lunes, agosto 20, 2012

Pousa Antelo

Andaba eu na preguiza do verán disposto a escribir aquí que me tomaría unha semaniña de lecer, cando me chegou a triste nova de que faleceu Avelino Pousa Antelo, e non podo máis ca deixar constancia do respecto e admiración que me inspira tan egrexio personaxe da Galicia contemporánea.
Teño sostido con el longas parrafadas, non exentas de controversia ás veces, pero este home sempre me deixou o sabor dulce da confraternidade, a tolerancia e o agarimo. Vaia para el o deus o teña na súa gloria dun agnóstico que reza poucas veces, pero que cando reza se emociona.
E ata cando volva setembro, que ben sei que nin vai ser marabilloso nin Rajoy nos vai sacar da crise.

viernes, agosto 17, 2012

Non pasarán


Nadejda Tolokonnikova, unha das tres rapazas que forman o grupo punk ruso Plussy Riot, presentouse hoxe diante xuíza que acaba de condenalas a dous anos de cadea por “incitación ao odio relixioso”, vestida cunha camiseta na que se podía ler o célebre “No pasarán” que adoptou Dolores Ibárruri, La Pasionaria, para loitar contra o fascismo logo de tomar esa expresión dun cartel que foi realizado polo pintor Ramón Puyol.
Resulta curioso observar como Wladimir Putin, formado no comunismo, no que chegou a ser espía do KGB en Alemania, e hoxe presidente controvertido dunha Rusia que mostra pouco respecto polos dereitos humanos, non é quen de admitir nin as mínimas críticas, mentres que unha rapaza de 20 anos que se expresa contra o seu réxime cantando cancións, recupera unha expresión da guerra civil española para comparecer diante do tribunal que a xulga.
Está claro que hai ideas e, polo tanto, expresións que son inmorrentes. O noso "No pasarán", o "Ils ne passeront pas" dos franceses ou o "They shall not pass" dos que se expresan en inglés, é una desas proclamas que teñen sitio na historia. Dise que foi na Batalla de Verdun, na Primeira Guerra Mundial, cando foi pronunciada por primeira vez. Saiu da boca do xeneral francés Robert Nielle. Tamén hai quen di que foi un subordinado seu, o comandante Philippe Pétain quen a pronunciou.
O caso é que, dende aquela, o "No pasarán" foi grito da revolución sandinista de Nicaragua, onde Gabriel Mejía Godoy lle dedicou unha canción con ese título, e extendeuse por todo o mundo ata converterse en lema internacional antifascista. Nadejda Tolokonnikova é a súa última e digna intérprete. Oxalá que non pasen.

martes, agosto 14, 2012

Violencia policial

Entérome polo Brétemas de Bragado de que Rafa Estévez, fotógrafo do xornal Diario de Pontevedra foi desproporcionadamente violentado pola Policía Nacional cando estaba facendo o seu traballo no aeroporto de Peinador á chegada dos olímpicos galegos. Súmome á súa indignación, dende logo.
Pero quero engadir algo máis. A violencia sempre é desproporcionada. É violencia a secas, veña de onde veña; e paréceme aínda máis violenta, e polo tanto máis grave, cando é exercida por membros das institucións públicas. Este é un vello debate que nunca foi resolto pola democracia española e que nos momentos actuais está a recobrar forza.
Os vellos coma min ás veces lembramos con certa nostalxia aqueles policías de uniforme gris da Policía franquista que moitas veces adoitaban posturas humanitarias e de algún respecto cara aos cidadáns –daquela aínda eramos súbditos– que lles tocaba deter ou custodiar. Falo dos “grises”, e non así do resto da Policía franquista, entre os que houbo auténticos e perversos asasinos e torturadores, particularmente afectos á tristemente célebre Brigada Político-Social.
Particularmente a min tocoume vivir unha experiencia inesquecíbel na Comisaría de Santiago. Con Alberto Reverter e outros estudantes da casca amarga de aquel tempo fun detido no ano 1968 por propaganda comunista que non foron quen de demostrar no tribunal de Orden Público e tiveron que absolverme. Pasei dúas ou tres noites nos calabozos e, durante unha delas, houbo un policía que cando se foron os xefes da Comisaría empezou a ir á porta da cela para preguntarme se quería fumar un cigarro ou me facía falta beber auga. Tamén me pasou algún libro e mesmo bocadillos.
Nunha desas, entablamos conversación máis demorada e eu queixeime de que me fixesen pasar tantas horas alí metido. A súa resposta foi a seguinte: “Quéixase vostede de que o teñan aquí metido, e leva menos de tres días. E logo eu que levo vinte anos e os que me quedan ata xubilarme, que lle parece?”.
Cando me levaron diante du xuíz, Carmen Vázquez –daquela a miña moza e a pobre xa falecida– apareceu onda min acompañada por aquel policía, que xa era maior. Abrazoume e díxome: "Dalle as grazas a este señor. Non sabes o ben que se portou comigo. Menos deixarme entrar nos calabozos para verte, que non podía, ofrecéuseme para pasarche libros, comida e o que fose necesario”.
Daquel home, do que nunca cheguei a saber como se chamaba, nunca me esquencín, e estou seguro de que el nunca lle puxo o xeonllo enriba da cabeza a ningún xornalista nin a ninguén. El si sabía proporcionar a violencia eludindo totalmente a innecesaria. Dame a impresión que hoxe non hai moitos coma el por moito que os de agora militen en sindicatos de esquerda teórica e acudan ás manifestacións. O que pasou en Peinador é unha mostra, e os numerosos gobernantes que polo visto presenciaron os feitos (Antonio Coello, Miguel Anxo Fernández Lores, Lete Lasa, Rafael Louzán, José Enrique Sotelo e Agustín Fernández) terían que facer algo máis ca saír na foto cos olímpicos. Deberían presentar os seus testemuños e esixir que se escrareza o que sucedeu con Rafa Estévez. Isto tamén vai no seu soldo. Polo menos moralmente.

