Tamén di este cónsul da ineficiencia –a de Fenosa, non a súa persoal– que a empresa que fundou o conde das Forzas Eléctricas do Noroeste “en ningún momento” se viu superada. “Non nos vimos desbordados. Todo o contrario”, díxolle tan pancho como campante a La Voz de Galicia. Pois claro que non, os que se viron desbordados, ninguneados e desprezados son os seus clientes que, en moitos casos, aínda seguen sen luz unha semana despois do temporal. Ou os que temos que pasar todos os días por debaixo de postes que manteñen unha inclinación de 35 grados sobre a estrada sen que a Fenosa nin ao alcalde correspondente nin a diola, como tamén din na miña terra, lles importe un pito.
E que todo isto ocorra no preciso instante no que Fenosa ten a desfachatez de anunciar beneficios do último exercicio máis dun 20 por cento superiores aos do anterior debería ter unha calificación ética –desvergonzadez– e outra estética –grosería–. Claro que os gobernantes e gobernantas –algúns responden, sobre todo, a un dos significados domésticos da segunda palabra– tamén teñen que lles digan. Di o tal Luis Pérez, sobre o posíbel soterramento dos cableados eléctricos, que esta non é unha opción que comtemple a compañía, e eles fican caladiños. Parece como se o soterramento só fose algo que se lle poda impoñer aos particulares. Tamén sostén Diaz que “non se pode pensar en soterrar as autopistas porque neve cinco veces ao ano”. Pero como chegou este home a delegado dunha empresa que noutrora foi galega?