jueves, octubre 27, 2011

O pasado nazi de Hugo Boss

A emisión en Francia, o pasado martes pola tarde, na cadea de televisión France 2, do documental Hitler Apocaypse volveu a poñer na picota a casa de moda alemá Hugo Boss ao lembrar que o seu fundador, Hugo Ferdinand Boss, deseñou e produciu os uniformes das tristemente célebres SS, os das SA e os das Xuventudes Hitlerianas. O propio modisto foi membro destacado do partido nazi de Hitler.
A famosa marca, moi utilizada por empresarios, políticos e membros da jet-set, nun intento de refacer o seu pasado, presentou hai un mes excusas aos que traballaron nas súas fábricas durante a segunda guerra mundial e, no ano 2000, donou 500.000 libras esterlinas ao Fondo de Indemnización dos Antigos Traballadores Forzados, pero nin con esas logrou matar a sombra das súas orixes. Agora, coa emisión do documental Hitler Apocalyse, caéronlle enriba miles de críticas a través das redes sociais, sobre todo Twitter e Facebook, e tamén lle chegaron tantas mensaxes negativas á súa propia web que tivo que pechar o acceso aos seus foros.

viernes, octubre 21, 2011

Gaddafi

Hai días, coma o de onte, destinados a pasar á historia. ETA anunciou a fin das súas armas, e Gaddafi caeu definitivamente –probablemente asasinado– cando tentaba fuxir da cidade de Sirta.
Sobre a fin de ETA xa hai abondo rebumbio no mundo da política e nos medios de comunicación ortodoxos. A min chámame máis a atención esa solucción tráxica que se lle deu á ditadura dun dos sátrapas máis singulares do noso tempo, rematado sen ningún heroísmo polos mesmos que o adorardon ata hai ben poucos meses.
Segundo lle indicou o médico forense Ibrahim Tika, encargado de facerlle a autopsia ao corpo de Gaddafi en Misrata, á cadea árabe de televisión Al Arabiya, “Gadaffi foi arrestado cando estaba vivo e rematado despois. Tiña unha bala que penetrou o seu intestino, e esa foi a causa principal da súa morte. Outra bala atravesou a súa cabeza”.
Parecido destino foi o que padeceu un dos fillos do ditador no mesmo día. Mutassim Gaddafi, segundo o mesmo forense, “tiña unha ferida, un gran burato entre o peito e o pescozo, e tamén presentaba tres feridas nas costas e outra de metralla na parte posterior dunha perna, pero esa era anterior”.
A ONU pediu que se investiguen estes feitos.

jueves, octubre 20, 2011

Jacinto Rey The Hunter

Hai moito tempo que me acostumei a repasar a actualidade internacional, a estatal, a nacional e a local entrando cada mañá nas edicións electrónicas de varios e variados xornais de todo o mundo. Aínda que, por idade, son dos que chegamos algo tarde a isto do ciberespazo, non sei o que sería de min se un día teño que tomar a parva coa certeza de que non hai acceso a Internet.
Son, quero dicir, un dos que temos adición a ver o que publican Le Monde, Liberation, Le Figaro, Repubblica, El País, The New Yor Times, Frankfurter Allgemeine Zeitung, Clarin, Página 12, El Tiempo, O Globo, Reforma ou mesmo Le Telegramme, Ouest-France ou Gionarnale di Sicilia. Abóndame con tres cuartos de hora cada día para regalarme a ilusión de que estou retornando a Nova York, Berlín, Roma, a Toscana, Trapani, Rio de Janeiro, Buenos Aires, Bogotá ou a miña vella e pouco amada Lorraine.
Nese percorrido cotiá figuraban, como non, A Nosa Terra e Xornal de Galicia ata que, hai dous días, o meu Safari empezou a dicirme que non atopa os seus servidores. De súpeto, coma quen di dun plumazo, ou mellor aínda dun estacazo na testa, esas dúas cabeceiras galegas –unha delas absolutamente histórica– foron despoxadas dos sitios que ocupaban na arañeira. Quen as botaría fóra dos sitios que ocupaban? O famoso e cruel mercado? A política? Os lectores? Os xornalistas que as facían? Se cadra todos e cada un deles, pero hai principalmente un responsábel. O home do “ladrillo” que quixo xogar a ser o Hearst galego. Chámase Jacinto Rey (dende agora non volvo a escribir máis o se nome no noso idioma). Comprou eses dous xornais coma quen merca un cadeliño de caza que logo é sacrificado porque non lle val o cazador para facer a caza maior que se propoñía. E coma tal galgo ou gatiño que non caza ratos, matounos cando mellor lle cumpríu. Hai Buffalos Bill que non me gustan nada e este é un deles. Quizais algún días nos sorprenda co seu propio Wild West Show, levando de timonel a Anxo Quintana.