lunes, agosto 13, 2012

Prensa del Movimiento

Juan Torres López
Juan Torres López, catedrático de Economía Aplicada na Universidade de Sevilla, xunto con Vicenç Navarro, catedrático da mesma especialidade na Universidade Pompeu Fabra de Barcelona e profesor da Johns Hopkins University de Baltimore (Estados Unidos), é u dos poucos prebostes das Universidades españolas que se están mollando por defenderen alternativas ao gallopante asoballameno que está levando a cabo o capitalismo neoliberal.
Mariola Urrea
Torres é, ademais, membro do Consello Científico de Attac España e escribe un blog moi digno de ser visitado. Igual de recomendábel ca o de Vicenç Navarro. O outro día, o 3 de agosto, foi burdamente criticado polas comentaristas da SER Mariola Urrea e Elena Pisonero, dous deses piares que está incorporando a cadea radiofónica de Prisa para agasallar á dereita española. O catedrático sevillano pediu quenda para poder defenderse, pero non lle foi concedida e mesmo se sentiu enganado pola directora do programa no que se arremetu contra el (vésaxe a súa explicación premedo aquí).
Elena Pisonero
Era o que nos faltaba para quedarmos preñados de inmundicia. O ano pasado anunciou PRNoticias que o nunca ben ponderado Silvio Berlusconi andaba negociando directamente con Liberty a compra da cadea SER. De proseguir polo camiño que transitou esta radiofónica con respecto ao profesor Torres López pódese empezar a pensar que os seus directivos están achanzando ese roteiro.
Xa podemos ir levando as mans á cabeza. Se empeza a floxear a SER e despois de todo o que está a pasar coas radios e as televisións públicas, este país pode ser dentro de pouco terra queimada pra unha nova Prensa del Movimiento.

sábado, agosto 11, 2012

Norberto Fuentes e Fidel Castro

Raúl Castro, Norberto Fuentes e Fidel Castro.
A trancas e barrancas, ando volvendo a ler as case 900 páxinas do primeiro tomo de La autobiografía de Fidel Castro (Destino, Barcelona 2004), que escribiu o excelente autor cubano Norberto Fuentes. Hai poucos libros que lle podan comparar. Quizais os dous que cita o propio autor como modelos: La autobiografía de Alice B. Toklas, de Gertrude Stein, e Las memorias de Adriano, de Marguerite Yourcenar.
Oscar Wilde dicía das memorias do artista florentino Benvenuto Cellini que era un dos poucos libros que pagaba a pena lerse. Atreveriame eu a dicir o mesmo dos dous tomos que lle dedicou Norberto Fuentes á impresionante vida de Fidel Castro, outrora estandarte da loita pola liberación dos pobos oprimidos e hoxe retrato en sepia da política conservadora que non é de dereitas.
Cada páxina de El paraíso de los otros –así é como se subtitula o primeiro tomo de La autobiografía de Fidel Castro– é unha marabilla de sorpresas, unha máquina de descubrir realidades ocultas, un compendio de boísima literatura nos que ás veces é dificil peneirar para saber a onde chega a imaxinación e onde remata a pura realidade biográfica do xa case eterno gobernante de Cuba. Realidade e ficción case é o de menos neste libro. O que importa é o logro dun enorme relato de asombrosa lectura e doada comprensión dos moitos feitos históricos que xiraron arredor da revolución cubana, sen dúbida a máis importante que houbo despois da soviética.
Non sei o que pensa Fidel Castro deste libro sobre a súa figura. Atereveriame a pensar que lle puido gustar enormemente a pesar de que pon constantemente a remollo o seu paso pola historia contemporánea. Durante moitos anos, Norberto Fuentes foi un home da súa confianza aínda a pesar de que a Castro non lle gustou nada o primeiro libro que publicou Fuentes, un pequeno volume de relatos titulado Condenados de Condado, polo que gañou o premio Casa de las Américas. O propio autor conta, no prólogo dunha edición do ano 2000, que Fidel Castro esnaquizou o volume tirándoo contra a parede despois de lelo, e aí empezaron gran parte dos seus desencontros co réxime cubano.
En 1971, o escritor foi unha das vítimas do caso Padilla, e o único que se negou a asinar as célebres autocríticas que firmaron Heberto Padilla e outros escritores. “Eu son un escritor revolucionario... Non tiven actitudes contrarrevolucionarias”, dixo Fuentes daquela. Na década dos setenta escribiu e publicou en Cuba un magnífico libro: Hemingway en Cuba (Editorial Letras Cubanas, La Habana 1984), con prólogo de Gabriel García Márquez, no que se retrata o libro como unha “reportaxe encarnizada e clarificadora que nos devolve o Hemingway vivo e un pouco pueril que moitos coidabamos vislumbrar a penas entre as liñas dos seus contos maxistrais. O Hemingway noso: un home azorado pola incertidue e pola brevedade da vida, que nunca tivo máis dun convidado á súa mesa, e que logrou descifrar como poucos na historia humana os misterios prácticos do oficio máis solitario do mundo”.
Daquela, Fuentes tamén comenzou a viaxar a Angola acompañando as tropas cubanas que Fidel Castro mandou a África. Escribiu sobre esta experiencia El último santuario, e recibiu as medallas de Combatente Internacionalista de Primeira Clase e do Servizo Distinguido das Forzas Armadas Revolucionarias. Rematou a súa estadía africana acompañando a delegación cubana que negociou os acordos de paz da África Austral cos gobernos de Angola, Sudáfrica, Estados Unidos e a Unión Soviética.
O seu definitvo alonxamento do poder castrista produciuse cando o famoso proceso denominado Causa número 1, por narcotráfico e corrupción, rematou fusilando o xeneral Arnaldo Ochoa e o coronel Antonio Laguardia. Este último era amigo do escritor. En 1993, Fuentes intentou fuxir de Cuba clandestinamente, pero foi detido. Un ano máis tarde, coa mediación de Gabriel García Márquez, Felipe González, Wiliam Kennedy e Carlos Salinas de Gortari, puido por fin abandonar o seu país e instalarse en Estados Unidos, onde agora reside.
Lembro que nunha viaxe que fixen a Cuba, no ano 1988, quixen ver a Norberto Fuentes para facerlle unha entrevista. Ninguén me quixo levar onda el. Todos estaban máis interesados en que comprara caixas de Cohiba, botellas de ron ou mesmo en que entrara no “jineteo” habaneiro que en axudarme a contactar co que daquela xa era un escritor maldito. Quizais por iso me lembrei del este verán e me puxen outra vez a lelo.

