viernes, junio 20, 2014

O pelado de Vilanova

Martina Miser/La Voz de Galicia
En Vilanova de Arousa (Pontevedra) goberna un peculiar militante do Partido Popular, Gonzalo Durán, un político de dereitas que exerce de republicán cando non está de servizo. Segundo el opina, hai xente de dereitas que pensa, coma el, que a República é o mellor modelo de estado para España, pero que se mostra respetuosa coa Monarquía.
Menos respetuoso parece mostrarse el propio coas persoas que non coinciden coas súas ideas políticas conservadoras. “El valedor de la república no puede ser el coleta de Podemos. El sistema republicano es un sistema cabal no radical”, perorou para as páxinas de La Voz de Galicia referíndose a Pablo Iglesias, líder de Podemos. Anda que se Iglesias é o “coletas”, o rexidor de Vilanova ben podería ser alcumado de “pelado”. De ideas, polo menos.

sábado, junio 14, 2014

O de Santiago, sen ser Gomorra, é de Roberto Saviano

Definitivamente a evolución política que experimenta o Concello de Santiago está pedindo a gritos que lle apareza pronto un mago do sainete. Pero xa non abondaría coa hipotética aparición dun Carlos Arniches ou algún irmán Álvarez Quintero que paseasen polas rúas de Compostela. Tería que ser un auténtico Armando Discépolo dos nosos días o que lle puxera mollo de “grotesco criollo” á “jamás vista ni oída aventura que con más poco peligro fue acabada” no non se sabe se máis heroico que leal pazo de Raxoi.
Se todo o sucedido nos últimos tempos –cun alcalde condenado pola Xustiza, outro máis implicado, nove concelleiros tamén condenados pola Xustiza e algúns máis imputados– xa constituía unha auténtica Babilonia que podía cantar Morodo, agora a solución que lle acaban de dar á crise municipal santiaguesa Alberto Núñez Feijóo e Agustín Hernández parece talmente unha volta de rosca practicada con desparafusador de Ikea. Foise para a súa casa unha concelleira condenada por prevaricación, pois sustituímola polo seu home que debe saber pola familia o que compre facer no Concello e xa el propio é sabedor de como se desenvolveron determinadas cousas que deron precisamente lugar a varias actuacións da Xustiza. Ou impórtase de Boiro a quen xa deixou a súa voz marcada –e rexistrada– en indagacións xudiciais. E, se non abonda con todo isto, recupérase algún tarro de Chanel número 5 sen reparar na data de caducidade.
E todo porque Agustín Hernández buscou “o equipo” que considerou “mái axeitado en defensa dos intereses de Santiago"? É o que vai ser novo goberno municipal un equipo “cohexionado” e elaborado “con total liberdade” deixando dentro a un Ánxel Currás que foi o que desencadeou a crise e que pode ser precisamente agora o concelleiro con máis poder de goberno pola sinxela razón de que o seu voto pode significar o alcance da maioría nos plenos?
Realmente parecería todo de sainete, pero de sainete arxentino, grotesco crioulo, se non fora porque se cadra o que está sucedendo é máis propio do ensaio ca de calquera outro xénero literario. A triloxía Conde Roa-Anxel Currás-Agustín Hernández quizais lle quedase algo ancha a Discépolo e habería que encargarlla a Roberto Saviano.