Xa sei que debería escribir algo máis do que escribo neste blog. Ou se cadra non. E xa sei que debería explicarme algo máis. Ou se cadra tampouco. E ata penso que se cadra debería recoñecer definitivamente que non teño nada novo que contar nin nada que dicir que poda resultar do máis mínimo interese xeral. O sexa, que se cadra debería porlle o peche a este portal. Ou se cadra nin sequera iso. Simplemente deixalo morrer de inanición.
Pero resístome a coidar que as cousas son tan sinxelas como parecen. O que si debo admitir sen delación é que me atopo carente de calquera xeito de imaxinación para atopar vieiros novos. No meu caso non é a crise dos corenta nin a dos cincuenta. É algo moito máis grave. A crise dos sesenta e moitos. Que pode facer un vello coma min no roteiro final da súa vida? Limitarse a cobrar a pensión, gravemente ameazada polo desastroso goberno de Rajoy? Apuntarse ás viaxes do Inserso? Celebrar que a vida segue malia todo? Acumular pesticidas para vingarse como fai a María Jambu de Petros Márkaris?
Esta última alternativa teño claro que no vou adoptala nunca. Só serviría para contribuir ao desenvolvemento dunha das industrias máis nocivas do noso tempo. A dos glifosfatos e velenos parecidos. E poi cosa? De momento dedicarme algo á vida contemplativa. A Filón de Alejandría, pero sobre todo a Santa Teresa e a San Juan de la Cruz.
Prometo que vai ser por pouco tempo. Non anda o mundo para vivir eternamente sen vivir nun mesmo nin para esperar altas vidas morrendo porque un non morre.