jueves, agosto 09, 2012

Beiras e Iolanda Díaz

O mundo evoluciona (non sempre cara a diante) unha barbaridade. No hai máis ca ver a Xosé Manuel Beiras estreitando as mans dos comunistas ferroláns como se fosen compañeiros de viaxe de toda a vida.
Quen ía dicilo hai dez e máis anos, cando o Señorito da Reboraina a penas se deixaba ver con alguén que cheirase a Alonso Montero ou a Santiago Álvarez. Se cadra foi o “comunismo” de Paco Rodríguez o que o botou nos brazos de Iolanda Díaz, que non son colo de mal acougo, vivan Deus e San Carlos Marx con permiso de Lenin e de Leon Trotsky (a Stalin que o adoren outros).
Aínda que é con algo de retraso, está moi ben que o príncipe do galeguismo recoñeza que é un “crime” a instalación de Reganosa no medio e medio da ría de Ferrol e se sume aos que piden o seu traslado. Non hai mal que por ben non veña, e as crises sempre teñen algo do que se poden tirar consecuencias beneficiosas. Por exemplo, que Esquerda Unida e Anova poden facer fronte común para as próximas eleccións autonómicas. Non acabo eu de ver moi claro como se van entender a soberbia de Beiras e a candidez política de Iolanda Díaz, ou o egocentrismo carrillista de Rafael Pillado, pero sería bo que fosen capaces de artellar entre todos unha alternativa de esquerda coa que os galegos podamos agudizarlle a contradiccións ao capitalismo salvaxe que nos caeu enriba das costas coa chegada ao poder dos discípulos da escola de Chicago Mariano Rajoy e Alberto Núñez Feijóo.
Non digo quen en Galicia haxa que facer coma Juan Manuel Sánchez Gordillo en Andalucía (e se cadra tamén), pero aquí ou se empeza a ensinar os dentes ou rematamos nun popurrí da Italia de Berlusconi e a Francia de Sarkozy. Por iso a min me parece ben que Beiras se apee do seu nacionalismo excluínte e os de Esquerda Unida se decaten de que forman parte dun universo político que defendeu sempre a autodeterminación, mesmo con Stalin. A esa necesaria fusión habería que engadirlle tamén, sen maís tardar, unha convinte renovación nas caras das dirixenzas políticas. Non pode ser que nisto sexamos case coma Cuba ou Corea do Norte. Hai cousas nas que a dereita está máis actualizada ca esquerda.

