viernes, octubre 25, 2013

As amizades perigosas de Rajoy

Había poucas dúbidas acerca da categoría moral e cidadá do empresario norteamericano que nos quere impor o goberno de Mariano Rajoy para explotar na provincia de Madrid un singular casino proxectado co nome de Eurovegas. Abondaba coa pretendida imposición dunha lexislación especial en materia laboral e de saúde pública para poder facérmonos unha idea moi certeira de que clase de personaxe é o norteamericano Sheldon Adelson, pero a metedura de pata que acaba de cometer este malandro durante unha conferencia súa na universidade de Yeshiva (Nova YorK) deixouno definitivamente retratado.
Observen o que dixo referíndose a Irán: “E sobre que imos negociar? Eu diría, escoita, ves ese deserto que hai aí. Vouche mostrar algo. Logo colles o teléfono, chamas a calquera sitio de Nebraska e dis, OK, adiante. E tiras unha bomba atómica no medio do deserto, onde non fai dano a ninguén, quizais a un par de cobras, escorpións ou que haxa alí. Logo dis, ves? a próxima no centro de Teherán. Falamos de negocios. Queres ser borrado do mapa? Sigue adiante co teu programa nuclear. Queres ser pacífico? Retírao todo e garantirémosche que podes ter plantas nucleares para enerxía e electricidade”.
Estas son as amizades perigosas de Rajoy. Nin o máis peculiar mafioso siciliano sería quen de pronunciar unha ameaza tan característica do perigoso espírito belicoso que leva dentro de si Sheldon Adelson. Que anden con cuidado Mariano Rajoy e Esperanza Aguirre. Calquera día dilles o seu amigo americano que ou se axeonllan diante del e sobre as brasas ou pide que boten a bomba atómica nos arredores de Alcorcón. Cela volve a ter razón: Madrid é unha aldeuchoa manchega, entre Navalcarnero e Kansas City, poboada de subsecretarios.

jueves, octubre 17, 2013

A fantasía de Emilio Botín


Non hai como ser banqueiro para que a un lle sorría o mundo. Aí está o caso de Emilio Botín, presidente do Banco de Santander, que hoxe mesmo dixo que estamos a vivir “un momento fantástico para España, porque chega diñeiro de todas partes”. Que lle conten esta milonga aos máis de 6.200.000 parados que hai no Estado e, sobre todo, aos máis de tres millóns de españois que viven en pobreza severa.
Considera Botín que a confianza en España aumentou de “forma inimaxinábel” nos últimos seis meses e que son moitos os que agora queren investir aquí. O banqueiro de referencia do capitalismo español opina que este cambio de rumbo da econmía española débese ás reformas laborais e financeiras levadas a cabo polo goberno de Mariano Rajoy. Faltaría máis.
O malo é que a realidade empéñase en contradicir sempre as trobas destes apóstolos do neoliberalismo que hai pouco aplaudían a política económica de Zapatero e agora degoiran pola de Rajoy. No derradeiro trimestre do 2007 había en España 370.000 parados de longa duración (máis de 12 meses). Agora case hai tres millóns máis. Un de cada dous parados é de longa duración. Máis de tres millóns de españois viven na pobreza severa (dispoñen de menos de 307 euros ao mes). Máis do doble dos que había en 2007.
O 6,4 por cento da poboación do Estado está composta por pobres absolutos. O 20 por cento desa poboación concentra cada vez máis riqueza. No 2013 hai 1.625 ultramillonarios españois, un 6,9 por cento máis ca no ano 2012, e o número de ricahóns aumentou un 13 por cento entre a primeira metade do 2012 e a do 2013. Neste intre hai 402.000 españois moi ricos, segundo Credit Suisse. Mentres tanto, 12 milóns de españois están vivindo por debaixo do umbral da pobreza. Un dato alarmante: o 27,2 por cento dos menores de 16 anos viven nesa pobreza, que pasou de atinxir o 19,7 por cento dos fogares no 2007 ao 21,12 por cento no 2013. E iso que a consideración de estar por debaixo do umbral da pobreza pasou de 15.900 euros cada ano (unha familia con dous adultos e dous menores) a 14.700 no 2012. Como se agora a vida non fose máis cara aínda.
Podiamos seguir expondo máis datos procedentes de fontes nada sospeitosas como algunhas institucións bancarias, Cáritas, Eurostat, etc. Se cadra, un máis: as persoas atendidas por Cáritas en España foron 307.251 no ano 2007. No 2012, 1.300.914. O 423,4 por cento máis. Que sigan Botín e o resto dos trobadores neoliberais cantando o himno de que España vai ben. E ofendendo a intelixencia da maioría.

jueves, octubre 10, 2013

Blanco Amor, a aventura de vivir nun pobo


Xa sei que ninguén me vai crer que aínda sigo enleado na organización da miña biblioteca. Dende hai máis de vinte anos levo empeñado en facer eu mesmo de bibliotecario de silveira co propósito de meter todos os libros que fun xuntando ao longo da vida nun programa informático que me permita telos facilmente localizabeis e controlados. En realidade, todo isto non foi máis ca un bo propósito que nunca empecei a realizar ata hai dous ou tres meses, pero agora xa estou a piques de rematalo e moito me alegro de telo emprendido. Por fin vou sabendo os libros que teño e mesmo os que xa non teño por diversas razóns que non veñen ao caso.
Por exemplo, acabo de atopar un volume titulado La peligrosa aventura de vivir en un pueblo, que foi publicado en 1990 mediante unha subvención da Deputación de Ourense. Colleita os artigos publicados por Eduardo Blanco Amor en la Hoja del Lunes e en La Región de Ourense durante os anos 1967, 1968, 1969, 1970 e 1971, grazas ao traballo levado a cabo polas irmás Belén e Maribel Outeiriño, que anunciaron daquela a súa intención de acometer “unha nova edición cos artigos do escritor ourensán nos mesmos diarios ata a súa morte, ocurrida en 1979”.
Di Maribel Outeiriño, no prólogo deste libro, que Blanco Amor decidiu afincarse en Ourense o día no que pensou mercar un piso na capital das Burgas, logo de andar errante case tres anos antes de tentar a perigosa aventura de vivir nun pobo. Daquela aínda circulaba algunha xenerosidade pola Galicia cultural e o autor de Xente ao lonxe puido adquirir a que pasou a ser a súa vivenda cos cartos que lle regalaron un grupo de pintores galegos, logo de facer con este fin unha exposición colectiva en Vigo.
Lamentabelmente as irmás Outeiriño aínda non cumpriron a súa promesa de 1989 de recompilaren o resto dos artigos de Blanco Amor publicados en La Región entre 1967 e 1979. Sei que Maribel e o escritor galego Lois González Tosar están sendo animados polo presidente da Deputación, Xosé Manuel Baltar, a emprenderen conxuntamente unha futura edición deses artigos. Estaría ben que eles, ou quen fose, levase a cabo pronto esa recolleita que nos serviría, entre outras cousas, para coñecer mellor a quen foi un dos nosos mellores escritores e homes do pensamento galego. E, de paso, se cadra debería alguén afondar algo na vida que levou Blanco Amor dende que regresou de Arxentina. Eu sei de promesas que se lle fixeron en Vigo e que non foron cumpridas causándolle ao escritor desacougos e frustracións que non contribuiron a facerlle a vida doada durante os primeiros anos do seu afincamento definitivo en Galicia, por exemplo.