![]() |
El País |
No escándalo das fotos do presidente da Xunta co narcotraficante, contrabandista de tabaco e lavador de diñeiro Marcial Dorado non sei que será máis noxento, se a propia revelación desta amizade perigosa de Alberto Núñez Feijóo ou a actitude chulesca e sobre todo badoca do político que cheira a cadaverina política dende que El País destapou hoxe as súas andainas de inspiración da pior Sicilia.
Que o dirixente político que lle montou a que lle montou ao daquela líder do BNG Anxo Quintana por unhas fotos que lle foron tomadas a bordo do iate dun coñecido empresario galego, en plena campaña electoral do ano 2009, remate pringado na galería que hoxe publica o xornal madrileño, ata podería ser cómico senón fose porque a materia do asunto é demasiado grave, mírese por onde se mire. A min, de cativo, dicianme que Deus castiga sen pao e sen pedra, expresión que aínda hoxe non comprendo moi ben e sigo preguntándome por que Deus ten que andar a paos ou a pedradas, pero o descubrimento da parella Feijóo-Dorado parece realmente o cumprimento dunha sentencia bíblica. O nacionalista de Allariz debe andar agora por Brasil ou por onde se atope co bandullo a piques de escacharlle pola risa.
![]() |
El País |
Disgresións aparte, a situación na que acaba de entrar Núñez Feijóo é das mais graves que se teñen dado ultimamente na política de todo o Estado.Ten razón o BNG en pedir o seu cese, que debería efectuarse inmediatamente despois de dar detallada explicación no Parlamento. E non vale dicir eu non sabía nada porque, se as ditosas fotos foron tomadas no ano 1995, daquela xa había pouca xente en Galicia que non soubese quen era e o que representaba Marcial Dorado. Eu mesmo lle dediquei un capítulo enteiro do meu libro La conexión gallega, del tabaco a la cocaína, publicado por Ediciones B de Barceloa no ano 1991 e, antes aínda, varias reportaxes na revista Interviú.
![]() |
El País |
Mal se lle acaban de poñer as cousas, polo tanto, ao inquilino do Monte Pío (grazas, Carlos, pola aclaración), residencia que haberá que ir pensando en cambiarlle de nome se Feijóo se empeña en non abandonala. Daquela podían chamarlle Monte do Calvario ou do Feijóo Dourado para poder entendérmonos mellor. E ata podían gravar en granito de Porriño un escudo no que figurase, sobre campo de gules, un barco de recreo e unha ramiña de Erythroxylum coca, en quechúa kuka.