viernes, abril 30, 2010

A tensión e a ansiedade de Suso de Toro

Suso de Toro explica hoxe en El País os motivos que o levaron a facer mutis no foro das letras galegas e españolas.  Concreta-
mente, a abandonar a súa condición de escritor profesionalizado para retornar ao mundo do ensino.
Cómpre lelo. De Toro móstrase sinceiro e preocupado, aínda que seguramente deixou no tinteiro algunhas concrecións que podían facer máis entendíbeis os pasos que está a dar. “Unha causa soa abondaría –manifesta o escritor–, a crise económica agudizou unha crise das industrias da comunicación, do xornalismo, da edición de libros. Esa crise presentóusenos a todos os que traballamos nese sector económico e profesional, e eu revisei as miñas bases profesionais para ser escritor e concluín que tería que reaxustalas. No meu caso particular vin que calquera reaxuste aumentaríame aínda máis a exposición ao público, coa carga de tensión e ansiedade que iso me supón. Foime disuasorio”.
O que eu non sei é se esa “tensión e ansiedade” non van seguir tamén os seus pasos no complicado mundo actual do ensino galego.

miércoles, abril 28, 2010

Vender merda

Nos tempos de aguda crise económica e social que padecemos desacouga ver algunhas das cousas que están pasando. Por exemplo, o caso da entidade financeira privada norteamericana Goldman Sachs. Este martes pasado, durante case once horas ininterrumpidas, os seus directivos decrararon diante dun xurado composto por senadores, coa presenza das cámaras de televisión, no Capitolio. Foi, polo que contaron os xornais de Estados Unidos, todo un happening escrarecedor.
Os senadores, pertencentes tantos aos demócratas coma os republicáns, investigaron o asunto durante 18 meses e xa chegaron a conclusións realmente escandalosas sobre o comportamento de Goldman Sachs. Descubrion trampas e trécolas en abondancia. Ata o punto de que á senadora demócrata Claire MacCaskill non lle quedou máis remedio que espetarlles esta frase: “Sodes apostadores profesionais (bookmakers) e ata estades sometidos a menos regulacións que nos tempos do Farwest!”. John Ensign, republicán, aínda foi maís lonxe: “En Wall Street manipulan as cotizacións no medio da partida, e polo menos nas Vegas os xogadores apostan co seu propio diñeiro”.
O presidente da comisión investigadora, o demócrata Carl Levin, preguntoulles: Non vos dá noxo vender merda?, coa pregunta dirixida a Lloyd Blankfein, o mandamais de Goldman Sachs, citando un shitty deal aparecido nun correo electrónico enviado para describir un dos produtos vendidos pola entidade. "Ou é que Goldman maltrata os seus clientes apostando contra eles? Pensa vostede que os clientes deberían saber se Goldman pensa que un título é unha merda?”, aínda abondou máis o senador Levin.
Menos mal que por aquí, de momento, o noso problema máis grave cos banqueiros é a teima que mostra Fernández Gayoso por perpetuarse no mando das caixas de aforro. Ou temos máis?

martes, abril 27, 2010

Como na vida mesma

Impresionante a noticia que publica hoxe La Voz de Galicia sobre o caso de Agapito Pazos, que acaba de morrer no Hospital Provincial de Pontevedra. Tiña tres anos cando, en 1933, foi abandonado ás portas do único centro de beneficencia que había daquela en Pontevedra, afectado por unha discapacidade psíquica e unha distrofia muscular nos membros inferiores que tamén lle deformou a man dereita.
Dende 1993, a súa titoría legal correspondíalle á Fundación Sálvora. Agapito pasou toda a súa vida, que durou case 80 anos, entre as catro paredes da habitación 415 do Hospital Provincial de Pontevedra e, dende a súa cama, foi vendo mudar a estacións a medida que ía cambiando a flora do xardín traseiro. Só saíu unha vez á rúa, cando Eloi, un dos celadores, o levou canda el para que vise o mar.
Hi máis de 30 anos, por mor dun accidente de coche, estiven hospitalizado durante varios días neses centro sanitario pontevedrés, pero ninguén me falou de Agapito. Ata resulta curioso que non se soubese o seu segundo apelido, Méndez, ataga agora que finou. Ou que fose natural de Lalín. O seu caso é unha auténtica historia da vida mesma.

