lunes, agosto 30, 2010

Eche unha estafa

Remata o verán. Inevitabelmente volvemos ás nosas vidas de sempre. “Les sanglots longs des violons de l’autonne blessent mon coeur d’une langueur monotone” . Eche unha estafa, como lle gustaba dicir ao pai de Carlos Reigosa, que nos levou comer a Xan López Rico, a Belén a min ou outro día ao Chao do Pousadoiro (Lugo).
¿E que hai nesta rentrée galega? Faits divers polo de agora, e pouco máis. Galicia é neste momento un inmenso mapa de sucesos con persoas desparecidas, algunhas que volven a aparecer, preocupantes feitos mafiosos coma os relacionados coa prostitución en Lugo, incendios forestais, accidentes de tráfico, etc. Non sei que fai Santiago Rey que non pon en marcha inmediatamente a resurrección de El Caso cunha boa subvención da Xunta.
Politicamente agora mesmo somos un auténtico ermo. Nin á dereita nin á esquerda, nin no goberno nin na oposición, está cultivándose nada novo. Os medios de comunicación vexetan nunha leira abonada polo esterco do conformismo, os intelectuais –¿haberaos?– botan a siesta dende hai moito tempo e o país deriva como nunca cara ao impaís que sempre remata sendo.
Ou moito me equivoco ou os saloucos longos dos violíns do outono van ferir os nosos corazóns cunha lánguida monotonía durante moito tempo, con permiso de Paul Verlaine.

miércoles, agosto 25, 2010

Sentidiño

María Emilia Casas, presidenta do Tribunal Constitucional, regresou ao seu Monforte natal para dicir que “en Galicia hai un sentido común xeneralizado”. Volver á terra cando hai festa nela se cadra leva a estas idílicas observacións, que sen dúbida teñen pouco que ver coa realidade política actual.
Sentidiño, sentidiño non parece que haxa tanto. Abonda escoitar o que dixo o presidente Feijóo sobre os incendios para decatarse de que o noso seny non anda tan xeneralizado. “O operativo deste ano está sendo un operativo cun funcionamento óptimo”. Que llo pregunten aos familiares dos dous brigadistas que morreron abrasados en Fornelos de Montes (Pontevedra). O falar non ten cancelas, e aquí o único óptimo é precisamente a falta de sentido.

lunes, agosto 23, 2010

Medo ao monte

En menos de quince días, dous paisanos galegos presentados pola Garda Civil como presuntos incendiarios do monte foron inmediatamente postos en liberdade sen cargos polas autoridades xudiciais competentes. Algo está a fallar na xa de por si moi difícil investigación da queima dos nosos montes que conleva, ás veces, consecuencias tan dramáticas coma morte de dous traballadores afectados pola loita contra eses incendios (caso de Fornelos).
A Garda Civil e calquera outra forza pública comprometida na investigación dos comportamentos delictuais merecen o apoio social e político por todos e por cada un dos seus esforzos por erradicar unha praga tan perniciosa como é a destrucción da nosa natureza e a perda de vidas humanas, pero tamén hai que empezar a ter en conta que non todo vale para combatir esa praga.
Antes de deter a unha persoa e de agotar o prazos máximos da súa presentación ante un xuíz, deberían os membros das forzas públicas preocupárense moito de reunir probas ou polo menos indicios suficientes para que a autoridade xudicial competente poda adiantar contra os detidos as medidas que corresponde aplicar contra os presuntos delincuentes. De non ser así, córrese o perigo de someter a persoas inocentes a situacións públicas que poden comprometer seriamente a súa consideración diante das comunidades nas que conviven e habitan. O vello e imprescindíbel concepto democrático de que vale máis ter un culpábel libre que un inocente preso debería ser rigurosamente aplicado nos casos nos que os afectados son xentes do común, que nin coñecen ás veces os dereitos que lles corresponden nin dispoñen de medios sobrados para pagaren avogados que saiban defender integramente os seus intereses.
Segundo se viu estes días nas declaracións feitas por distintas persoas que viven no rural, xa hai a quen lle dá medo andar só polo monte nos días en que pode haber incendios polo perigo que poda derivarse de que lle atribúan a orixe dalgún lume. Casos coma os do paisano de Boiro e agora o de Fornelos de Montes poden rematar convertendo en pánico ese medo. Ou resucitando a vella desconfianza histórica do país.

