
Pagar ou cobrar por todo. Diso se trata no mundo no que vivimos. Uns pagan agora e cobran despois. E á "veciversa" como dicía o máis letrado de Penacova.
Non estou a falar das relacións comerciais, laborais, etc. da sociedade da abondancia. Que tamén. Estou a referirme a esa especie de perversión galopante da práctica política que converte a escena social nunha especie de enorme supermercado no que todo está sempre de rebaixas. De rebaixa moral, fundamentalmente.
Véxase a que acaba de armar
Touriño coa famosa televisión dixital. O apagón ese que din que se vai producir e que aínda non sei ben se nos vai deixar sen a luz ilustrativo-deformante daquilo que
Manuel María tentou, sen ningún éxito, bautizar como televexo, ou en que diaños consiste. O apagón eléctrico de Nova Iorque servíu para que a xente se puxese a pasalo ben e, por conseguinte, a facer fillos, pero ten algunha idea alguén do que pdería pasar se houbese de verdade un apagón televisivo? Coido que a ninguén lle interesa probalo. E menos ca ninguén aos millóns de mediocres que viven –algúns a corpo de rei– de encherlle a barriga a ese monstro.
Touriño, quería dicir, foi á Fonsagrada como ían os predicadores españois ás Indias Occidentais, cargado de avalorios que lle fabricou Televés. Non foi porta por porta preguntando se querían ver a televisión dixital. Limitouse a mandarlles o aparello polos de Protección Civil, como se dunha emerxencia calquera se tratase. Quizais pensou que consistía en poñer a vacina contra a indiferencia ou, sobre todo, contra o individualismo atroz de non querer seguir o mundo que se impón dende enriba. En realidade, o que fixo o presidente da Xunta non foi máis ca unha sinxela operación de mercadeo, unha promoción como as que fan Carrefour ou Mercadona. Eu regálolles o trebello e vostedes estanme moi atentiños ás mensaxes que vou botar pola televisión. De mestre de ceremonias, ademais, un director comercial –ou sexa, un alcalde– da corda. Como no Corte Inglés. Iso é agora a política.
Claro que non ha faltar quen lle diga que tal discriminación positiva exercida cos da Fonsagrada podería ter o seu tal de discriminación negativa dos que non son dese concello lugués. Poño por caso, por que han ter decodificadores gratis os da terra de
Antón Fraguas –por certo, o seu parente
Antonio Fraguas exerceu de sumo sacerdote no apagón dixital da Fonsagrada– e os de Taramundi ou A Pontenova, que están ao lado, terán que pagalos? E os de Cotá dos Queixos? Os do Instrumento de Abaixo? Supostomante, pagar pagan todos os seus impostos e a Constitución aínda segue dicindo que somos todos iguais.
Está logo esa idea que lanzou o ínclito nacionalista
Bieito Lobeira para que se lles pague unha subvención a todos os comerciantes que decidan empregar o idioma galego na súa actividade. Os cataláns hai xa tempo que foron máis lonxe multando os seus
botiguers por non rotularen as súas tendas no idioma de
Salvador Espriu. Son dúas maneiras, a de facer pagar ou a de facer cobrar, que no fondo tratan de conducir á mesma cousa: a iso que o cartesianismo francés de
Anne-Marie Thiesse chamaría creación das identidades nacionais.
Contra a proposta de
Lobeira saíu
Touriño dicindo que hai que andar co cuidado de non caer en ningún tipo de discriminación. Eu, se fose o do BNG, xa lle tería saído ao paso replicando que para discriminación a que fixo el co apagón dixital da Fonsagrada.
Lobeira non, pero eu si tamén lle engadiría que a política actual case sempre é unha discriminación en si mesma. Igualiños si, pero a vaquiña polo que vale, aínda dicimos por terras de Miranda.
O que tamén pensamos algúns dos de Miranda e de moitos sitios do mundo é que as cousas deberían –e poderían– ser moito máis sinxelas. Hainos que falamos e escribimos en galego sen que nos paguen e que compramos ou deixamos de comprar decoficadores dixitais segundo nos conveña. Non precisamos da teta do diñeiro público para estas menundencias. Pola contra, precisamos doutras que ninguén nos facilita e que o noso capital non abonda para pagalas. Máis xustiza, igualdade, educación, sanidade, ecoloxía… Será que aínda non chegaron aos andeis do super.