O que non se sabe é se o presidente da Xunta conta co beneplácito de Chinny para a súa confesada aventura donxoanesca. En fin, que nalgunha cousa eu xa voto de menos a Fraga. Véxase de que vai esta fotonovela premendo aquí.

miércoles, marzo 24, 2010

O urbanismo é demasiado importante para deixalo só nas mans dos alcaldes

Corren malos tempos para o ecoloxismo e o urbanismo sostíbel. A Lei do Solo que conseguiu aprobar en solitario o PP volve a abrir cancelas que, sen estaren pechadas, podían conter algo a especulación e os intereses inmobiliarios que sempre se mostraron capaces de levar por diante a natureza, a paisaxe e o medio ambiente en xeral. Quizais non sexa máis ca unha pequena mostra, pero a min resúltame chamativo que unha das modificacións introducidas na nova lei sexa a de eliminar todo control da incidencia do gas radón nas construccións, precisamente no momento no que este tema empeza a preocupar á xente e diversos organismos tratan de estudialo seriamente.
A primeira consecuencia que acaba de ter en Francia o resultado das eleccións rexionais foi precisamente a marcha atrás que meteu o goberno de Sarkozy retirando o proxecto que tiña presentado para aplicar unha denominada “taxa carbon” coa que se pretendía reducir e paliar algo a contaminación das empresas e dos particulares. O importante fracaso electoral das forzas políticas do presidente francés, a favor da esquerda e do ecoloxismo pero tamén da extrema dereita de Le Pen, fixo recuar o pretendido compromiso ecoloxista de Nicolas Sarkozy cara a un “écolo-scepticisme”, como lle din agora dende os grandes xornais de París (Le Monde e Liberation).
No tocante a Galicia, este remake antiecolóxico foi inaugurado por Núñez Feijóo nada máis chegar ao poder. Aproveitando máis o impulso reaccionario de que en épocas de vacas fracas hai que muxir o animal estea onde estea ca cautela de que en tempos de crisis non se debe facer mudanza, o goberno do PP meteuse a facer unha auténtica contrarreforma que vai, principalmente, dende a reordenación do ensino do idioma galego e o tratamento da cultura á ordenación do territorio e o urbanismo. Do mínimo control estabrecido polo bipartito precedente pasouse, sen solucción de continuidade, outra vez ao liberalismo inmobiliario que pode volver a caer no descontrol que provocou algún dos máis abracadabrantes atentados contra a paisaxe e o medio ambiente concebidos e executados durante o longo mandato de Manuel Fraga.
Neste proceso volve a cumprir un rol determinante a recuperación do protagonismo urbanístico por parte dos poderes municipais. Volven a ser os alcaldes os que teñen a tixola polo mango e o mango tamén en materia de construcción, rehabilitación e ordenación urbnística. Pois vaia perigo! Imaxina alguén ao alcalde de Cuspidiños de Arriba enfrontándose aos poderosos intereses inmobiliarios de Construír ata no Inferno, S.A.? Cos petos valeiros como están os dos Concellos actuais, negaráselle algunha licenza importante a quen queira construír apartamentos aínda que sexa enriba dun castro ou a pé de praia? Se é verdade que a guerra é demasiado importante como para deixala só nas mans dos militares, o urbanismo tamén o é como para non deixalo só nas mans dos alcaldes.
En todo isto é no que anda renqueando o PSdeG-PSOE. Por un lado os de Touriño, que aínda lles queda algo de vergoza toureira. E, por outro, os de Pachi Vázquez que, como político que empezou mandando na vida municipal, saben a onde se pode chegar pola vía local. O problema é que na nosa terra hai 315 concellos, pero Galicia só hai unha.

martes, marzo 23, 2010

Cen anos de vacacións

Nos meus anos mozos a penas sabiamos nada do PSOE. Chegabába-
nos algunha noticia de Pablo Iglesias, pouco de Negrín e algo de Indalecio Prieto, vía Rodolfo Llopis, e os chistosos acostumaban dicir que o PSOE andaba de vacacións por México e Toulouse principalmente. Foron os famosos cen anos de vacacións do PSOE, pero logo chegou un misterioso sevillano, alcumado Isidoro, que mandou parar o cachondeo e, en menos do que canta un galo, montou a tenda de poder político máis importante de despois de Franco. Coma un paxaro que pon os ovos en niño alleo, Felipe González cosechou o éxito político máis importante da España contemporánea e, dende aquela, a vivir de rendas.
No caso de Galicia, os avatares do socialismo español son aínda máis rechamantes. Non vaian pensar que aquí as cousas son como en Cataluña ou como na Bretaña francesa, onde un Jean-Yves Le Drian acaba de subirse ao poleiro marcando distancias con Martine Aubry, a dirección central do partido, cos bos resultados que cosechou nas recentes eleccións rexionais. Entre nós, non rematamos nunca de saír da dependente sucesión de Paco Vázquez, Abel Caballero, Pérez Touriño e Pachi Vázquez. Case sempre os mesmos cordeiros con idéntica choca.
Comprobouse, unha vez máis, na votación que houbo esta mañá no Parlamento. Os deputados do PSdeG-PSOE, coa súa abtención, puxéronlle o ramo á reforma da Lei do Solo promovida polo PP de Núñez Feijóo. Se non querían que se constrúan plantas de acuicultura en superficies da Rede Ratura e que non se leven a cabo outros atropelos contra o medio ambiente a a natureza galegos, os do PSOE terían que votar en contra, como fixo o BNG, e non absterse. Que hai destrás de todo isto?
Esperemos que non sexa o comenzo doutros cen anos de vacacións.