viernes, agosto 20, 2010

Bocazas con orquestra

Fíxense ben na cara deste individuo (chamarlle cidadán ofendería os principios da Revolución Francesa). É vocalista da orquestra Olympus e faise chamar “artísticamente” Peke. Cando o colectivo Panteras Rosas Galiza esixiu que o seu grupo musical “erradique os valores discriminatorios nos espectáculos das festas populares de Galiza” porque “se nutre de valores e bromas discriminatorias contra as mulleres, contra o colectivo homosexual e transexual e ultimamente tamén de carácter racista”, este portento da mala educación non se lle ocorreu mellor cousa que contestar que “empiezo a estar hasta los mismísimos cojones de tanto subnormal, de tanto sinvergüenza y de tanto paleto asqueroso que va por la vida intentando joderme”.
Por se iso fose pouco, e segundo publica hoxe Xornal, tamén engadiu: “Quiero darle el número de teléfono de un centro de dedficientes mentales para que se matricule el próximo curso”. E aínda máis: “Si es un tío quiero y deseo que le den por el culo, y si es una tía me gustaría darle unha patada en la cona”. A súa impresentábel perorata rematou dicindo: “Y ahora que venga alguien a decirme que que no tengo educación, porque me cago en sus muertos”.
Para que o asunto resulte aínda máis esperpéntico, a orquestra Olympus, na que traballa este estafalario machista, é unha das contratadas polo Xacobeo para actuar no Festival Internacional de Orquestras, que terá lugar en Cea (Ourense) no mes de setembro. ¿Que fai o goberno de Feijóo non pondo a distancia necesaria cunha orquestra que ten representantes coma Peke? ¿Non vai actuar de oficio a Fiscalía polas ameazas e as manifestacións supostamente xenófobas e sexistas deste bocazas?

Eva Joly

Interésame especialmente o caso de Eva Joly, probabelmente a próxima candidata dos Verts e Europe Écologie ás elecións presidenciais francesas do 2012. De entrada, pola súa interesantísima personalidade, pero tamén pola esperanzadora alternativa que parecen estar refundando os verdes de Cécile Duflot e a Europe Ecologie de Daniel Cohn-Bendit, líder que está empezando a artellar a súa retirada.
Eva Joly, descendente de campesiños noruegueses, naceu en Oslo en 1943. É da miña quinta. De moi nova traballou en diversos oficios. Emigrou a París cando tiña 16 anos e alí gañou a vida como puido (facendo de au-pair, de secretaria, etc.) antes de de conseguir unha praza de xuíza na que sempre salientou o seu desempeño pola súa independencia e decidida vocación de xustiza. Instruíu casos coma os da petroleira Elf, o de Bernard Tapie, a banca Crédit Lyonnais ou a venda de fragatas a Taiwan por parte de Francia. Chegou a ser unha das mellores especialistas en tratamento xudicial de casos que tiñan que ver cos paraísos fiscais.
A súa especial dedicación a estes asuntos levouna a ter que fuxir de París regresando no 2002 a Oslo, onde foi acollida como conselleira do goberno noruegués na loita contra a corrupción e a delincuencia financeira internacional. O cineasta francés Calude Chabrol fixo unha película baseada na súa experiencia, L'ivresse du pouvoir, que non lle gustou nada a Eva Joly, e Lucas Belvaux realizou un telefilme (Les prédateurs), que deixou moi satisfeita á antiga xuíza. Pola súa parte, ela escribiu dous libros: Notre affaire á tous e Est-ce dans ce monde-là que nous voulons vivre? De regreso a Francia, Daniel Cohn-Bendit levouna a Europe Écologie no ano 2008 e convenceuna para que integrara, con el, a lista de candidatos ás eleccións europeas pola circunscripción de Île-de-France. En consecuencia, é eurodeputada dende o 7 de xuño do 2009. A pesar de que xa non é unha moza (vai camiño de cumprir 67 anos), representa unha das voces políticas maís anovadoras de Francia. Como ela mesma acaba de dicir: "Á miña maneira, eu represento un remozamento da vida política, porque non teño máis ca 18 meses de experiencia política". Preconiza a "desprofesionalización da política e unha renovación".
Agora Eva Joly, unha das principais voces críticas que se erguen contra a política de Nicolas Sarkossy, vai camiño de ser candidata á presidencia de Francia. Mentres tanto, en España non pasamos aínda dun polémico Baltasar Garzón.