sábado, abril 24, 2010

Os xubilados de ouro de Louzán

Son un xubilado, non estou censado na provincia de Pontevedra nin tampouco teño un Lexus ou un Mercedes 4x4 (o meu coche é un destarta-
lado Seat Leon que cumpre dez anos este mes e está cheo de pelos e de cheiro de Mara (a miña buldog americana). Aínda así, non podería acollerme a un deses programas cos que fomenta a saúde e o benestar a Deputación desa provincia que preside o elocuente conservador Rafael Louzán? Dígoo porque, segundo acabo de ler en El País houbo xente que se mobiliza nesas berlinas de luxo, e está censada en Madrid e en Baleares, que tivo a sorte de pasar cinco días de balneario por 169 euros dentro dun programa subvencionado pola Deputación de Pontevedra para pensionistas de máis de 50 anos que probasen debidamente estaren empadroados en algún concello pontevedrés.
Fernando María Aguirre Roldán (na foto de El País), presidente da firma Agatha Ruíz de la Prada, un dos seus irmáns e as súas respectivas parellas, censados todos en Baleares, e catro persoas máis censadas en Madrid, participaron nese programa pero, iso si, sen mesturarse nunca moito coa plebe. Eles viñeron ao que viñeron: pasalo ben á costa do contribuínte.
Aposto un potosí a que este asunto non vai aparecer nunca nas páxinas de El Mundo. Nin vai ser Pedo J. Ramírez o que pida que se investigue quen prevaricou para que pasase o que pasou. A que non?

viernes, abril 23, 2010

Suso de Toro: "Decíamos ayer"

Algo nos está pasando no ámbito da literatura galega. Hai pouco era Alfredo Conde o que, con algunha xenreira, anunciaba a súa renuncia a utilizar a lingua galega para seguir creando. Ben é certo que, logo, o escritor allaricense foi volvendo algo e a pouquiño á lingua que seguramente lle é máis propia. Agora é Suso de Toro o que que nos dá a espantada despedíndose da súa carreira de escritor profesional para regresar ao mundo do ensino. “A vida son máis cousas ca esta”, dinos un dos escritores galegos do noso tempo que máis sona e difusión acadou fóra de Galicia.
Esta verdade de perogrullo anunciada por De Toro quizais esconde algo que aínda non saibamos e que se cadra non chegamos a saber endexamais. Que o autor dea por cumprido o seu “ciclo histórico” nunha circunstancia mundial, europea e galega marcada “polas mudanzas na comunicación, nas empresas e no mundo da cultura” pode ter algo de renuncia, pero tamén moito de visión profética de como nos vai ir dentro de pouco. Hai dous días, diciame Ramón Villares (para unha entrevista que vai publicar a revista Galegos) que, cando a súa actual vida institucional o retorne plenamente á docencia e á escritura, quizais “xa será nos medios actuais de comunicación, a través das páxinas web ou de Facebook ou no que haxa daquela e non en forma de libro físico” onde el se exprese.
Villares, que seguramente é agora mesmo a cabeza máis lúcida e mellor amoblada da intelectualidade galega, salientábame que “isto está cambiando dunha forma que non nos damos conta que, se te quedas parado, quedas aí na beira do río como atrapado nas ramas”. Decatariase Suso de Toro de que a corrente que o arrastraba a el estaría transcorrendo por un canle no que os diversos incendios, habidos e por haber, xa non deixaron ramas ás que agarrarse?
Fora como fose, a actitude de Suso de Toro é lícita e absolutamente respectable. E serve, entre outras cousas, para facernos pensar a todos. Se a súa viaxe de agora non ten volta, perderemos un escritor (cousa que dubido), pero en calquera caso o ensino galego gaña para as súas aulas unha das mellores conciencias críticas e competentes, algo do que tampouco parecen andar sobradas nos tempos que corren. Coma Fray Luis de León, De Toro vai poder pronunciar a sagrada frase de Diciamos ayer, e, con Juan de Mairena, poderá lembrarlles aos seus alumnos que “es más difícil andar en dos pies que caer en cuatro”. Saúde sempre, Susiño! E que nos cheguen tempos mellores.

