sábado, agosto 22, 2015

Repostar en Mondoñedo


Xa está. Por fin sábese por que se fixo tan mal a autovía A-8 ao seu paso polas cercanías de Mondoñedo de maneira que, cando hai néboa, decote resulta obrigado pechar o tránsito por ela. A clave ven de dárnola a alcaldesa de Mondoñedo e presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia, dicindo que os veciños da vila onde naceu Álvaro Cunqueiro están a tirar benefizo dos peches da A-8 porque os carros, camións e buses vense orbigados a circular pola localidade e, polo tanto, “poden repostar na gasolineira e tomar algo nos bares, por exemplo”. Ou comprarle algunha tarta ao rei da especialidade, engado eu.
Nunca se me ocurrira a min pensar nunha razón tan sinxela coma esta. Mire vostede por onde saen os tiros: Fomento fixo o que fixo para beneficiar os votantes dunha presidenta da Deputación que chegou ao cargo pola estrambótica vía que todos coñecemos polos xornais. Non hai mal que por ben non veña. Xa se sabe, se alguén mata un veciño sempre ha de haber algunha funeraria ou algún enterrador que tiren ganancia. Hai explicacións políticas que nin léndoas trinta mil veces alcanza un a comprendelas.

lunes, julio 13, 2015

A Europa sen maneiras

Cando eu era un rapazolo –vai boa xa!– todos escoitabamos o que dicían os sabios das diversas tribus. Non sería como nos tempos de Séneca ou de Platón, pero respectábanse en boa maneira as auténticas autorictas, algo que agora non se fai. Nos tempos que corren é como se pesara moito máis o que din e, sobre todo, o que escriben Xosé Luis Barreiro ou Xosé Carlos Caneiro ca o que difundan polo mundo adiante premios Nobel de Economía coma Paul Krugman, por exemplo.
Krugman (ver El País) volve a estar cargado de razón cando sostén que “a economía case se volveu secundaria” e que o tratamento que lle dá o Eurogrupo a Tsipras “probabelmente pretende ser unha oferta que Grecia non poda aceptar, e que, aínda así, é unha traición grotesca de todo o que o proxecto europeo se supoñía que representa”.
Eefectivamente, todo que se aprendeu nas últimas semanas é que ser un membro da zona euro significa que os acredores poden destruir a súa economía se se sae do curral. O proxecto europeo acaba de levar un golpe terríbel, tamén o di Krugman, e, pénsese ou que se pense de Syriza ou de Grecia, non foron os gregos os que o deron.
Polo demais, que lamazal o da maioría dos opinadores que publican na prensa galega sobre este aspecto! Menos mal que aínda nos queda, ás veces, X.L. Franco Grande, que dá ao prelo hoxe un excelente artigo titulado Unha Europa sen maneiras. Claro que si: O que somos por aquí “é un país que puxo a intelixencia ao servizo do terrorismo financeiro, a arrogancia e o asoballamento dos dereitos dos demais, e que despreza a cultura, a solidaridade e o benestar –se é o dos demais–. E enriba, con maneiras de pailáns”.

lunes, junio 29, 2015

Dúas maneiras de ver o de Grecia

Hoxe pode un facer dúas cousas: ler o artigo de Julio Llamazares publicado en El País co título de Amor a Grecia, ou o de Xosé Luis Barreiro Rivas en La Voz de Galicia, Alexis Tsipras se quita la careta. Dúas maneiras de ver o mundo. Unha, a primeira, dende a sensibilidade e a cordura histórica. Outra, a do noso sobrevido Jaime Capmany, dende a estulticia neoliberal. Que terá que pasar para poder ler algo intelixente sen ter que pasar do Padornelo?
Aos que lean francés seguramente tamén lles interesará este artigo que acaba de aparecer en Libération. E, mellor aínda, para os que saiban inglés, repasar o que di o premio Nobel Paul Krugman no artigo que lle publica hoxe The New York Times.

