
Ando relendo un marabilloso libro de ensaios que publicou o falecido profesor galego
Xosé Luís Pensado na Editorial La Voz de Galicia, colección Biblioteca Gallega (Serie Nova), no ano 1985, co título
El gallego, Galicia y los gallegos a través de los tiempos. “
Tomados al siesgo –escribíu
Gonzalo Torrente Ballester no prólogo do volume–
algunos de sus trabajos pudieran parecer desmitificadores, y aun me atrevería a decir que lo son, mírense cómo se miren. José Luis Pensado, es un gran lingüista, y cuanto dice viene refrendado por conocimientos sólidos y serios. No es un partidista político, ni un comprometido con lo transitorio, ni un demagogo: trabaja por amor a la lengua en cuyo seno nació y aprendió a quejarse. Por nacimiento, cada uno pertenece a un ambiente, a una lengua, a una historia, a un destino”.
Como un xa non está par mudar de muller, de casa ou de coche cada cinco anos, a min deume estes días por cambiar o lugar que ocupan algúns dos meus libros na biblioteca da miña casa e por iso atopei o libro de
Pensado. Bendito encontro. Cada noite na cama, antes de caer nos brazos de Morfeo, repaso varios capítulos e redescubro “
esa Galicia de frailes lingüistas y de pliegos de cordel” que tanto lle sorprendeu a
Torrente e pregúntome, como se preguntaba el, como foi posíbel que
Pensado morrese ausente da Universidade de Santiago e da Real Academia Española.
A noite pasada, por exemplo, lin varias páxinas sobre
charros e
panxoliñas, papeis
derrocadeiros, marxinalismos en galego, pícaros en Compostela, Galicia, Galaxia e Galilea, semántica de galego e de Galicia, o curioso verbo
galiziar e a
mesa galega.
"Galiziar quiere el brone
y dize la chulama;
Si la çica no clama
no será esta chone.
Si no ven mis manos
quinas plateadas
cobas estimadas
o pillados granos,
aunque más pregone
que me quiere y ama,
si la zica no clama
no será esta chone”.
Pensado toma estes versos da colleita de poesías xermanescas que publicou en 1949 o hispanista e lexicógrafo norteamericano
John M. Hill. O sabio profesor galego, que tiña casa aquí preto da miña no val da Mahía, aínda recorre a outros versos colleitados por
Hill nos que aparece unha forma máis do verbo
galiziar:
“muflamos de godería
el blancante y y el cotón
y del picaño el ropón
que me galizia este día”.
E que significaba o verbo
galiziar?
Pensado, logo de descartar por dubidosamente arriscado o sentido que lle dá
Hill de
“regalar” ou
“regalarse, entreterse”, a non ser que se tratase dunha delicada eufemización, decántase polo significado que lle atribúe
José Luis Alonso Hernández, profesor da Universidade de Groninga, no seu
Léxico del Marginalismo del Siglo de Oro, no sentido de que
galiziar quere dicir
foder. Ou sexa, que eu galizio, ti galizias, el galizia…Todos galiziamos o que podemos, aínda que só sexa galiziar aos demais.
Podería contarlles que onte durminme cando estaba a piques de
facer mesa galega nunha imaxinaria partida de póker contra algún tahúr tan dificil de vencer como é
Raúl del Pozo ou era
Francisco Umbral. A
Raúl xa lle gañei eu unha vez. Xustamente o día que me ensinou a xogar. E, dende entón, non me atrevín a desafíar a ninguén máis.
Como explica
Xosé Luis Pensado no libro que lles comento,
hacer mesa gallega é expresión nada menos que autorizada por
Cervantes en
La Ilustre Fregona, dentro dun contexto tahuresco:
“Llegó una mano de echar todo el resto, y si uno no diera partido a otro, él hiciera mesa gallega”, é dicir, qu lle tería gaño todo o diñeiro deixándoo sen branca.
Claro que o egrexio lingüísta galego, que foi profesor en Salamanca, remata advertíndonos de que non fai falta ser moi agudo ou malicioso para decatarse de que o adxectivo
gallega, como era regular daquela e non rematou de selo agora, aínda asociado a unha mesa, non constitúe un timbre de groria nin contribúe a magnificala.
“Hay motivos para pensar –dinos
Pensado–
que estamos ante un caso más de gallego, usado en el más despectivo de los sentidos”. E logo alporizámonos porque en Buenos Aires se publiquen chistes de galegos. Como se fose a primeira vez que nos denigran por aí adiante. Deberiamos afondar máis no coñecemento das razóns para que nos pasase o que nos pasou e como nos ocorreu.
E, por certo, o cultivo de xermanías que se distinguen polas súas tendencias despectivas cara aos galegos ou Galicia non é un deporte que morrese no Século de Ouro. Se vostedes repasan un pouco o que anda por ese xa case inconmensurábel YouTube, decataranse de que cada vez son máis frecuentes as astracanadas das que nos fan obxecto os novos creadores de xermanías:
Perro gallego,
Secretaria gallega,
Policía gallega,
Gallego bruto,
Bromas gallegas,
Los nazis gallegos, son só algúns exemplos do que se pode atopar na rede. Para que
Paco Rodríguez só mace nas costas do meu amigo arxentino
Ricardo Parrotta por publicar un libro que se chama
Superchistes de gallegos.