miércoles, junio 30, 2010

Malos tempos para a heterodoxia


Europa camiña cara a degradación preocupante dalgúns valores democráticos e sociais que a foron caracterizando dende a Revolución Francesa de 1789 e o posterior desenvolvemento dos dereitos humáns. O terrorismo, a crise económica e o anterior fracaso do comunismo levárona, pouco a pouco e solapadamente, a unha deriva que empeza a ser escandalosa e que se caracteriza polo recorte sistemático dos dereitos das persoas. O punto de inflexión chegoulle co atentado das torrres xemelgas de Nova Iorke, en setembro de 2011, e, dende aquela, a cultura da vella liberdade europea –de raiz francesa, sobre todo- non parou de verse sometida a constantes limitacións. Ata o punto de que, hoxe, viaxar en avión constitúe ás veces un auténtico coñazo (especialmente no aeroporto Charles de Gaulle de París).
Dentro desa deriva, en marzo deste ano, a Unión Europea aprobou o seu Documento 7984/10 (Instrumen for compiling data and information on violent radicalisation processes) no que, coa respectábel intención de perseguir aos que inciten o odio e a violencia terroristas, aparecen algunhas indicacións dirixidas aos gobernos dos países da UE que poden dar lugar a interpretacións perversas do tema. Para empezar, case toda, por non dicir toda, a materia tratada no documento está representada por asuntos e actividades que xa están penados pola lexislación dos estados membros. A única novidade é unha preoupante confusión tendida entre os conceptos de radicalización e radicalización violenta.
O documento convida aos gobernos que forman Europa a que estean atentos ás “mensaxes de radicalización” e ata recomenda investigar os “sentimentos” das persoas que formen parte de grupos sospeitosos, mesmo incluídos “códigos de vestimenta, hixiene, alimentación, a oración, medios de comunicación, visitas” ou “familia, estado civil, fillos, amigos”. Ata o “desemprego, deterioro, pérdida dunha bolsa de estudios ou dunha axuda financeira” figuran entre as características a reseñar policialmente.
Para algúns expertos en dereitos humáns, estas directivas poden rematar en instrumentos perigosos de persecución das ideas e ata dos “estados de ánimo”. Esta nova estratexia europea de perseguir o terrorismo, dirixida, entre outros, contra “extrema esquerda ou dereita, nacionalistas, relixiosos ou antiglobalización”, pode esconder, de feito, unha cobertura legal para que calquera persoa sospeitosa de radicalización política poda ser controlada e reprimida policialmente, teña ou non vencellos co terrorismo.
Corren malos tempos para heterodoxia. Probabelmente, Marco Panella, o histórico fundador do Partido Radical italiano, ou Enma Bonino, que ocupou altos cargos nesa Unión Europea que agora quere controlalo todo, ou a mesmísima Cicciolina, rematarían nos arquivos de Europol e non digamos xa nos dos Caravinieri e da Polizia Italiana. Radical, a fin de contas, non é máis ca quen pertenece ou se relaciona cunha raíz, quen é partidario de reformas extremas, especialmente en sentido democrático. Ou sexa, que debemos ser millóns os que podemos rematar atraíndo a atención desas estratexias europeístas, tan difíciles de casar coa antiga tradición europea de respectar o dereito á intimidade e á liberdade de expresión.
O máis chocante de todo isto é que o antes progresista Zapatero rematou a súa presidencia da Unión Europea aprobando un novo documento, o 8570/10, no que se convida a Europol a favorecer “a posibilidade de xerar listas de radicalizadores ou transmisores da mensaxe radical”. E xa se sabe, empézase polas listas e ¿quen sabe onde se remata?

martes, junio 29, 2010

Medallas nun Panteón secuestrado

Realmente, non sei de que nos queixamos. Somos o que se pode chamar un país moderno, à la page. Se Francia ten ministros na corda floxa por mor das veledidades fiscais da matrona de L’Oreal, nós temos a Agustín Hernández empapelado xudicialmente  por certificar obras sen estaren feitas. Que se Obama tivo que fulminar a un dos seus xenerais máis importantes, bueno, nisto quedámonos algo curtos porque aínda non temos Exército galego propio. Porén, no que ninguén nos iguala é en termos pechado pola Igrexa Católica, Apostólica e Romana o Panteón de Galegos Ilustres.
Leva razón Guillerme Vázquez cando sostén que “Rosalía e Castelao están secuestrados, vedados ao público”, ou cando se mostra incapaz de imaxinar que “os norteamericanos non puidesen acceder ao monumento de Lincoln ou que aos franceses lles fose vedada a entrada a Les Invalides para ver a tumba de Napoleón”.
En Francia, por exemplo, hai moitos anos que as igrexas e os templos son propiedade do Estado. Aquí, San Domingos de Bonaval, onde está o Panteón de Galegos Iustres, foille devolto á Igrexa despois de pasar cen anos en poder da administración pública. A consecuencia é a que é: que o Panteón está pechado ao público. Ou Feijóo fai algo inmediatamente por resolver este contrasentido ou pasará á historia como o último enterrador de Castelao e de Rosalía, por moitas medallas que agora entregue co seu nome. E todo isto, en Ano Santo. Para máis inri.

