jueves, abril 30, 2015

A espantada de Monedero

Pois xa está, alguén falou sinceramente dende a dirección de Podemos e foi Juan Carlos Monedero: “Claro que hay tensión dentro de Podemos porque es evidente. No sólo en la dirección, sino en los círculos”. Debería non pasar nada grave ou polo menos nada irreversibel no que que foi e aínda é, pero cada vez menos, a gran esperanza da rexeneración española.
Con Monedero non hai por que estar en completo acordo e a min, por exemplo, nin me convenceron nin me gustaron nada as explicacións que deu cando a prensa de dereitas tentou inmolalo por determinados ingresos económicos excesivamente escuros, pero hai que recoñecerlle que na súa cabeza leva calquera cousa menos serraduras. A Monedero gústalle máis Eduardo Galeano que “Juegos de tronos”. A min tamén. Polo visto Pablo Iglesias é máis da famosa serie que lle aconsellou ao Rei. Pois non tería que pasar nada grave, insisto. Non temos por que beber todos caña do Ribeiro.
Dirán os máis ortodoxos que Monedero non debería expor esta crítica a dúas ducias de días antes das eleccións municipais. A min gústanme as persoas e, sobre todo, os políticos que se expresan sinceramente. Que falan sen pelos na lingua. Xa sei que esta primeira gran crise interna de Podemos ha ser aproveitada pola Casta para trataren de enrocarse nas seus castelos de poder, pero era necesario que alguén reivindicase a alma orixinal de Podemos. A súa orixe no 15-M, a indignación, a desobediencia, a irreverencia... Po que non ía haber un Varoufakis en España?
En calquera caso, estamos a ver un suceso que non ten nada que ver co lamentábel espectáculo que están a dar dende o PP algúns ministros e outros dirixentes que non paran de recuperar vellas mañas do franquismo. A censura de prensa, por poñer o exemplo máis recente.

miércoles, abril 22, 2015

O cantoso caso de Cantoria

Antonio Cerrillo con Susana Díaz
Sostén María Dolores de Cospedal que no Partido Popular traballouse moito para “saquear o noso pais”, e se cadra é verdade, aínda que fixese tal consideración dende algunha parte segreda do seu subconsciente. O caso, ademaís, é que acto seguido engadiu que o van seguir facendo. Ha ser divertido se algunha vez algún sociolingüista ou psicoanalista, mellor aínda, decide recopilar e analizar este tipo de manifestacións subconscientes dos que mandan nas nosas vidas.
Están a chegar as primeiras eleccións das varias que van ter lugar este ano e o panorama xa comenza a ser máis arrepiante que divertido. No municipio almeriense de Cantoria, un dilixentísimo e oportuno garda civil rexistrou a Antonio Cerrillo Peña, candidato do PSOE á alcaldía dese lugar, cando saía dun deses prostíbulos que tanto balizan as estradas e barrios periféricos da xeografía española. Atopoulle unha “papelina” de cocaína, polo que posteriormente lle foron requisadas as armas e a licenza de caza que poseía, segundo se deu présa en facer público o Partido Popular mediante a emisión dun comunicado de Prensa.
Tamén hai que ver como elixen os do PSOE a algúns dos seus candidatos! O de Cantoria non lles abondou con que fose cazador e propietario de armas. Tamén tiña que ser “putero” e consumidor de cocaína. E, postos a coleccionar coincidencias, tamén é casualidade que o garda civil de marras se puxese a facer rexistros cando saía do “puticlub” o candidato socialista, e aparecese case de inmediato un comunicado do Partido Popular negándolle “catadura moral para representar os veciños de Cantoria”.
Por certo, Cantoria é un concello do Val do Almanzora (Almería) no que todos parece que teñen moito que rascar. O anterior alcalde, Pedro Llamas, do PP, tivo que dimitir, en xuño do 2013, para cumprir a condea de dous anos de cárcere e 23 meses de inhabilitación que lle impuxo o Tribunal Supremo por cometer o delito de falsidade documental. O candidato que agora presenta o PP, José María Llamas, é irmán do ex alcalde inhabilitado e tamén foi condeado a prisión por construir vivendas en chan non urbanizábel, segundo informou a responsábel de Política Municipal do PSOE en Almería, Adela Segura, cando se fixo pública a renuncia de Antonio Cerrillo a consecuencia do escándalo político que se armou. Curiosamente ao candidato socialista non o denunciaron por ir de putas (catadura moral que aínda segue sendo legal) senón por levar unha “papelina” de cocaína no peto. Cantoso –ou “cantorioso”– é o caso de Cantoria.