jueves, junio 25, 2015

A soberbia de Pablo Iglesias


Sen respiración. Así é como me deixou a lectura das declaracións do lider de Podemos acerca de Izquierda Unida (IU). Non sei se a este rapaz lle picou unha avéspa cargada de veleno, lle entrou un perigoso baile de San Vito ou é vítima dun repentino ataque de fatada política. Atribúelles Pablo Iglesias a “lucidez do pesismismo” aos dirixentes de IU. Pois anda que el, como siga polo camiño que acaba de emprender, vai rematar instalado na lucidez “joseantoniana” (si, polo de Primo de Rivera) do señorito que  pringa a súa alma con soberbia e persoalismo. Que volva Monedero canto antes!

lunes, junio 15, 2015

Atención a Ada Colau

Ada Colau viaxando en Metro para parar un desafiuzamento no Nou Barris barcelonés.
De toda a xesticulación exhibida polos novos alcaldes que están protagonizando o cambio político que está renacendo en España, celebro moi especialmente o comportamento da barcelonesa Ada Colau, que estreou o seu mandato viaxando en Metro para trasladarse ao Nou Barris coa intención de parar un dos nove desafiuzamentos que ían ter lugar hoxe en Barcelona.
Parece ser que mentres tanto o alcalde de A Coruña, Xulio Ferreiro, estaba ocupando ou seu tempo en conceder entrevistas radiofónicas –pero que manía teñen sempre os rexedores galegos, sexan da cor que sexan, por correr tras dos micrófonos!–, o de Santiago andou ocupado en repartir responsabilidades municipais e o de Ferrol, acompañado pola rotunda Beatriz Sestayo dedicoulle algo de tempo a saudar os funcionarios.
Na capital do Reino, Manuela Carmena tamén pillou o Metro para acudir ao traballo e se cadra non lle quedou tempo nin inspiración para facer como fixo Ada Colau en Barcelona, ocupada como debeu estar en apagar o lume que lle prendeu o seu “humorístico” concelleiro de Cultura –xa dimitido– Guillermo Zapata.
Faltándome saber o que fixeron outros moitos rexedores municipais da nova España, insisto que admirar sobre todo a esa moza catalana que vai dar moito que falar e que se chama Ada Colau. Benvida, mossa, á necessaria regeneració del teu país!

O humor dun tal Guillermo Zapata


Con razón ou sen ela, o tal Guillermo Zapata, flamboyant concelleiro de Cultura do Concello de Madrid, tardou dous escasos segundos en converterse nun auténtico cadáver político grazas exclusivamente ao que pobabelmente non foi máis ca un exasperante sarabullo xuvenil. Estalle ben por confundirse de profesión. O seu debería ser o oficio de humorista de Charlie Hebdo ou polo menos de El Jueves e non concelleiro de Madrid e, menos aínda, ocuparse de administrar a cultura dos habitantes da capital do Estado.
Se por un lado hai que defender –e eu deféndoa, dende logo– a súa sacrosanta liberdade de expresión como cidadán independente, por outro hai que esixir que dimita ou que sexa imediatamente cesado do cargo público ao que accedeu mediante elección directa, unha vez que se deron a coñecer as súas veleidades de pouco e mal inspirado humorista da crueldade.
Anda que ser quen de atoparlle humor a dicir que a única maneira de que collan 5.000 xudeus nun Seat 600 é meténdoos no cinceiro pode facerlle algunha graza a un suposto desalmado coma el e ata se cadra non pasa dun mal chiste, cando se emite no ámbito privado, pero cando se difunde publicamente –a través de Twiter– por alguén que aspira e acepta desempeñar un cargo público a trécola adquire suma gravidade, e non digo eu que se trare de establecermos unha corrección política de cartón pedra senón de depurarmos, aínda que sexa minimamente polo menos, o exercizo eticamente democrático do mundo que nos toca vivir. Por iso ten Manuela Carmena a obriga de cesar a Guillermo Zapata no caso de que el non remate tendo a decencia política de dimitir. A rexeneración que nos prometeron os agora gobernantes da nova España que está a agromar esixe este exercizo de profilaxe e moito máis.