lunes, junio 28, 2010

Le Monde non se españoliza


Un homosexual, un play-boy e un pai de familia van ser os novos amos de Le Monde. A oferta presentada conxuntamente por Pierre Bergé, Xavier Niel e Matthieu Pigasse foi maioritariamente elixida polas sociedades de redactores e empregados do xornal francés de referencia, que deixaron fóra a alternativa na que participaba a empresa española Prisa, editora de El País, comandada polo patrón de Le Nouvel Observateur, Claude Perdriel. A decisión final tomarase hoxe en París.
Foi o propio Pierre Bergé, personaxe moi coñecido na cultura, a moda e actividade empresarial francesas, quen se expresou aludindo ás caraterísticas persoais dos tres participantes da alternativa presentada para facerse co control ecnómico de Le Monde. Bergé, en efecto, foi compañeiro sentimental do modisto Yves Saint-Laurent, do que tamén foi socio empresarial. Convertido en mecenas do socialismo francés dende hai tempo, apoiou a François Mitterand e a Ségolène Royal nas súas campañas electorais á presidencia da República Francesa, e financiou boa parte das actividades públicas levadas a cabo polas fundacións de Danielle Mitterand.
Xavier Niel pasou en pouco tempo de empresario emerxente no mundo da informática a representar a fortuna número doce de Francia, con 2.680 millóns de euros. O seu gran éxito é a empresa proevedera de acceso a Internet denominada Free. Coma Bergé, Niel móvese no campo político do socialismo francés.
Pola súa parte, Matthieu Pigasse, pai de tres fillos, desempeñou altos cargos na administración socialista de Dominique Strauss-Kahn e Laurent Fabius. É codirector xeral delegado e vicepresidente para Europa da Banca Lazard e propietario e presidente do magasín Les Inrockkuptibles.
A alianza destes tres grandes empren-
dedores franceses deixou fóra de combate a alternativa presen-
tada polo patrón de Le Nouvel Observateur, Claude Perdriel, en compañía da empresa francesa Orange e da española Prisa. Polo menos iso é que decidiron por inmensa maioría os xornalistas e empregados de Le Monde, en contra tamén dos desexos do presidente Nicolas Sarkossy, que ultimamente moveu algunha peza tentando favorecer a alternativa encabezada por Claude Perdriel.

viernes, junio 25, 2010

Os que maman da teta pública


O presidente da Xunta non para de dicir que hai que aforrar, que andamos en época de vacas fracas e cómpre apretármonos todos o cinto. O falar non ten cancelas e a lingua de trapo está demasiadas veces presente na práctica dos políticos. Porque, miren por onde van os tiros, a Xunta asinou o pasado 17 de marzo un acordo concedéndolle 12.000 euros á Fundación Jorge Jove para realizar “unha publicación en formato de libro, de todas as normas aplicables para os concursos de elegancia, autenticidade e conservación de vehículos históricos”.
Dase a circunstancia curiosa de que a Fundación Jorge Jove depende do millonario coruñés Ángel Jove, propietario do grupo Anjoca. Tamén resulta que os que poseen, compran, venden, conservan e participan nos concursos de elegancia de vehículos históricos, non son precisamente os mileuristas nin os que dependen dalgunha renda de inserción social nin están las listas de espera do Sergas. ¿Non daría xuntado a familia Jove abondos cartos para pagar a edición dun best seller coma este? ¿Teñen que ser sempre os ricos os que máis maman da teta dos cartos públicos? Se Castelao erguera a cabeza, volvería a poñerse a debuxar inmediatamente. A Jove e a Feijóo seguramente non lles poñería sombreiro de levita, senón unha caixa rexistradora na cabeza.

