miércoles, febrero 26, 2014

Os emilios

Raphaël Sorin

Raphaël Sorin, prestixioso editor de libros francés que traballou para as máis importantes editoras de París, no interesantísimo blog que publica a través do xornal Libération, titulado Lettres ouvertes, sostén que Gabriel Matzneff “vient d’inventer un mot, l’émile, pour définir la missive électronique” (acaba de inventar unha palabra, o emilio, para definir a misiva electrónica”).
Atribúelle tal invento no propio título do último libro de Matzneff, Les nouveaux émiles de Gab la Rafale. Confeso que quedei atónito ao ler este “descubrimento”. A denominación de “emilio” para definir unha mensaxe, unha carta ou unha comunicación electrónica xa hai tempo que empezou a ser vella polo menos en español e ata en galego. Quen non vén dicindo dende hai anos que lle puxo un “emilio” á súa noiva, á súa nai, ao seu xefe ou á Xunta de Galicia, por exemplo? Pero, polo visto, había que esperar a que un escritor francés lle petase elevar a palabra “emilio” á tapa dun dos seus libros para dala por inventada. Como son os franceses! E, se son escritores, máis aínda. Chauvinistes.

lunes, febrero 24, 2014

Jordi Évole e a trangallavisión


Confeso de entrada a miña admiración polo traballo profesional que veu desempeñando ata agora Jordi Évole, auténtico “animal” televisivo que soubo conquistar en pouco tempo un privilexiado posto no mundo da comunicación actual. Manifesto tamén que vin con moito interese ese remedo de Operación Lúa, con algo de Orson Wells, que emitiu onte A Sexta co título de Operación Palace.
Non quero presumir, pero fun dos que nos decatamos axiña de por onde ían os tiros e escoitei e lin con atención as advertencias finais de que todo se trataba de pura ficción. Aínda así, a min quedoume un extraño sabor de boca que non sei explicar moi ben. Sorprendeume que un dos adalides do realismo xornalístico español dos nosos días, como é Évole, e toda unha morea de políticos e ata un cineasta e un historiador, se prestasen a montar a trangallada que emitiu A Sexta o día no que se cumpría o 33 aniversario do golpe militar que quixeron levar a cabo Miláns del Bosch, Antonio Tejero e Alfonso Armada.
Por se había aínda algunha dúbida de que as televisións actuais son todas tributarias do puro espectáculo, Jordi Évole, A Sexta e Operación Palace despexáronas todas na noite do 23 de abril. Non acaba de parecerme mal que se fagan este tipo de brincadeiras televisivas sobre calquera acontecemento da nosa historia recente, pero non acerto a despexar ben a incógnita de cales poden ser as súas consecuencias ou os seus efectos colaterais máis significativos. Por exemplo, comprometeu Jordi Évole a súa fiabilidade e a do propio xornalismo facendo de saltimbanqui que vai da escada do xornalismo ao trampolín da ficción chistosa? Que papel xogaron os coñecidos políticos que se prestaron á montaxe de Operación Palace?
Quizais é precisamente o papel dos políticos o que máis me desacougou. Sorprendéronme moito as descoñecidas virtudes interpretativas de todos eles contando e repetindo a mentira da ficción como se fose a cousa máis seria. Aínda vai ser verdade iso de que a política é teatro e máis nada nos tempos que corren. Pola contra, será só realismo puro o que respiran os destinatarios e consumidores desa política? En caso afirmativo, non me extrañaría que nas próximas eleccións lles pregunten se o que poñen nos seus programas é verdade ou é ficción. E o mesmo lles podía dicir aos xornalistas que participaron na “trangallavisión” de Jordi Évole.
Non é por nada ou se cadra é porque eu vou pola vella, pero a min os xornalistas gústanme facendo xornalismo, os políticos política e a ficción que a faga quen ten que facela: os ficcionistas. Así como no seu tempo non me gustou que os xornalistas se convertisen en axentes de publicidade agora tampouco me fai feliz ver como queren emular a Orson Wells. Son un antigo, definitivamente.