lunes, abril 19, 2010

Disparan contra Freud


Michel Onfray, nacido en 1959, profesor de Filosofía de Instituto antes de abandonar a educcación estatal francesa para crear a Universidade Popular de Caen, está a converterse no personaxe actual da intelectualidade do país de Jean Paul Sartre. Acaba de publicar Le Crépuscule d’une idole, l’affabulation freudienne (Éditions Grasset), unha forte arremetida contra Sigmund Freud e a súa psicoanálise, coa que repasa a biografía do célebre autor exhumando todas as manipulacións que puideron facer Freud eo os seus “haxiógrafos” para aparecer como o inventor dende cero dunha ciencia nova.
Onfray, que empezou sendo gran admirador da “triangulación magnífica” composta por Nietzsche, Marx e Freud, rematou renegando do terceiro logo de levar a cabo unha relectura total da obra do creador da psicoanálise. O resultado é o seu novo libro, que xa foi moi salientado polo xornal Libération, dicindo del que “non é un panfleto sostido polo entusiasmo e o estilo, senón un intenso ensaio, intelixente e perturbador, astuto (como un mono ou un demonio, asegún), escrito de forma simple e directa, destramente argumentado, organizado arredor dunha tese sistematicamente desenvolvida” que non poderá ser contestada “pola invectiva e o anatema, senón pola fría e meticulosa busca dos eventuais erros, os contrasentidos, as omisións, os recortes, os procedementos rutineiros ou as malas interpretacións que poda conter".
Michel Onfray súmase á xa longa relación de críticos da obra de Freud que vai dende psiquiatras coma Pierre Janet, que rexeitan a primacía que lle dá o autor da Interpretación dos soños a todo o sexual, ata os etnólogos que negan que o compexo de Edipo se atope en todas as sociedades. Máis concretamente no terreo da Filosofía, que é o de Onfray, Ludwing Wittgenstein sostiña que a psicoanálise é unha “mitoloxía moi potente”, Karl Popper que non é unha ciencia, Jean Paul Sartre negoulle a propia noción do insconciente, e Gilles Deleuze e Félix Guattari confabularon un certo Anti-Edipo.
E logo está o Libro negro da psicoanálise, dirixido en 2005 por Catherine Meyer, do que Michel Onfray di que lle serviu para “caer da cadeira”. Onfray sostén que “a psicoanálise instalouse no noso país (Francia) a través dos literatos, de Apollinaire aos surrealistas pasando polo formidábel acelerador dos Gallimard e porque a camarilla intelectual e literaria, decote parisina, obrou como unha xurisdicción de excepción. Por oura banda, unha milicia frediana sen fe nin  lei instalouse formidablemente na máquina mediática para celebrar alí a súa relixión, con éxito por outra parte, e transformar en antisemita e en revisionista a calquera que traballe pola historia e contra a lenda”.
Le Crépuscule d’une idole é un libro que está chamado, polo tanto, á polémica. Non sei como será recibido pola psquiatría galega, entre a que hai varios seguidores da psicoanálise freudiana. En Francia xa comenzaron a chegarlle os primeiros zurriagazos. Por exemplo, Elisabeth Roudinesco, historiadora da psicoanálise e directora de investigación na Universidade París-VII-Diderot, xa dixo que Onfray “rehabilita o discurso da extrema dereita francesa (Pierre Debray-Ritzen e Jacques Bénesteau principalmente) co que mantén unha connivencia real”. A Roudinesco non lle gustou nada que o libro sexa “un destilado trufado de erros e empapado de rumores” que “trata os xudeus, inventores dun monoteísmo mortífero, de precursores dos réximes totalitarios, a Freud de tirano de todas as mulleres da súa casa e de abusador perverso da súa cuñada; homófobo, falócrata, falsario, ávido de diñeiro…”. E, por riba, case que amigo de Hitler e Mussolini. Xa está armada a nova polémica da filosofía francesa. O cabalo do revisionismo galopa de novo.

viernes, abril 16, 2010

A Feijóo impórtalle un pito a pasisaxe galega


Dicialles hai pouco que fun celebrar o meu último cumpreanos á vila máis antiga de Portugal, Ponte de Lima. Engado agora que, dende alí, pasei por Ponte da Barca, Arcos de Valdevez e Monçao. Nesta última vila demoreime algo á tardiña do martes pasado. Asomeime ao que resta da antigas murallas e da fortaleza e chamoume a atención a pulcritude coa que gardan a súa beira do Miño os portugueses. Pola contra, xusto enfronte, o primeiro que presenta a xeografía galega, en primeiro plano, é unha vella canteira non sei de que, totalmente pegadiña ao curso das augas miñotas (a que se ve nas fotografías).
Regresei á miña instrumental vida de sempre e atopoime con que Núñez Feijóo, ese clon de Sarkozy e Berlusconi, decidiu retomar o proxecto que elaborou cando foi conselleiro de Política Territorial de Fraga para construír unha vía de alta capacidade que vai transcorrer pegada ao pai Miño dende Tui ata A Guarda pasando por Tomiño. Impórtalle un pito que o tribunal Superior de Xustiza de Galicia estea tramitando o recurso que presentou a Plataforma Cidadá para a Vía de Alta Cacapcidade polo impacto ambiental e paisaxístico nunha contorna galega de extraordinaria beleza. “ O vial vaise facer para conectar os veciños do Baixo Miño con Galicia, España e Europa. Esa decisión do Goberno galego é irreversíbel”, dixo o presidente da Xunta. Nin que tales veciños estivesen vivindo ata agora no Mato Groso do sur braileiro.
Pois ben, que siga así este especulador da xeografía galega. Pero logo que no se lamente de que algúns vaiamos non só coller avións a Porto senón tamén comer, dormir e, sobre todo, contemplar paisaxe e urbanismo a Portugal.