jueves, agosto 19, 2010

Chamuscar a realidade

Un informe pericial cuestiona o operativo aplicado contra o lume de Fornelos  de Montes (Pontevedra) que causou a morte de dous membros dunha brigada antiincendios. Familiares e veciños de Boiro, incluído o alcalde, aseguran que o presunto incendiario que foi detido nese concello coruñés é inocente. O lume empeza a cheirar a chamusco.
Nin tres focos simultáneos prendidos con mecheiros en Fornelos, tal como tentou salientar a Xunta, nin rabos de gaitas. A investigación que está levando a cabo o Xulgado número 2 de Redondela non atopa nin un só indicio das tres orixes do lume que sinalou a Xunta e si moitas dúbidas acerca de como se levaron a cabo os procedementos antiincendios nos que puido haber moita descoordinación e algo máis grave aínda. No caso do home detido en Boiro, Cándido L.L., son moitos os veciños do implicado que sosteñen que non puido ser el o que lle prendeu lume ao monte, segundo aseguran os tripulantes dun helicóptero de recoñecemento forestal.
É moi grave que que haxa insociais que lle prendan lume ao monte, ás veces con consecuencias tan graves como as de Fornelos de Montes, pero tamén é impresentábel que o goberno galego, co seu presidente á cabeza, só teñan aportado unha versión presumibelmente interesada sobre o acontecido e que agora as investigacións periciais están botando abaixo. Os delincuentes queiman o monte e algúns gobernantes chamuscan a realidade.

miércoles, agosto 18, 2010

Antonio Zambujo

Hai novo e importantísimo fadista. Chámase Antonio Zambujo e canta con “voz de anxo”, como acaba de apuntar Le Monde logo de escoitalo no festival A voix haute que tivo lugar en Bagnères-de-Bigorre (Hautes-Pyrénées) do 11 ao 14 de agosto. “Unha voz de anxo –di o xonral francés– que reúne nela o masculino e o feminino, unha voz con dulzura acolledora”.
Empezou interesándose moito polos cantos melancólicos da súa terra natal, o Alentejo, que lle transmitiu a súa aboa, e polo clarinete que aprendeu no Conservatorio de Beja. Só tiña 24 anos cando morreu Amalia Rodigues, en 1999, pero deulle tempo e decatarse de que “hai un fado antes de Amalia e outro despois de Amalia, ela mudouno todo”.
Pero tamén bebe de Caetano Veloso –para el “o mellor cantor do mundo”–, de Chico Buarque, de Tom Waits, de Chet Barker... Como el di, “cando me gusta algo, so un pouco compulsivo”. E, dende logo, de Vinicus de Morais, a quen considera “o máis grande poeta da lingua portuguesa”, pero tamén da morna caboverdiana. Zambujo xa é un dos grandes do fado. Un pracer para o espírito.
Discografía: O mesmo fado (2002), Por meu cante (2004), Outro sentido (2007) e Guía (2010).
Por certo, este artista portugués é dos poucos que deixan escoitar todas as súas cancións entrando na súa páxina web: www.antoniozambujo.com

Modernos por contrato

Poucas veces, pero de cando en cando pódense ler artigos de opinión que fan pensar en que a mente humana aínda non rematou de pasmarse de todo. Luz Sánchez-Mellado publicou esta fin de semana, en El País, unha desas pezas marabillosas. Que Deus lla pague ao prezo que merece, porque o que son os editores xa non saben o que é iso.