martes, agosto 07, 2012

O mundo que eu non fixen

Amancio Ortega

O primeiro –Carlos Slim Helú– e o terceiro –Amancio Ortega- homes máis ricos do mundo fixeron as súas enormes fortunas dende países (México e España) que cada vez son máis pobres e desiguais. O mexicano é dono de 60.500 millóns de euros, e o galego propietario de 38.000 millóns. No medio deles está o fundador de Microsoft, Bill Gates, con 51.100 millóns de euros, o segundo máis rico do mundo; e a Ortega sígueo o tamén norteamericano Warren Buffet, cunha fortuna de 37.150 millóns de euros. Son datos  de Bloomberg case coincidentes cos de Forbes. Habería que saber canto paga de impostos cada un destes catro afortunados.
Só co que ten Amancio Ortega poderíanse sufragar as capacidades de gasto da Xunta de Galicia durante catro anos e medio. Co capital de Carlos Slim pagariase a débeda externa de México, e aínda lle quedaría un solto de case 7.000 millóns de dólares e, xuntando os capitais dos catro multimillonarios, que sumarían 186.750 millóns de euros, podíase pagar durante un ano enteiro as pensións de xubilación dos españois e aínda sobrarían máis de 70.000 millóns de euros para gastar en atención sanitaria ou educativa, por exemplo.
Non vale repetir que o mundo está mal feito e pior repartido, pero a evolución que están a levar as cousas só pode deixar sen alarmar aos incompetentes e aos exprotadores.

domingo, agosto 05, 2012

A saga dos Núñez


Empezou sendo un rum rum e vai camiño de converterse no tsunami político deste verán que pode poñer o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no furacán da polémica. Xa non é só a familia ourensá dos Baltar a que lles busca acomodo laboral, comercial e político aos seus membros e amigos. Os Kennedy de Os Peares están tirando polo mesmo camiño. Micaela Núñez Feijóo, única irmá do inquilino do Monte Pío, encárgase dos negocios, como apoderada de varias empresas do Grupo Eulen.