lunes, febrero 03, 2014

Que ben fala Mariano


O país de países navega co vento dándolle na popa. Descende o paro, corren os cartos en forma de créditos, baixan os impostos, os mozos e as mozas voltan da emigración... Pero, ademais, temos un presidente de Goberno que fala como se fose un deus da palabra ou un príncipe da autoridade: “Y si además tú, cuando digo tú digo él, pero le digo tú, eres parte destacada en la causa de ese calvario, o te callas o reconoces el mérito de la gente”, dixo en Valladolid e ficou tan pancho nun arranque dialéctico tan digno de pasar á historia como o da famosa “indeminización en diferido” da conspícua Cospedal.

sábado, febrero 01, 2014

Cidadán Pedo J.


Un amábel lector de Croques, Rafael García, pregúntame se é posíbel que a Pedro J. Ramírez o indemincen con 20 millóns de euros, e vou ver se sei responderlle. Posíbel si que é. O que non é, é xusto. E o que tamén é, é un escándalo de moito nabo de Lugo. Do que vai trascendendo, o que a partir de mañá será ex director de El Mundo e a súa empresa asinaron hai tempo un contrato no que se blindou a saída involuntaria do xornalista estrela cunha cobertura indemnizatoria que pode ser de 20 millóns de euros, que deixa a un coa boca aberta se se traduce á antiga moeda española: 3.327.720.000 pesetas. Indudabelmente, isto non ten nada que ver coas indemnizacións –cada vez máis limitadas– que poden percibir a inmensa maioría dos traballadores cando as súas empresas os depiden, e permítenos preguntarnos se o beneficiario de tamaña indemnización estaba moralmente capacitado para denunciar as inxustísimas millonadas que cobraron os antigos dirixentes de Caixa Galicia e Caixavigo, por exemplo.
O que nos leva a algo que moita xente aínda se sigue negando a ver: a corrupción e a malversación de fondos nas empresas do capitalismo reinante. Fálase todos os días –e con razón moitas veces– da corrupción política, pero cóntasenos pouco –máis ben case nada– de como malversan fondos e medios en xeral a maioría das empresas que cortan o bacalao. E non nos debería abondar con que se nos diga que esas empresas son privadas e fan o que máis lle peta aos seus consellos de administración. Non señor, a economía, coma minería ou coma calquera fonte de recursos, non é un ilimitado saco sen fondo. Todo é susceptíbel de ser gastado –ou pior aínda, mal gastado– e, polo tanto, esgotado. Como se esgota o peixe no mar ou secan os pozos de petróleo. Cada vez que se fai mal uso de calquera recurso estase a violentar o desexábel equilibrio de que debería gozar a humanidade, e, xustamente debido a esa violencia universal, cada vez medran máis a desigualdade e a inxustiza social.
En consecuencia, non deixa de ser chocante que Pedo J. Ramírez fundase e dirixise tantos anos un xornal madrileño que se ten feito notar por unha relativa independencia que lle fixo destacar pola denuncia de determinados temas importantes. Está moi ben –e é de celebrar– que El Mundo pillase algunha dianteira na denuncia da corrupción dos partidos políticos e dos sindicatos, ou na exposición pública de ilegalidades urbanísticas e economicas, pero cómpre non esquecer que o propio Pedro J. Ramírez rematou saíndo nos papeis por mor dunha pisicina irregulamernte construída na súa casa de veraneo en Mallorca ou que agora pode rematar cobrando unha indemnización multimillonaria que lle tería que pagar unha empresa que el vai deixar en perdas moi significativas.
En fin, que non todo é ouro no relumbrón de Pedro J. Ramírez. El mesmo, como case todos o personaxes que denunciou no seu xornal, presenta luces e sombras. É un gran xornalista, non hai dúbida, pero tamén é un gran cidadán? Voilà la question.