jueves, abril 15, 2010

O noso Punto Final

Xa sei que me van dicir que me vai a marcha. Non pasaron nin 24 horas dende que anunciei que me decraraba incompe-
tente para seguir analizando o caso Garzón e xa estou dándolle á tecla outra vez sobre a mesma trela. Os escribidores, se algo somos, é impertinentes, incansábeis e metemeentodos.
Non quero facer de avogado de silveira, pero aínda me queda algo de vista para ler e repasar a lexislación vixente. Empezarei polo que pasou en Arxentina. Naquel país austral, gobernando a República o radical Raúl Alfonsín, de ascendencia galega, o 24 de decembro de 1986, aprobouse a Lei 23.456 de Punto Final que parou os procesos xudiciais ontra os autores de detencións ilegais, torturas e asasinatos que tiveron lugar durante o chamado Proceso de Reorganización Nacional, que non foi máis nada ca ditadura militar imposta por Jorge R. Videla, Emilio E. Massera, Orlando R. Agosti, Roberto Eduardo Viola, Armando Lambruschini, Omar Domingo Rubens Graffigna, Leopoldo Fortunato Galtieri, Basilio Lami Dozo, Jorge Isaac Anaya, Cristino Nicolaides, Rubén Franco, Augusto Jorge Hughes e Reinaldo Benito Bignone, entre outros milicos da mesma ralea, coa colaboración moi convencida de ministros civís como o significativo caso de Alfredo Martínez de Hoz. Todos eles foron responsábeis da desaparición de 30.000 persoas e víronse beneficiados por esta lei e pola complementaria de Obediencia Debida, aprobada en 1987, e por varios indultos aplicados en 1989 e 1990 polo daquela presidente arxentino Carlos Menem.
Pero aquelas leis de impunidade foron decraradas inconstitucionais cando chegou ao poder o presidente Néstor Kirchner. Primeiro foi o Congreso Nacional, no ano 2003, e logo a Corte Suprema de Xustiza, en xuño de 2005. Ambas institucións proclamaron a ilegalidade das leis de impunidade e, grazas a iso, foron varios os xuíces que comenzaron a decrarar inconstitucionais os indultos referidos a crimes de lesa humanidade e a reabrir casos que remataron en sentenzas condenatorias.
Que pasou mentres tanto en España? Pois que procedendo dunha saída da ditadura franquista coa que endexamais houbo ruptura, a ningún político con posibilidades de gobernar, aínda que só fose unha provincia, se lle ocorreu nunca revisar a lei de amnistía de 1977, que segue vixente, para adaptala á crecente conciencia social que foi medrando na dirección de recuperar a memoria sen esquivar a esixencia de responsabilidades aos culpábeis das barbaridades cometidas polo franquismo. E esa lei é o que algunha vez escibiu sobre ela o propio representante do Grupo Socialista no Pleno do Congreso no que foi aprobada, José María Benegas: “La Ley de Amnistía de octubre de 1977 fue una ley de punto final en virtud de la cual nada de lo ocurrido entre el 18 de junio de 1936 y el 15 de junio de 1977 podía ser objeto de reclamación”. Politicamente, en España só houbo un Alfonsín, que foi Adolfo Suárez, pero nunca un Kirchner, que non foron Felipe González nin José María Aznar nin Zapatero.
O resultado agora é o que é: que tivo que vir un xuíz ávido de de sona –e con isto non quero invalidar a súa boa vontade, que hai que supoñerlla como se facía co valor na mili– meter a man nun tema que rematou sendo un fregado de mil pares de leas. É verdade que España ratificou algúns principios da chamada Xustiza Universal, que poden ser agora as muletas de Garzón e, por esta vía, varios xuíces españois puideron investigar sen teren problemas crimes contra a humanidade perpetrados en Arxentina, Chile ou Guatemala, e a Audencia Nacional admitiu algunha querela contra as autoridades israelíes por vulneración dos dereitos humáns en Gaza ou contra a Administración de Estados Unidos polo limbo xurídico de Guantánamo e polos vós da CIA aos cárceres segredos, pero tamén é certo que a política española mostrouse abondo errática por non dicir oportunista.
Sucedeu así que o principio de Xustiza Universal que se introduciu no ordenamento xurídico mediante o artigo 23.4 da Lei Orgánica do Poder Xudicial, dándolle mesmo competencia a ese poder para xulgar delitos de xenocidio, lesa humanidade e terrorismo cometidos no estranxeiro, aínda que fosen cometidos por estranxeiros, foi rapidamente limitado esixindo determinados puntos de conexión con España do delito a perseguir, como son os de estar acreditado que a autoría dos feitos radique en territorio español, que existan vítimas de nacionalidade española ou que se constate a existencia dalgún vencello de conexión relevante para España. Ademais, non poden ser casos sobre os que xa se iniciase algún proceso noutro país competente.
O que quero expresar con todo isto é que, como xa adiantaba o outro día ao salientar o artigo de Xosé Luís Barreiro en La Voz de Galicia, a maniquea polémica que está a caracterizar o caso Garzón non podería darse se a política verdadeiramente democrática e progresista española fixera os seus deberes no seu día. Por iso me resulta chocante agora que media España ande tentando xearlle o corazón á outra metade por un tema coma este. Temos o que temos porque así o quixeron os nosos políticos que tocaron poder.

