martes, diciembre 20, 2011

O Pícaro de Zumárraga

Pois vai resultar que Ignacio Urdangarín é todo un compendio da vella e nunca oxidada picaresca española. Se nacese entre o Renacemento e o Barroco entraría sen dúbida no Século de Ouro das letras españolas e sería un personaxe de Mateo Alemán, Quevedo ou López de Úbeda. A novela correspondente quizais se podería chamar O Pícaro de Zumárraga, O Lazarillo da Zarzuela ou A vida do Buscón Principesco.
A última que se lle acaba de saber é que está xordo como unha tapia, pero oe todo o que hai que oír cando lle convén. Para librarse de cumprir o servizo militar obrigatorio que lle correspondía, conseguiu que o vocal médico do Centro Provincial de Recrutamento de Barcelona lle diagnoticase unha hipoacusia (disminución da percepción auditiva) bilateral o 11 de xaneiro de 1993, diagnóstico que lle serviu para que, dous anos máis tarde, o 27 de febreiro de 1995, fose declarado “exento do servizo militar por padecer enfermedade ou limitación física ou psíquica”. No seu caso, concretamente por “1I01 xordeira completa”.
Non ten desperdizo a nota coa que, dende o Hospital Militar de Barcelona, se remitiu a un “Mi respetado y querido Coronel” a historia do mozo Ignacio Urdangarín Liebaert. No seu apartado 3º dise o seguinte: “El informe de 11-1-93 fue de Ex. temporal, pues el perfil audiométrico no era suficiente para una exclusión total, pero tampoco para la aptitud”. E no párrafo que segue a continuación lese isto: “El informe de 27-2-95 fue de exclusión total pues sensiblemente había empeorado su audición. Quizás hubo algo de exageración, pues hasta los sordomudos exageran.
Todo isto non o supera ni O Lazarillo de Tormes.

viernes, diciembre 16, 2011

A inocencia de Blanco

Por fin e definitivamente a min convenceume Xosé Blanco da súa inocencia dicindo que “se quixera facer algo obsceno, fóra da lei, citaríao (ao empresario Dorribo) no meu despacho. Que lugar pode haber máis indicado para facer gandulerías administrativas, deixarse subornar ou practicar todo tipo de trapalladas? Véxase senón a experiencia que estamos vendo traslucir do xuízo que lles segue a Camps et altri en Valencia.
Para iso están os despachos dos ministros e dos demais altos cargos, e non as gasolineiras, templos sacros estabrecidos para a relación humana espiritual, como todo o mundo sabe. Eu nunca parei nunha gasolineira que non fose para rezar o rosario de paso que estiraba as pernas, e endexamais vin neses inocentísimos lugares a ninguén que tivese máis ca pinta característica dos que nunca matan unha mosca nin son quen de asaltarlle a faltriqueira a unha vella. Ou sexa, xente como o inminente ex ministro de Fomento e o empresario Dorribo.
Con argumentos así vai ser, efectivamente, imposíbel que ningún xuíz poda facer máis nada que darlle o premio da Santísima Inocencia Inmaculada a don Pepiño Blanco.

jueves, diciembre 15, 2011

José Manuel Rey, campeador de Feijóo

Mio Cid José Manuel Rey polo Parlamento entrove.
en súa compaña trintaoto pendones;
exien lo ver mugieres e varones,
burgeses e burgesas por las finiestras sone,
de las súas bocas todos dizían una razóne:
Dios, que buen vassallo se oviese buen señore!