Está empezando a inchar o pánico entre as pequenas empresas galegas que viñeron traballando para a Xunta de Galicia dende que autonomía é unha realidade. Pouco a pouco e ás veces non tan amodo, vense marxinadas polo bulldozer contratista de Eulen, un grupo empresarial con presenza en 10 países. Chegou a estar tamén en Arxentina, Uruguay e Nicaragua, pero rematou perdendo neles os seus negocios.
Na actualidade, o Grupo Eulen –que cumpriu 50 anos a comenzos deste ano– presume de ter máis de 82.000 persoas nos seus cadros de persoal. A súa orixe remóntase á empresa Central de Limpiezas El Sol, fundada en Bilbao, no ano 1962, polo leonés David Álvarez Diez, que desempeña actualmente o cargo de presidente fundador do Grupo Eulen.
Micaela Núñez Feijóo acudindo a votar co seu irmán.
El Sol xa tiña delegacións nas máis importantes cidades españolas no ano 1970, e catro anos máis tarde iniciou a súa primeira expansión creando a empresa de seguridade Prosesa, actual Eulen Seguirdad, hoxe a máis antiga do sector. Pouco despois creou Demasa, dedicada á fabricación, importación e distribución de maquinaria e produtos químicos relcionados coa limpeza. En plena transición da ditadura franquista á democracia, iniciou a súa diversificación cara a sectores de maior contido técnico e de valor engadido creando empresas dedicadas ao mantemento de instalacións, medio ambiente, control enerxético, restauración de fachadas e monumentos, obras, etc.
En 1986, creou Safusa, dedicada ao desenvolvemento de servizos sociosanitarios, control de almacéns, portería e celaduría de fincas, xestión de servizos municipais, etc. Cando celebrou o seu 25 aniversario, en 1987, o grupo de David Álvarez xa estaba composto por 72 compañías e tiña unha facturación de 25.000 millóns de pesetas. A partir de 1992, promoveu a concentración das súas actividades fusionándoas coa súa sociedade cabeceira, Eulen S.A., e agrupándoas en catro sociedades:
Eulen, S.A. (limpeza, mantemento, medio ambiente, servizos auxiliares e servizos sociosanitarios).
Prosesa (seguridade privada).
Demasa (maquinaria e produtos de limpeza).
Instituto Eulen de Formación (formación de traballadores).
En 1994, Eulen iniciou o seu negocio de traballo temporal creando a empresa Flexiplán, S.A.-ETT, e tres anos despois –en 1997– a súa expansión internacional. Chegou a estar presente en trece países, pero rematou saíndo de Arxentina, Uruguay e Nicaragua. Na actualidade fai negocios en España, Portugal, Estados Unidos, Chile, Colombia, Costa Rica, México, Panamá, Perú e República Dominicana. O último país no que entrou é Estados Unidos, comprando no 2008 American Sales and Management Organization LLC (ASMO), unha empresa especializada en servizos aeroportuarios (acompañamento de pasaxeiros, limpeza de avións e instalacións, transporte de equipaxes, mantemento e seguridade) que ten a súa sede en Florida e actúa en trece aeroportos norteamericanos.
No 2010, cando o grupo xa tiña vendas por valor de 227 millóns de euros, o seu fundador, David Álvarez Díez, foi defenestrado por cinco dos seus sete fillos: Emilio, Pablo, Juan Carlos, Marta e Elvira. Só permaneceron con el María José e Jesús David Álvarez Mezaquiriz. Daquela a familia xa controlaba tamén as famosas Bodegas Vega Sicilia, a gandeiría Neal, a empresa de producción de carne selecta Valle del Esla e a produtora de mel El Quexigal, a través da súa sociedade patrimonial paralela El Eenebro, S.A.
O conflito familiar estalou ao casarse, en terceiras nupcias, David Álvarez Díez coa súa secretaria, 28 anos máis nova ca el (82 e 54 anos, respectivamente). Ao patrón de Eulen parece que lle gustan as súas secretarias, pois ao quedar viúvo da primeira esposa tamén casou ca secretaria que tiña daquela, que volveu a deixalo viúvo. En plena guerra cos seus cinco fillos rebeldes, chegou a acusalos de “soberbia e ambición”. Finalmente, o xuíz deulle a razón ao pai, que hoxe figura como presidente fundador do Grupo Eulen cando xa ten 84 anos. David Álvarez Díez sempre foi un empresario moi da corda de José María Aznar e do banqueiro Ybarra (Banco de Bilbao).
Negocios en Galicia
Eulen leva moitos anos facendo negocios de limpeza, medio ambiente e control de diversas actividades en Galicia. Instalou sistemas correctores de contaminación en varias fábricas de Cee, Pontevedra e outros lugares e encargouse da limpeza e mantemento de instalacións públicas e privadas. No ano 2008, gobernando en colación os socialistas e os nacionalistas galegos, firmou coa Xunta de Galicia un contrato por valor de 573.000 euros, que foi logo prorrogado ata xullo deste ano, para facerse cargo do servizo de atención ao cliente. Daquela xa era apoderada de varias empresas do grupo a irmá do actual presidente da Xunta, Micaela Núñez Feijóo, que na actualidade é apoderada solidaria de Eulen Servicios Sociosanitarios, S.A. (dende o 2004), apoderada solidaria de Eulen Seguridad, S.A. (dende o 2003) e apoderada de Flexiplan S.A. Empresa de Traballo Temporal (dende o 2003) e de Eulen, S.A. (dende o 2003).
Os irmáns Núñez abrazándose o día que gañou as eleccións
o agora presidente da Xunta.
Tres anos antes, o 19 de xullo do 2005, cando Alberto Núñez Feijóo era conselleiro en funcións de Política Territorial do goberno de Fraga Iribarne, o daquela director do Instituto Galego da Vivenda, Xosé Antono Redondo, dependente da Consellería de Núñez, asinou con Eulen un contrato por case 370.000 euros, para divulgar as axudas oficiais en materia de vivenda. O Partido Popular perdera a maioría absoluta un mes antes e faltaba pouco para que se producise o cambio de goberno na Xunta.
Co PP de volta no goberno e con Alberto Núñez Feijóo na súa presidencia, os negocios de Eulen en Galicia parecen ir co vento de popa. Unha tras da outra, estanlle caendo adxudicacións a dedo para provisionar todo tipo de servizos: dende atencións telefónicas, xestión dos intereses dos afectados polas preferentes ou xestión de concellos ata á provisión de modelos naturais –persoas– á Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo.
Dentro da gallopante privatización que anda a facer o Partido Popular da xestión dos servizos públicos, resulta salientábel, por exemplo, o contrato asinado recentemente polo Concello de Ferrol para que Eulen xestione e manteña o Teatro Jofre, o Centro Cultural Torrente Ballester, o novo Auditorio de Ferrol e todos os espazos culturais deste concello rexido polo PP, por un importe superior a 1,9 millóns de euros. Igualmente o contrato que lle concedeu o alcalde popular de A Coruña, Carlos Negreira, para xestionar o Teatro Colón, ou a concesión feita pola Consellería de Educación e Cultura para xestionar o almacén de libros que ten a Xunta de Galicia no polígono compostelá do Tambre. Haberá que volver a escribir proximamente sobre esta desatinada privatización que está levando a cabo Núñez Feijóo coa cultura de Galicia sen que a intelligentsia autóctona diga nin pío (algúns porque tamén comen do pesebre).
A bola de neve empezou a correr costa abaixo contra os irmáns Núñez Feijóo. Falta por saber se os vai arroullar.

