miércoles, julio 20, 2011

Pois se cadra

Algo moi grave esta a pasar en España. E en Europa. E no mundo. Dende que caeu o muro de Berlín, é dicir, dende que quebrou o chamado socialismo real, non é que foramos para menos mal, é que fomos de precipicio en precipicio. Quere isto dicir que eu son nostálxico de calquera vello réxime? Non. Todo o contrario. O que pasa é o que pasa. Que, cada vez máis, non invade e nos reduce non a vella escola de Chicago de Milton Friedman, que agora mesmo case sería un respiro, senón o pior de todo o pior do liberalismo ecomómico internacional. Os ricos, cada vez máis ricos e os pobres a cumprir o seu papel cada vez con menos proteínas.
Que un puñado de anónimos funcionarios do pior capitalismo, como é o caso das poderosas axencias calificadoras do mercado internacional, manden moito máis que calquera elección democrática, país por país, ou por agrupación de países, como é caso de Europa, que calquera decisión soberana só representa que estamos no pior dos escenarios posíbeis do mundo mundial. Estase a ver todos os días. Por este camiño non hai Europa que resista tanta agresión das forzas reaccionarias globalizadas. Ou despertamos nós, os europeos, ou se remata para moito tempo o mellor que foi capaz de inventar Europa, o sistema de benestar e a igualdade social. A Revolución francesa está a piques de fracasar definitivamente e adiós lberdade, fraternidade e igualdade despois de máis de cen anos de magnífica influenza universal. Os de Nova York xa poden ir apeando a súa estatua da Liberdade.
Se todo isto o concretamos en España, e máis localmente en Galicia, vaiámonos preparando. Se Rajoy é a España o que Reagan ou a Tatcher foron a Estados Unidos ou á Gran Bretaña, Feijóo non é máis ca unha reducida miniatura municipal e espesa do que foi para a Baviera alemana Franz Johan Strauss, con perdón de Fraga Iribarne. Non nos chamemos a sorpresas e empecemos a sabermos o que nos vai caer enriba: o pior do capitalismo moribundo internacional. É dicir, preparémonos para traballarmos mais das 48 horas semanais polas que perderon a vida Sacco en Vanzetti e vaiámonos amañando para vivirmos moi por debaixo do mileurismo cunha seguridade social cada vez menos eficiente e cun benestar definitivamente tullido e desmontado. E, senón, tempo ao tempo.
Cun pronóstico como o que estou a facer, diranme algúns de vostedes, mais nos valera volver a emigrar. Pois se cadra.

lunes, julio 18, 2011

Deporte nacional

Con pouco máis que se esforcen os directivos de El País, terá que empezar a andar con cuidado Pedro J. Ramírez se quere que El Mundo siga sendo o gran xornal da dereita española. O editorial de hoxe e o artigo asinado por Juan Luís Cebrián contra ao presidente Rodríguez Zapatero, se estivésemos en Francia, aparecerían en Le Figaro e probablemente nunca en Le Monde nin en Liberation. Pero España é outro país, ou polo menos outro Estado.
Aínda estando conforme cunha boa parte das análisis que fan o editorialista e o articulista de El País, a min non me parecen de recibo nin a data que elixiron para publicar –precisamente no 18 de xullo–nin algunha das inxustas inconsideracións que cometen con Zapatero. Xa se sabe que por estes lares apagar os habanos no tronco dalgunha arbore caída sempre queda ben visto como deporte nacional.

viernes, julio 08, 2011

A Calixtinada da (in)Curia compostelá

Xa eramos poucos e a aboa non só quedou preñada senón que, ademais, pariu. O que acaba de acontecer na catedral de Santiago co Codex Calixtinus empeza a parecer unha máis das coñas marineras do noso impaís. Que un tesouro patrimonial galego e universal que representa o que representa e que pode chegar a valer no mercado ata 100 millóns de euros –total nada, case 17.000 millóns de pesetas das antigas pesetas– como acaba de apuntar o experto Manuel Moleiro, que por certo é paisano aínda que ande por Barcelona,  puidese ser roubado coa facilidade que se está empezando a sospeitar é para botarse a chorar.
Os que viaxamos decote pola Bretaña francesa, por exemplo, sabemos que alí en cada aldea de poucas ducias de habitantes hai unha igrexa chea de pequenas e non tan pequenas delicias patrimoniais que desaparecen con menos frecuencia ca no noso país aínda que alí os templos católicos están abertos mañá e tarde e poden seren visitados sen viixiancia aparente e sen ningún tipo de protocolos impedimentarios. Abonda con chegar, entrar, ver o que hai e logo marchar. Sempre me chamou a atención a excelente cohabitación que hai nese país entre cidadanía, relixión e simple turismo accidental. Quizais se deba a que Francia fixo a a súa Revolución, tivo a súa Ilustración e ata as igrexas –cando son monumentos– poden ser patrimonio do Estado e non dunha organización eclesiástica concreta.
E non vou dicir que o Calixtinus puidese estar maís seguro se pertenecese á Xunta e estivese gardado na Cidade da Cultura, por poñer un mal exemplo, pero dá moito que pensar –e sospeitar– o que se está empezando a saber de como gardaba a Curia compostelá o seu máis prezado tesouro material. Haberá que estar atento a todo o que vaia pasando arredor deste triste acontecemento. Nin sequera me parece exemprar que o ministro de Interior, Rubalcava, abandone o Ministerio responsábel da seguridade estatal sen que pasasen nin 48 horas dende que se fixo público o xa célebre roubo perpetrado na catedral de Santiago.
Algún inexperto no uso da metáfora chegou a dicir que a desparición do Calixtinus é como se roubasen as Meninas. Hai que ser algo analfabeto para facer tal comparación. O cadro de Velázquez é importantísimo e se cadra Sotheby’s sería quen de sacar máis cartos por el que polo Calixtinus nunha poxa, pero o que acaba de desaparecer da catedral de Santiago é para os galegos, en primeiro lugar, e para o resto do mundo occidental despois algo verdadeiramente insustuíbel. Por iso dá carraxe e vergoña ver o que acaba de pasar con el.