miércoles, junio 23, 2010

Un milico mal falado


Zapatero fai o que lle mandan Obama e outros mandatarios do mundo. ¿Facerá Obama o que lle impoñen os seus militares? Ergo, ¿Zapatero pode estar ás ordes dos milicos norteamericanos? Verase hoxe se o presidente de Estados Unidos se atreve a cesar ao xeneral Stanley Machrystal, xefe das tropas da OTAN en Kabul (Afganistán) polas súas desconcertantes declaracións ao xornalista Michael Hasting, publicadas pola prestixiosa revista Rolling Stone.
MacChrystal, un milico moi eficiente que prefire beber cervexa mala a viño de Burdeos, malfalado e prepotente, fixo parte destas declaracións cando estaba “tomado polo alcohol” durante unha viaxe en coche de París a Berlín porque as cinzas do volcán islandés non lle permitiron a viaxe en avión. Segundo di agora o xornalista de Rolling Stones, “non pararon de beber en todo o camiño”.
O caso foi que o xeneral MacChrystal despachouse a gusto falando mal do vicepresidente de Estados Unidos, Joe Biden (“¿Quen é ese?, repreguntoulle ao xornalista), de Richard Holbrooke, enviado especial de Barak Obama en Afganistán e Pakistán, do embaixador norteamericano en Kabul, Karl Eikenberry, e mesmo do propio presidente Obama.
Aínda que, segundo publicaron a CNN e o semanario Time, MacChristal presentou a dimisión por escrito, logo de recoñecer que todo o ocorrido “nunca debeu producirse”, non está claro que o xeneral norteamericano vaia ser reempradao. Barak Obama chamouno a capítulo a Washington, onde hoxe comparece diante do presidente para render contas.
A min, en algo se me parecen este milico norteamericano e os xogadores da selección francesa que tanta escandaleira montaron en Sudáfrica.

martes, junio 22, 2010

Quousque tandem, Steve Jobs, patientia nostra?


Estou empeñado en comprar un iPad 3G, e non hai maneira. Quero compralo, ademais, no Apple Center que ten a marca en Santiago por unha sinxela razón: Teresa e Ánxel sempre me atenderon ben, resolvéronme toda a vida os poucos problemas que lles plantexei e, sobre todo, sosteñen postos de traballo e crean riqueza en Galicia. Négome rotundamente, polo tanto, a regalarlle a Apple as plusvalías de mercarlle directamente por teléfono ou a través da súa weeb.
A multinacional de Steve Jobs, porén, estame a por as cousas difíciles. Comprendo o seu mercadeo (marketing) de ir vendendo a penicilina pinguiña a pinguiña. A fascinación polo produto súbelle así a tensión, pero non se estarán equivocando? O iPad é, sen dúbida, o último gran invento da multinacional norteamericana máis imaxinativa, creadora e consecuente, entre outras razóns, porque a súa competencia andou sempre e anda agora nas patacas, que é como dicimos no meu pobo que un está a velas vir, pero quizais os seus inventores non deberían deixar pasar o tempo necesario para que a súa agora emocionada clientela se decate de que o Ipad pouco máis é ca un iPhone aumentado de tamaño.
En calquera caso, unha casa tan seria coma que puxo en circulación o sistema operativo máis intelixente de todos os que andan polo mercado internacional non debería resistir durante demasiado tempo a tentación de facerse desexar eternamente. Ser Mac aínda segue sendo un valor engadido, pero xa empeza a selo non tanto polo mérito de Apple como pola sonnolencia dos seus competidores. Ata cando vai durar o monopolio de Steve Jobs?

lunes, junio 21, 2010

Comerciantes bling-bling dun deporte que perde crédito


Menos mal que non son francés nin moi afeccionado ao fútbol. De ser algunhas desas cousas e, sobre todo, se coincidiran en min as dúas condicións, seguramente estaría agora ao borde do infarto. Os escandaloso proceder de Nicolas Anelka, o dubidoso comportamento do entrenador Raymond Domebech e case todo o que arrodea a selección francesa de fútbol no Mundial de Sudáfrica parece tirado dun vodevil de terceira, como hoxe apunta o xornal Liberation no seu pronunciamento editorial.
Se o espectáculo de Anelka chamándolle "porco fillo de puta" ao seu entrenador e dicíndolle que fose "tomar polo cú", sobranceou con creces o pior comportamento moral que se pode dar nun personaxe público como é o dianteiro do Chelsea, tamén deixan moito que desexar as maneiras do entrenador da selección á que perteneceu o futbolista bocazas –da que xa foi expulsado–, os xeitos dos directivos desa federación e outras persoas e medios relacionados co fútbol francés.
O xornal Libération, nun editorial titulado Vaudeville, expresa hoxe unha posición moi crítica sobre toda esta pantalonnade (bufonada). “Esta crise do fútbol francés –escribe Paul Quinio nese editorial– simboliza o cinismo que leva consigo a época. Cinismo do diñeiro rei, que volve tola xente, autoriza todos os excesos, afasta, corrompe. Os comunicadores véndennos a ilusión de xogadores portadores de valores colectivos. Son maquillados como educadores para os rapaces en non poucas referencias. Son en realidade comerciantes bling-bling dun deporte que onte perdeu en Francia moito do seu crédito”.
Eefectivamente, as trapalladas do fútbol de alta competición xa constitúen unha das máis perversas deformacións da sociedade actual na súa época de crise. Todo o entramado de cracks pagados moi por riba dos premios Nobel, directivos corruptos, medios de comunicación e xornalistas conniventes, co espectáculo conseguinte de noivas, amantes, familiares e toda unha troupe de paniaguados, está facendo da competición futbolística internacional algo que se pon moi lonxe do que no seu día concebiron Pierre de Coubertin e outros pedagogos do deporte.
Mal exemplo o que nos está a chegar dende Sudáfrica. E menos mal que da selección española aínda non se di máis ca que está xogando mal e que Casillas segue ennoivado con Sara Carbonero.