miércoles, octubre 19, 2011

Soltar a teta


Que en tempos tan eticamente miserábeis coma os que corren haxa dous poderosos empresarios chilenos que naden contra a corrente neoliberal é, cando menos, revitalizador. Felipe Lamarca, presidente da cadea de tendas Ripley, que se espalla por varios países, e Roberto Fantuzzi, presidente da Asociación Gremial de Exportadores de Manufacturas (Asexma), acaban de rebelarse contra o capitalismo salvaxe pedindo que as empresas e “os que máis gañen” paguen máis impostos para financiar as demandas sociais.
Lamarca fixo estas declaracións, que imediatamente apoiou Fantuzzi, nunha reunión mensual dos empresarios chilenos que tivo lugar precisamente no momento en que os estudantes do país tomaban as rúas para protestar contra a política do goberno de Sebastián Piñera, presidente de Chile, que se deu presa en manifestar o seu rechazo destas reformas.
“El que gane más que pague más”, pediu Felipe Lamarca, criterio co que marcaron algunha cercanía Jorge Awad, presidente da Asociación de Bancos e Instituciones Financieras, e Enrique Cueto, vicepresidente de LAN, pero contra o que turraron sectores coma os das papeleiras e a Asociación de Industrias Metalúrgicas y Metalmecánicas.
Hai preto dun ano, Lamarca xa adiantara parte do seu criterio cando dixo nunha entrevista que “este país (Chile) non vai cambiar mentres as élites non solten a teta”. Algúns prohomes de Galicia, de España e de Europa deberían tomar nota.

lunes, octubre 17, 2011

Os que gobernan aos que din representarnos





Na última xunta de accionistas do Banco de Santander, Antonio José Van Den Brule, fundador de Ajedrez Sin Fronteras, en representación da súa filla, licenciada en paro con dous idiomas, puxo colorado a Emilio Botín, afeándolle a súa “escandalosa conduta” á fronte do citado grupo bancario.
“Mientras se iba abriendo la fosa de la destrucción de empleo –espetoulle–, en la que millones de condenados perdieron su esperanza y su dignidad, ustedes se forraban a espuertas sin el más mínimo recato ni pudor”. Botín tivo que escoitar como os conselleiros do Santander cobraron, entre os anos 2006 e 2010 máis de 1.200 millóns de euros, máis de 325 só no 2010.
Van Den Brule tamén lle dirixiu as seguintes imprecacións: “Usted es alguien que hace política con mayúsculas y sin mojarse, además de ser un poderoso líder en la sombra, ajeno al escrutinio político” e “Ustedes son los que gobiernan a los que dicen representarnos”.
Como era de esperar, ao presidente do Santander non lle gustou nada que se lle colase un indignado na xunta xeral do seu Banco. Paga a pena ver o video premendo aquí ou sobre a imaxe da esquerda.

viernes, octubre 14, 2011

Tivo algo que ver Elena Espinosa coa piratería de Vidal Armadores?