miércoles, abril 14, 2010

Viva Garzón

Manifestamente desisto de analizar pola miña conta o famosísimo caso do xuíz Garzón. En vista da avalancha de defensas que lle saíron internacionalmente ao celebrado maxistrado, non quero correr o risco de que algún descerebrado me asocie ao “proceso contra Garzón (que) empaña a imaxen de España”, como escribiu no xornal belga Le Soir Jean-Paul Martthoz.
Coido, porén, que antes de esquecerme definitavemnte do caso debo manifestar a miña sorpresa por algo que escribiu este belga no seguinte párrafo: “O xuíz Baltasar Garzón terá que sentarse no banquiño por prevaricación. Os simpatizantes de ETA aplauden, os nostálxicos do franquismo brindan con champán, os extremistas islámicos móstranse exultantes, os herdeiros do franquismo entoan o Cara al sol co brazo erguido. O proceso contra Garzón empaña a imaxe de España na escena internacional”.
Así pois e por se acaso, declárome incompetente en materia garzoniana. Non vaia ser que alguén remate descubrindo en min un simpatizante de ETA, un nostálxico do franquismo, un extremista islámico ou un cantor do Cara al sol cando se afeita. E Xosé Luís Barreiro debería facer coma min: sumarse en silencio ao coro de defensores de Garzón.

No río do esquecemento

Non debería dicilo, pero onte non me quedou máis remedio que cumprir 67 anos. Moitas grazas aos amigos e ás amigas que se lembraron de min chamándome ou mandándome mensaxes de parabén.
Para celebralo fun con Cristina comer lamprea a Ponte de Lima, a vila más antiga de Portugal. É un lugar precioso no que non me importaría vivir unha tempada. Instalariame na beira esquerda do río do esquecemento e agardaría tranquilamente a que Decius Junius Brutus pronunciase o meu nome dende o o outro lado. Mentres tanto paparía lamprea e bacalao, bebería algún viño verde (aínda que eu son máis do Dao e algún portiño que outro) e tomaría copos de Carvalho, Ribeiro & Ferreira. Non sería mala vida para un vello fillo da Gallaecia. Claro que sempre estaría López para foder a marrana marcando a realidade vixente.