sábado, junio 19, 2010

Porcalladas do fútbol

Nunca entenderei o deprimente espectáculo que presentan certas manifesta-
cións do fútbol comercial dos nosos tempos, con figuras perversamente pagadas a prezos de diamante e comportamentos públicos e privados fóra de calquera mínimo moral. O último exemplo acaba de dalo o xogador da selección francesa no Mundial de Sudáfrica Nicolas Anelka, espetándolle na cara ao seu entrenador, Raymond Domenech, a seguinte frase insultante: “Va te faire enculer, sale fils de pute!” (Que che dean polo cú, porco fillo de puta).
Acaba de contalo o xornal deportivo francés L’Equipe na súa primeira páxina. Pola metade do partido que perdeu Francia (0-2) contra México, Domenech aínda non pensa en reemprazar a Anelka senón en obrigalo a que permaneza máis na punta. O xogador rebótase e o entrenador toma sobre a marcha a decisión de substituílo. “Ok, ti vas para fóra”, dille. E daquela Anelka prántalle cara a Domenech e dille. “Va te la faire enculer, sale fils de pute!”. Inmediatamente, foi reemprazado por André-Pierre Gignac para xogar no segundo tempo.
Christian Teinturier, vicepresidente da Federación Francesa de Fútbol, xa dixo que Anelka “debería ser expulsado de inmediato ou excusarse, e non podía reaparecer como se nada coa camiseta do equipo de Francia”. Michel Hidalgo, ex entrenador da selección francesa, tamén se pronunciou radicalmente: “O insulto de Anelka é desprezábel. Nunca máis debe poñer a camiseta do equipo de Francia. Na miña opinión, non o levará nunca máis. As súas manifestacións son consternadoras”.
O dito, que no fútbol millonario hai demasiados merdáns que desprezan as máis elementais regras da convivencia. Ananos mentais caprichosos que pensan que son os reis do mambo. O caso de Anelka, desgrazadamente, non é único. Vaia exemplo para os millóns de persoas que seguen o fútbol en todo o mundo.

Anne-Marie Thiesse en El Mundo


Anne-Marie Thiesse, autora de La creación de las identidades nacionales, recentemente publicada por Ézaro Ediciones, ocupa hoxe as páxinas 24 e 25 de El Mundo nunha entrevista que lle fai Rubén Amón, correspondente en París do xornal que dirixe Pedro J Ramírez. “O nacionalismo é unha reacción ao medo e non pode servir como resposta de futuro”, titula o periódico.
“O problema de Europa –di a directora de Investigación do Centro Nacional da Investigación Científica (CNRS) de París– é que non ten unha estrutura político-cidadá común… A cuestión da identidade europea non se plantexou na orixe do proxecto, nin durante a Europa dos seis, nin no decurso da Europa dos 15. Xurdiu despois da última gran ampliación, cando se integraron os países do Telón de Aceiro. Europa construírase a través dos valores ideolóxicos. Había unha visión da democracia e do libre mercado, pero a inclusión dos antigos países comunistas introduciu a reflexión da identidade. Podemos chegar á conclusión de que non existe a identidade europea”.
Coñezo ben o libro de Thiesse, porque me tocou traducilo, e sei que nel hai abondantes e interesantísimas reflexións e un derroche de información sobre o tema das identidades nacionais. Na entrevista de El Mundo, que non atopo na edición dixital do xornal madrileño e sigo, polo tanto, a de papel, Anne-Marie Thiesse tamén di que “os espazos políticos non corresponden á estrutura económica e financeira, pero ademais a idea de progreso técnico e material tense acompañado de aspectos positivos, coma esperanza de vida, e de aspectos negativos, como a amenaza ao medioambiente. O progreso ten un lado desastroso. Por iso hai que repensalo. Non a escala nacional, senón a escala internacional. É onde ten sentido Europa, especialmente no canto do que ten que ver coa representación política, a representación filosófica, a representación da sociedade mesma”.
A autora de La creación de las identidades nacionales, na entrevista de El Mundo, igual ca no libro, fai varias referencias a España. “O caso de Cataluña –indica– arráigase nunha desconfianza cara o estado central, ao que consideran retrasado e pouco operante. Todas as comunidades escriben a súa historia con xeometría variábel, constrúense, reconstrúense”. Thiesse tamén volve sobre a súa metáfora, de éxito internacional, do “sistema Ikea de construcción das identidades nacionais, que permite montaxes diferentes a partir das mesmas categorías elementais (e) pertenece actualmente ao dominio público mundial”. “Para que unha nación sexa digna de tal distinción –engade a autora– precisa facer bricolaxe cunha historia vencellada á continuidade dos remotos ancestros, un catálogo de heroes, unha lingua, uns monumentos, un folklore, un himno, unha bandeira, uns bailes e ata identificacións pintorescas cun animal, un plato típico, unha indumentaria”.