Quizais a decisión tomada pola ex ministra Elena Espinosa, de renunciar ao segundo posto da lista electoral do PSOE por Ourense, non é totalmente allea a algúns aspectos da política pesqueira levada a cabo polo Ministerio do ramo, cando ela foi a súa máxima responsále, en relación coa empresa Vidal Armadores, que ten a súa base en Santa Uxía de Ribeira (A Coruña).
Nos últimos anos, Vidal Armadores estivo no punto de mira da Comisión Europea de Pesca que non parou de pedir por escrito ás autoridades pesqueiras españolas que investigasen as súa actividades, xa que ten enriba das súas costas máis de corenta casos abertos por supostas actividades de pesca ilegal que lle fixeron merecer a calificación internacional de armadora pirata e a inclusión de varios dos seus barcos nas correspondentes listas de alarma. Porén, tanto por parte da Administración central española como pola da Xunta de Galicia, Vidal Armadores nunca parou de recibir cuantiosas subvencións oficiais. Antonio Vidal Pego (na fotografía) e actualmente o seu principal administrador.
Agora, cando o Consorcio Internacional de Xornalistas de Investigación (ICIJ polas súa siglas en inglés) decidiu meterlle o dente, publicando unha nova entrega da serie Looting the seas (Saquenado os mares), o caso desta armadora galega ocupou, por fin, o lugar que lle corresponde nos medios de información españois (non aínda así nos galegos). O xornal El País publicou, hai dous domingos, un resume da longuísima reportaxe elaborada polas xornalistas de ICIJ Kate Willson e Mar Cabra, na web do ICIJ apareceu o resultado completo da investigación e na publicación dixital española Frontera Dixital, que dirixe o galego Alfonso Armada, unha longa e detallada exposición dos feitos.
Non vaia suceder, polo tanto, que Elena Espinosa, a responsábel española de Pesca que máis puido facer e non fixo por escrarecer o caso de Vidal Armadores, pillase medo a que este caso lle estoupase nas mans preto dunhas eleccións xerais.

lunes, octubre 10, 2011

O verdadeiro escándalo das caixas

Excelente análise a que fai hoxe Antón Bamonde no seu artículo de El País, titulado ¿Cuándo se jodió?. Refírese ao escandaloso tema das indemnizacións multimillonarias que se auotorgaron os vellos directivos de Caixa Galicia e Caixanova, acerca do que escribe que “uno de los grandes misterios de la Galicia contemporánea ha sido la unanimidad que rodeó durante décadas las figuras de Julio Gayoso y José Luis Méndez, ahora ya unidos para la posteridad como Laurel y Hardy”.
Baamonde dóese de que “en ninguno de los periódicos del país –absolutamente en ninguno– se econtró jamás la menor sombra de acento crítico a ninguna de sus palabras o actitudes. Por supuesto, nadie de los tres partidos puso en cuestión su liderazgo”.
O articulista dá por suposto que o escándalo dos estipendios dos directivos das dúas caixas é monumental, “pero es indecente –escribe– ese gesto de monjas ursulinas en gente que parece haberse enterado hoy por la mañana de ciertas cosas”. Antón Baamonde sostén que “el verdadero escándalo reside en haber dejado hacer, durante décadas, sin hacer el menor gesto de crítica o de examen ponderado de bonapartismo que caracterizó a ambos directivos”.
Sen dúbida, unha análise obxectiva e competente do que pasou coa fusión das caixas de aforros e coa súas respectivas historias anteriores. Ler o artigo completo premendo aquí.

sábado, octubre 08, 2011

Traca de feira

Resulta chocante que todo un ministro de Xustiza, profesor de Dereito Constitucional, ademais, se exprese como cando no día de onte saiu á palestra para defender a inocencia do ministro de Fomento e número dous do PSOE Xosé Blanco.
Dixo o galego Francisco Camaño que “todos sabemos, y las personas de bien especialmente, que las declaraciones hechas por alguien que ha estado en la cárcel por delitos de falsedad y fraude, es decir, por mentir y por engañar, no merecen credibilidad ninguna, y por lo tanto no voy a ser yo el que vaya a contribuir a difundir si cabe más lo que sólo es un infundio”.
Resulta este un argumento case preocupante cando sae da boca dun profesional do Dereito que agora mesmo lle toca precisamente iso, administrar a Xustiza española. Se levásemos ao máximo a curiosa maneira de interpretar estas cousas, mostrada polo ministro de Xustiza, no lícito e comprensíbel desexo de defender a un compañeiro de Goberno, cabería preguntármonos por que non se aforran tempo, medios e diñeiro nos procedementos xudiciais saltándose á toreria as declaracións de testemuños, acusados, etc. cando estivesen algunha vez no cárcere, con sentencia definitiva ou sen ela, por delitos de falsidade e fraude. Que ande con cuidado o socialista Caamaño, non vai suceder que Feijóo ou Rajoy, que tan preocupados andan por aforrar todo o que sexa, lle collan a palabra e rematen reformando os procedementos xudiciais agora que defintivamente parece que se encamiñan á ocupación de todos os poderes.
Fóra coñas, o que me gustaría escoitarlle ao ministro sería o seu desexo de que a Xustiza afondase no caso Dorribo ata chegar a todas as súas consecuencias, con rigoroso e público escrarecemento e depuración das responsabilidades que poda haber tanto por parte do pintoresco empresario que destapou esta ola de grilos como pola parte de todos e de cada un dos políticos e demais persoas que podan resultar implicados. Facer política de avestruz ou tirar só contra o mensaxeiro, como fixo o ministro de Xustiza, non é máis ca unha traca de feira pouco respectábel.