jueves, mayo 28, 2015

A descomposición do PP

Pois vai resultar que as tripas do PP andaban moito máis revoltas do que todos pensabamos e, dende logo, moitísimo máis do que se empeñaban en contarnos ata agora os seus dirixentes. Entre o que están empezando a dicir Núñez Feijóo ou o presidente de Castela-León e o expresivísimo escapismo de Mariano Rajoy xa hai case tanta diferenza coma que había no seu tempo entre Fraga Iribarne e Herrero de Miñón, por exemplo. Cuidado, porque o PP pode rematar como rematou a UCD cando as urnas lle voltaron as costas.
Por outra banda, vaia espectáculo que están a dar Esperanza Aguirre e algúns salvagardas máis da “cultura do Occidente”. Do Accidente máis ben, habería que dicir. Resulta que agora hai que aliarse co PSOE para evitar que España se sovietice. Pero bueno, é que toda esta xente non dispón de psiquiatra de cabeceira ou que lles pasa? Por iso me sorprende tanto que, no medio desta contramarea que está a saír das cavernas, haxa algunha voz sensata no PP, coma do ata agora alcalde de Ferrol, Xosé Manuel Rey Varela, atrevéndose a platarlles cara ás “directrices que veñan de fóra”.
Curioso tamén ler o artigo que publica hoxe en El Correo Gallego Pancho Ledo, un rochoso ribadense que herdou de Fraga a coherencia política e que coincide comigo en salientar o alarmante solipsismo do aínda líder máximo do PP. Como isto siga así, a desfeita do PP vai parangonar de lonxe o que foi a morte súbita do desparecido partido que creou Adolfo Suárez.

miércoles, mayo 27, 2015

A boca sucia de Esperanza Aguirre


Coñecín –e tratei– a Esperzanza Aguirre nos meus tempos de xornalista madrigalego e ata podo dicir que non me caía mal. Polo menos vivía como falaba e falaba como vivía. Coñecín –e tratei máis aínda– a Manuela Carmena nos seus tempos –e meus– de loitadora aguerrida pola liberdade e pola democracia durante a longa noite de pedra do franquismo e despois dela.
Polo tanto, con coñecemento de causa, dou fe de que Pablo Iglesias non fala barato cando di que Esperanza Aguirre debe limpar a boca antes de falar de Manuela Carmena como fala. Eu engadiría que ata debería lavala con lixivia.

martes, mayo 26, 2015

Un novo mundo


Que España en xeral e que Galicia ou Cataluña ou calquera outra comunidade xa non son o que eran quedou nidiamente claro co resultado das eleccións do 24M. Algo que non saben ou non queren entender os dirixentes do PP nin os do PSOE, polo que se está a ver. Só un gobernante fachendoso e perigosamente solipsista como é Mariano Rajoy pode aferrarse coma un cravo ardendo á contumacia de que tras del só pode estar agochado o diluvio. E tampouco hai, por parte do PSOE, moitos indicios de que saiban entender o que xa pasou e o que pode pasar aínda.
Hai máis de dous anos, nun deses aburridísimos debates aos que daquela aínda me convidaba algunha televisión local, concretamente a do El Correo Gallego, atrevinme a redactar a acta de defunción do bipartidismo e todos ollaron para min pensando que me acababa de dar un ataque de soberana inconsciencia. Xa daquela había que estar algo cego para non decatarse do que lles estaba caendo enriba os que levaron a Galicia e a España enteira á inxustiza, á desigualdade e á corrupción coas que intentaron dobregar a nosa sociedade. Consegírono en parte, pero non de todo. Os cadáveres tamén se erguen ás veces sobre as súas propias cinzas, como se acaba de ver na brutal patada no traseiro que lle acabamos de dar aos que quixeron devolvernos a un capitalismo de mera explotación e escravitude.
As eleccións do 24M déronlle a primeira volta ao calcetín. Agora hai que seguir cambiando o traxe. Volveron a gañar as forzas progresistas, que son as únicas que nos poden salvar de seguir vivindo na ignominia e na dependencia absolutas. Vai custar facer ben o camiño. Son moitos os atrancos que van poñer a reacción e os poderes fácticos e reais dos que xa pensaron que non habería quen os puidese parar, pero tamén é moita e moi forte a vontade e sobre todo a necesidade da xente de volver a sentirse libre, solidaria e dona do seu futuro, digan o que xa dixeron ou sigan dicindo os agoireiros da hecatombe, especie animal que en Galicia non parece estar en ningún perigo de extinción a xulgar polo que se lles nota a varios conspicuos articulistas da prensa diaria.

