lunes, julio 13, 2015

A Europa sen maneiras

Cando eu era un rapazolo –vai boa xa!– todos escoitabamos o que dicían os sabios das diversas tribus. Non sería como nos tempos de Séneca ou de Platón, pero respectábanse en boa maneira as auténticas autorictas, algo que agora non se fai. Nos tempos que corren é como se pesara moito máis o que din e, sobre todo, o que escriben Xosé Luis Barreiro ou Xosé Carlos Caneiro ca o que difundan polo mundo adiante premios Nobel de Economía coma Paul Krugman, por exemplo.
Krugman (ver El País) volve a estar cargado de razón cando sostén que “a economía case se volveu secundaria” e que o tratamento que lle dá o Eurogrupo a Tsipras “probabelmente pretende ser unha oferta que Grecia non poda aceptar, e que, aínda así, é unha traición grotesca de todo o que o proxecto europeo se supoñía que representa”.
Eefectivamente, todo que se aprendeu nas últimas semanas é que ser un membro da zona euro significa que os acredores poden destruir a súa economía se se sae do curral. O proxecto europeo acaba de levar un golpe terríbel, tamén o di Krugman, e, pénsese ou que se pense de Syriza ou de Grecia, non foron os gregos os que o deron.
Polo demais, que lamazal o da maioría dos opinadores que publican na prensa galega sobre este aspecto! Menos mal que aínda nos queda, ás veces, X.L. Franco Grande, que dá ao prelo hoxe un excelente artigo titulado Unha Europa sen maneiras. Claro que si: O que somos por aquí “é un país que puxo a intelixencia ao servizo do terrorismo financeiro, a arrogancia e o asoballamento dos dereitos dos demais, e que despreza a cultura, a solidaridade e o benestar –se é o dos demais–. E enriba, con maneiras de pailáns”.