lunes, marzo 22, 2010

Carlos Núñez, o boss da cornamusa

“Se a perspectiva de sentirvos conmovidos por unha gaita vos desperta un sorriso, preparade as dúas orellas. A vosa sensibilidade dos instrumentos de música vai cambiar. Preséntovos a Carlos Núñez. Vai transformar o voso sistema de valores. Apostaría varios billetes de mil. Porque a interpretación do galego estremecería mesmo a un político”. Con estas palabras presenta Bruno Pfeiffer, no seu blog Ça va jazzer do xornal parisino Liberation, a Carlos Núñez que mañá, 23 de marzo, comenza unha xira na sala Bataclan de París que o vai levar pola Cité des Congrès de Nantes (24 de marzo), Les Arcs de Queven-Quimper (25), L’Escale de St-Cyr-Tours (26), e Le Quartz de Brest (27 de marzo).
O gran músico galego explícalles aos franceses a xénese do seu último disco, Alborada do Brasil do seguinte xeito: “Eu son dun país aque sofre o mesmo problema ca Brasil: unha imaxe nacional. Explícome. O mundo percibe España como o país dos touros, do flamenco e agora do fútbol. O Brasil como o país dos sambas, do fútbol e do Carnaval. As ideas preconcenbidas funcionan en todos os sitios. Agora ben, estes dous países non son iso soamente. O Brasil que non se coñece, o Brasil céltico, está conectado coa España descoñecida, a da miña gaita. Eu lembro os termos da Carta do Descubremento do Brasil ao rei de Portugal no ano 1500: 'E nós fixemos descender do barco o noso sineiro coa gaita. E comenzamos a bailar cos indios'. Os navegantes portugueses non sabían como dirixirse aos indios. Xa que logo, comunicáronse con eles mediante a música. Este é o tema da peza Assum Preto, un himno a este Brasil mal coñecido”.
Carlos Núñez é moi coñecido en Francia, sobre todo na Bretaña, onde ten unha casa en Douarnenez e onde pasa algunha tempada todos os anos. Eu mesmo puiden comprobar o afecto que lle teñen por aquelas terras, en Comfort-Meilars, por exemplo.

sábado, marzo 20, 2010

Orwell no Carrefour

Non é por nada, pero ser bombeiro e catalán parece algo gafe. O que lles pasou a eses cinco rapaces que viaxaron ás cercanías de París para pasar unhas felices vacacións escalando no bosque de Fontainebleau, foi unha aventura que puido rematar en pesadelo. En realidade, máis que escaladores de grandes picos, como lle gustaba facer a Jordi Pujol, deben ser perseguidores do romanticismo literario clásico. En vez de iren acometer o Mont Blanc ou polo menos El Canigot, a montaña máxica de Cataluña, para min que lles deu por buscaren a educación sentimental de Gustave Flaubert facendo cordadas en Fontainebleau, pero o malo foi que se lles cruzou na aventura a estúpida cámara de video dun vulgar supermercado de barriada que estivo a piques de foderlles a marrana. En vez de atopárense con Frédéric Moreau ou con Madame Arnoux paseando en calesa polo histórico bosque parisino, os bombeiros deron de bruces coa imaxinación desimaxinada dun sistema policial que non se para a pensar se falta algún céntimo para que dous máis 1,98 sexan catro.
Aínda tiveron sorte. Son bombeiros. A Generalitat respondeu por eles rapidamente. Se cadra, noutras circunstancias, estes cinco mozos podían pasar de escalar outeiros en Fontainebleau a formar parte dalgunha recreación actual do mundo de Kafka. É o que ten a tecnoloxía moderna ao servizo da destrucción do individual. Unha Sony ou unha JVC non disntinguen se un é etarra ou simple escalador romántico de montañas máxicas, e se se equivocan os que teñen que interpretar as imaxes pode acontecer calquera cousa. Aínha ha haber que viaxar a Francia cun certificado de boa conducta colgado nos dentes cando se pase por diante dunha cámara, que xa é en case todos os sitios. O mundo de Kafka non, é o de Orwell.