viernes, junio 18, 2010

Saramago

Estaba esperando a que me atendera a miña médica de cabeceira no Centro de Saúde de Bertamiráns e mataba o tempo co iPhone lendo algún periódico. Entrei en El País e recibín a mala noticia. Finou José Saramago, o home amigo e o escritor comunista que se atreveu a pedirlle contas a Deus. Aló vai un dos intelectuais máis íntegros e coherentes da Europa dos nosos tempos. A jangada de pedra levóunolo dende o seu Lanzarote de adopción. Descanse en paz.
Tiven a sorte de tratalo e de estar na súa casa de Lisboa moitas veces. Levoume onda el Pilar del Río, a andaluza que foi compañeira fidel do novelista e ensaísta portugués. Por iso sei ben que Saramago era unha excelente persoa e un cidadán exemplar. Débolles aos dous favores importantes que a Saramago xa non llos poderei pagar ata que me reencontre con el na outra vida. Cando unha persoa morre, o corazón das demais sempre se entristece. Moito máis aínda cando esa persoa é querida e admirada polos que quedamos. Salut, camarade! We sahll overcome!

Italia



Un anónimo comuni-
cante escríbeme a seguinte plaisan-
terie que lle agradezo moito: “Come me piace il Signore Conte quando anda alla mia Italia. Sembla un uccello, un uccellino felice”. Non sei se será un italiano(a) de verdade ou un de chanza, pero teño que dicirlle que acertou. Efectivamente, eu síntome en Italia (especialmente en Roma, nas Eolias e en Sicilia) un paxariño feliz. Case un animaliño dos que lle gustaban tanto a San Francisco de Asís.
Di FranciscoVázquez, embaixador de España ante a Santa Sede, que Roma é unha cidade-enciclopedia, unha enciclopedia de pedra, na que un alcanza a comprender as nosas orixes, e ten razón. Pero Italia é moitísimo máis ca Roma en si mesma. A Toscana (“cinguinda polo seu teatro de cotarelos recolle as súas cosechas de trigo, aceite e viño, en salta en plenitude á vida sorrinte, co corno da abundancia”, Byron dixit), ese marabilloso país que tanto amaron os viaxeiros internacionais ata quedárense nel a vivir: Florencia, Luca, Siena, Pisa, Pistoia, San Gimignano, Moltalcino, Montepulciano… Toscana é a quintaesencia de Italia. E a súa veciña Umbría, con Perugia, Ancona, Asís, Orvieto… ¡Ai, quen puidera revisitar máis a miúdo a Piero della Francesca, o gran pintor que tanto emocionaba a Cunqueiro!
A diversa e inconmesurábel Italia co seu Mediterráneo siciliano e calabrés: o archipélago das Eolias, Palermo, Cefalú, Lípari, Trapani, Messina, Catania, Siracusa, Reggio di Calabria. A súa surreal Venecia, abafada polos turistas. Terra de santos e de bandidos pola que aínda vagan os pastores. Aínda hai neles “algo que non é deste mundo”, dixo Norman Douglas. O mar italiano, coa súa espléndida luz mediterránea. A gastronomía, a xente. Os italianos, cun sentimento menos tráxico da vida ca nós, ás veces, poden amargarlle a un a existencia, pero normalmente esfórzanse enormemente por adozarlla.
Italia, aínda con Berlusconi dentro, ese Berlusconao do carallo, como me dixo o outro día un taxista romano, é a terra na que o milagre de vivir aínda segue sendo unha arte.

