

A min reconfórtame averiguar que, no tempo da cacarexada alta tecnoloxía e suposta suprema sabedoría sobre case todo, un personaxe coma
Silvio Berlusconi, varias veces ex primeiro ministro de Italia e magnate europeo da televisión, tratase de resolver unha dor de barriga mediante a aplicación da popular bolsa de auga quente que herdamos das nosas aboas. O malo foi que a el abríuselle a bolsa e a auga, a temperatura demasiado alta, queimoulle o pescozo, o peito e unha man.
O ex vocalista que empezou gañando a vida cantando clásicos franceses e pezas de
Frank Sinatra nos cruceiros Costa que surcaban o Mediterráneo, asistíu esta semana á festa de cumpreanos da deputada do seu partido
Mara Carfagna, e parece que comeu algo que lle sentou mal nesa celebración. Máis tarde foi ao enterro da nai do senador democristiano
Francesco D’Onorio e, xa na súa luxosa residencia romana de Palazzo Grazioli, meteuse na cama cunha bolsa de auga quente coma calquera fillo de veciño. Son cousas da vida, diría o noso escritor de Rianxo.
Berlusconi, o ave fenix,
il padrone,
il cavaliere, o
play boy que antes vestía con dúas sábanas as
ragazzi máis desexadas de Italia, abrazado agora a unha vulgar bolsiña de auga quente. Coma min, vaia, que tamén gosto moito de amolecer as noites de inverno do Instrumento de Arriba con ese eficacísimo instrumento de abaixo.
Hai preto dun cuarto de século, cando
Berlusconi proxectaba con
Antonio Asensio montar a primeira televisión privada de España, o agora político italiano convidoume a cear na súa deslumbrante mansión de San Martino de Arcore, preto de Milán. Foi unha noite inesquencíbel na que o anfitrión cantou, tocou o piano e mesmo un instrumento medieval que gardaba como ouro en pano nun dos seus principescos salóns. Para rematar a velada mostrou a súa piscina privada, que fixo construír no medio do pazo colgando nas paredes monitores que lle servían para ir nadando cun mando a distancia na man e vendo emisoras de televisión de todo o mundo, particularmente as súas propias, que xa daquela eran Tele Milano, Canale 5, Italia 1 e Retequattro. Cando nos despedimos deume a escoller, de regalo, entre un acendedor Dupont de ouro e unha estilográfica de ouro e laca chinesa da mesma marca. Escollín, claro está, a segunda –quizais porque daquela eu aínda pensaba que podía ser escritor–, pero –fumador empedernido que fun sempre– magooume non optar tamén polo esqueiro. Aquela pluma duroume varios anos e andivo comigo polas selvas colombianas, polas favelas de Brasil, as
“poblacións callampas” de Chile, os arrabaldos de Buenos Aires e os zocos marroquinos sen que ma quitara nunca ningún malandro, pero unha noite de farra en Compostela un policía lixeiro de porra partíuma pola metade e aínda foi boa que a Dupont fixo de escudo porque senón o porrazo o que puido partirme foi o corazón, que cada vez estou máis seguro de que me resulta absolutamente imprescindíbel.
Anos despois, lendo libros dos xornalistas italianos
Giovanni Ruggeri,
Bruno Vespa e
Giuseppe Fiori, intereseime aínda máis polo personaxe de
Il Cavaliere. Resulta que a mansión na que estivera eu, a de San Martino de Arcore, comproulla a un exultante bo prezo á herdeira do conde Casati Stampa de Sondiro pouco despois de que este asasinara a súa muller e o amante dela, en 1970, deixando a xove herdeira nunha situación confusa que aproveitou o seu avogado,
Cesare Previti, que tamén era asesor xurídico de
Berlusconi, para favorecer o cambio de propiedade do pazo pola irrisoria cifra de 500 millóns de liras, preto de 45 millóns de pesetas daquela época. Nesta mansión estivo ao cuidado das cortes dos cabalos, ao servizo de
Berlusconi, un famoso mafioso chamado
Vitorio Mangano.
Na actualidade, o
padrone dos fabulosos imperios mediáticos Mediaset e Publitalia, que teñen ramificacións moi importantes en España e mesmo intereses comerciais coa Televisión de Galicia–, ademais de San Martin de Arcore e Palazzo Gazioli, no centro de Roma, ten mansións en Costa Esmeralda (Cerdeña), Portofino (Liguria), nas Bermudas, en Suiza e casa de campo en Macherio, preto de Milán.
O home que quenta a barriga cunha bolsa de auga, como facía miña nai e como fago eu, foi investigado reiteradamente pola policía fiscal e polos xuíces italianos baixo sospeita de lavar diñeiro da mafia e favorecer negocios desta organización criminal. O propio
Indro Montaneli, famoso xornalista milanés que foi salvado por
Berlusconi da crise na que se atopaba comprándolle o xornal milanés
Il Giornali, e home que coñeceu ben e tratou na súa intimidade a
Il Cavaliere, nunhas declaracións que publicou o francés
Le Monde, pouco antes da súa morte, admitíu que lle parecía posíbel que
Berlusconi “reciclara diñeiro sucio”. Pois se il o dixo… O ricachón da bolsa de auga quente foi íntimo amigo e favorecido do gobernante socialista
Bettino Crassi que, sinalado entre os corruptos pola iniciativa xudicial Mani Pulite, rematou fuxindo a Túnez, onde morreu na cidade de Hammamet no ano 2000.
Silvio Berlusconi tamén foi seriamente relacionado coa secta masónica de carácter económico de
Licio Gelli, o famoso
"banqueiro do Vaticano", denominada Propaganda Due. Quen o ía pensar? Que semellante personaxe quentase o seu corpo na cama cunha bolsa de auga como as que usamos os do montón.
Mamma mia!