domingo, abril 11, 2010

Un 13 de abril de 1943




Segundo me contaba a miña nai, eu nacín arredor das tres da tarde do 13 de abril de 1943. Unhas horas antes dese mesmo día, a Axencia Alemana de Noticias do réxime de Adolf Hitler daba conta, a través de Radio Berlín, do descubre-
mento dunhas enormes fosas comúns atopadas en Katyn, preto da cidade de Smolensk (Rusia, que daquela era a URSS), con miles de cadáveres de oficiais militares polacos asasinados en masa pola policía política de Joseph Stalin, a temíbel NKVD.
Algo menos dunha semana despois, o 26 de setembro, Radio Moscú informaba de que o réxime soviético rompía relacións co goberno polaco no exilio, en Londres, por aceptar a versión dos nazis sobre estes feitos e por acusar ao goberno soviético dun crime que, segundo Moscú, fora cometido polos alemáns.
Así pois, durante o mes do meu nacemento e ata moitos anos máis tarde, o réxime comunista de Moscú negou repetidamente ser responsábel dos crimes e contou co apoio incondicional de Winston Churchill mesmo despois de que os ingleses rematasen sabendo o que pasara realmente en Katyn. Mentres tanto, o Ministerio de Propaganda de Hitller nunca parou de explotar este tema a través de abondantes emisións de radio e diversas publicacións nas que se contaban os episodios segundo lle cumpría ao III Reich. Logo da chamada Operación Barbarrosa, en 1941, e cando rematou a batalla de Smolensk, a zona ficou en poder de Alemania, e un oficial do Rexemento de Trasnmisións 537, estacionado no bosco de Katyn, cando lles seguía as pegadas a un fato  de lobos que merodeaban pola zona, atopou os primeiros restos humáns que había nestas fosas clandestinas. Resulta que alguén estivera antes ca el no lugar, suponse que un grupo de obreiros polacos que traballaron por alí e deixaron sinalado o lugar cunha modesta cruz feita con dous paos de bidueira.
Ao lugar chegaron pronto médicos forenses alemáns e polacos que formaron un equipo dirixido pola Cruz Vermella de Polonia para levar a cabo un informe sobre o macabro achádego. Desenterraron cadáveres sen parar, fixeron autopsias e contabilizaron un total de 4.143 oficiais militares e profesionais polacos sobre os que ditaminaron que procedían dos campos de concentración soviéticos aos que foran conducidos despois de seren deportados dende o seu país polos soviéticos. Os polacos exiliados en Londres recibiron información detallada do que pasaba e o seu primeiro ministro, Wladislaw Sikorski, reuniuse con Churchill para manifestarlle as súas evidencias acerca da responsabilidade do réxime comunista. Churchill fixo todo que puido para evitar unha confrontación con Moscú e díxolle a Sikorski que era mellor esquencerse do asunto posto que airealo non ía servir para devolvérllela vida aos asasinados. O 19 de abril e o 4 de mayo de 1943, Anthony Eden, ministro de Exteriores do goberno británico, informou oficialmente do asunto facendo todo o posíbel por culpar aos alemáns, seguindo a hipótese de que podían ser eles os que cometeran os crimes de Katyn para inimigar os aliados. Para maior complicación, o primeiro ministro polaco Sirkoski perdeu a vida, poucas semanas despois, nun accidente aéreo ocorrido en Xibraltar.
Entre as evidecias que se atoparon nas fosas, figuraban uniformes militares con enseñas e identificacións, condecoracións, obxectos persoais, diarios, cartas, xornais, fotografías, etc. Viase que os que os mataron déronse moita presa en enterralos e non se pararon a rexistralos moito. Non se atoparon, porén, anelos nen reloxios. Tamén apareceron moitos cascos de balas percutidos e, dentro dos cadáveres, milleiros de balas. Eran de frabricación alemá e ata o propio Goebbels se refiriu a elas no seu diario dicindo que procedían da fábrica de Karlsruhe-Durlach e que puideran ser usadas polos soviéticos para involucrar a Alemania. En realidade, como se soubo máis tarde, formaban parte dun gran lote de municións que lle foron vendidas aos soviéticos por Alemania mediante o acordo de Rapallo.
O 14 de novembro de 1941, o embaixador polaco en Moscú, Jan Jot, xa conseguira falar con Stalin mostrándolle a súa preocupación polo destino que poderían ter seguido 40.000 oficiais polacos que foran desterrados aos campos de concentración de Starobielsk e Kozelsk e a outros lugares descoñecidos. Un ano despois, traballadores da Organización Todt (que levaba o nome de Fritz Todt, o pai das autoestradas alemás e ministro de Armamento e Municións de Hitller, falecido nun misterioso accidente de aviación o 8 de febreiro de 1942) recibiron dun labrego da zona detalles de que había enterramentos segredos e localizaron parte das fosas, pero aínda que escavaron algunhas e atoparaon restos humanos, volveron a tapar todo e colocaron unha cruz con ramas de bidueira.
Cando a URSS recuperou aqueles territorios, volveron a exhumarse cadáveres e emitíronse informes dando por probado que os autores das masacres foran as forzas armadas de Hitler. No xuízo de Nuremberg prosperou a tese que defendía a responsabilidade nazi neste dramático asunto, pero cando empezou a colapsar a Unión Soviética, en 1989, o aínda primeiro ministro da URSS, Mijail Gorbachov, admitiu que foi a NKVD quen matou a tantos milleiros de polacos e confirmou a existencia de máis sitios nos que se levaron a cabo execucións semellantes. Daquela emerxeu un documento segredo polo que o comisario nacional de Asuntos Internos da URSS, Laurenti Beria, man dereita de Stalin, se dirixiu o 5 de marzo de 1940 ao Comisariado Nacional para Asunto Internos sinalando como “inimigos decrarados da autoridade soviética” a varios milleiros de ex oficiais, axentes de espionaxe e xendarmería, policías, ex terratenientes, donos de fábricas, funcionarios do goberno, colonizadores das rexións fronteirizas e gardas de prisión polacos. Pedía permiso para que a policía política (NKVD) instruira casos a 14.700 destas persoas sen necesidade de sumarios nin levantamento de cargos. “Os casos deberán ser examinados e os vereditos pronunciados –dicía o documento asinado por Beriapor un tribunal de tres membros consistentes nos camaradas Merkulov, Kobulov e Bashtakov (xefe do Departamento Especial da NKVD da URSS)”. En realidade, o propio Beria xa estabrecía a sentenza cando expresaba neste documento que aos xulgados “dédeselles aplicar a pena máxima: execución”.
O 13 de abril de 1990, o día que eu cumprín 47 anos, o daquela primeiro ministro do que xa volvera ser Rusia e non a URSS, Boris Yeltsin, admitiu oficialmente a reponsabilidade da Unión Soviética nos crimes de Katyn e o 14 de outubro de 1992 mandoulle ao daquela presidente de Polonia, Lech Walesa, os arquivos segredos do caso.
Por que me parei a contar todo isto? En primeiro lugar, porque me impresionou fondamente o tráxico final que tiveron o presidente de Polonia, Lech Kaczynski, a súa muller e varios altos cargos máis do seu país, ata un total de 97 polacos que morreron no accidente aéreo que sufriron cando se diríxían, hai a penas 24 horas, a Katyn para render homenaxe ás vítimas daquela barbarie. En segundo lugar, porque aquel neno que naceu o mesmo día que se empezou a falar deste caso abrazou de mozo o pensamento comunista e ata militou na súa organización ata o ano 1969 sen que nunca lle contase ninguén a máis mínima cousa que puidese intuír que ocorrían dramas coma o de Katyn. Ese rapaz, agora case un velliño, aínda segue pensando que é comunista en moitas cousas, pero dalle tantas arcadas lembrar os fatídicos feitos de Katyn, de Kozielsk, de Starobielsk, de Ostashkor e de Pavlishchev Bor coma os de Buchenwald, Mauthausen, Dachau, Sachsenhausen, Flossenbürg ou Ravensbrueck.