viernes, octubre 07, 2011

Vidas paralelas

Sosteño eu, en non Preira, que o mundo non vai tan mal como parece cando se honra con tanto vigor un emblema tan importante coma é o que personificou Steve Jobs. Dende todos os recantos do mundo seguen xurdindo reaccións de admiración e de respecto cara  á figura dun home que significou o mellor da revolución tecnolóxica, e iso é cando menos esperanzador.
Por certo, queixabame eu hai poucos posts de que o pai de Apple non fose galego, e decátome ben de que nós tamén temos o noso propio Jobs. Non é ninguén máis ca Isaac Díaz Pardo. Seríao tamén Luis Seoane, se estivese vivo, pero na súa ausencia temos que celebrar que o noso Steve Jobs vivo sexa o creador –usurpado– de Sargadelos. Non son, dende logo, vidas paralelas, pero hai moito que ver entre o fillo dun dos asasinados polo franquismo e o fillo dun sirio-americano que seguramente nunca se arrepentiu abondo de abandonar a quen se convertiría nun dos personaxes máis importantes da nosa época.
Ámbolos dous protagonizaron sendas vidas de “amor e perda”. O americano descubriu nun garaxe dos seus pais adoptivos o que amaba nesta vida cando só tiña vinte anos. O galego fixo ese mesmo descubrimento no estudio do seu pai natural. Un deixounos Apple e todo o seu magnífico mundo de tecnoloxía acorde coa estética e a racionalidade. O outro Sargadelos, que, salvando as distancias, ten moito que ver co legado de Steve Jobs.
Quizais, lamentablemente, os galegos aínda non nos decatamos de todo canto significa esta semellanza. Isaac e Steve tiveron o valor de seguiren os seus corazóns e as súas intuicións. Eis, o seus grandes méritos. Todo o demais, como repetería o americano, é secundario.

Capitalismo

Escribe hoxe Fermín Bouza, en El País, sobre a expectativa de que podan estar a desenvolverse cambios na cultura política, e parece sorprenderse de que hai agora “amas de casa acogotadas pola crise (que) falan de capitalismo coma os líderes revolucionarios”. Paréceme a min que esta vez o noso sociólogo de cabeceira peca algo de optimismo de máis. A que líderes revolucionarios se refire? Será aos clásicos porque o que é agora onde é que están? O único revolucionario actual morreu hai dous días, chamabase Steve Jobs e era un empresario.
Polo que se le no artigo, a Bouza a palabra “capitalismo” parecíalle “unha expresión decimonónica que xa non tiña sentido a día de hoxe”. O sociólogo descúbrenos nada menos que “a parte da poboación que mantén a súa ubicación en cuadrículas de esquerda e centro-esquerda... debate na barra dos bares, na porta das igrexas e nas esquinas da rúa, sobre o ditoso capitalismo, palabra de moda nos mentideiros populares, coa que enchen a boca tamén as amas de casa nas conversacións de mercado”. Realmente non sei a que mercados vai Fermín Bouza porque eu no Carrefour, no Mercadona, no Froiz ou no Gadis de Bertamiráns nunca lles observei tales recursos dialécticos a estas señoras.
Atribúe a recolocación da palabra capitalismo “nos diccionarios non escritos do debate da rúa” á “capacidade de seducción que exerceu o 15-M sobre unha parte importante da poboación”, e sostén que “iso é algo que está cambiando a cultura das élites”. Bouza non conta ningún conto chinés dicíndonos todo isto, pero se cadra debería afondar máis no asunto tentando respondernos á pregunta de por que chegou a pasar tanto de moda falar de capitalismo ata que nos chegaron as vacas fracas. El mesmo nos dá como “expresión decimonónica” a palabra de marras.
Non ocurriría, quizais, que as élites intelectuais dos últimos tempos –dende a caída do comunismo, para sermos exactos– deixaron de seren críticas e pasaron a ser meros acompañantes do rampante proceso liberal que se adueñou do mundo e que nos levou a onde estamos agora? Para min está claro: hai cincuenta anos, o filósofo francés era Jean-Paul Sartre. Agora din que é un tal Bernard-Henri Lévy.
O capitalismo, diga agora o que queira Fermín Bouza, nunca se viu reducido a unha expresión decimonónica. Sempre foi o que foi e o que sigue sendo: un sistema de explotación do home polo home (e da muller pola muller tamén). Por iso estamos na crise na que estamos e por iso hai antisociais coma esa media ducia de sinvergonzas que meteron nos seus petos o 22 por cento de todo o que vale agora Novacaixagalicia.

