lunes, junio 29, 2015

Dúas maneiras de ver o de Grecia

Hoxe pode un facer dúas cousas: ler o artigo de Julio Llamazares publicado en El País co título de Amor a Grecia, ou o de Xosé Luis Barreiro Rivas en La Voz de Galicia, Alexis Tsipras se quita la careta. Dúas maneiras de ver o mundo. Unha, a primeira, dende a sensibilidade e a cordura histórica. Outra, a do noso sobrevido Jaime Capmany, dende a estulticia neoliberal. Que terá que pasar para poder ler algo intelixente sen ter que pasar do Padornelo?
Aos que lean francés seguramente tamén lles interesará este artigo que acaba de aparecer en Libération. E, mellor aínda, para os que saiban inglés, repasar o que di o premio Nobel Paul Krugman no artigo que lle publica hoxe The New York Times.

jueves, junio 25, 2015

A soberbia de Pablo Iglesias


Sen respiración. Así é como me deixou a lectura das declaracións do lider de Podemos acerca de Izquierda Unida (IU). Non sei se a este rapaz lle picou unha avéspa cargada de veleno, lle entrou un perigoso baile de San Vito ou é vítima dun repentino ataque de fatada política. Atribúelles Pablo Iglesias a “lucidez do pesismismo” aos dirixentes de IU. Pois anda que el, como siga polo camiño que acaba de emprender, vai rematar instalado na lucidez “joseantoniana” (si, polo de Primo de Rivera) do señorito que  pringa a súa alma con soberbia e persoalismo. Que volva Monedero canto antes!

lunes, junio 15, 2015

Atención a Ada Colau

Ada Colau viaxando en Metro para parar un desafiuzamento no Nou Barris barcelonés.
De toda a xesticulación exhibida polos novos alcaldes que están protagonizando o cambio político que está renacendo en España, celebro moi especialmente o comportamento da barcelonesa Ada Colau, que estreou o seu mandato viaxando en Metro para trasladarse ao Nou Barris coa intención de parar un dos nove desafiuzamentos que ían ter lugar hoxe en Barcelona.
Parece ser que mentres tanto o alcalde de A Coruña, Xulio Ferreiro, estaba ocupando ou seu tempo en conceder entrevistas radiofónicas –pero que manía teñen sempre os rexedores galegos, sexan da cor que sexan, por correr tras dos micrófonos!–, o de Santiago andou ocupado en repartir responsabilidades municipais e o de Ferrol, acompañado pola rotunda Beatriz Sestayo dedicoulle algo de tempo a saudar os funcionarios.
Na capital do Reino, Manuela Carmena tamén pillou o Metro para acudir ao traballo e se cadra non lle quedou tempo nin inspiración para facer como fixo Ada Colau en Barcelona, ocupada como debeu estar en apagar o lume que lle prendeu o seu “humorístico” concelleiro de Cultura –xa dimitido– Guillermo Zapata.
Faltándome saber o que fixeron outros moitos rexedores municipais da nova España, insisto que admirar sobre todo a esa moza catalana que vai dar moito que falar e que se chama Ada Colau. Benvida, mossa, á necessaria regeneració del teu país!

O humor dun tal Guillermo Zapata


Con razón ou sen ela, o tal Guillermo Zapata, flamboyant concelleiro de Cultura do Concello de Madrid, tardou dous escasos segundos en converterse nun auténtico cadáver político grazas exclusivamente ao que pobabelmente non foi máis ca un exasperante sarabullo xuvenil. Estalle ben por confundirse de profesión. O seu debería ser o oficio de humorista de Charlie Hebdo ou polo menos de El Jueves e non concelleiro de Madrid e, menos aínda, ocuparse de administrar a cultura dos habitantes da capital do Estado.
Se por un lado hai que defender –e eu deféndoa, dende logo– a súa sacrosanta liberdade de expresión como cidadán independente, por outro hai que esixir que dimita ou que sexa imediatamente cesado do cargo público ao que accedeu mediante elección directa, unha vez que se deron a coñecer as súas veleidades de pouco e mal inspirado humorista da crueldade.
Anda que ser quen de atoparlle humor a dicir que a única maneira de que collan 5.000 xudeus nun Seat 600 é meténdoos no cinceiro pode facerlle algunha graza a un suposto desalmado coma el e ata se cadra non pasa dun mal chiste, cando se emite no ámbito privado, pero cando se difunde publicamente –a través de Twiter– por alguén que aspira e acepta desempeñar un cargo público a trécola adquire suma gravidade, e non digo eu que se trare de establecermos unha corrección política de cartón pedra senón de depurarmos, aínda que sexa minimamente polo menos, o exercizo eticamente democrático do mundo que nos toca vivir. Por iso ten Manuela Carmena a obriga de cesar a Guillermo Zapata no caso de que el non remate tendo a decencia política de dimitir. A rexeneración que nos prometeron os agora gobernantes da nova España que está a agromar esixe este exercizo de profilaxe e moito máis.