miércoles, junio 16, 2010

Cara atrás coma o cangrexo

Acabo de pasar unha semana en Roma e de vivir, polo tanto, coas vantaxes e os atrancos que presenta a que para min é –con París, Nova Iork e algunhas máis– unha das máis belas e interesantes cidades do mundo. En tan poucos días padecín as consecuencias dunha folga dos traballadores do Metro e dos camiños de ferro e a abafante calor húmida da Cidade Eterna, pero tamén gocei das delicias de xantar no Trastevere (que spaghueti en Alle Fratte di Trastevere) e preto da Piazza di Spagna (que pappardelle al cinghiale en casa Mario). A crise obrigoume a non probar esta vez o Brunello de Montalcino, para min e para Paco Vázquez un dos mellores viños do mundo, anda polos 40 euros a botella, pero subsituíno por un Rosso de Montalcino, que tampouco está nada mal.
E, xa de volta á casiña, chez nous, como din os gabachos, vaia panorama. Polo visto, hoxe Zapatero vai pegarlle o seu machadazo ao mundo laboral cunha reforma que pode volver a situarnos na punta do rabo das relacións laborais de Europa. Sigo sen entender como o socialdemócrata que nos quitou da guerra de Irak e que levou a cabo algunhas reformas sociais e culturais importantes pode agora baixar os pantalóns ata mostrar as súa partes pudendas ante a cada vez máis abafante ditadura do capital internacional.
Dame inmensa pena camiñar cara a fin da miña vida vendo que imos para atrás coma o cangrexo. Nacín no 43, formeime intelectual e laboralmente durante o franquismo, desenvolvinme coa democracia e non agardaba este dramático fin de festa que nos deparan os intereses dun capitalismo salvaxe que puido campar ás súas anchas despois da caída do comunismo. Non quero ser un nostálxico, pero a poeira que agora nos deixa sen osíxeno ven das lamas que nos fixo pisar o crack do socialismo real.
Falaba eu estes días en Roma cunha alta autoridade da Igrexa Católica, o ministro xeral dos Franciscanos, o galego Fracisco Rodríguez Carballo, e diciame: “As cousas non marchan ben. As diferencias entre ricos e pobres, en vez de iren a menos, cada vez son máis grandes. O pobre é cada vez máis pobre e o rico cada vez é máis rico”. Que inmensa razón ten.
Hai moitos anos que me abandonou a fe cristiana. Ou quizais fun eu o que a abandonou a ela. Son un agnóstico. Non un ateo. Pero a desgarradora evolución social e económica do mundo estame facendo virar os ollos e os oídos cara a unha parte da Igrexa que algunha vez foi a miña. Dende logo, sei ben que aínda me queda moito que falar e moitas cousas que compartir con determinados representantes desta organización eclesiática. ¿E que me teñen que contar os banqueiros, os especuladores, os que teñen a tixola polo mango e o mango tamén? Nada que non resulte tóxico para a miña saúde intelectual, moral e, sobre todo, social. Lembro o difícil diálogo Igrexa-Estado dos tempos do cardeal Tarancón, a Rerum Novarum de León XIII e a Pacem in terris e a Mater et Magistra de Xoán XXIII, e magóame que a dotrina social da Igrexa tamén sexa arrasada polo vendaval do liberalismo económico do noso tempo, que deixou curtas as frivolidades da Escola de Chicago.
En fin, que, sen Marx, sen Lenin, sen Rosa Luxemburgo, aínda imos ter que volver a refuxiarnos outra vez espiritualmente no home que morreu na cruz. Dende logo, do que xa non esperamos nada bo é de Zapatero. Polo menos Sarkosy pasa a idade de xubilación de 60 a 62 anos, e non de 65 a 67 coma aquí.

domingo, junio 13, 2010

Chávez e Hillary Clinton

Nun mundo caracterizado por gobernantes e políticos que se entregan de pés e mans á ditadura do capital, con razón ou sen ela, a min parécenme refrescantes unha boa parte das comparecencias públicas do presidente de Venezuela, Hugo Chávez. Concretamente, neste caso, a do mércores pasado para fustigar á secretaria de Estado de Estados Unidos, Hillary Clinton, por unhas declaracións efectuadas en Ecuador sobre Venezuela.
Quen queira velas pode premer aquí, e polo menos produciranlle un sorriso.