jueves, octubre 06, 2011

As informacións sobre a morte de Steve Jobs xa non son esaxeradas

Morreu Steve Jobs, o único emprendedor ao que eu fun quen de admirar completamente. O visionario e revolucionario industrial que nos trouxo trebellos tan fermosos e úteis como o Imac, o IPod, o IPhone e o IPad. Sen el o mundo non sería como é. Faleceu un día despois de que fose presentado o novo IPhone 4S e só mes e medio despois de que lle pasase o timón de Apple ao seu sucesor, Tim Cook.
Rouboulle a vida un cáncer de páncreas contra o que levaba loitando máis de sete anos. El mesmo deu a coñecer a súa enfermidade nun discurso pronunciado no ano 2005, diante dos novos dilpomados da Universidade de Stanford, dicindo que os médicos lle anunciaran, un ano antes, que só lle quedaban algúns meses de vida. Tres anos máis tarde, en setembro do 2008, cando a axencia Gloomber cometeu o erro de dar conta da súa morte, o propio Steve Jobs encargouse de dementila pronunciando unha das súas frases lapidarias: “As informacións sobre a miña morte son moi esaxeradas”.
Jobs foi un auténtico creador, un esteta, un espírito esencial de toda unha época. Só tiña o defecto de non ser galego. Xa me gustaría que o fose, aínda que para iso tivésemos que facer americanos aos mangantes das vellas caixas de aforro que encheron os seus petos con cartos públicos.

miércoles, octubre 05, 2011

A exquisitez galega

Líbreme Deus de ser eu quen poña en dúbida, nin sequera minimamente, a presunción de inocencia. Se calquera dos dous Blancos, sexa o do PSOE ou for o do BNG, ou sexa ese ex deputado do PP que só é coñecido por sair agora relacionado con escándalo desencadeado polo corrupto empresario lugués Dorribo, Pablo Cobián, acaba resultando que son inocentes, serei eu un dos primeiros en celebralo. Ademais, xa sei o que se pode esperar dun suposto impresentábel coma Dorribo cando se atopa na gaiola das feras feridas (valia a cacofonía), pero de aí a concluir sen maís que o pseudo empresario farmacéutico está inventando a historia que agora conta, sen a investigación xudicial e política que debe cumprirlle ao caso, debería haber tanta distancia como do branco ao negro.
Está moi ben que Cobián e o Blanco nacionalista se apresuren a presentar as súas repectivas dimisións –é o mínimo que se podía agardar deles– e tampouco estaría mal que os acompañase neste trance o actual número dous do PSOE e ministro de Fomento, Xosé Blanco, pero nin abondan os seus xestos nin se demostra máis nada que o caso está só pirincipiando. A min tampouco se me escapa que calquera dos tres, ou mesmo os tres no seu conxunto, podan estaren a ser vítimas dunha manobra, por agora descoñecida, destinada a incidir no inminente proceso electoral a nivel do Estado. A dereita española no único no que xa desmotrrou ser auténtica especialista é en machacar sen espcrúpluos de ningunha caste os seus contrincantes. Demostrouse nas últimas eleccions autonómicas galegas e segue a estar vixente no devalar da política española atual.
Todo isto non abonda, porén, para descargar as responsabilidades sobre o máis que demostrado “goebbelsianismo” do partido de Rajoy. Hai outras, e esas deberían ser as que se buscasen, analizasen e depurasen a raiz do caso Dorribo. Empezan a seren demasiadas as contradiccións mostradas entre os implicados nesta verdadeira historia triste da política galega. Se realmente se acabase demostrando que Dorribo leva razón en todo o que lle contou á xuiza luguesa, Galicia non é que xa estaría sendo a Italia de Berlusconi senón a Sicilia de Lombardo, a pior Francia de Sarkossy ou ou o Portugal corrompido dalgunha época pasada, senón que estaría camiñando directamente cara a unha simbiose entre a histórica “mordida” mexicana e o pior que nos pode restar do noso vello caciquismo. Podémoslle dar as voltas que queiramos, pero estamos diante dunha situación endemoniadamente complicada da que podemos saír con algunha perna rota e con algún brazo tronzado. Aló eles, os que non queiran percatarse desta realidade.
En fin, que moi mal panorama nos acaban de plantexar aos galegos para dirixírmonos ás urnas o próximo aniversario da morte de Franco. Seremos un país pequeno, pero hai que ver o que damos de nós cando nos poñemos exquisitos.