lunes, marzo 15, 2010

Censura en TVE


Informa hoxe El País de que o Ministerio de Medio Ambiente bloqueou a emisión dun documental de TVE que encargou Cristina Narbona no ano 2006 sobre a destrucción do litoral e que foi financiado con 1.292.874 euros de diñeiro público. O Goberno de Zapatero esixe agora que se retiren dous minutos do video no que se superpoñen imaxes do Telexornal sobre a corrupción urbanística como un dos grandes males do litoral español. O responsábel da serie que se quere censurar, Miguel Ánxel Losada, catedrático de Costas da Universidade de Granada, non está conforme co que lle esixe o Goberno e di que “desgrazadamente, a corrupción é parte da nosa historia. Isto é unha censura coma das fotos da Deputación de Valencia”.
A serie Las riberas del mar océano presenta no seu capítulo 12, dedicado á lexislación sobre a materia, imaxes aéreas moi espectaculares mentres que un off vai narrando o seguinte: “A costa concentra unha parte substancial dos delitos contra o medio ambiente e o urbanismo, de vivendas ilegais e sentencias de demolición. Tras dela agóchase a complicidade social coa corrupción urbanística, que se manifesta pola connivencia dalgúns funcionarios, cargos públicos, profesionais e empresas de suministro. Todos eles consentiron as actividades ilícitas e as prácticas corruptas. Por que hai tantos desmandos, abusos e corrupcións?”.
Máis adiante, o narrador aínda engade: “Gran parte do litoral español está en mans privadas, urbanizado, alterado profundamente ou destruído. En moitos casos non existen as servidumes de paso, protección e acceso ao mar”. Neste momento a serie televisiva pon como exemplo o caso de El Algarrobico (Almería), pero nós en Galicia podiamos poñer o de Náutica Vidán en Vilaxoán e algún máis, desgrazadamente, por non falar agora do desatinado proxecto de montar unha planta de acuicultura no cabo Vilán.
Hai xa varios meses, os responsébeis do Ministerio que agora goberna a galega Elena Espinosa viron a serie e plantexaron seis obxeccións técnicas. O profesor Losada aceptounas todas menos a de retirar dous minutos nos que, co imaxes procedentes do Telexornal, sucédense varios casos de corrupción en Telde, Andratx, Marbella, etc. Losada considera que son “unha parte da nosa historia, e, se a ocultamos, estamos condenados a repetila”.
Outro galego, Xoán Carlos Martín Fragueiro, secretario xeral do Mar, foi quen deu a orde de que non se emita o capítulo 12 se non se cortan as imaxes do desencontro e, segundo apunta El País, “no caso subxacen as diferencias entre a xestión do actual equipo (dirixido por Espinosa) e o de Narbona, moito máis belixerante en público contra os abusos urbanísticos no litoral”. Como tamén lembra o xornal madrileño, “hai varios exemplos do cambio, que fontes do sector xustifican pola crise económica, a presión dos países europeos contra as expropiacións e polo medo a perder votos. En decembro de 2008, o ministerio mandou ao Congreso unha reforma legal que suaviza a Lei de Costas para permitir que se vendan as casas construídas legalmente na praia antes de 1988. A reforma segue encallada na Cámara. A Estratexia de Sostenibilidade do Litoral da pasada lexislatura, que contemplaba derribos masivos para recuperar o dominio público, segue nun caixón. O subdelegado do Goberno en Almería revocou a decisión do Consello de Ministros de expropiar El Algarrobico, algo que Greenpeace levou aos tribunais, xa que considera que un subdelegado non ten competencias para correxir unha decisión do Consello de Ministros”.
A nosa paisana Elena Espinosa aínda ha pasar a historia como seguidora de Núñez Feijóo no empeño de construír a toda costa. Xa non é que dea pena, empeza a dar noxo.

domingo, marzo 14, 2010

O Irmandiño Isaac Díaz Pardo

O sábado pasado, os membros da Irmandade dos Vinhos Galegos acudimos á catedral de Santiago para cumprir co Ano Santo. Monseñor Xulián Barrio díxonos a Misa e pronunciou unhas belas e axeitadas palabras. Impresionante o ambiente que había no templo compostelán, con preto de tres mil peregrinos, o botafumeiro funcionando e sonando as chirimías.
A ocasión completámola cunha cata de viños, un acto oficial de recebemento de novos irmandiños e un xantar que tiveron lugar no Hostal dos Reis Católicos, que agora xa é hotel-museo. Para min, a ceremonia máis emotiva foi recibir a Isaac Díaz Pardo como Irmandiño de Honra da nosa entidade. O gran pintor, bo escritor e empresario histórico mostrou a emocionada ledicia de chegar a onde é querido e aprezado. Se hai quen non sabe respectar a súa figura, a Irmandade dos Vinhos Galegos non está entre eles. Nós mostrámonos moi honrados e orgullosos por sermos irmandiños de Isaac Díaz Pardo.

Jean Ferrat

Este sábado finou en Aubenas (Francia) o gran cantautor Jean Ferrat. Tiña 79 anos, e déixanos a grandísima obra dun escritor, compositor e intérprete comparábel a Georges Brassens, Leo Ferré, Jacques Brel, Edith Piaf, Yves Montand, Juliette Greco, Charles Aznavour ou Georges Moustaki. Todos aqueles grandes compositores e intérpretes que marcaron a mellor época da canción francesa cando foi importantísima no mundo enteiro e chegou a ter excelentes seguidores en Italia, coma Fabrizzio de André.
A moitos dos que somos da miña xeneración Ferrat alimentounos o espírito tanto ou máis ca Leo Ferré, Georges Brassens e Jacques Brel. Na década dos sesenta pasabamos noites enteiras, nas nosas bufardas compostelás, escoitando a el e a Yves Montand, que nos servían de exemplo da canción francesa comprometida. Nos meus oídos aínda retumba a súa potente voz cantando Ils étaint vingt et cent, “ils étaint des milliers / nus et maigres, tremblants, dans ces wagons plombés, / qui déchiraient la nuit de leurs ongles battans, / ils étaint des milliers, ils étaint ving et cent”. Au revoire, camarade!

