viernes, abril 25, 2014

40 anos do 25 de Abril

Os lectores deste blog que queiran saber algo da comemoración do 40 aniversario do 25 de Abril portugués, o mellor que poden facer e repasar a excelente información que dá hoxe o xornal liosboeta Público mediante a pluma de Anabela Mota Ribeiro. Premer aquí.

martes, abril 15, 2014

Gran desmemoria ou hai que sabelo todo?


Tardei case unha semana en rematar a lectura do libro de Pilar Urbano La gran desmemoria. Lo que Suárez olvidó y el Rey prefiere no recordar. Libro inquietante sen dúbida. Desacougante e enormemente ilustrativo dalgunhas cousas que puideron pasar naquel abracadabrante golpe de Estado que nos quixeron zurrar o 23 de febreiro de 1981.
Para empezar, concordo totalmente coa autora e discordo con Albert Camus en que non é certo que a verdade ten dúas caras e unha delas debe permanecer oculta. Podía engadir aquela perogrullada aprendida na miña xuventude de que a verdade o que é e revolucionaria ou que só os tolos contan a verdade, pero abóndame con isntalarme na satisfacción de que a verdade é un aceite da alma histórica que case sempre acaba por saír a frote. E, quizais, neste senso, o último libro de Pilar Urbano sexa un bo frotador lanzado sobre a controvertida e aínda descoñecida e mal difundida historia do famoso 23F.
Non son historiador e ignoro, polo tanto, e mesmo me permito desacatar ás veces as regras e metodoloxías da arte, ciencia, técnica ou que sexa o noble labor de repasar, investigar e divulgar o pasado, pero tampouco son totalmente parvo, no máis sentido latino-galego da palabra, e tiven, ademais, a sorte de coñecer e tratar a varios personaxes que aparecen como fontes do libro (Josep Melià, Carmen Echave, o xeneral Gabeiras, Pío Cabanillas, Otero Novas, David Pérez Puga...) E non se pense que estou xuxerindo nada. Só quero manifestar o enorme respeto profesional e moral que me produce o traballo da autora de La gran desmemoria, libro necesario entre os máis imprescindíbeis dos últimos tempos, dende logo. A alguén pode sorprenderlle que unha aproximación histórica así poda proceder dunha autora que teña a súa vida e as súas ideas incardinadas nun sistema intelectual e moral tan determinado como é o Opus Dei. A min no me sorprende nada. Sei dende hai moito tempo que Pilar Urbano non é unha chisgarabís que non saiba distinguir entre crenza relixiosa e actividade profesional, como parece colexir o ás veces sectario Felipe González. Por iso non son quen de entender a reacción airada que lle provocou o libro a Juan Luis Cebrián, ex director de El País e actual presidente da empresa que edita o xornal que algunha vez foi progresista, e quen, a penas horas despois de que se comezase a falar –moi limitadamente por certo– do libro, lanzou a súa retórica con esta frase inicial dun artigo que titulou Gato por liebre: “La muerte de Adolfo Suárez ha dado pábulo a toda clase de racciones en el circo de la política. Como era de esperar, muchos de quienes le apuñalaron en vida lloran ahora públicamente su marcha con lágrimas de plañideras”. Como se el propio non fose dos que que destacaron na caza e captura de Suárez, que disto sei eu algo.
Pilar Urbano
Cinco párrafos máis adiante, Cebrián despacha lindamente outra frase apocalíptica: “No me gustan las teorías de la conspiración y prefiero suponer que todo esto emana de la necedad de las gentes, de su falta de criterio o sus deseos de notoriedad, lo que no evita el daño que produce en un momento de graves dificultades para la convivencia de los españoles”. Léndolle este brillante análise da realidade parece que estamos volvendo a escoitar algún dos argumentos que se utilizaron para frear os primeiros pasos da transición e da recuperación democrática. Habería que preguntarlle, ademais, ao egrexo xornalista-académico cal é o seu concepto das “gentes” e se cadra mesmo pola súa propia “necedad”, que asoma neste artigo en cuestión.
Juan Luis Cebrián
Para Cebrián o libro de Urbano non é máis nada ca “una meritoria colección de anécdotas que lleva a defender tesis tan fantasiosas y creíbles como las revelaciones de los sabios de Sión”. É curioso comprobar como en moitas mentes que se teñen por preclaras  e despachan como infalíbeis segue mandando o criterio de que hai que correr un tupido velo sobre as cousas que poden inquietarnos dos lamentábeis e vergoñentos sucesos que conformaron o 23F. Non se decatan de que a verdade é un náufrago que se afoga con frotador e case sempre remata volvendo á tona.
A Cebrián, en suma, o libro de Pilar Urbano parécelle unha “fabulación interesada”. Poñámonos por un instante do seu lado e fagámoslle logo esta pregunta: Se todo é unha fabulación interesada, por que non fai algo para que o seu periódico abra un dabate que contribúa a depurar esta e todas as fábulas adiantando no escrarecemento dos desgrazadísimos feitos do que eles chaman intentona golpista e que se cadra foi un golpe de verdade ocultado á cidadanía?
En fin, que recomendo a lectura da gran desmemoria e do que o Rei prefire non lembrar. Hai que sabelo –e discutilo– todo.