jueves, agosto 12, 2010

A ditadura do tiraliñas

Ía sendo hora de que alguén escribise un artigo como a Elegía que publica hoxe Ramón Reboiras en El País. Galicia, como di o autor citado, xa hai polo menos catro décadas que emprendeu ese camiño sen retorno de despedir unha ancestral cultura agraria para dar paso a esa modernidade que aquí chegou nos tempos da postmodernidade ou, mellor dito, cando tocaba xa a fin da historia... O burro, o carro, o arado, os montes de mimosas, as mazás polo chan, o feo no palleiro, a milleira ou a vendima, o pan de millo, o corno do pescadeiro ou as herbas de San Xoán “son só un aroma turístico que desprende ese antronte que nin por todos os demos podía anticipar que un día de agosto abririamos a ventá e veriamos montes convertidos nun parque eólico e a memoria da infancia nun parque xurásico”.
Reboiras pon o dedo na chaga cando sinala que xa non serve para nada “calquera empeño en parar esta hemorraxia de comunicacións e redes que deixou as parroquias idílicas de antronte feitas un remendo de chalets suízos e cans de defensa, rapaces que participan en carreiras clandestinas polas vellas corredoriras e xubilados que deixaron a monte as pequenas leiras familiares”. O que aínda non puideron destruír os incendios lévao por diante a alta velocidade, con Pepiño Blanco exercendo de gran sacerdote do buldózer e deixándolles exercer aos enxeñeiros de camiños a ditadura do tiraliñas, a impostura estética dos construtores de pontes, a patraña ideolóxica deses gobernantes olímpicos que parecen medir a súa traxectoria nos asentos do poder en relación á cantidade de orzamento destinado a esa velocidade (Reboiras dixit).
Algún día, a todos eses impostores da apocalipse postmoderna haberá que colgalos polos pés das pontes que constrúen para que, cabeza abaixo, recapaciten sobre o seu desbocado frenesí destrutor da natureza. De momento, propoño que deixen de chamarse enxeñeiros de camiños e que pasen a denominarse polo que son, vulgares tiraliñas contra a paisaxe e o humanismo. E a Pepiño Blanco que o manden ver touradas (con Agustín Hernández) e que lle asubíen como lle asubiaron o outro día en Pontevedra.

martes, agosto 10, 2010

De Panxón a Neda

A morte do pintor e amigo Xosé Luís de Dios deixoume algo tocado. Xa van sendo moitos os bos que se van antes ca nós. Dicíao o outro día e volvo a dicilo agora citando outra vez a Petrarca: a morte sempre nos leva antes os mellores. Levounos hai pouco a Pepiño de Sarria, o escultor Díaz Fuentes, e agora a un dos “artistiñas” de Risco.
Pero a vida ten que seguir. Vida e morte van da man e non pararon nin han parar nunca. Comendo o martes con César Cunqueiro, Alexandro Diéguez e Ánxel Peláez en Panxón falabamos precisamente da ausencia do pai de César, o insuperábel Álvaro Cunqueiro. E comendo hoxe en Neda con Vicente Araguas, Miro Casabella, Ramón Loureiro, Mónica e Ana Eiroa tamén falamos, entre outras cousas, doutro que xa se nos foi tamén hai case dous anos, Ramiro Fonte.
Vicente levounos ver a ría dende o espléndido mirador do Coto de Ancos, un lugar magnífico para extasiarse mirando a parte da ría de Ferrol que sube polo río Belelle. No mundo hai poucos miradores tan escelsos coma este.

martes, agosto 03, 2010

Xosé Luís de Dios

Fóisenos outro “artistiña”, como lles chamaba Vicente Risco. Xosé Luís de Dios quizais foi levarlle un vaso de viño do Ribeiro a Xaime Quessada. Os amados polos deuses case nunca morren de vellos.
De Dios era un dos grandes pintores galegos. Naceu no 43 e comenzou a pintar sendo aínda un rapaz. Fixo a súa primeira exposición, en Ourense, no 1962, cando só tiña 19 anos. A súa obra está en varios museos e foi exposta en galerías de varios continentes. Hai xa máis de corenta anos, cando os dous viviamos en Madrid e falabámonos case todos os días, díxome que el era pintor porque cada vez lle custaba máis traballo pintar. “Non hai nada máis revolucionario –tamén me dixo daquela– que un plantexamento claro a escala subxettiva, que o traballo como esforzo de cada quen”.
Xosé Luis vivía e pintaba en Tui dende que volveu de Madrid hai moitos anos. Unha restrocpectiva súa, montada por Caixavigo, percorreu hai dous anos varias cidades galegas. A morte, como dicía Petrarca, sempre nos leva primeiro os mellores.