Seguramente o amigo Vicente Araguas xa o sabe: o 24 de febreiro, é dicir, hai catro días, faleceu en Nova York Suzannne Rotolo, a primeira musa de Bob Dylan, a belísima rapaza que introduciu o famoso cantautor nas ideas e na cultura pogresista da cidade dos rañaceos.
Suzanne era filla dunha xornalista italiana que traballaba para a edición americana do xornal comunista L’Unità e coñeceu a Bob Dylan cando este se trasladou do seu Duluth (Minessota) orixinal. Falándolle de Picaso e de Cezanne e léndolle a poesía maldita de Rimbaud, foino introducindo na contracultura de esquerdas de Nova York, de paso que se foron enamorando. Daquel encontro Dylan gardou esta lembranza: “Era (Suzanne) o máis erótico que que tiña visto. Coñecela foi entrar nos contos de de As mil e unha noites. Comenzamos a falar e a miña cabeza empezou a dar voltas”.
Os dous viviron xuntos nun pequeno apartamento da West 4th Street, pero en 1962 Suzanne acompañou a súa nai nunha longa viaxe a Italia, onde fora convidada pola Universidade de Perugia. Bob Dylan ficou daquela “só e desconsolado” e dedicoulle unha canción: Tomorrow is a long time (mañá é demasiado lonxe).
Ao regresar Suzanne de Italia no 1963, os dous posaron xuntos para o fotógrafo da casa de discos do cantautor. Unha desas fotos aparece na carátula do segundo album grabado por Dylan, The freewheelin, e tres anos despois xa se separaron: Bob Dylan caera nos brazos de Joan Baez.
Suzanne Rotolo seguiu sendo unha activista de esquerdas, ata o punto de viaxar a Cuba para defender o réxime de Fidel Castro, e, casada logo cun italiano, viviu sempre no Village de Nova York, onde gañaba a vida facendo ilustracións e exercendo de profesora. Tardou moito en falar da súa relación con Dylan, pero rematou facéndoo para o documental de Martin Scorsese No directions home e no libro de memorias que publicou, A Freewheelin time: A memoir in Greenwich Village in the sixties.