O Papa pediu perdón pola pederastia

Pasei en Roma a semana que acaba de rematar. Andei moito polo Varticano, pero tamén por outros sitios da cidade eternamente belida, interesante e fascinante. O venres pasado, co Metro e os camiños de ferro en folga, presenciei o impresionate espectáculo que representou a presenza do Papa Benedito XVI diante de 15.000 relixiosos chegados de case todo o mundo para celebrar o acto final do Ano Sacerdotal. A praza de San Pedro estaba case chea de xente. Facía un calor típico da capital de Italia, cargado de humidade, e resultaba curioso escoitar falar aos curas, cardenais, arcebispos, bispos e monxas nunha boa parte das linguas d mundo.
O día anterior, pola noite, xa tivera ocasión de presenciar algo parecido durante a celebración dunha vixía, tamén presidida polo Papa, na que me chamaron a atención algunhas esceas felinianas protagonizadas por arcebispos mezclados con curas e monxas comendo ás doce da noite o insoportábel bocadillo que lles despachaba un dos vendedores ambulantes que fixo o agosto ao remate do acto.
Na homilía pronunciada por Benedito XVI o venres, chamoume poderosamente a atención que por fin á máxima autoridade da Igrexa Católica se pronunciase contundentemente sobre a pederastia eclesial pedindo perdón polos pecados cometidos neste sentido. “Pedímoslle insistentemente perdón a Deus e ás persoas afectadas, e queremos prometerlles que faremos todo o posíbel para que un abuso coma este non volva a suceder nunca”, dixo Joseph Ratzinger no medio dos aplausos de milleiros de curas e monxas que se defendían do sol con sombreiros e paraugas do máis diverso corido.

lunes, junio 07, 2010

Ricardo Gurriarán e os seus 68


Hoxe voume a Roma e non volvo ata o sábado que vén. Case seguro que estarei, polo tanto, toda esta semana sen publicar nada neste blog. Este incordio das compañias low-cost de cobrar máis por levar unha maleta que polo propio asento do pasaxeiro, faime volver aos meus anos mozos e viaxar lixeiro de equipaxe, cun macuto parecido ao que me acompañou hai 40 anos percorrrendo toda Europa en auto-stop. Fóra portatil, plo tanto, á espera de que me chegue o Ipad.
Pero, antes de irme, quero falar de algo que me interesou moito. Os dous libros publicados por Ricardo Gurriarán sobre o movemento estudiantil galego do ano 1968, Inmunda escoria e 1968 en Compostela testemuños. A min o primeiro paréceme un libro fundamental, de auténtica referencia. Lonxe do edulcoramento e ás veces alleamento que pode caracterizar algunha vez parte da historiografía galega, Gurriarán conta neste libro a batalla do 68 comprometéndose seriamente co que lle contan as súas diversas fontes informativas, que el debullou con paciencia de palilleira. Aínda que só fose por este volume, que no o é porque Gurriarán xa demostrara antes a súa valía historiadora, o autor de Inmunda escoria gañou sobradamente un posto de honra na bibliografía galega, sobre todo polo esforzo investigador que demostra neste libro.
O outro, 1968 testemuños, ten tamén a súa importancia. É un libro colectivo no que escribimos dazaseis sobreviventes daquela emocionante e esperanzada aventura que foron as revoltas estudiantís do ano 1968. Como obra testemuñal tamén ten o seu aquel.
Á volta de Roma falamos outra vez. Arrivederci!

jueves, junio 03, 2010

¿Controlará El País a maioría de Le Monde?