viernes, agosto 03, 2012

Máis sobre os culpábeis da crise


Para completar o que se di no post anterior, sobre os culpábeis da crise, non está de máis traer agora aquí o que pretenden os xigantes norteamericanos das tecnoloxías para repatriar a Estados Unidos as enormes plusvalías que foron acumulando en diversos paraísos fiscais repartidos polo mundo adiante. Apple, Microsoft, Google e Cisco están presionando ao goberno de Washington para que lles lles otorgue importantes rebaixas fiscais, argumentando que poden investir e crear emprego nos USA. De momento, o presidente Barak Obama non cede porque está convencido que a bonificación que xa lles otorgou no 2004 non deu os resultados previstos.
Apple, a compañía fundada por Steve Jobs, é propietaria de máis de 81 billóns de dólares que están repartidos en contas de fóra dos Estados Unidos. Por exemplo, en Irlanda, país no que Apple centraliza boa parte das súas vendas en España para pagar menos impostos. Microsoft ten 54 billóns de dólares nesas mesmas condicións, Google 43 e Cisco 42, e non saben que facer con eles.
Todas estas compañías están intentando convencer as autoridades de Washintong para que lles rebaixen as súas obrigacións tributarias coa intención de repatriar estes fondos sen ter que pagar unha elevada factura fiscal. Os argumentos que utilizan son que rendudaría en beneficio do país mediante investimentos e creación de postos de traballo. O presidente Obama non está nada satisfeito dunha experiencia parecida levada a cabo no ano 2004.
As empresas de altas tecnoloxías teñen altos marxes de ganancias que sempre colocan onde teñen que pagar por elas menos impostos. Pero non son as únicas que practican esta política. De feito, en Estados Unidos hai estimacións que cifran en máis de 1.000 billóns de dólares a tesorería das empresas que operan no estranxeiro.
É algo que ocurre praticularmente entre os grupos empresariais que son moi ricos en activos intanxibles. Robert McIntyre, directivo da organización Citizen for Taxe Justice, dá por feito que “toda empresa que ten propiedades intelectuais, sexa en software ou en patentes de medicamentos, ten a posibilidade de asignarlle esa propiedade a unha filial baseada nun paraíso fiscal”. No caso de Apple, segundo esta fonte, “practicamente todo o diñeiro que está no estranxeiro nunca foi taxado por niguén”.
Segundo unha estimación feita por Moody’s Investors Service en xullo, 22 grupos norteamericanos do sector tecnolóxico gardaban o 70 por cento da súa liquidez no estranxeiro ao rematar o mes de marzo, e este total podería pasar de 289 a 400 billóns de dólares nos tres próximos anos. As compañías afectadas non queren repatriar eses fondos aos Estados Unidos porque terían que pagar taxas do 35 por cento.
O xigante do software Microsoft, o fabricante e suministrador de equipos de telecomunicación Cisco e a multinacional farmacéutica Pfizer lanzaron unha campaña para intentar convencer as autoridades fiscais norteamericanas de que rebaixando as orbigacións fiscais repatriarían o capital que teñen no estranxeiro e poderíanse crear 2.900.000 postos de traballo nos Estados Unidos.
Todos estes datos axudan a comprender a crise actual. Nunha economía globalizada que está chea de mecanismos que permiten a existencia de “buratos” fiscais e de trampas para eludir impostos, non é só o depilfarro político nin a ineficiencia dos gobernantes o que nos levou a onde estamos. Fundamentalmente son as inxustizas e a obsolescencia do capitalismo neoliberal –banqueiros españois comprendidos– as que nos meteron no burato do inferno.