jueves, mayo 21, 2015

Velando as armas


Paréceme a min que había moito tempo que non se rexistraba tanta movilización política coma que que aínda se está levando a cabo nestas eleccións municipais. Alcaldes qe nunca pisaron a túa aldea apareceron petando nas portas para pediren o voto ou polo menos presentaren o seu “programa”, que case sempre é algo totalmente inexistente. Líderes ou simples representantes das diversas alternativas que aspiran a botarte a ti para poñérense eles tamén fixeron a mesma romaría. Moi inseguras deben verse desta volta as forzas políticas para descubriren de repente a importancia da cidadanía á hora de desfilar polas urnas.
Seguramente o 25 de maio pola mañá todo seguirá coma sempre, pero polo menos darémonos o pracer, algunha horas antes, de pensar que aínda podemos cambiar o mundo ou polo menos tapar os baches e limpar as gábeas da nosas abandonadas estradas. Quen dixo que unhas eleccións municipais trouxeron a República? E para que queremos a República se pode presidila un gobernante coma Mariano Rajoy? Cousas veredes, Sancho, cousas veredes.

lunes, mayo 18, 2015

El cura y los mandarines

Menos mal que Sonia Vizoso dignificou o xornalismo escribindo para El País unha crónica titulada El homenaje a un alcalde franquista revuelve la fiesta cultural de Galicia, que está a anos luz do cacarexo conservador e dereitista que ofreceu sobre o mesmo tema a case totalidade da comunicación galega. De non ser polo aporte de Sonia ou pola información minoritaria e política que ofreceron algúns media do nacionalismo –Sermos Galiza, Praza, etc.– parecería que nesta terra San Patricio chámase San Filgueira e que Alonso Montero se volveu o Roger Garaudy galego sen precisar convertirse ao Islán con previo paso polo catolicismo. Pois si que nos amolou o meu vello profesor descubríndonos que todos fomos franquistas. Seríao el, codanado, aínda que durante moito tempo disimulouno moi ben.
Non vou entrar nesa estupidísima polémica que alimentan Alonso, Franco Grande e unha morea de académicos da Galega e outros sabios de Breogania encol do sectarismo e/ou ignorancia que caracteriza a todos os que non lles caeu ben que fose a figura de Filgueira a elixida par ser homenaxeada no 2015. Sorprendentemente a Real Academia Galega case segue sendo como era durante o franquismo: unha institución que obsesivamente –no sentido psiquiátrico do adverbio– se coloca sempre por riba do ben o e do mal aínda que nunca parou –nin para– de repartir certificados de boa conduta e diplomas de corrección política. O que lle acaba de adxudicar a Filgueira é todo un tratado de boas maneiras redactado nada menos que polo que algunha vez foi o intelectual comunista máis notorio da Galicia dos nosos tempos. Manda carallo na Habana, dirialle Martul a Trotski se volvesen pasear polo mexicano Paseo de la Reforma.
Á vista do que está a pasar, agora si que teño que lerlle a Gregorio Morán El cura y los mandarines. Seguramente non fala para nada de Galicia no seu axuste de contas coa intelectualidade española, pero algunha idea aínda ma pode dar.