sábado, abril 10, 2010

O caso Garzón

Publica hoxe Xosé Luís Barreiro, en La Voz de Galicia, un artigo que me parece fundamental para analizar o caso do xuíz Baltasar Garzón. Titulado La verdad sobre el caso Garzón, empeza dicindo que ao celebrado maxistrado “non van xulgalo por investigar os crimes do franquismo senón por terse declarado competente nese caso sabendo que non o era”. O non partir desta verdade, se cadra é o que está levando a algúns sectores da esquerda política española, a moitos estamentos da sociedade e a non poucos intelectuais e artistas –e mesmo a algún prestixioso medio de comunicación– a tomaren partido polo xuíz estrela sen parárense a pensar que as cousas sempre son máis como son que como parecen.
De non ser así, non se entendería dende logo a actuación do maxistrado Luciano Varela, que tén menos que ver coa dereita española e coa herdaza política do franquismo co propio Baltasar Garzón. Luciano Varela, antiguo amigo de Garzón e catapultador cara a fama mediática do xuíz andaluz, por terlle posto en badexa de prata a primeira denuncia levada a cabo en España por un arrepentido do narcotráfico, Ricardo Potabales, é calquera cousa menos un compañeiro de viaxe da Falanxe ou de calquera entidade, persoa ou cousa que reivindique o franquismo e menos aínda os seus noxentos e históricos crimes. Aínda que formado parcialmente e cercano durante algún tempo ao Opus Dei, Varela é un profesional progresista da Xustiza que curtiu a súa experiencia moito tempo na cidade de Pontevedra, na que sempre fecuentou amizades e modos de vida propios da cultura da esquerda e do galeguismo. Cometerían unha inxustiza de bulto ou polo menos un erro de desinformación os que agora quixesen embarcar a Luciano Varela no barco dos nostálxicos do franquismo contra a figura por antonomasia medíatica de Baltasar Garzón.
Eu comprendo a enorme frustración que representa, para todos os que aínda agora nos sentimos asoballados e humillados polos crimes da ditadura franquista, que non se leve a cabo a investigación e posterior xulgamento das barbaridades cometidas polos fascistas españois que desencadearon unha das guerras civís e posterior represión piores do século pasado, pero non se pode culpar disto á administración actual da Xustiza, senón aos poderes lexislativos que foron os que no seu día decidiron amnistiar os crimes de Franco e que nunca máis quixeron saber deles. A memoria histórica foinos arrebatada polos políticos gobernantes e non polos órganos de Xustiza, que poden seren culpables de moitas cousas pero non desta. España non fixo como Arxentina, país no que o bloque de cemento botado enriba dos crimes da ditadura militar polo goberno de Raúl Alfonsín foi logo esnaquizado polo de Néstor Kirchner co resultado de sentar no banquiño os ditadores que vivían placidamente nas súas casa de Buenos Aires ou nas súas estancias pampeanas. Os gobernantes españois pasaron a goma de borrar.
Por iso agora eu comprendo que Xosé Luís Barreiro nos lance a alerta de que “un bo xuiz desbocado non o fai mellor que un bo cabalo desbocado” e que “o caso Garzón non é máis ca o enfrontamento a morte entre dúas formas de entender a figura do xuíz: os que creen –como Varela– que o xuíz só está para instruir casos e ditar sentenzas de acordo coas leis, primando a función de xulgar correctamente sobre a de resolver os problemas da humanidade; e os que creen –como Garzón– que a xustiza é unha forma sui generis de gobernar o mundo e que, máis aló da monótona e funcionarial tarea de xulgar a presuntos delincuentes, prevaleve o intento de acabar co terrorismo, eliminar os ditadores, erradicar a coca, meter en cinto os malos Gobernos e procesar o Papa polos abusos sexuais dos curas irlandeses”.

miércoles, abril 07, 2010

Farwest pouco epopéico

Andan en Francia algo enleados coa crecente violencia manifestada pola mocidade mesmo, ás veces, no interior dos centros escolares, e xa se dan tamén no país veciño –e non só– algunhas reaccións desmedidas coma dunha xefa local de Policía que acudiu en persoa e acompañada por unha ducia de axentes ao instituto dende o que a chamou a súa filla para dicirlle que acababan de insultala.
Dame o corpo de que aquí está pasando algo aínda máis grave. O caso da rapaza de trece anos, que foi supostamente asasinada por unha compañeira de catorce na localidade toledana de Seseña, ou a reacción de violencia suscitada en Bueu porque unha xogadora de fútbol quixo celebrar a marcaxe dun gol mostrando os peitos ao público, dan moito que pensar.
E unha das cousas que suscitan é precisamente que a violencia xuvenil non é só unha cousa de machotes. Xa andan as mulleres demasiado enguedelladas en xeitos e costumes que antes parecían ser dos homes. O reto, a porfía, o desafío máis afoutado e o non medir a tempo as consecuencias rondan ás portas dos centros de ensino e non soamente nos barrios marxinais ou no lumpenproletariat. Contra todo o que nos digan os que ven a botella medio chea, algo grave nos está pasando. Será por hache ou por be, pero estamos andando cara a un farwest pouco epopéico.

