viernes, septiembre 18, 2009

Bretaña-2

Acabo de chegar a Saint-Pol-de-Léon. A penas me deu tempo aínda de cear algunha ostra e un bo peixiño regados con Muscadet e, de volta no hotel, acabo de comprobar que o foro de Croques medra que dá gloria. Interesantes aportacións, ademais, sobre Cunqueiro e Torrente, por exemplo, feitas polos de Laíño e polos de Lestrove.
A Pepe González quérolle agradecer a súa aportación e as boas ideas que me está dando para viaxar pola Bretaña. Precisamente hoxe estiven en Pleyben, en Saint-Thégonnec, en Guimiliau, en Landivisiau, en Châteaulin e mesmo en Brest. En Guimiliau comprobei por fin unha pucha de mariñeiro como as que tanto usei cando era mozo. En Plougastel-Daulas comín unha magnífica galette de artichant breton à la crême de rochefort e bebín sidra seca que estaba boísima.
Leva razón Almiral cando adiviña que xa se fala pouco bretón por estas terras. A penas escoitei algunha palabra pronunciada neste idioma, pero unha cousa é certa: aquí todo é auténticamente bilingüe, indicadores de dirección e de situación nas estradas, etc. Pasoume, ademais, unha cousa curiosa. En Confort-Meilar tiven que preguntar por unha dirección e o home que me atende quixo saber de onde era. Cando lle dixen que era español e lle engadín que de Saint-Jacques-de-Compostelle, con toda a razón do mundo, botoume en cara o seguinte: "¿Pero como di que é español se voste o que é é galego. Como eu son bretón e non francés". Este amábel informante explicoume que, preto deste lugar, en Douarnenez, ten unha casa o noso músico Carlos Núñez.
Hoxe pola tarde falei na Tarde da Radio Galega. Pensei que ían preguntar algo sobre a miña viaxe a Bretaña, pero só me fixeron falar de cuestións de tráfico. Dixen que na Bretaña conducen moi ben e respectan os límites de velocidade. Outra contertulia, profesora da USC, contestoume que correr a 160 por hora pode non ser perigoso. Limiteime a replicarlle que non quería entrar a debater se se debía irrespectar a lexilasción vixente. Horas despois eu lía en La Voz de Galicia que xa había outro morto nas estradas galegas. Se cadra non ten nada que ver.

8 comentarios:

  1. Sarmiento09:40

    Hai tempo os de Tráfico tiñan un camión cun dispositivo que simulaba un choque a 50 km/h, poñíanno na saída de Madrid para que os conductores probasen o que se sinte. A esa profesora deberían deixarlle probar o choque a 100, e non a 160 que seguro lle ablanda o cerebro.
    A conducción en Bretaña é agradable, moi agradable.
    E vostede estame a dar unha envexa descomunal.
    Ah, e na Bretaña se dis que es "galicien" todo o mundo te entende :-)

    ResponderEliminar
  2. Almiral Mouchez21:08

    Boa resposta, a que lle deu vostede á veloci-paisana.

    ResponderEliminar
  3. Anónimo21:46

    O programa das tardes da Radio galega, con Miguel Túñez, parece o axeitado para os que queremos gozar dunha boa sesta. A ver se xente como Perfecto logra espertarnos.

    ResponderEliminar
  4. Anónimo10:07

    Ben, xa vexo que "a navegación gastronómica" vai ben. Agora xa poder falar un pouco das pedras ¿ou non? Sei que cargas mais de unha cámara e ainda non vin unha foto. Sei que levas o mapa cheo de fosforitos ubicando as pedra que Castelao dibuxou, e ainda non vin unha. Ou é que as ostras non te deixan ver as pedras?. Sei que Douarnenez, o seu fisterra, é un bonito pobo onde, ademáis de tener ocasional residencia Carlos Núñez, moran expertos navegantes e amantes das embarcacións tradicionais: cada dous anos reunense alí, no verán, centos de veleiros con aparexos tradicionais procedentes de tosa Europa. Teñen ó parecer un espectacular Port-musée.

    Adaxe

    ResponderEliminar
  5. Não deixes de visitar, se puderes, as Ilhas de Ouessant e Molène. Há barcos desde Brest.
    Que bhem o passas, cabrão!

    ResponderEliminar
  6. Anónimo21:58

    Perfeutiño: así que agora andas de colaboracionista nas tardes da Radio Galega?

    Mira ti, vaia forma de pagar os teus servizos por destruír a pluralidade da CRTVG nos tempos do bipartito.

    Polo menos, hai que recoñecerte que ti non es un deses hipócritas que rachaban as vestiduras coa marcha de Xurxo Souto e agora non teñen problemas en continuar colaborando na radio pública galega e recibir as trinta moedas de Xudas.

    ResponderEliminar
  7. Xosé M. González21:59

    Ónte non entrei na rede e hoxe non sei onde andará. Pero se segue polo norte do país e vai a Tréguier (Landreger), igual lle interesa a casa de Ernest Renan (preto da catedral, nunha rúa que baixa); supoño que se mantén como museo. E aló no extremo leste, Dol-de-Bretagne é unha viliña pequena cunha catedral sorprendentemente grande.

    Por outra banda: Dol é un bo punto de partida para o Mont-Saint-Michel; por obra de non sei que correntes do río Couesnon, este cadra non en Bretaña, senón en Normandía:

    Le Couesnon a fait folie,
    ci est le Mont en Normandie
    ,

    pero a transgresión queda amplisimamente xustificada, dunha banda, pola abadía; doutra, pola omelette, aínda que isto ao mellor é gusto particular. En todo caso: bo proveito!

    ResponderEliminar
  8. Anónimo23:19

    O anónimo que te chama colaboracionista non debe de leer o teu blog, Perfeuto, nin escoitar as cousas que tes dito do novo goberno.

    ResponderEliminar