jueves, mayo 14, 2015

A clarividencia de Juan Carlos Monedero

Confeso que acabo de ler con moitísimo interese a excelente entrevista que lle fixo Juan Cruz ao cofundador de Podemos Juan Carlos Monedero e que o xornal El País eleva a tres columnas da primeira páxina co inquietante titular de “La moderación puede desarmar a Podemos”. De paso, sorpréndeme –pero comprendo a valoración xornalística do tema– que unha cabeceira tan cualificada do establihsment español lle ortorgue bombo y platillo a unhas declaracións que poden resultar pouco asépticas a dez días vista dunha convocatoria electoral coma do 24 de maio.
Deixando de lado estas minucias, decátome de que Monedero volve a manifestarse cargado de razón. Se Gabriel Celaya acertou poetizando que a poesía é unha arma cargada de futuro, quizais habería que colexir que as palabras de Monedero non están exentas de trilita futuríbel. “A los generales mediocres hay que perdonarles su mediocridad siempre que sea desarmada”, vaticina o vate de Podemos. Pois claro que si. “Una parte importante de los miembros de Podemos han sido mis alumnos. Un alumno nunca decepciona a su maestro”. Fariña do mesmo costado. “Nosotros entendimos que la televisión era el tren que los alemanes pusieron a Lenin para ir a Finlandia. ¡Coño, pero luego tienes que bajarte del tren, reunirte con la gente”. Verdades como puños. Monedero di que Pablo Iglesias ten moi compensada a ambición polo poder pola ambición de coñecer. Oxalá que sexa certo. O líder da esperanza branca española ten chantado un cable a terra, engade Monedero. Sería bo que non errase.
O líder autoexcluído da dirección de Podemos lémbranos aquel exquisito presuposto zapatista de que calquera persoa ten que mandar obedecendo e celebra que ande recuperando o axitador que levaba dentro de si. A Monedero gústalle ser incómodo, e iso tamén é de agadecer, sobre todo nos tempos que corren. Que gran idea a de tirar un panal de avespas nun confesionario. A frescura é o contrario da política do estercoleiro. O pior que pode pasar é que cando fale algún líder todos saibamos o que nos vai dicir. As clases medias non precisan de golpiños no ombreiro para seren tranquilizadas. O que necesitan son ferramentas de indignación fronte aos que nos están rabuñando. A política non pode ser como esas familias que só se atopan cando van o excusado. Así se fala, Monedero, así se fala!

sábado, mayo 09, 2015

Qué pais, Miquelarena

Seguramente algo está fallando rotundamente no sistema europeo, que está pasando de ser un dos primeiros do mundo a algo que dá moito que pensar. Avións que derriba contra unha montaña dos Alpes un copiloto seguramente mal tratado polos servizos de psiquiatría ou polo menos de psicoloxía que debería ter a súa compañía e agora un avión militar que cae sobre unha liña eléctrica de alta tensión –pero que facía tal cousa no campo de despegue dun avión?–, inmigrantes africanos que se afogan a milleiros no Mediterráneo, por no falar de moitas outras cousas, pero é isto o primeiro mundo no que vivimos?
Estamos rodeados de alta tecnoloxía e de facilidades para aceder a ela –eu mesmo acabo de comprar en Holanda un protector de tensión para evitar que o mal servizo das compañías eléctricas me estraguen con demasiado frecuencia o hadware da miña casa–. pero non será todo un inmenso castelo de naipes que derruba a mínima incidencia técnica? Que lle pregunten aos clientes de Movistar como lles está afectando unha simple folga nalgunha das súas xa inumerábeis compañías de subcontrata. Privatizar, privatizar e privatizar segue sendo o lema das grandes administracións públicas que nos cobran os impostos e agora quizais nos empeza a pasar o que lles pasou aos británicos coa privatización dos seus trenes, por exemplo. Se vivise Miquelarena seguramete volveriamos a invocar o seu nome relacionado co pais.

jueves, abril 30, 2015

A espantada de Monedero

Pois xa está, alguén falou sinceramente dende a dirección de Podemos e foi Juan Carlos Monedero: “Claro que hay tensión dentro de Podemos porque es evidente. No sólo en la dirección, sino en los círculos”. Debería non pasar nada grave ou polo menos nada irreversibel no que que foi e aínda é, pero cada vez menos, a gran esperanza da rexeneración española.
Con Monedero non hai por que estar en completo acordo e a min, por exemplo, nin me convenceron nin me gustaron nada as explicacións que deu cando a prensa de dereitas tentou inmolalo por determinados ingresos económicos excesivamente escuros, pero hai que recoñecerlle que na súa cabeza leva calquera cousa menos serraduras. A Monedero gústalle máis Eduardo Galeano que “Juegos de tronos”. A min tamén. Polo visto Pablo Iglesias é máis da famosa serie que lle aconsellou ao Rei. Pois non tería que pasar nada grave, insisto. Non temos por que beber todos caña do Ribeiro.
Dirán os máis ortodoxos que Monedero non debería expor esta crítica a dúas ducias de días antes das eleccións municipais. A min gústanme as persoas e, sobre todo, os políticos que se expresan sinceramente. Que falan sen pelos na lingua. Xa sei que esta primeira gran crise interna de Podemos ha ser aproveitada pola Casta para trataren de enrocarse nas seus castelos de poder, pero era necesario que alguén reivindicase a alma orixinal de Podemos. A súa orixe no 15-M, a indignación, a desobediencia, a irreverencia... Po que non ía haber un Varoufakis en España?
En calquera caso, estamos a ver un suceso que non ten nada que ver co lamentábel espectáculo que están a dar dende o PP algúns ministros e outros dirixentes que non paran de recuperar vellas mañas do franquismo. A censura de prensa, por poñer o exemplo máis recente.

