lunes, abril 05, 2010

Tronada antieclesial ou delito clerical?

O arcebispo de Santiago, Xulián Barrio, un dos príncipes máis aggiornati da actual Igrexa católica española, sumouse o Domingo de Pascua á incondicional defensa do Papa Benedito XVI fronte ao “temporal antieclesial e anticlerical” que, segundo el, está percorrendo o mundo.
A monseñor Barrio non parece importarlle tanto o imparábel descubrimento de casos de abusos sexuais a menores, protagonizados por representantes da institución á que pertenece e dirixe, coma “cultura da morte” que, segundo di, está extendéndose a través do “odio e a violencia, as guerras e a fame, o aborto e a eutanasia, a inxustiza e a opresión”. A máxima autoridade da Igrexa católica en Galicia expresou o seu “apoio incondicional coa nosa oración ao Papa, que nesta singradura de forte temporal antieclesial e anticlerical está conducindo a barca de Pedro coa fineza espiritual, a fondura intelectual e a firmeza que lle son propias”.
Era de esperar que un alto representante desta Igrexa saíse en defensa do xefe do Vaticano, pero sorprende bastante a total ausencia de autocrítica mostrada polo prelado compostelán na súa homilía de Pascua. Con todo o que está chovendo na leira do comportamento moral de moitos curas, bispos e ata a contorna persoal do propio Papa polos casos de abusos deshonestos a menores de idade, sería case imprescindíbel que monseñor Barrio non mirase só para a trabe dos ollos alleos e reparase algo na propia. Como moi acertadamente escribiu Manuel Vicent o domingo pasado en El País, “para a Igresa católica un clérigo pederasta, que corrompe a 20 monaguillos, só é un pecador, non un delincuente propiamente dito. Se se descubre o seu vicio nefando, o xerarca superior preocupado polo escándalo que poida causar entre os fieis a súa conduta desordenada, tratará en primeiro lugar de encubrilo, logo o chamará en segredo a consulta para pregarlle con máis ou menos empeño que pida confesión e, se o caso foi moi sonado, obrigarao a cambiar de parroquia. Por moi execrábel que fose o seu pecado, se se arrepente, ficará absolto mediante unha penitencia simbólica, como poda ser un painoso e tres avemarías”.
Con actitudes así, barrendo sempre para debaixo da alfombra e lavando os trapos sucios na almofía da casa, o percorrido que lle queda a Igrexa católica non é máis ca dun ensimesmamento perigorísimo que pode contribuír moito ao alonxamento social ao que con demasiada frecuencia estana sometendo a maior parte dos seus altos dirixentes. Como facía o fundador da súa relixión, Xesucristo, deberían pensar máis nos erros cometidos por eles mesmos e xustificárense menos nas tronadas alleas.

6 comentarios:

  1. Totalmente de acordo coa túa entrada. Dáme vergoña de ter pertencido a esa igrexa tan hipócrita, tan deshonesta. Non só son culpables os que cometeron o delito, senón que tamén son culpables en maior grado todos aqueles que o sabían, que o ocultaron e protexeron ao culpable. Terían que ser castigados pola xustiza, os máximos responsables da igrexa católica cometeron un delito tanto como os propios autores.
    Bicos

    ResponderEliminar
  2. Anónimo09:23

    Meu deus, meu deus! Ai como lea esto o Ramón...

    ResponderEliminar
  3. Ego te absolvo a peccatis tuis.

    (Insisto)

    ResponderEliminar
  4. Anónimo01:06

    Isto non é cousa de agora. Isto é cousa de sempre, o que pasa que nos tempos do franqismo ninguén se enteraba, só os responsables e máis os afectados. A estes as autoridades os poñían firmes e a calar, senón leña al mono.
    Sei dun que coñecín,era crego dun pobo da Ría e Arousa, que fixo o que lle saiu do carallo coas nenas do cataquesis. Foi denunciado e todo calouse durante un tempo, pero como era reicidente e seica que unha afectada era filla do cacique (xefe da falanxe local) do pobo. O Cardenal Quiroga Palacios non tivo máis remedio que mandalo para unha aldea de Lugo, onde nin pasara Jesucristo, xamais volveo e morreo aló. Penso que houbo milleiros de casos co antigo réxime, pero que xamais saíron a luz pública.

    ResponderEliminar
  5. Eu non vivín esa época, pero o que vostede conta (non o mesmo caso, enténdame, pero si outros similares) sentinllo dicir a moita xente.

    É horrible, horrible...

    Tremendo.

    ResponderEliminar
  6. Eu non vivín esa época, pero o que vostede conta (non o mesmo caso, enténdame, pero si outros similares) sentinllo dicir a moita xente.

    É horrible, horrible...

    Tremendo.

    ResponderEliminar