lunes, noviembre 29, 2010

López homenaxea a don Paco

Non foron os libros, foi Paco del Riego

De esquerda a dereita, Álváro Cunqueiro, Manuel Rodrigues Lapa, Fernández del Riego e Sebastián Martínez-Risco.


Ramón Loureiro, que vai camiño de converterse no mellor articulista que dan ao prelo agora mesmo os xornais galegos, publicou o domingo pasado en La Voz de Galicia un excelente artigo titulado O Vello Reino no que, sen a follarada seca nin a retórica atorrante que caracteriza a maior parte dos santóns do actual columnismo galego, rememora un importante aspecto das personalidades de Álvaro Cunqueiro e Francisco Fernández del Riego.
Conta Ramón a experiencia persoal que viviu na casa da praza maior de Mondoñedo, “na que Cunqueiro escribiu os seus mellores libros (o Merlín, As crónicas do Sochantre, o Sinbad..”, falando con Carmiña, a irmá do escritor, en compañía do bispo Sánchez Monge e Alicia Tella-Villamarín, “a tan querida bibliotecaria mindoniense, que coidou de Carmiña fielmente ata os seus últimos momentos”.
A irmá de Cunqueiro faloulles das “penurias sen límite dunha postguerra na que Álvaro Cunqueiro sufriu de xeito terrible, mentres non tiña outras portas abertas que as da súa cidade, feita de soños antes que de pedra”.
Aquilo foi tremendo, tremendo, lembra Ramón Loureiro que repetía ela.
E, por romper aquela tristeza, díxolle:
–Salvárono os libros.
–¿Os libros...? Non, non foron os libros. Foi Paco del Riego, retrucou Carmiña Cunqueiro.
Sei ben o que lle quería decir a irmá do escritor a Ramón Loureiro porque sobre iso faloume a min de vagar o patriarca das letras galegas que acaba de deixarnos orfos. Algún día quizais volverei con detalle sobre este particular. Mentres tanto, agradézolle a Loureiro a preciosísima peza xornalística que nos brindou o domingo, sen dúbida o mellor artigo que lin ata agora glosando, en contadas palabras, a figura de Don Paco.

viernes, noviembre 26, 2010

Don Paco

Finou Fernández del Riego cinco semanas antes de que cumprira 98 anos. Xa non poderei volver a fumar puros con el nin beber Terras Gauda e tomar unha copa de Ballantines. Durante máis dun ano estiven indo comer con el á súa casa de Vigo case todos os xoves, e foi unha das experiencias máis interesantes e divertidas da miña vida. Don Paco era, antes de todo, unha excelente persoa coa que daba gusto falar e pasar o tempo. Para min, por riba da súa enorme personalidade de galeguista e intelixentísimo dinamizador cultural, estaba a súa figura de home de ben, entrañábel e xeneroso que non esquencerei nunca. Había poucos coma el. Francisco Fernández del Riego déixanos abondo máis sós do que estabamos antes de que marchara cara o seu reencontro con Álvaro Cunqueiro. Seguro que a estas horas xa están os dous –con Xosé María Castroviejo de testemuña– lembrando a inesquencíbel viaxe que fixeron xuntos á Gran Bretaña.

Fórmula atraco

En Galicia está empezando a suicidarse a xente por falta de cartos (ocorreu en Lalín e acaba de pasar en Ourense). En Londres hai quen se pasea pola rúa con xoias e reloxos que custan corenta millóns das antigas pesetas. Non fai falta ir ao terceiro mundo para atopar enormísimas desigualdades.
A Bernie Ecclestone, propietario dos dereitos comerciais da Fórmula 1, e á súa acompañante, a brasileira Fabiana Flosi, catro ladróns roubáronlles xoias e reloxos por valor de 240.000 euros cando se dispoñían a entrar na sede da súa empresa en Londres. Con tanto parné enriba do corpo vai calquera a traballar, aínda que teña 80 anos, como é o caso de Ecclestone.

jueves, noviembre 25, 2010

EXCLUSIVA: Temos o discurso que ía pronunciar Santiago Rey na entrega do Fernández Latorre a Ferrín

Xa sei que non mo van crer, pero contoume un paxariño que Santiago Rey adaptou a célebre marcha de Los muchachos peronistas para dedicarlla a Xosé Luís Méndez Ferrín no cortesano acto de entrega do Premio Fernández Latorre. Segundo me dín, a última hora, mostroulle as ripiosas estrofas a Xosé María Castellanos que se limitou a espetarlle: “Pero home, a onde vas ti con esa trangallada. Pronuncia un discurso como é debido”. Parece que lle fixo caso só en parte. O texto apócrifo é o seguinte:

Os rapaces galeguistas
todos xuntos trunfaremos
e coma sempre daremos
un grito de corazón
¡Viva Ferrín! ¡Viva Ferrín!

