Fun á Pontenova para asistir ao enterro da miña prima Blanca Muruais, que Deus a teña no ceo. A miña parenta enviuvara hai só dous meses de Enrique Fernández, un profesor que empezou a súa carreira política como alcalde do PSOE e rematouna de alcalde e vicepresidente da Deputación de Lugo e da FEGAMP militando no PP. Un deses casos que tanto se dan en Galicia entre gobernantes dos dous partidos maioritarios.Blanca Muruais, non é porque fose miña prima, era unha persoa excepcional. De moza cantaba coma os anxos e bailaba case coma Ginge Rogers. Herdara do seu pai, Manuel Muruais, un xastre-quiosqueiro que me ensinou a ler os xornais prestándome un dos exemplares do Ya ou do ABC que vendía cada día nos lonxanos anos cincuenta. Meu tio fora músico na Banda de Vilameá, que dirixía o meu avó Perfecto Muruais; tocaba moi ben a bandurria e gustáballe cantar nas comidas familiares e en toda canta ocasión que se prestase a celebrar calquera cousa. Coido que Blanca e o seu irmán Manolo Muruais, ex alto dirixente do socialismo asturiano, herdaron aqueles xenes musicais desenvolvéndoos ata a mesma excelencia. Por desgraza Blanca, afectada nos seus derradeiros anos por unha grave enfermidade, xa se nos foi.
O caso é que aproveitei a ocasión para rematar o día na aldea na que nacín, en Xinzo, que non é do Limia senón de Balsaín, e non sei aínda por que existe este topónimo tan raro en Terras de Miranda. A miña irmá pasa alí os meses de verán cutivando, magíficos e enormes tomates, leitugas e pementos que me regala as poucas veces que vou visitala e que eu zampo como se me caesen do ceo os mellores manxares. Cada vez que vou a Xinzo médrame o corazón de alegría lembrando os tempos da miña nenez e primeira mocidade, pero tamén me embarga a tristeza de ver como foi morrendo a Galicia rural, atacada mortalmente pola burocracia e a especulación europea e pola desidia, a ineptitude e a corrupción política española.
Cando eu era neno e empezaba a ir á escola de Santalla, calzado con zocas de bidueira e coas orellas cheas de sabañóns no inverno, había sete casas de labradores que gardaban, o que menos, catro vacas, tres cochos e unha mula, un burro ou un cabalo nas cortes, e cultivaban trigo, maíz e patacas para subsistiren e mesmo para ir vender algo á feira de Meira. Tamén había unha taberna e dúas ou tres casas máis habitadas polo que daquela se chamaban “bodegueiros”, que eran os máis pobres e vivían sobre todo de traballar ao xornal para outros veciños.
Na actualidade, en Xinzo só hai cinco casas habitadas todo o ano por persoas maiores. O intento recente dunha parella de británicos por estabrecérense na aldea rematou co fracaso e coa volta a Inglaterra dos que pretenderon seren novos veciños da aldea. A maior parte das antigas terras de labor e dos prados nos que hai corenta anos pastaban as vacas quedaron a bravo e os montes enchéronse de piñeiros e de eucaliptos cando non de toxos e silvas.
Só hai unha excepción. A do meu amigo Manolo Méndez, un rapaz de Xinzo que, logo de irlle ben laboralmente en Madrid, volveu á aldea de nacemento para recuperar o oficio dos seus antergos adaptándose ás técnicas e aos mercados dos tempos que corren. Dá gusto ver como cultiva pementos, tomates, cebolas, remolachas, calabazas e case de todo canto hai de vexetal comestíbel na Chousa de Xinzo. Xente coma el son os únicos que poden facer algo para que non remate morrendo unha das Galicias máis auténticas e sostíbeis.
Xa de volta en Santiago, sigo reflexionando sobre todo isto de paso que reviso ás páxinas dos grandes xornais europeos. Hervé Bertho, editorialista do bretón Ouest-France, titula lapidariamente o seu último artigo: Une catastrophe alimentaire menace l’Europe (coido que non é preciso traducilo). Lembra que un dos fundamentos de Europa é a solidariedade entre os seus membros e que o baile de miles de millóns de euros maréanos cando se trata de Estados en quebra e de bancos en descuberto, pero que cando a máquina se embala para correxir o plan da mesa dos máis pobres o cheiro do escándalo da fame dá auténtica náusea. Segundo Bertho, Europa estase preparando efectivamente para poñer a réxime os pobres. Unha crise humanitaria ameaza con someter a 80 millóns de persoas a pasar necesidades alimenticias nos 27 países europeos (é un dato oficial da Organización das Nacións Unidas para Agricultura, FAO).
Que fixemos para que esteamos a pasar dunha Europa que tiña superproducción agrícola coa que atender graciosamente os máis necesitados á de agora, que xa ten os seus stocks valeiros e na que para seguir atendendo a eses necesitados haberá que comprar fariña e leite nos mercados que non queren oír falar de caridade senón de cálculos mercatís. A axuda alimentaria europea vaise dividir por cinco e pasar de 500 a 113 millóns de euros dende o ano que vén.
Sen dúbida, o que lle pasou a Xinzo, a miña aldea, ten moito que ver co que lle está pasando a Europa enteira.