jueves, marzo 11, 2010

Leña de árbore caída

Xa sei que non se debe facer leña da árbore caída, pero entón para que valen ás arbores caídas? A Emilio Pérez Touriño honrouno a decisión que tomou de dimitir asumindo a derrota electoral que padeceu hai un ano e quizais non tanto a paciencia que demostrou aguantando a soidade coa que tivo que apandar durante os últimos meses transcurridos desta lexislatura no Parlamento. Para facer o que acaba de facer, se cadra era mellor que non esperase tanto tempo a facelo.
Dito isto, hai que engadir que a súa volta á Universidade podería constituír un exemplo de coherencia política e persoal nun representante democrático que regresa ao seu punto de partida, que non é máis ca o seu lugar de traballo, a súa digna profesión. Pero o caso é que Touriño non volve á USC, que algunha vez lle negou o emprego de catedrático, por libre decisión senón porque a política galega arredouno dos seus cercos de poder. Neste sentido, quizais non poda haber algo máis significativo que a desoladora imaxe do seu derradeiro día parlamentario véndose aplaudido polos representantes do PP, algún do BNG e ningún do seu propio partido. Debeu ser duro para un home que sempre tendeu a pensar que a súa figura xa formaba parte da iconografía sagrada de Galicia.
Porque hai que dicilo sen medo a que se poda tomar por unha falta de respecto, que en ningún caso é: a Emilio Pérez Touriño, na política, perdeuno a soberbia persoal. Recibiu a andanada de merda que lle lanzou a dereita por mor da súa nunca ben explicada afección aos coches blindados e aos depachos de polígono financeiro, e limitouse a sentirse ofendido sen tomar a mínima molestia en responder como cumpría. Desengánense el e os poucos seguidores que lle deben quedar: ese foi o principal causante da súa derrota. O bipartito non foi o bo goberno que Galicia merecía, pero rematou fracasando simple e claramente polas actitudes sobradamente oufánicas das súas dúas cabezas máis visíbeis: el e Anxo Quintana. Os dous, iconicamente asociados a coches blindados e a iates de luxo que lles supuxeron unha sarna que nunca souberon –ou non lles deu a gana– rascar porque lles pareceu demasiado humillante aplicar algunha loción ZZ e acabaron coméndoos as pulgas que expandiron xornais como o ABC.
Antes de que descagara sobre as nosas costas a crise económica, xa nos chegara a crise política. Estamos gobernados por políticos de medio pelo que case nunca saben canalizar as ideas e a gobernanza cara a un desenvolvemento social, cultural e político que nos abra as esperanzas propias dun mundo de grandeza moral e de expectativas engaiolantes. Non hai máis que ver e escoitar o que din e o que fan altos cargos coma os dous conselleiros Varela de Feijóo, a ministra de Cultura de Zapatero ou Beatriz Mato e Xavier Guerra, por poñer exemplos, para decatarse que pasaron os tempos de Tierno Galván, de Santiago Carrillo, de Felipe González, de Alfonso Guerra, de Adolfo Suárez, de François Mitterand, de Mario Soares, de Jordi Pujol, de Xosé Manuel Beiras e ata de Manuel Fraga Iribarne, con todos os seus defectos.
Tamén debe ser verdade que nós mesmos –a nosa sociedade– xa non somos o que eramos. E se cadra Touriño non foi máis ca un reflexo do que nos pasa a todos. Algo non anda moi ben cando o que acaba sendo presidente de Galicia, como lle pasou a Feijóo, ten que preguntar por que as vacas levan nomes femininos.

miércoles, marzo 10, 2010

A nada (sindé)rica e moi sincopada ministra de Cultura

Non vaia pensar alguén que é só en Galicia onde hai gobernantes que non se enteran do terreo que pisan. Dende logo, o caso máis grave segue sendo o do mentiroso que aínda dirixe a cultura oficial galega, pero aí está tamén o da ministra do mesmo ramo de Zapatero, Ángeles González-Sinde, que vaia prea igualmente. Preguntáronlle algo sobre o aborto e respondeu cunha colección case infinita de puntos suspensivos que se pode escoitar premendo aquí.
Se esta luminaria é quen vai conducir ao futuro a cultura española e resolver as descargas de Internet en combinación coa Sociedade Xeral de Autores de España (SGAE), o derradeiro en saír que apague a luz. E pensar que en Europa, algunhas veces, a Cultura estivo rexida por persoas como André Malraux, Jack Lang, Melina Mercouri e Jorge Semprún

