lunes, noviembre 16, 2009

Vidas paralelas


Anicet Lavodrama, un “nacho” de Ferrol segundo informa hoxe El País, de cor negra, ex xogador de baloncesto, está disposto a entrar en política para que a cidade departa-
mental deixe de “pensar só nas subvencións e reinventar a base económica da cidade cun porto exterior que debe ser entrada e saída de comercio”. En principio non está mal o que di: “Somos un destino idóneo para o turismo rural, gastronómico e cultural, pero precisamos embelecer a cidade. En Bilbao, por exemplo, o Nervión baixaba todo negro nunha paisaxe industrial, agora esa contorna está embelecida e o Guggenheim dalle carácter. Aquí non temos nin un hotel que dea á ría (algo que non é totalmente certo, porque Ferrol ten o Parador, que dá magníficamente á ría e que el coñece ben porque foi o seu primeiro fogar en Galicia) e a cidade medra de costas á súa maior riqueza, non está ben asfaltada e ten poucas zonas verdes e demasiado cemento. Onde en Bilbao está o Guggenheim, nós temos a Reganosa”.
Lavodarama (foto de arriba) naceu en Bangui (República Centroafricana) e tiña 22 anos cando chegou a Ferrol, procedente de Houston (Estados Unidos), fichado polo OAR, o equipo local de baloncesto que presidía o político ferrolán Xoán Fernández. O seu pai foi gobernador, ministro e embaixador do ditador Bokassa, que foi xulgado por asasinato, canibalismo e apropiación indebida de fondos estatais. Afincouse en Ferrol probabelmente para sempre, e traballa para unha compañía de representación de deportistas buscando baloncestistas de talento en España, Francia, Sudamérica e África.
A 1.500 quilómetros de distancia, nunha terra que algo ten que ver con Galicia, a Bretaña francesa, outro africano negro, Kofi Yamgnane (foto de abaixo), está percorrendo un camiño inverso. Empezou sendo o primeiro alcalde negro e procedente da emigración que houbo en Francia, ao ser elixido rexedor de Saint-Coulitz, un pequeno concello do centro da Bretaña, en 1989. Gobernando o socialismo en Francia, foi secretario de Estado encargado da integración de 1991 a 1993. Agora é candidato á presidencia da República de Togo, de onde é orixinario, para as eleccións que van ter lugar no 2010.
Se cadra o "nacho” de Ferrol tamén remata sendo alcalde e algunha vez volve a África para ser presidente. Sería desexábel que non nos saia da escola antropofáxica de Bokassa e que se pareza máis a Kofi Yamgnane.

7 comentarios:

  1. Milingo19:27

    ¿Pero este non é o nachiño que ía nas listas de Juan Fernández na última desfeita electoral do Pata? ¿Non escarmentan os ferroláns?

    ResponderEliminar
  2. VERA23:33

    Vaites! Que interesante o dato do pai de Lavodrama, ministro de Bokassa. A saber cantos paisanos centroafricanos tiveron que padecer para que o futuro "nacho" tivera opción á unha universidade ianqui.

    ResponderEliminar
  3. Almiral Mouchez10:51

    Se afán de ningún de meter os cans á bouza, permítanme que lles diga (eu coñezo a Anicet)que é unha persoa magnífica.

    Ninguén ten culpa dos pecados dos seus maiores.

    Un dos meus ancestros, que tiña alá pola Labrada unha casa cun escudo raquítico e dúas parellas de bois, pediu en Mondoñedo, cando a revolta contra a invasión napoleónica, que lle deixasen custodiar a un grupo de prisioneiros franceses camiño de Ribadeo.

    (Evidentemente, segundo se desprende da documentación que queda, pensaba matalos polo camiño, aínda que non dixese tal.)

    ResponderEliminar
  4. Almiral Mouchez10:53

    Sen afán ningún de meter os cans á bouza, permítanme que lles diga (eu coñezo a Anicet)que é unha persoa magnífica.

    Ninguén ten culpa dos pecados dos seus maiores.

    Un dos meus ancestros, que tiña alá pola Labrada unha casa cun escudo raquítico e dúas parellas de bois, pediu en Mondoñedo, cando a revolta contra a invasión napoleónica, que lle deixasen custodiar a un grupo de prisioneiros franceses camiño de Ribadeo.

    (Evidentemente, segundo se desprende da documentación que queda, pensaba matalos polo camiño, aínda que non dixese tal.)

    ResponderEliminar
  5. Hildegart Canido11:21

    E, con eses antecedentes tan antigabachos, como é que que se bautizou cun alcume tan francés? Non lle sairía vostede un afrancesado ao seu ancestro de Labrada que quixo inventar a lei de fugas?

    ResponderEliminar
  6. Vraiment, je pense que oui...

    ResponderEliminar