Alguén debería analizar dunha vez o papel que están a cumprir os chamados intelectuais na Galicia actual. Os de verdade e os de pacotilla, que todos contan. Quizais é iste o momento para levar a cabo esa análise porque nunca foi tan visíbel o desparexo entre o que predicaron os da nómina da intelectualidade orgánica do cogoberno que acaba de fracasar e as tendencias políticas e, polo tanto, culturais, do electorado do primeiro de marzo.Por dicilo en bruto, o PP de
Alberto Núñez Feijóo borrou o bipartito do mapa contra o vento e a marea da opinión expresada e publicada polo batallón literario da Galicia-Galiza destes últimos catro anos. Dende vacas sagradas coma
Manuel Rivas ou
Suso de Toro a oficiantes coma
Antón Losada ou
Antón Baamonde, pasando por sacristáns de todas as Coimbras coma
Xosé Luís Barreiro, sen esquecer, dende logo, a caterva de opinadores de profesión que foi medrando a carón do lume atizado polo bipartito, hai que ver a cantidade de pregoeiros que se sumaron ás minervais de
Touriño e de
Quintana, segundo cada caso e ás veces tocando a arpa nos pazos de ámbolos dous.
No decurso deste fenómeno ocorreu algo curioso. Ninguén abriu a boca para dicir que non todo era éxito o que estaba cosechando o goberno de progreso. Tanto a
Touriño como a
Quintana, e ás súas repectivas familias políticas, o único que lles fixeron os chamados intelectuais foi rírllelas grazas e apoiar case incondicionalmente a salvación de Galicia que estaban levando a cabo. Tamaña atrofia intelectual puido ocorrer por dúas razóns. Porque metáforas coma dos
mojitos da Habana, oficinas de enganche comas do audiovisual ou a TVG, pesebres coma os do subvencionismos nas súas diferentes formas lles anubraron os ollos. Ou porque realmente estamos asistindo a unha auténtica deserción da crítica en calquera das súas máis elementais formas de expresión. Pola sobrevivenza da especie, inclínome a pensar que puido deberse máis á primeira que á segunda razón.
Habería, sen dúbida, que engadir outra causa máis do deserto. A inexistencia dunha prensa verdadeiramente independente que acollese e fomentase o espírito crítico que, porén, algo se manifestou ata a caída de
Fraga, moi concretamente co gallo do desastre do
Prestige e o conseguinte movemento social desenvolvido por Nunca Máis, por exemplo. Onde se meteron aquelas voces? Por que non todas puideron ser absorbidas polos encantos bipartidarios, aínda que hai que recoñecer que moitas pasaron a cobrar da nómina ou polo menos das pontellas do sistema. Fenómenos coma o de
Antón Reixa, intelectual-empresario do audiovisual, que non parou de cantar o ben que o ían facendo sobre todo os conselleiros do BNG, teñen moito máis que ver co que representaba a nómina de columnistas da antiga Prensa del Movimiento que coas pezas de opinión de
Jean-Paul Sartre ou
Albert Camus, dende logo.
Nos tempos que corren, aquí en en calquera sitio, desligar a función intelectual dos avatares político-administrativos é, cando menos, imposíbel. Máis que na Idade Media quizais, hoxe en día os bardos dependen case coma calquera funcionario máis dos humores dos gobernantes que da súa propia capacidade produtora, pero aínda así resulta chocante que nestes catro anos nin sequera
Alonso Montero, sempiterno aspirante a ser o
Sartre galego, erguese a súa voz para sinalarlles aos do bigoberno que polo menos andaban errados nalgunhas cousas. Só agora, a camiño andado, aparecen críticas comas de
Xosé Luis Barreiro, que máis parecen tiros de graza que aspirina ofrecida ao doente. E, falando de graza, non deixa de tela que sexa o autor dun libro acrítico e oportunista con
Quintana, compañeiro seu de viaxe nalgunhas singraduras, o que agora lle escriba o epitafio. Son cousas que tampouco se entenden facilmente.
En fin, que parece que non é precisamente con intelectuais como se gañan as eleccións en Galicia. A ver se agora se pasan todos á dereita de
Sarkossy-Feijóo e a esquerda volve a ilusionarnos dentro de vinte anos. Largo nolo fían aos que xa estamos condeados a bailar co
Quintana de turno nunha viaxe a Portugal que remata en Oia.