martes, abril 06, 2010

O patriotismo das Caixas

Xoán Guitián, un amigo preocupado polo medio-
ambiente –e non só no tocante ás catro regras da ecoloxía– descubriu-
me unha pequena xoia xornalística que se cadra tén algo que ver cos tempos actuais. O 27 de setembro de 1913, na Habana, a revista Galicia gráfica (ano I, número 8) publicou un interesante artigo que comenta as manipulacións que se producían daquela arredor da Caixa de Aforros do Centro Galego da capital cubana. Van aló case cen anos, pero o seu texto quizais estea recuperando algunha actualidade. Dicía o que segue a continuación:

Sobre la Caja de ahorros
Los de siempre, los que han hecho granjería de la institución, esos sinecuristas a perpetuidad que han hallado el medio de acrecer sus fortunas personales con el dinero del obrero ahorrador, han empezado a moverse.
La inculpación que por el momento ha llegado a nosotros la condensa esta frase: “Atacar la Caja de Ahorros no es patriótico”.
Claro que esta frase no merece, por venir de los labios que viene (los renegados de Galicia), y por su inexactitud y por su falsedad, ni los honores de la refutación. Antipatriótico sería el silencio ante la constante dilapidación, ante la inicua explotación del capital, ante el engaño al que arrastra a nuestro paisano, con el galleguismo por señuelo.
Otro argumento que se esgrime para atemorizar a los que en la caja tienen depositadas importantes cantidades, es el cuentecito misterioso que ciertos agentes a sueldo, lobos con pieles de oveja, van dejando solapadamente en las orejas de los tímidos y de los pacatos: “Con esas campañas, descubriendo esas cosas, recelando de los directores... la Caja puede quebrar y... ¡adiós a los ahorros!
Tampoco eso es verdad.

lunes, abril 05, 2010

Tronada antieclesial ou delito clerical?

O arcebispo de Santiago, Xulián Barrio, un dos príncipes máis aggiornati da actual Igrexa católica española, sumouse o Domingo de Pascua á incondicional defensa do Papa Benedito XVI fronte ao “temporal antieclesial e anticlerical” que, segundo el, está percorrendo o mundo.
A monseñor Barrio non parece importarlle tanto o imparábel descubrimento de casos de abusos sexuais a menores, protagonizados por representantes da institución á que pertenece e dirixe, coma “cultura da morte” que, segundo di, está extendéndose a través do “odio e a violencia, as guerras e a fame, o aborto e a eutanasia, a inxustiza e a opresión”. A máxima autoridade da Igrexa católica en Galicia expresou o seu “apoio incondicional coa nosa oración ao Papa, que nesta singradura de forte temporal antieclesial e anticlerical está conducindo a barca de Pedro coa fineza espiritual, a fondura intelectual e a firmeza que lle son propias”.
Era de esperar que un alto representante desta Igrexa saíse en defensa do xefe do Vaticano, pero sorprende bastante a total ausencia de autocrítica mostrada polo prelado compostelán na súa homilía de Pascua. Con todo o que está chovendo na leira do comportamento moral de moitos curas, bispos e ata a contorna persoal do propio Papa polos casos de abusos deshonestos a menores de idade, sería case imprescindíbel que monseñor Barrio non mirase só para a trabe dos ollos alleos e reparase algo na propia. Como moi acertadamente escribiu Manuel Vicent o domingo pasado en El País, “para a Igresa católica un clérigo pederasta, que corrompe a 20 monaguillos, só é un pecador, non un delincuente propiamente dito. Se se descubre o seu vicio nefando, o xerarca superior preocupado polo escándalo que poida causar entre os fieis a súa conduta desordenada, tratará en primeiro lugar de encubrilo, logo o chamará en segredo a consulta para pregarlle con máis ou menos empeño que pida confesión e, se o caso foi moi sonado, obrigarao a cambiar de parroquia. Por moi execrábel que fose o seu pecado, se se arrepente, ficará absolto mediante unha penitencia simbólica, como poda ser un painoso e tres avemarías”.
Con actitudes así, barrendo sempre para debaixo da alfombra e lavando os trapos sucios na almofía da casa, o percorrido que lle queda a Igrexa católica non é máis ca dun ensimesmamento perigorísimo que pode contribuír moito ao alonxamento social ao que con demasiada frecuencia estana sometendo a maior parte dos seus altos dirixentes. Como facía o fundador da súa relixión, Xesucristo, deberían pensar máis nos erros cometidos por eles mesmos e xustificárense menos nas tronadas alleas.