martes, octubre 04, 2011

Dorribo implica a políticos do PSOE, BNG e PP

De imprescindíbel lectura todo o que hoxe publica o xornal madrileño El Mundo sobre as confesións que fixo o empresario lugués Xurxo Dorribo dicindo que lles pagou 950.000 euros a tres importantes políticos do PSOE, do BNG e do PP, a cambio de recibir axudas do Ministerio de Economía e da Xunta de Galicia e un crédito do Banco Europeo de Inversións por un total de 5,6 millóns de euros.
Dorribo fixo estas declaracións diante da titular do Xulgado de Instrucción número 3 de Lugo, Estela San José, o pasado 8 de agosto, dicindo que coñeceu ao actual ministro de Fomento, Xosé Blanco, a instancias do seu socio Xosé Antón Orozco, vicepresidente e un dos principais accionistas da empresa de transportes Azca. Logo de que Orozco lle dixera que Blanco quería coñecelo pesoalmente, Dorribo convertiuse nun dos principais impulsores da conecesión da insignia de ouro da Confederación de Empresarios de Lugo ao ministro de Fomento, a carón do que aparece nunha fotografía da cea na que lle foi entregada a condecoración en Lugo, o 16 de abril de 2010.
Segundo Dorribo, o ministro e número dous do PSOE fixo xestións no Ministerio de Facenda para que a Dirección de Axudas Rexionais subvencionase con 467.267 euros as súas empresas, e tamén utilizou as súas influenzas no Ministerio de Sanidade para que lle acelerasen a Dorribo os permisos administrativos para comercializar produtos farmecéuticos coñecidos como unidosis.
Daquela e sempre segundo declara Dorribo no Xulgado, Xosé Blanco díxolle ao empresario lugués, que foi detido pola Xustiza, que debía contratar os servicios das empresas Proitec, unha compañía que se dedica á consultoría, e Electricidad Espiñeira y Bran, que é propiedade de Manuel Bran, primo político do ministro socialista. Dorribo di que lle pagou a Bran 200.000 euros en metálico e que lle concedeu contratos inchados por valor de outros 200.000 euros. En total, 400.000 euros.
Ademais, Xurxo Dorribo declarou que lle pagou en metálico 350.000 euros ao dirixente do BNG Fernando Blanco, que foi conselleiro de Industria no bipartito que presidiu Emilio Pérez Touriño, e que lle deu participación nos seus negocios a través de Xoán Bazarra, un suposto testaferro do político nacionalista lugués. Durante o goberno de coalición PSOE-BNG, Dorribo recibiu axudas por importe de 1,5 millóns de euros a través do Igape.
E, para que esta bonita danza de implicacións políticas fose aínda máis completa, Dorribo tamén declarou que lle pagou 200.000 euros ao deputado galego do PP Pablo Cobián por levar a cabo xestións na Xunta ao seu favor, ademais de patrocinar carreiras de coches dun fillo do deputado conservador.
De momento, o único que se deu presa en desmentir as acusacións é o socialista Xosé Blanco, que anunciou accións xudiciais para escrarecer a verdade e defender a súa honra. Tanto de ser certo todo o que manifestou Dorribo diante da xuíza luguesa como no caso contrario, o asunto merce sen dúbida unha posta en claro total diante da opinión pública. É demasiado grave todo o que aquí se coce como para que remate sendo un simple mal exemplo de liorta político-empresarial a poucas semanas das próximas e importamtísimas eleccións xerais.