jueves, agosto 02, 2012

Os culpables da crise


Unha das poucas cousas evidentes, que non facía falta que a dixera Carlos Marx, é a de que o capital non ten patria e vai dun sitio a outro segundo lle convén. A particularización española da crise global está acelerando alarmantemente esa movilidade capitalísta en forma de fuga de capitais que acumulou, de xaneiro a maio deste ano, 163.185 millóns de euros como consecuencia da fuxida de inversores en carteira, préstamos e depósitos. 41.294 millón só nun mes, o de maio. No mesmo período do ano 2011, houbo un saldo positivo que rexistrou unha entrada de capitais por valor de 14.598,5 miillóns de euros.
Tax justice network
A incertidume e a desconfianza propagadas pola crise fixeron subir as desinversións en España, tanto pola parte dos estranxeiros como pola dos nacionais. As inversións no mercado financeiro (préstamos, depósitos, etc.) sumaron as saídas de 108.925,2 millóns de euros, a metade deles (54.139,8) de capital estranxeiro e a outra metade (54.785,4), diñeiro que os españois investiron no exterior. Segundo o Banco de España, a maior parte destas fugas de capitais corresponde a operacións interbancarias, especialmente depósitos da liquidez lograda polos bancos nas poxas do Banco Central Europeo.
Por riba de todo isto, está o refuxio de enormes cantidades de capital español nos diversos paraísos fiscais que operan polo mundo adiante. A fundación independente Tax Justice Network publicou o domingo 22 de xullo no xornal británico The Observer un extenso estudio sobre a evasión fiscal e os paraísos fiscais, dirixido por un antigo xefe de economía de MacKinsey and Company (empresa líder en consultoría de xestión a nivel mundial), James. S. Henry. Nestes informe analízase o “burato negro” cada vez máis importante que hai nas finanzas mundiais, o custo real do off shore, demasiado subestimado ata agora. Estatísticas do Fondo Monetario Internacional, do Banco Mundial e doutros organismos reguladores internacionais permiten estimar en 17.000 billóns de euros os activos financeiros escondidos nos paraísos fiscais. James S. Henry eleva esta cantidade ata 25.000 billóns, o que representa un resultado maior co de sumar os produtos interiores brutos (PIB) dos Estados Unidos e Xapón. Esta estimación refírese só á riqueza financeira, pois como di Henry “unha boa parte dos activos investidos no inmobiliario, iates, cabalos de carreiras e outras cousas que contan nas grandes fortunas son detentadas a través das estruturas off shore que imposibilitan a identificación dos seus propietarios”.
Tax justice network
Segundo o estudio que se cita, “unha análise detallada dos 50 primeiros bancos privados internacionais revela que, a finais do 2010, xestionaban colectivamente máis de 15.000 billóns de euros de investimentos internacionais pola conta de clientes privados, incluídos os que pasan a través dos trusts e das fundacións”. Polo tanto, en contra do que se empeñan en desmentir as fontes oficiais, “o sistema bancario internacional é a pedra angular deste sistema de evasión fiscal”, como publicou o 24 de xullo o xornal electrónico francés Mediapart.
Un caso recente ilustra esta hipótese. A mediados de xullo pasado deuse a coñecer un informe de máis de 300 páxinas, elaborado pola Comisión de Investigación do Senado dos Estados Unidos sobre algo que veu pasando no Hong Kong Shangay Banking Center (HSBC), un enorme grupo bancario que presta servizos financeiros a 125 millóns de clientes en todo o mundo.
O HSBC non só favoreceu a evasión fiscal senón que tamén pechou os ollos para que parte dos seus clientes levasen a cabo prácticas criminais. Permitiu, por exemplo, lavar diñeiro procedente do narcotráfico e do tráfico de armas en México, e estivo relacionado co terrorismo en Arabia Saudita e co finanzamento de armas en Sudán e Irán. Máis de 60.000 contas abertas na súa filial mexicana foron aloxadas nas Illas Caimán. Sobre o 41 por cento destas contas, o HSBC case non tiña ningunha información nin execrcía control sobre elas, a pesar de que sabía que representaban grandes perigos de branqueo de diñeiro da droga. Cando foi collido coas mans na masa, o citado grupo bancario decrarouse “profundamente conmovido” e presentou excusas. Seguramente todo quedará nunha multa.
Tax justice network
A realidade é que os grandes bancos de todo o mundo teñen algo que ver coa evasión fiscal. A Union des Banques Suisses (UBS) está á cabeza das prácticas evasivas fiscais e da evasión de capitais cunha longuísima experiencia en contabilidades ocultas. Crédit Suisse e HSBC síguena de preto. Deutsche Bank e BNB Paribas, os dous grandes bancos europeos, tiveron que facer esforzos para pasaren, respectivamente, dos postos 6º e 8º que ocupaban no ano 2005 aos 4º e 6º no 2010, para clasificarse na xestión de fortunas. Hai mesmo un caso especialmente sintomático. O do pequeno banco de Xenebra Pictet, que pasou a ocupar o segundo posto desa xestión de fortunas no 2010. O seu nome atópase en abondosos casos franceses de evasión fiscal. En España, casos como os do Banco Santander tamén están relacionados con estas prácticas internacionais.
O máis cuiroso é que na listaxe deste problema, correspondente ao 2010, tamén figuran numerosos bancos que foron rescatados con fondos públicos entre o 2008 e o 2009: Barclays, ABN Amro, Goldman Sachs, BNP Paribas e Crédit Agricole. De onde se duduce que os gobernos salvaron bancos sen pedirlles nen sequera que pechasen as súas sucursais situadas en paraísos fiscais.
Nun período de cinco anos, os activos xestionados por conta da súa clientela internacional case foron multiplicados por 1,5, e pasaron de 9.000 a 15.000 billóns de euros polos efectos da mundialización. O informe de Tax Justice Network considera alarmante de que “a lista negra dos parísos fiscais estabrecida pola OCDE, censada como a liña da fronte do combate mundial contra a opacidade, fose valeirada o 7 de abril do 2009, cinco días despois do comunicado do G20. Os paraísos fiscais agora están censados como limpos, e durante este tempo os bancos internacionais continúan prosperando na xestión de fortunas”.
Os paraísos fiscais decote non son máis ca estruturas de tánsito, lugares de paso, segundo indica o informe. Se as grandes fortunas o que buscan é a opacidade e o segredo para fuxir dos impostos e das taxas, o que queren ao mesmo tempo é beneficiárense das melllores garantías para protexer os seus haberes. Queren a seguridade do dereito e da lei, e só os grandes países desenvolvidos lles poden aportar esa seguridade.
Os verdadeios paraísos fiscais non son as Illas Caimán ou as Illas Virxes, senón Londres, Suiza, Luxemburgo e Nova York, onde hai estabilidade xurídica, fiscal e política, segundo sostén Fernand Grulms, presidente de Luxembourg for Finance, citado por Nichaols Shaxson no seu libro Les paradis fiscaux.
Os grandes bancos convertéronse en expertos na prestación de servizos a medida para ofrecer os mellores consellos fiscais, xurídicos e financeiros aos seus clientes. Saben pasar dun fondo a outro, dunha praza a outra con total discreción, para lograr os mellores proveitos destinados aos seus propios estabrecementos e á súa clientela. Estas entidades nunca tiveron escrúpulos para acoller, dende os anos 70 do século pasado, aos ditadores africanos ou de países subdesonvolvidos que reconvertían en poucas semanas ou en poucos días en haberes personais os créditos que lle eran concedidos aos seus países, deixando que pagaran as débedas as súas poboacións, e abríronlles as súas portas a todos –narcotraficantes e traficantes de armas incluídos– coa liberaliralización dos mercados de capitais e a baixa de impostos promovidas por Ronald Reagan e Margaert Thachter a partir de 1980. Dá igual que sexan emprendedores de Silicon Valley, propietarios de grandes grupos, deportistas, oligarcas rusos ou narcotraficantes. Todos son ben chegados.
“Unha a unha, as teorías liberais caen –publicou Martine Orange en Mediapart–. O aumento das rendas dos máis ricos non se transmite ao resto da poboación. Como estaba previsto, a liberalización dos mercados de capitais non garantiza a eficiencia dos mercados senón que, todo o contario, favorece os buratos negros cada vez máis importantes das finanzas internacionais. A baixa dos impostos non contén a evasión fiscal. Ben pola contra, acrecenta as desigualdades rompendo os sistemas de redistribución”. É todo o que veu denunciando o premio Nobel de Economía norteamericano Paul Krugman nos últimos tempos.
Que paaría se non houbese toda esta evasión fiscal? Pois que seguramente non habería crise económica nin social. James S. Henry calcula que, sobre a base dun rendemento do 3 por cento, as rendas dos billóns de euros que andan ocultos ao fisco, se estivesen gravados cun 30 por cento, aportarían entre 155 e 225 billóns de euros aos gobernos perxudicados. Estas cifras afectan sobre todo aos países non occidentais, posto que a evasión fiscal cometida en América Latina ou en Asia dende hai máis de trinta anos é simplemente espectacular. Como apunta Henry, “os 139 países de rendas máis baixas do mundo que son considerados tradicionalmente debedores netos contabilizan, segundo as estatísticas oficiais, unha débeda exterior de 4.900 billóns de euros a finais do 2010, pero se as reservas en divisas estranxeiras e as contas exteriores, comprendido o off shore, dos seus ricos nacionais fosen incluídas, a imaxe invertiríase totalmente: son acreedores netos con respecto ao resto do mundo a un nivel de 12.200 a 15.800 billóns de euros. O problema é que os activos son detentados por un pequeno número de idividuos ricos, mentres que a débeda é soportada polo conxunto da poboación do seu país”.
En plena crise, Europa está no mesmo caso. Se a evasión fiscal e a opacidade financeira non minasen o sistema, a zona euro sería tamén acreedora neta con respecto ao resto do mundo, e as débedas considerads insoportábeis de paisés como Grecia, España, Italia, Portugal e Irlanda baixarían de maneira sorprendente se os cartos que fuxiron a Suecia, Luxemburgo ou Londres volvensen a entrar no país de orixe e pagasen normalmente os seus impostos.
O que pasa é que as grandes fortunas e os bancos chegaron a ter tanto poder que organizan o sistema para o seu único proveito, esixíndolles aos políticos os mellores servizos e as mellores proteccións da súa riqueza sen pagar nada. Son os mesmos que, a través dos bancos, dos hege funds, dos fondos de investimento e grazas ao enorme capital que acumularon ao longo das últimas tres décadas, organizan a desestablización da zona euro e protestan contra a magnitude das débedas.
No momento en que Europa gallopa cara a súa ruína e os gastos sociais e educativos son considerados luxos insoportábeis, ou se controla todos estes buratos negros da economía internacional ou nos imos todos ao burato do inferno. Só é cuestión de tempo.