martes, marzo 09, 2010

Que o Papa nos colla confesados

Cun conselleiro de Cultura viaxando por Desván de los Monjes e bebendo viño de Toro, unha conselleira de Traballo e un conselleiro de Economía e Industria facendo o fato na praza do Obradoiro, e un conselleiro de Educación agazapado para saltarlle á gorxa ao idioma galego co seu inminente decreto trilingüe, se Núñez Feijóo non está que sube polas paredes, será que anda cego ou non ten pés.
As sucesivas e concatenadas meteduras de gamba do diplomático que fala seguindo as traduccións que lle fai algún robot idiotizado producirían, en calquera país que se precie minimamente, a inmediata saída do goberno de tan insigne cultivador da irrealidade, que acaba de mellorar a conversión toponímica que fixeron os franquistas dos casos de Niñodaguia e de Sanxenxo, e a representación “teatral” de Beatriz Mato e de Xavier Guerra na praza do Obradoiro non podería superala nin Xan das Bolas.
Hai que ver en que mans anda a nosa res publica. Seguramente xa nos falta só que o presidente designe a Chinny para convencer a Obama de que faga o Camiño de Santiago. Porque o asunto das Caixas xa vemos como se lle está poñendo. De seguir asi, nin o Papa nos vai coller confesados.

lunes, marzo 08, 2010

Varela Flour é un mentirán

Hai que escoitalo varias veces para poder crelo. Lémbranse da escaramuza que montou o conselleiro de Cultura, Roberto Varela, no Parlamento, para negar moi alporizado que el nunca se referira a Sobrado dos Monxes chamándolle Desván de los Monjes nin a Touro dicindo Toro? Pois resulta que é verdade, como se comproba vendo e escoitando a testemuña electrónica á que se pode acceder premendo aquí.
“Hai que ser estúpido para pensar que eu vou dicir Desván de los Monjes”, dixo daquela o titular da Cultura de Feijóo. Pois aínda hai que selo máis e, dende logo, moi mentirán, para negar unhas palabras e uns feitos que estaban documentados electrónicamente. Seguirá dicindo agora que non hai que “andar no lixo dos portais de internet que non din máis que mentiras”?.
Definitivamente, Varela Flour debe regresar a Estados Unidos, un lugar no que un cargo público pillado en tamaña negación da realidade, é dicir, nunha mentira tan gorda, sempre tería que presentar a dimisión inmediatamente.

domingo, marzo 07, 2010

O ego máis cuidado da literatura española, e por que Marina Castaño non chegou a traballar na Ser

Detective crepuscu-
lar
, alguén que frecuenta este blog dende Barcelona, pregúntame que me parece “o ego revolto máis cuidado e traballado da literatura española”. Refírese, claro está, a Camilo José Cela e cita, para iso, un artigo de Javier Marías recentemente publicado no sumplemento dominical de El País, no que un escritor que no seu día foi vapuleado polo autor do Pascual Duarte deixou escrito este longo e envelenado párrafo:
“Entre nosotros fue Cela el escritor que más se preocupó por quedar, y a ello dedicó buena parte de sus energías. Inseguro de su valía, conservó, ordenó y archivó sus originales y cartas, se afanó por que en su colección no faltase una sola edición de cualquiera de sus títulos, por insignficante que fuese. Hasta escribió a mano, y a destiempo, el único original que había perdido o regalado, el de la familia de Pascual Duarte, convirtiéndose así en un extraño falsificador de sí mismo. Según las últimas noticias, cuanto atesoró con megalomanía y obsesión en la Fundación Cela, recaudando dinero público para su construcción, empieza a deteriorarse y a ser víctima de la incuria y la bancarrota. Y al parecer casi nadie se molesta en visitar su sede. Murió hace sólo ocho años y además recibió el Premio Nobel, pero no estoy seguro de que se lo (sic) lea ya mucho. Que algo dure hoy diez años es un milagro, quizá –salvo excepciones incomprensibles– la forma máxima de la posteridad”.
Á parte de que Javier Marías practique con este texto o seu persoal arranxo de contas con Cela, que algunha vez mallou nas súas costas estando en vida, por desgraza, leva algo de razón no que di. Todos sabemos que ao único Premio Nobel galego o seu ego revolvíaselle como correa de porco no lume. Eu, que algo aínda o tratei, podo soster que, porén, Cela gardaba dentro do seu peito un corazón tan grande polo menos coma súa barriga de antaño. Logo chegou onda el Marina Castaño e a súa vida comenzou a ser outra cousa.
Unha boa mostra dese cambio quizais a atopemos no que conta Juan Cruz da parella no seu libro Egos revueltos. Arredor de 1988, Eduardo Sanmartín, daquela subdirector de El País, mandoule a Cruz viaxar a Santiago para entrevistarse con Cela e pedirlle que fixera unha viaxe da que saíra unha serie para ser publicada no xornal de Polanco. O escritor podía elexir a viaxe que quixese facer e o xornalista ía onda el para tomar nota das condicións en que debería levarse a cabo. “Non tería que ser á Alcarria, para que, A Alcarria xa a tiña mirado e contado varias veces”, apunta Juan Cruz no seu libro.
Cela recibiuno no Hostal dos Reis Católicos “coa altivez propia dun home que se sabe poderoso” e, ao seu carón, ía “unha muller menuda, loira, de andar tamén miúdo, pero co semblante poderoso, decidido, alguén que sen dúbida adquirira parte da autoridade do home que levaba xa omo parella”. Don Camilo presentoulla pronunciando só dúas palabras:
–Juanito, Marina.
Díxolle Cela que era unha xornalista que lle ía axudar na viaxe que El País lle andaba propoñendo, e, despois do saúdo, fóronse os tres comer nécoras e outras finas viandas ao restaurante Vilas. Cando estaba no medio da escachifa dos crustáceos, Cela sacou do peto o papel no que levaba anotadas as condicións que pedía para aceptar a serie de artigos que lle estaban pedindo. E leuno, entre nécora e nécora. “Para hacer el viaje a las Cinco Villas –publica agora Juan Cruz tenía que disponer de un automóvil supermirafiori testarrosa, las dimensiones de la cama del hotel han de ser éstas, y además ustedes tienen que conseguirle trabajo en la Ser a Marina Castaño, que es periodista. El proyecto no se llevó a la práctica porque luego no sólo vino el verano sino que más tarde se produjo el Nobel y ya aquél fue un torbellino que don Camilo aceptó como una manera más que tiene la victoria de manejar el destino de los hombres”.
E o das mulleres porque, grazas a iso, Marina Castaño nunca chegou a formar parte do cadro de persoal da Ser.