miércoles, abril 22, 2015

O cantoso caso de Cantoria

Antonio Cerrillo con Susana Díaz
Sostén María Dolores de Cospedal que no Partido Popular traballouse moito para “saquear o noso pais”, e se cadra é verdade, aínda que fixese tal consideración dende algunha parte segreda do seu subconsciente. O caso, ademaís, é que acto seguido engadiu que o van seguir facendo. Ha ser divertido se algunha vez algún sociolingüista ou psicoanalista, mellor aínda, decide recopilar e analizar este tipo de manifestacións subconscientes dos que mandan nas nosas vidas.
Están a chegar as primeiras eleccións das varias que van ter lugar este ano e o panorama xa comenza a ser máis arrepiante que divertido. No municipio almeriense de Cantoria, un dilixentísimo e oportuno garda civil rexistrou a Antonio Cerrillo Peña, candidato do PSOE á alcaldía dese lugar, cando saía dun deses prostíbulos que tanto balizan as estradas e barrios periféricos da xeografía española. Atopoulle unha “papelina” de cocaína, polo que posteriormente lle foron requisadas as armas e a licenza de caza que poseía, segundo se deu présa en facer público o Partido Popular mediante a emisión dun comunicado de Prensa.
Tamén hai que ver como elixen os do PSOE a algúns dos seus candidatos! O de Cantoria non lles abondou con que fose cazador e propietario de armas. Tamén tiña que ser “putero” e consumidor de cocaína. E, postos a coleccionar coincidencias, tamén é casualidade que o garda civil de marras se puxese a facer rexistros cando saía do “puticlub” o candidato socialista, e aparecese case de inmediato un comunicado do Partido Popular negándolle “catadura moral para representar os veciños de Cantoria”.
Por certo, Cantoria é un concello do Val do Almanzora (Almería) no que todos parece que teñen moito que rascar. O anterior alcalde, Pedro Llamas, do PP, tivo que dimitir, en xuño do 2013, para cumprir a condea de dous anos de cárcere e 23 meses de inhabilitación que lle impuxo o Tribunal Supremo por cometer o delito de falsidade documental. O candidato que agora presenta o PP, José María Llamas, é irmán do ex alcalde inhabilitado e tamén foi condeado a prisión por construir vivendas en chan non urbanizábel, segundo informou a responsábel de Política Municipal do PSOE en Almería, Adela Segura, cando se fixo pública a renuncia de Antonio Cerrillo a consecuencia do escándalo político que se armou. Curiosamente ao candidato socialista non o denunciaron por ir de putas (catadura moral que aínda segue sendo legal) senón por levar unha “papelina” de cocaína no peto. Cantoso –ou “cantorioso”– é o caso de Cantoria.

lunes, marzo 09, 2015

Xeografía variábel

Sigo sorprendéndome pola exhibición de artillería pesada que está despregando o pensamento que reacciona –é dicir, reaccionario– contra a posibilidade de que Podemos acade un esplendoroso éxito electoral. Á súa brigada aerotransportábel acaba de incorporarse o melindreiro escritor Xosé Carlos Caneiro, mentres que o coronel Xosé Luis Barreiro pretende converterse no Michel Houellebecq de Forcarei, aínda que sexa sen o talento literario do novelista francés.