miércoles, agosto 01, 2012

Juan Sintino

Neste país faltan científicos e sobran moralistas de dereitas. Abonda con ser un ex director xeral da Policía, instalado na presidencia das Cortes de Valencia, para porse a despotricar sobre o aborto. Tal é o caso de Juan Cotino, empresario agrícola e político do Partido Popular, que acaba de propoñer que as mulleres que vaian abortar sexan obrigadas a ver antes unha ecografía do feto e que se lles plantexen “diferentes opcións e alternativas eficaces” que lles permitan levar a cabo o embarazo.
Este político aznarista, que en ciencia non é Madame Curie nin en moralismo Jacques Maritain ou Enmanuel Mounier, é dos que escriben blogs e, no seu, acaba de publicar un artigo chamado a encender a polémica: La solución es vida.
Hai que ver como manexan as ideas estes próceres das esencias ultraconservadoras. Agora deulles por revolver no tema do aborto e non deixarán de intentar prohibilo en calquera suposto ou condición. O que menos lles importa son os dereitos das mulleres en si mesmas. O caso é manter contenta e satisfeita a súa clientela política de extrema dereita. A Cotino, se cadra pola experiencia adquirida mentres que Aznar lle permitiu mandar na Policía, ocúrreselle someter as féminas a un control obrigatorio de escáner aeroportuario para convencelas do pecadísimo que cometen cando practican o aborto. Como non estamos na Idade Media –depende en que cousas, en dereitos laborais imos camiño de volver a aquela época–, xa non pode propoñer queimalas nunha fogueira nin mandalas a algún país de extremismo musulmán para que as maten a pedradas. Que cousas se lles ocurren aos extremistas do PP dende que bloquearon a Blas Piñar!
Habería que paralos antes de que convirtan a España no Estado aillado de Europa que era no primeiro franquismo. E, por certo, como pensará este home, que parece tirado dunha Märchen von einen, der auszog, das Fürchten zu lernen (Xan sen Medo), que se pode aplicar a obrigatoriedade de pasar polo escáner? Levando as mulleres conducidas pola Garda Civil coas mans atadas? Obrigándoas, senón, a parir fillos que non queren ter? Como soa todo isto a ditadura que non é precisamente a do proletariado. Juan Cotino, Juan Cotino... se te apelidaras Contino sería unha aberración semántica. Quizais sería mellor que te chamases Juan Sintino.