viernes, marzo 05, 2010

Vivir por este oficio

Debe ser a idade, pero o caso é que cada vez me interesan máis os libros de memorias. Estou lendo Egos revueltos, una memoria personal de la vida literaria (Tiempo de Memoria Tusquets Editores) do excelente xornalista canario Juan Cruz Ruíz, que oficia dende hai moitos anos en El País. Lectura máis ca recomendábel para quen lle guste coñecer como almorzan egos revoltos os escritores famosos.
Na páxina 156, conta o autor a experiencia que viviu cando foi entrevistar a Jean Daniel no seu piso inmaculado de París. Nun momento dado, o máis influínte xornalista francés agarrou unha delgadísima edición de Le Monde e dixo, mirándolle aos ollos ao entrevistador:
–Un día isto será un suplemento de Internet.
Que curioso que un grandísimo profesional do xornalismo, formado e desenvolvido sempre na edición de papel, xa no inverno da súa vida, sexa capaz de manter tanta clarividencia acerca dunha actividade sobre a que Albert Camus dixo que pagaba a pena vivir por este oficio.

jueves, marzo 04, 2010

Unha quintá sollada de euros

Que La Voz de Galicia lla tiña xurada a Anxo Quintana estaba claro antes de agora, pero a información que acaba de publicar sobre o ex presidente da Xunta e ex líder do BNG certifica rotundamente esa teima. Titula o xornal de Santiago Rey que “Quintana cobra de diputado el doble que Touriño y el 12 % más que Feijóo” e ata vai ser que si, pero tamén pasará o mesmo coa presidenta do Parlamento e cos demais membros da Mesa, dos que case non di nada o periódico coruñés.
Deixando á parte esta proba de como as gasta ás veces o xornalismo galego máis poderoso, quizais cómpre reparar algo nos datos da nova pubricada. Bautista Álvarez, convertido recentemente en látego dalgunha das incurias que se estabreceron entre os nacionalistas, quizais podía coller agora a xostra e mallar nalgún lombo dos seus propios camaradas.
A verdade é que volve a resultar rechamante que Quintana, por ir varias veces ao mes á rúa do Hórreo, cobre 8.500 euros brutos (non é preciso que lembre que os parlamentarios cotizan só por menos da metade do que cobran). Á parte, claro está, de dispor de coche oficial e persoal asignado á súa asistencia. Segundo La Voz de Galicia, o de Quintana é un dos salarios máis elevados de toda a política galega, por riba do propio presidente da Xunta, que cobra un 12 por cento menos, e, dende logo, o ex líder do BNG é o nacionalista mellor pagado de todos. Nin Guillerme Vázquez, voceiro da organización política á que pertenece o de Allariz, nin Francisco Jorquera, deputado nas Cortes Españolas, cobran nin sequera a metade do que cobra el.
O salario de Quintana, como os dos demais membros da Mesa do Parlamento, ronda os 102.000 euros brutos ao ano. Unha asignación fixa de 2.150 euros como deputado, unha chamada “axuda de custe” cifrada en 2.500 eruos mensuais, un complemento mensual fixo de 2.100 euros por ser membro da Mesa, 1.050 euros de “gastos de representación” e 560 euros máis cada mes por “gastos de libre disposición”. En total, 8.360 euros por mes. Non está mal. Que haberá que facer para ser coma el nos tempos de crise que corren? Eu, cando sexa grande, tamén quero un salario así.
Pero Quintana e os que son coma el aínda nos saen máis caros aos contribuíntes. Os gastos asociados ao seu escano increméntanse co que custa pagar o coche oficial, o chófer e a secretaria persoal que están á súa disposición. Calcula La Voz de Galicia que representan un promedio de 6.000 euros máis cada mes. Ou sexa, que Quintana estanos saíndo máis caro facendo de simple deputado membro da Mesa do Parlamento que de vicepresidente que exercía de presidente bis. Segundo estes datos, sae na nada despreciábel cifra de 14.360 euros ao mes, 172.320 ao ano. En catro anos, 689.280 euros. Con eses cartos son máis de 500 as familias que viven un ano enteiro en Galicia.
Se cadra resultaba chocante saber cantos cartos mandaron de axuda aos perxudicados polo terremoto de Haití Quintana e cada un dos que cobran o mesmo ca el. Ou sexan, Pilar Rojo, Xosé Manuel Baltar, Ricardo Varela, etc. Nota Bene: vale dicir que Xosé Luís Méndez, director xeral de Caixa Galicia e pai de dous fillos que son altos directivos desa entidade, gaña catro veces maís e tampouco se sabe se mandou moitos cartos do seu peto a Haití. E non vale preguntarme que a min que coño me importa.