O grupo editorial francés Le Monde, que comprende o xornal de referencia dese nome, o seu site Internet, as revistas La Vie, Télérama e Courrier international, ademais de Le Monde diplomatique e Le Monde Imprimerie, pasará a ter unha nova maioría accionarial o 14 de xuño, data na que se tomará a decisión sobre cal será o inversor ou inversores aceptados. O grupo español que edita o xornal El País, é dicir, Prisa, está entre os aspirantes a tomar esa maioría en Le Monde.
Segundo acaba de explicar o actual presidente do Directorio, Éric Fottorino, “Le Monde debía sanear o seu balance e reforzar os fondos propios para facer fronte a gastos financeiros importantes que a crise aguda do mercado publicitario agravou moi rapidamente. Le Monde sufriu logo tensións sobre a súa tesoureria, que o levaron no ano pasado a contraer un préstamo bancario de 25 millóns de euros, empeñado con Télérama e condicionado polos nosos prestamistas –a BNP, en primeiro lugar– á posta en marcha dunha recapitalización”.
Esta opración financeira resulta, ademais, necesaria –segundo Fottorino, que acaba de publicar esta explicación nas páxinas do xornal– porque “o grupo emitiu en 2005 obrigacións reembolsábeis en accións por un monto de 69 millóns de euros, que deberá reembolsar aos seus detentadores (Publicis, La Stampa, BNP, entre os pcincipais) segundo certas condicións especiais, ou transformalas en capital, unha parte no 2012 e outra no 2014”.
Esta non é a primeira vez que Le Monde atravesa momentos difíciles. O xornal fundado en 1944 por Hubert Beuve-Mery, por encargo do xeneral Charles Degaulle, padeceu grandes dificultades financeiras en 1980 e 1990 e foi deixando atrás o seu pasado autoxetionario que o levou a por en marcha, en 1951, a primeira sociedade de radactores que chegou a ter un poder real sobre a marcha dun periódico. Dende 1968, ese control foi exercido por unha sociedade de empregados e outra de cadros dirixentes, pero os asalariados seguiron ocupando un lugar principal na xestión. Xa en 1994, a cousa empezou a cambiar coa conversión da empresa nunha sociedade anónima e a posta en marcha dun Directorio e un consello de vixianza.
No ano 2003, a aparición dun libro escrito por dous ex xornalistas do periódico, Pierre Péan e Philippe Cohen, titulado La face cachée du Monde (A cara oculta de Le Monde), abriu unha ampla polémica sobre a orientación do xornal francés máis influínte no mundo enteiro. Acusaba aos daquela presidente, Jean-Marie Colombani, e director da Redacción, Edwy Plenel, de conduta parcial e de involucrárense en amaños financeiros que comprometían a independencia de Le Monde.  A Plenel tamén lle reprochaban que cobrase un moi alto salario (26.000 euros ao mes) no momento en que o grupo editorial parisino rexistraba perdas por 25 millóns de euros.
O caso é que o famoso xornal de centro-esquerda (mantivo fortes enfrontamentos con Mitterand, pero pediu o voto para Ségolène Royal) está a piques de rematar no mercado globalizado do capital. Ademais da española Prisa, aspiran a facerse coa súa maioría o grupo francés Le Nouvel Observateur (editor do semanario do mesmo nome), varios banqueiros, algún operador de Internet como Xavier Niel (fundador de Free), o grupo suizo Ringier (editor do diario Le Temps de Xenebra) e unha sociedade estranxeira que aínda non quixo darse a coñecer.
¿Cal será, logo, futuro de Le Monde? Éric Fottorino xa marcou severas condicións de orde editorial: “Conseguir a garantía de que o novo accionista non intervirá nin de preto nin de lonxe nos contidos dos nosos títulos, nun período no que o vencemento presidencial do 2012 xa ocupa as mentes. O valor dos nosos contidos, a súa credibilidade, está directamente en fucnión da liberdade permitida ás redaccións para traballar, fóra de toda sospeita de influencia”. Non está mal omo declaración de principios, pero un investimento tan forte como que hai que facer para comprar a maioría de Le Monde ¿vaino facer alguén sen intervir “nin de preto nin de lonxe” nos contidos do famoso xornal francés? Oxalá.

martes, junio 01, 2010

Israel debe respectar a reglas

Se algo lle faltaba a Israel para que se poda pensar que unha parte dos xudeus xa se pasaron de vítimas a verdugos, era a inxustfi-
cábel actuación militar que acaban de protagonizar ao longo de Gaza. Abordando a tiros e matando a case unha vintena de militantes humanitarios, o goberno e o Exército de Tel-Avic colocáronse fóra de toda lei e caeron no uso da máis condenábel forza bruta en augas internacionais. Esta vez ata a súa propia prensa critica a noxenta operación militar levada a cabo.
Que o Exército máis poderoso da rexión se prodigase disparando ata rematar coa vida de tanta xente inocente resulta, en si mesmo, abracadabrante. Pero non se presenta menos irracional, mesmo patética, a explicación que tentaron dar as fontes gobernamentais de Tel-Avic mintindo para acusar aos turcos de cometeren accións ilícitas, como se ilícito e ilegal non fora o embargo a que someten eles a Gaza. O Estado hebreo colócase por riba do dereito internacional e menospreza e irrespecta continuamente as súas reglas máis elementais.
Como escribe hoxe François Sergent en Libération de París, “se Israel entende que pertenece ao concerto das nacións, debe respectar as reglas. A comunidade internacional, se fose preciso, debe impoñerllas mesmo mediante sancións. Israel non pode seguir beneficiándose dunha impunidade, sustentada por Occidente, Estados Unidos en primeiro lugar, e utilizada no conxunto do mundo arabo-musulmán. Hai que facer unha investigación independente, e Israel deberá aceptar as súas conclusións. Algo que refusou despois do informe Goldstone sobre a guerra de Gaza. A seguridade do Estado hebreo non pasa por un uso masivo da súa forza, senón polo respecto das obrigacións internacionais comúns a todos os países. Israel debe ser un Estado coma os outros”.