

De entrada, hai que recoñecerlle que leva razón en moitas das cousas que di e constatar que a súa peza xornalística está tan ben composta que habería que sospeitar que participaron máis mans cas súas na confección da mesma. É evidente que Santiago Rey quere ser o Émile Zola da Galicia dos nosos días, pero o que non se sabe é quen é o seu coronel Picquart nin por onde anda o espía Esterhazy. Por outra parte, que La Voz de Galicia poda equipararse aos L’Aurore e Le Figaro da época de Alfred Dreyfus está por verse, e o obxectivo do editor coruñés tampouco é asimiláble ao que representou o famoso capitán francés que foi xulgado en Rennes.
Iso si, paga a pena ler o artigo. Seguramente algunhas das cousas que Rey non lles deixa dicir aos seus articulistas, nin moito menos aos seus xornalistas, publícaas el porque lle peta ou porque lle convén. Entre outras cousas, sostén que “la gente habla, y mucho, de los gastos superfluos de la Administración, agudizados en España por la escasa responsabilidad contable de 17 administraciones autonómicas, que parecen incapaces de cooperar con lealtad y coordinación. En las colas de los parados gallegos resulta imposible entender que unos ayuntamientos que se declaran al borde de la quiebra dilapiden su dinero en festejos de verano en plena crisis”. O que non nos di é se as cuantiosas partidas que recibe a súa empresa das arcas públicas poden entrar ou non neses gastos superfluos ou na dilapidación municipal que él denuncia.
Santiago Rey pilloulle manía á Cidade da Cultura, contra a que volve cargar sen compasión, pero garda algo máis que silencio cómplice, ou se cadra verdadeira connivencia, respecto á tamén polémica construcción do novo porto da Coruña. Aquí é onde lle falla o sistema para ser un verdadeiro Zola galego. Outra manía súa segue estando moi claro que son os nacionalistas e concretamente Anxo Quintana, contra o que arrea sen citalo polo seu nome.
Claro que o que máis me sorprende é a súa autoafiliación ao “mellor galeguismo” (logo para el tamén hai o pior e, se cadra, o mediano), co que di que traballou man a man para que Galicia vise recoñecidos os seus dereitos. Ainda vai resultar que Santiago Rey é outro dos que se queren apoderar de Castelao, de Otero Predayo, de Risco, de Bóveda, de Losada Diéguez e de tantos outros. Parece un deporte que está de moda.
E, por último, toda unha frase para a hemeroteca tráxica: "Por eso vuelvo a reiterar que si queremos evitar una tragedia debe reaparecer la sociedad civil y se debe fraguar una acción concertada que sume los esfuerzos de todos". Hai anos, tal diserto só podía aparecer no desaparecido El Imparcial, firmado por Pérez Varela, e todos andariamos preguntándonos a que cuarteis e a que xenerais ía dirixido. Don Santiago, están moi ben algunhas cousas que conta no seu artigo, pero, home, non queira vostede acaudillarnos e, sobre todo, non invoque tanto as tronadas.