miércoles, marzo 03, 2010

As consecuencias de urbanizar a toda costa


As consecuen-
cias do furacán Xynthia están dando lugar a un gran debate en Francia sobre a vulnerabi-
lidade do litoral máis gravemente afectado. O presidente Sarkozy mandou elaborar un informe urxente e as autoridades locais de La Vendée e Charente Maritime, as dúas rexións máis perxudicadas pola tormenta, tamén están empezando a considerar a cuestión.
Xa hai unha primeira consideración. Os dous concellos máis afectados, La Faute-sur-Mer e L’Aiguillon-sur-Mer, caracterízanse por teren efectuado unha urbanización galopante que comenzou nos anos 60 e proseguiu a ritmo desenfreado ata os 90. Segundo salientou Le Monde, o profesor emérito da Universidade de Nantes Jean Renard, gran coñecedor do litoral vandés por telo estudiado como experto durante moito tempo e por ter vivido 35 anos nunha localidade próxima a Talmont-Saint-Hilaire, ten claro que “hai cicnuenta anos estes territorios tiñan un uso comunal, polo nome da terra asignada aos agricultores, que pagaban unha pequena retribución e levaban pacer alí os seus animais”. Eran terras agrícolas que se inundaban regularmente e que tamén abeiraban “conches”, campos chantados na area. Un pequeno campesinado cultivaba nelas patacas, frores e algo de viña. Instruídos pola experiencia, os paisanos coñecían ben os riscos das inundacións e non construían máis que nos illotes que facían algún outeiro.
Mesmo alén da memoria humana e sen remontarse á epoca romana, na que a marisma que hoxe se chama de Poitevin era unha zona marítima, as investigacións levadas a cabo polo historiador Jean-Luc Sarrazin demostraron que que, xa na Idade Media, estas zonas eran pasto de bruscas arremetidas da auga do mar. A conxugación de grandes mareas e tempestades facía que as oleadas acadasen sobrecotas de máis de 1,5 metros, as mesmas que agora sopreprenderon mortalmente os habitantes desta zona o 27 de febreiro.
A expansión brutal da urbanización, a partir dos anos 60, borrou do mapa esta vida rural respectuosa cos caprichos da natureza. O xeógrafo Jean Renard sostén que “os poderes municipais, decote dirixidos por comerciantes e artesáns, transformaron estas terras agrícolas en terreos edificábeis e non souberon limitar a presión dos particulares e dos promotores”. En dúas décadas, as comunas de La Faute e L’Aiguillon ficaron cuadriculadas en parcelas de 400 a 500 metros cadrados para construír casas nelas. A especulación quixo satisfacer a demanda dun turismo masivo. Di Renard que “con residencias secundarias, dúas ou tres veces máis numerosas cas residencias primarias, campings transformados en mobile homes, o litoral convertiuse nun lugar moi apetecido polos xubilados procedentes das camadas populares”.
E todo isto, nunha costa inestábel e dunha extrema fraxilidade, segundo o citado xeógrafo francés. Nun litoral moi dinámico que non para de avanzar, que foi producindo superficies suplementarias para o cultivo primeiramente, e logo para o habitat. A comuna de La Faute-sur-Mer medrou en decenas de hectáreas no decurso dos dous últimos séculos, pero houbo que agardar o ano 2007 para que aparecese un plan de prevención de riscos admitindo que moitas construccións se atopaban en zona inundábel.
A todo isto sumouse a explotación da mitilucultura (cría de mexillóns ou de ameixas) e da ostricultura, que tamén contribuíron a que se fose fraxilizando máis o territorio. O resultado expresouse de forma dramática o 27 de febreiro co paso de Xynthia. Se Galicia non ficase esta vez no ollo do furacán, habería que estar hoxe facendo estas disquisicións sobre nós mesmos? Tivemos sorte desta volta, pero as nosas autoridades deberían ser máis sensíbeis no canto do que nos poda pasar no futuro coa teima de seguirmos urbanizando a toda costa. Debían reparar no que lles acaba de pasar aos franceses.