Por ese gran galego
que soubo conquistar
a gran masa do pobo
combatendo o capital

Ferrín, Ferrín, qué grande sos
Mi general cuánto valés
Ferrín, Ferrín, gran conductor
sos el primer trabajador.


Imitemos o exemplo
dese varón galaéceo
e seguindo o seu camiño
gritemos de corazón
¡Viva Ferrín! ¡Viva Ferrín!

Porque a Galicia grande
coa que Castelao soñou
é a realidade efectiva
que debemos a Ferrín.

Ferrín, Ferrín, qué grande sos
Mi general cuánto valés
Ferrín, Ferrín, gran conductor
sos el primer trabajador.


Logo de liberar
toda a economía
gritamos soberanía
con fundamento e razón
¡Viva Ferrín! ¡Viva Ferrín!

Porque as illas Sisargas
e todo o Val do Miñor
son netamente galegos
aínda que nos digan que non.

Ferrín, Ferrín, qué grande sos
Mi general cuánto valés
Ferrín, Ferrín, gran conductor
sos el primer trabajador.


O pobo está reclamando
con angustia e con razón
que lle voten axiña
a nova Constitución
¡Viva Ferrín! ¡Viva Ferrín!

Cos principios sociais
que Ferrín estabreceu
o pobo enteiro está unido
e grita de corazón
¡Viva Ferrín! ¡Viva Ferrín!

Por ese gran galaéceo
que traballa sen parar,
para que reine no pobo
o amor e a igualdade.

Ferrín, Ferrín, qué grande sos
Mi general cuánto valés
Ferrín, Ferrín, gran conductor
sos el primer trabajador.


Porque sabe que os oligarcas
e o capital estranxeiro
están tramando de novo
a contra-Revolución.

Ferrín, Ferrín, qué grande sos
Mi general cuánto valés
Ferrín, Ferrín, gran conductor
sos el primer trabajador.


Os asasinos de agora
inimigos e traidores
contra os traballadores
organizan a traizón
¡Viva Ferrín! ¡Viva Ferrín!

Porque o estranxeiro agarda
que cando caia Ferrín
outra vez el será o dono
de toda a nosa nación.

Ferrín, Ferrín, qué grande sos
Mi general cuánto valés
Ferrín, Ferrín, gran conductor
sos el primer trabajador.


Antes de nos facer escravos
a oligarquía derrotada
darémoslles a patada
sen ningunha compasión
¡Viva Ferrín! ¡Viva Ferrín!

Por iso se xunta o pobo
na praza principal
¡para darlle vivas ao seu Xefe
que xa é groria nacional!

Ferrín, Ferrín, qué grande sos
Mi general cuánto valés
Ferrín, Ferrín, gran conductor
sos el primer trabajador.

jueves, noviembre 11, 2010

O Papa de uniforme

Non pensaba escribir nada sobre a recente visita do Papa. Parecíame un tema lonxano, case alleo, ata superfluo. A magnífica interpretación gráfica que me manda o xenial López faime cambiar de opinión. Efectivamente, Benedito XVI a penas viu en Santiago máis xente ca que ía de uniforme.
Os altos dirixentes da Igrexa Católica deberían tomar nota e reflexionar sobre a onde queren ir. A visita do Papa a Santiago foi una mostra moi expresiva do excesivo amor que actualmente profesa o Vaticano aos poderes terrenais. Pompa, elitismo, aillamento afogante dentro dos aparatos securitarios. O Papa non parecía un peregrino. Parecía Franco camiño de Meirás. ¿E querían así que houbese moitos crentes celebrando a súa chegada? Non sei se Cristo volvería a coller o látigo como cando botou os mercaderes do templo.

jueves, noviembre 04, 2010

Un respiro

Non se preocupen. Aínda estou vivo. Dígoo porque algún amigo –e, se cadra, non tanto– xa se preocuparon por saberen por que teño o meu blog un bocadiño abandonado. Entre outras razóns, porque acabo de pasar case u mes na Bretaña francesa e volvín algo disminuiído. Que queren que lles diga, a min a Bretaña e os bretóns, ou a Toscana e os toscanos, sempre me acaban parecendo galegos exercentes e rematan producíndome envexa. Aínda que só fose pola maneira que tiveron –e teñen– de conservaren o seu patrimonio artístico e monumental con orgullo e paixón.
Un día destes, se cadra, volverei a darlles o coñazo coas miñas entelequias.
Saudiños.