viernes, diciembre 09, 2011

Telemática de corredoira

Hai entidades bancarias para as que aínda non chegou o século XXI por moito que teñan directivos pagados a prezo de ouro. As vantaxes da informática e da telemática son para estes especuladores da crise e da globalización só unnha ferramenta mal usda ou empregada interesadamente.
Poño un exemplo. O mércores 7 de decembro, despois de ler o comunicado da Consellería de Cultura dicindo que se poñían a venda novas entradas para asistir ao espectáculo do Circo do Sol en Santiago, a través de ServiCaixa (de La Caixa), procedín rapidamente a adquirir dúas desas entradas para a sesión das 17:30 do venres 9 de decembro.
Primeira obsolescencia: as entradas adquiridas non se poden imprimir directamente. Para facelo hai que acudir a un terminal de ServiCaixa. O que teño máis preto da miña casa está na avenida da Mahía, 84 de Bertamiráns. O día seguinte é festivo. Entro no caixeiro da citada sucursal de La Caixa e oh, sorpresa! carece de impresora para despachar entradas a pesar de que ao seu carón figura un moi visible cartel que anuncia a súa venda.
Agardo, pois, ao día seguinte e acudo a que me resolvan o asunto os empregados da oficina. Na fileira teño catro persoas diante de min e hai unha soa empregada despachando asuntos correntes. A outra persoa que está na oficina mantén unha distendida conversación cunha parella sobre os actualísimos avatares da posición de Alemania encol da crise económica. Cando me atenden dinme que teño que ir a Santiago para recoller as entradas. Menos mal que o día anterior non lle fixen caso ao letreiro que había no caixeiro automático recomendando as alternativas de Negreira e do Milladoiro.
Ao empregado que me atendeu pareceulle todo do máis normal. “As entradas non son para un espectáculo que ten lugar en Santiago, pois logo?”, foi toda a explicación que soubo ou quixo darme. A min só se me ocurriu responderlle que o seu banco me parecía do século pasado.
Resumen: que botei man de Internet para evitar as colas do Multiusos Fontes do Sar e rematei indo a Bertamirán dúas veces e a Santiago unha. Tiven que pagar case dous euros de aparcadoiro en Santiago e traballei gratis para La Caixa durante máis de catro horas repartidas en tres días. Isto é a telemática de La Caixa en Galicia. Menos mal que eu non vivo en Fisterra ou no Courel. Sabe todo isto a Consellería de Cultura cando impón como canal de venda de entradas o de ServiCaixa?
A min esas máis de catro horas de traballo non mas pagou La Caixa, pero saben canto me cobrou esta entidade financeira catalá por venderme dúas entradas? Entre Serviticket, S.A. e ServiCaixa, que se ocupan da distribución do produto, 11,02 maís 1.98 euros de Ive, ou sexa, un total de 13 euros. Vantaxes da telemática, segundo La Caixa.
Estou tentado de escribirlle unha carta ao director xeral de La Caixa, que creo que se chama Juan María Nin, que se gaña tantos cartos como gañaba Xosé Luis Méndez en Caixagalicia seguramente lle chega a paga para comprar un sobre e responderme.

lunes, diciembre 05, 2011

Tecnocracia con corazón

Encolle o corazón observar o comportamento da ministra italiana de Traballo, Elsa Fornero, cando tivo que explicar, en roda de prensa, a reforma das pensións que acababa de acordar o goberno de Monti. Non foi quen de rematar o pronunciamento da palabra sacrificio e púxose a chorar com unha Magdalena.
En principio, as imaxes, que están percorrendo o mundo, mostran unha muller sensíbel e probabelmente solidaria na que mandou máis o corazón ca cabeza no momento de enfrontar publicamente unha realidade que sen dúbida non lle gusta, porque senón non se poñería a chorar. Se cadra pode un preguntarse por que apoia, entón, un goberno tecnócrático que pon en marcha esas medidas impopulares. Acaso non sería máis lóxico impedilas e mesmo dimitir?A señora Fornero é, ela mesma, unha tecnócrata, pero móstrase coma unha tecnócrta que aínda lle late un corazón que lle fai chorar en público. Para min, a súa escea é unha verdadeira mostra de que hai momentos nos que unha imaxe segue valendo motísimo máis que mil palabras. As bágoas de Elsa Fornero reconcilian algo a tecnocracia coa condición humana. Algo é algo.