martes, marzo 02, 2010

Arcivescovo Julián Barrio e Seguito


Vaia por diante que o presidente da Xunta debeu ser moi libre de facerse acompañar con quen el queira na súa visita ao Papa. Tratándose como se trata, ademais, dunha visita de carácter máis privado que oficial, a presenza con el no Vaticano de Carmen Gámir, a súa compañeira sentimental, non constitúe máis ca un acto de vizosa normalidade que honra o comportamento persoal e social de Alberto Núñez Feijóo.
O que non é tan normal é que logo se trate de esconder oficialmente esa realidade. Tiveron que ser os medios periodísticos e os xornalistas propiamente os que descubrisen nas fotografías que difundiu L’Osservatore Romano a presenza da súa colega Chinni. Dende o gabinete de comunicación da Xunta despachouse unha soa foto na que aparecía a parella de Feijóo, pero non se indicaba nada que puidese identificala. Quizais a contorna política do presidente pensou que era mellor evitar ese dato para impedir que algunha mente reaccionaria tentase polemizar acerca do feito de que o presidente da Xunta acudise diante do máximo representante da Igrexa Católica cunha compañeira coa que non está casado canónicamente.
O caso é que no propio Vaticano houbo un comportamento aínda máis opaco. L’Osservatore Romano, órgano que se encarga de difundir as audiencias do Papa, só fixo pública onte unha nota informativa dicindo que “Il Santo Padre Benedetto XVI ha recivuto questa mattina in Audienza… (entre outros) S.E. Mons. Julián Barrio Barrio, Arcevescovo di Santiago de Compostela (Spagna), e Seguito”. Ou sexa, que para a Santa Sede a presenza de Alberto Núñez Feijóo e dos que ían con el diante do Papa foi como seguidores ou acompañantes do arcebispo de Santiago.
Que logo Feijóo montase o estaribel de que acodiu a Roma para “poñer a Galicia a disposición do Vaticano”, que non deixa de ser un Estado, é outra cousa. Algo fallou na comunicación do presidente. Se se vai do que se vai, hai que facelo con todas as consecuencias. Non vale tirar a pedra e esconder a man.

lunes, marzo 01, 2010

Quen é a muller que compañou a Feijóo na súa visita ao Papa?


Quen é a muller que acompañou ao presidente Núñez Feijóo na súa visita ao Papa Bieito XVI? O gabinete de prensa da Xunta limitouse por agora a distribuír tres fotografías procedentes dos servizos gráficos da Santa Sede, sen acompañar ningunha nota de prensa nin identificación das persoas que aparecen a carón dos dous protagonistas. E nunha delas aparece a muller innominada. Por outra parte, os xornais andan xa publicando outra foto, atribuída a L’Osservatore Romano/Efe, na que tamén aparece a mesma señora.
Non vaia suceder que o acontecemento remate como aquela famosa historia que contaba o célebre profesor Martul a respecto dunha visita súa á praza de San Pedro.

Aprender de Xynthia

Pasou Xynthia por riba de nós con menos forza da que se agardaba. Aínda así, por desgraza, hai que lamentar a morte de tres persoas en España –unha en Galicia– e algúns danos materiais que non parecen de maior importancia. Non pasou o mesmo en Francia, onde xa hai un balanzo de 47 mortos e graves consecuencias nas infraestruturas portuarias, inmobiliarias e industriais das rexións de La Vendée e La Charente-Maritime, sobre todo, pero tamén na Bretaña.
Esta vez non fallaron as previsións. Tanto Meteo España, como Meteo France, como a Wetterzentrale ou o noso propio Meteo Galicia, andiveron perfectamente á altura das circusntancias e quizais contribuíron moito a que non houbese máis vítimas mortais. Quizais non se pode dicir o mesmo da conciencia cidadá sobre os perigos que representan este tipo de circunstancias atmosféricas. A persistencia nalgunhas zonas do que os reporteiros da TVG bautizaron como “turismo de catástrofe” é algo que realmente debería preocupar aos responsábeis da protección civil de cara a futuras circunstancias adversas como as que nos trouxo a cicloxénese explosiva da xa famosa Xynthia.
Claro que, pasada a tormenta, fica algo polo que deberiamos preocupármonos aínda máis. Con cambio climático ou sen el, o que parece claro é que algo nos está a pasar coa nosa relación coa forza dos mares e dos océanos, mesmo tamén coa dos ríos. Que podería pasar se Xynthia nos entrase de fronte dende o Atlántico como lles entrou aos franceses dende o Cantábrico? Estarían agora de pé as farolas do paseo marítimo da Coruña? Terían que andar en barca os donos das casas de Barraña?
O caso curioso é que, mentres aquí anda o goberno de Feijóo insistindo en que se volva construír a pé de praia, en Francia están tirando leccións da experiencia que lles trouxo Xynthia. Chantal Jouanno, secretario de Estado para a Ecoloxía, á vista do que aconteceu en La Vendée, na Charente-Maritime e na Bretaña, xa dixo que hai que “endurecer as reglas de construcción nas zonas inundábeis e detrás dos diques”. Philippe de Villiers, presidente da rexión de La Vendée, mostrou unha opinión semellante, e ao ministro de Interior, Brice Hortefeux, por agora ocupado principalmente en atender o dramático paso de Xythia polo territorio francés, tamén lle parece que hai que apuntar nesa dirección.
Das catástrofes provocadas pola natureza debería aprenderse sempre. Quen as desafía corre o risco de rematar sendo arrastrado por elas. Toquemos madeira (ou Madeira).